viernes, 23 de abril de 2010

Recursos para dous casos concretos

Este post pertence aos que me piden no cursiño
Neste post temos que desenvolver dous supostos prácticos de aplicación de programas informáticos axeitados para os dous casos que nos dan.
CASO A: trátase dunha alumna de tres anos afectada de leucomalacia, as consecuencias da mesma son alteracións na mobilidade e na linguaxe, a súa motricidade está pouco desenvolvida e a fala bastante afectada. A súa comprensión lingüística é boa e ten capacidade para imitar e atender. Parto de que terá acceso a unha pantalla táctil, que pode ser o máis indicado para manexar certos programas debido aos seus problemas de motricidade, engadíndolle algún tipo de alternativa ao rato e o uso do teclado en pantalla por exemplo. Tras navegar pola rede atopei tres recursos que se poderían utilizar con bastante facilidade e penso que bos resultados. Os tres son de uso gratuíto, detalle a ter en conta. Dous foron extraidos da páxina http://www.cuadernalia.net/spip.php?article8318, creados polo CEFIRE de Elda e como autora principal figura Carmen Clemente Aguilar, baixo o título de “Desarrollo del lenguaje en niños con necesidades educativas especiales”. Na descarga do mesmo atopamos un documento de texto e dous arquivos executables, xa que, o cal tamén pode ser unha avantaxe, non é imprescindible a instalación, poden executarse directamente. Os programas son moi sinxelos e breves, pero tendo en conta a idade da rapaza para a que os vamos usar parécenme suficientes como inicio a actividades máis complexas. Son:
Colorín Colorado: un programa baseado nas cores e a asociación das mesmas con obxectos da vida cotiá. O alumno escolle unha cor e vaille presentando obxectos recoñecibles para el tanto de xeito visual como auditivo, polo tanto reforza aspectos lingüísticos que pode repetir. Ao final dálle a opción de escoller entre varios obxectos aquel ou aqueles que son da cor elixida.
colorin.JPGcuerpo.JPG
El cuerpo humano: tamén é un programa sinxelo sen ningunha complicación. Aparece un debuxo dun corpo humano primeiro masculino e logo feminino. Ao lado do mesmo temos as palabras que designan as partes principais do mesmo, e facendo clic sobre cada unha delas aparece ao lado dereito un neno pronunciándoas.
Ambos os dous son programas moi simples pero que pensando en que están dirixidos a unha alumna de tres anos parécenme completamente axeitados para a práctica de aspectos que poden ser facilmente recoñecidos por ela, tanto as cores como as partes do corpo humano son elementos do léxico que primeiro aprenden os nenos, polo que me parecen adecuados.
Outro recurso, esta vez extraido da páxina web http://www.aitanatp.com/index.htm, son unha serie de actividades de lectoescritura realizadas en Jclic, programa de sobra coñecido e mencionado en varias ocasións en distintos aspectos deste curso. Unha avantaxe das mesmas é que poden executarse directamente, non é necesario encher o ordenador con arquivos, basta con pinchar na actividade en cuestión e aparece unha pantalla na que se executará. Son actividades enfocadas ao ensino da lectura e da escritura, polo que poderían ser usadas neste caso concreto xa cando o proceso estivera un pouco avanzado e o nivel da linguaxe da alumna estivera un pouco máis desenvolvido. As actividades están divididas en seis niveis, polo que neste caso usaríamos as incluídas dentro do primeiro nivel. Todas elas son moi intuitivas e usaríamos sobre todo as dedicadas á lectura, que poden axudar a fixar conceptos de vocabulario básico.


CASO B: neste suposto traballamos cun alumno de 15 anos nunha aula específica en Secundaria. Ten unha deficiencia cognitiva leve e o seu nivel curricular correspondería ao segundo ciclo de Primaria. A idea fundamental neste caso é o traballo de habilidades e capacidades relacionadas co desenvolvemento social e a súa autonomía persoal enfocadas a que teña unha vida o máis autónoma posible. Para este caso tamén vou comentar tres recursos, un é unha páxina web, outro non é exactamente un programa e o terceiro creo que é o que máis se adapta ao caso concreto. Todos eles, como no caso anterior son gratuitos.
Fondo lector: é un programa de desenvolvemento da lectura comprensiva con varios niveis de dificultade. Creo que un dos aspectos previos para conseguir esa autonomía persoal pode ser o dominio da linguaxe, polo que traballar con este programa pode ser importante. Conta de moitos exercicios e ademais está aberto a que o profesorado que o utilice poida introducir ou modificar os mesmos en función das súas necesidades. Ten exercicios de coherencia, de comprensión, busca de sinónimos e antónimos, busca de palabras, significados..., paréceme bastante completo e de fácil manexomagia.jpg


O segundo non é exactamente un programa, senón que é unha actividade atopada en formato powerpoint cunha serie de exercicios enfocados ao uso do ordenador para diversas cousas. Propón unha serie de actividades co ordenador, aínda que estea pensado para usar cun TabletPC penso que se pode adoptar a outros formatos informáticos. Parte de ideas como que o alumno escriba o mellor que lle pasou ese día, busca de datos en internet, creación “literaria” desenvolvendo varios aspectos que me parecen interesantes para este caso concreto. Atopeino na seguinte páxina: http://www.cuadernalia.net/spip.php?article3221, baixo o epígrafe de “La magia de las palabras a través del Tablet PC”



O terceiro foi o resultado de andar pasmando por internet a ver se aparecía algo interesante e penso que se adapta perfectamente ao solicitado para este caso. É un programa chamado “Tranvía”, atopado na seguinte páxina: http://www.educa.jcyl.es/educacyl/cm/profesorado/tkContent?pgseed=1240563990878&idContent=19569&locale=es_ES&textOnly=false e que está pensado precisamente para promover a autonomía nos entornos doméstico, social e laboral de alumnos con necesidades educativas especiais de 3º e 4º da ESO. Pode descargarse directamente da páxina nun arquivo comprimido e un pdf coa guía de uso. Tras probalo pareceume moi interesante, xa que abarca todo aquilo que se pretende neste suposto en forma dun xogo bastante entretido e ben feito. Creo que está moi traballado e polo que puiden ver moi completo con actividades de diversos tipos, enfocadas a traballar a autonomía e desenvolvemento persoal nos campos da alimentación, a vida san e segura, saír de casa e o traballo, moi completo e sinxelo de utilizar.
tranvia.JPGtranvia2.JPGtranvia3.JPG

No hay comentarios:

Publicar un comentario