martes, 27 de abril de 2010

"A lei das ánimas", Carlos G. Reigosa

a_lei_das_animas_peq.jpgreigosa.jpg
Hoxe vou comentar unha novela que saíu ao mercado hai uns días e que me gustou bastante. Está escrita orixinalmente en galego, pero as obras deste autor soen ser traducidas ao pouco tempo ao castelán, así que, aínda que eu recomendaría lela en galego por moitas razóns, sempre podedes esperar á tradución.
O autor é de sobra coñecido, Carlos G. Reigosa, e a novela titúlase “A lei das ánimas. A novela da Santa Compaña”. E non pensedes polo subtítulo que é unha novela costumista sobre esa coñecida lenda galega, para nada, a Santa Compaña, como veredes despois, será un dos personaxes fundamentais da historia.
Carlos González Reigosa é un autor que naceu en Lagoa de Pastoriza, provincia de Lugo, o 2 de setembro de 1948. Ademais de escritor é periodista, licenciado en Ciencias Políticas e en Ciencias da Información. Desde o ano 1997 ata hai pouco foi director de Publicacións, Análise e Estilo da Axencia EFE de información internacional. Entre 1990 e 1997 foi director de Información desta axencia. Publicou numerosos artigos en medios de comunicación españois e americanos. É autor das novelas “Oxford, amén” (1982), “Crime en Compostela” (1984), “O misterio do barco perdido” (1988), “A guerra do tabaco” (1996), “Narcos” (2001) e “Intramundi” (2002) e “A vida do outro” (2009). Tamén é autor de catro libros de relatos curtos (“Homes de tras da corda”, “As pucharcas da lembranza”, “Irmán Rei Artur” e “Os outros disparos de Billy”), ademais de varios traballos de investigación e ensaio. “Crime en Compostela”, traducida ao castelán- obtivo o Premio Xerais no ano 1984 e leva máis de 15 edicións en galego. Con “La agonía del león” gañou o Premio Internacional Rodolfo Walsh de Literatura Testemuñal en 1996. Tamén é autor de guións de cine e televisión. Dirixiu cursos de verán na Universidade Complutense, na Menéndez Pelayo ou na Universidade de Santiago de Compostela, normalmente sobre cuestións literarias e xornalísticas. Tamén dirixiu cursos de xornalismo nos Estados Unidos.
Posiblemente a súa novela máis coñecida, sobre todo porque supuxo un grande éxito de vendas tanto en galego como en castelán foi “Crime en Compostela”, dous dos personaxes desta novela, o xornalista Carlos Conde e o detective Nivardo Castro aparecen nesta mesma que estou a comentar.
A novela comeza case como unha historia de amor, sorprende a linguaxe usada nos primeiros capítulos, moi poética e que reflicte os sentimentos dos dous personaxes. Melba e Xoán volven para a súa casa tras un día na praia das Catedrais nunha viaxe dominada por unha néboa que será un dos elementos predominantes na historia. Pero a partir de aquí tanto a linguaxe como a historia toman un xiro inesperado para o lector. Prodúcese un violento crime que fai que incluso o capitán da Garda Civil Agapito Landín veña desde Madrid para a investigación. Os mencionados Nivardo Castro e Carlos Conde actúan case como testemuñas da investigación á que acoden tentando por un lado axudar e por outro conseguir un bo artigo para o periódico, ademais de ser vellos coñecidos do capitán que leva a investigación. Unha investigación chea de misterios, de escuridade e de forzas do máis aló que interveñen como uns personaxes máis da historia. Non quero descubrir moito máis, porque o bo da historia é sobre todo como se vai desenvolvendo pouco a pouco e como o lector vai avanzando, sabendo moitas máis cousas que os investigadores, cara a un final moi ben engarzado.
A novela subtitúlase “A novela da Santa Compaña”. Toma unha tradición galega das máis arraigadas no escurantismo popular e a converte nun personaxe máis do relato, un dos máis importantes e o curioso e que en ningún momento parece que esteamos a ler unha novela fantástica, xa que todo este compoñente fantástico e misterioso está perfectamente metido dentro do puzzle que conforma a historia. Podemos dicir que é unha novela a medio camiño entre a investigación e o terror, sen chegar a ser unha novela de terror, claro, porque todo vai sucedendo dun xeito eu diría que crible, curiosamente. Por un lado temos a investigación da policía, os que non cren nos misterios e un curioso cabo da Garda Civil da zona que parece ser o único que é capaz de ver a verdade. Por outro lado temos a Santa Compaña, aparecendo de cando en vez polas páxinas do libro. Cada un polo seu lado quere o mesmo, a cousa e saber cal deles vaino conseguir.
Gustoume moito a forma de escribir, con ese cambio radical que comentei entre os primeiros capítulos e o resto do libro. Tamén, as veces, a novela parece un catálogo das lendas e tradicións galegas, xa que non queda unha sen mencionar, sendo as dúas máis importantes a xa mencionada Santa Compaña e o Urco, o can que segundo a tradición aparéceselle aos que van morrer, pero polas páxinas van aparecendo todas as lendas galegas relacionadas coa morte, unhas máis explicadas que outras, pero que sempre aparecen como reais ou polo menos como posibles para a maior parte dos personaxes, excepto para os que veñen de fóra, que son máis incrédulos.
Gustoume moito a localización da historia. Estamos entre Mondoñedo, Ribadeo, Foz, toda a franxa norte da provincia de Lugo, que aparece como un lugar perfecto para a mesma. Bosques tupidos, rúas estreitas e escuras, praias paradisiacas, estradas comarcais que axudan a acrecentar o misterio, as festas dos pobos, todo está perfectamente reflectido sobre todo para acrecentar o misterioso do que está a acontecer. A néboa e a chuvia que aparecen constantemente e son un personaxe máis e as xentes do pobo, que son as que creen na parte escura do que está a ocorrer. Hai unha serie de personaxes que contribúen moito a facer crible a historia.
E non me gustaría rematar sen comentar que non so está a historia, podemos atopar entre as páxinas, as veces dun xeito máis claro que outras, moitas reflexións bastante serias e profundas sobre a vida, a morte, as relacións persoais, as formas de vida, as crenzas e moitas outras cousas. Para min o mellor son as conversas que manteñen o xornalista, Carlos Conde, e o detective, Nivaldo Castro, que esconden e descobren moitos dos sentidos da vida e do que merece a pena en realidade.
É unha historia moi entretida, condensada nada máis que en 224 páxinas que se me fixeron curtas, a verdade, porque disfrutei bastante da lectura, así que creo que é unha boa lectura, que esconde máis do que parece, so hai que tentar descubrilo. Ademais non hai moitas historias na nosa lingua que teñan ese medio aire de terror, e é unha boa posta de actualidade de algo que, ao parecer, moita xente viu nas noites escuras e tenebrosas de Galicia, a Santa Compaña. Por certo, editado por Galaxia.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=FDmj9mGYHyg&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario