Hoxe imos tirar de novo pola banda da televisión. De vez en cando buscamos simplemente entreternos e pasar un bo rato, buscar algo que faga que ríamos un pouco ou, polo menos, que un pequeno sorriso apareza na nosa cara, que xa hai moitas cousas que fan que esteamos serios. As series cómicas eran as máis habituais hai anos, agora están algo menos presentes nos nosos televisores, que están máis cheos de policías nun montón de tipos distintos, aínda que todos fagan máis ou menos o mesmo, so se diferencian na forma de investigar, xa que unhas son máis movidas e outras máis de investigación e menos de acción.
A de hoxe é o que os americanos chaman “sitcom”, que viría a ser máis ou menos unha “comedia de situación”, que se desenvolve en situacións cotiás e con personaxes digamos “normais”, aínda que como o que buscan normalmente é provocar o sorriso pois non soen ser demasiado normais.
A serie chámase na súa versión orixinal “Samantha Who?”, aquí traducírona como “Samantha Que?, aínda que tanto pola tradución como polo que nos conta na mesma o máis correcto sería titulala “Samantha Quen?”, xa veredes por que. Eu vina nun dos canais de pago, no canal TNT, e vin o outro día nunha revista de televisión que agora a está a emitir o canal Cuatro na súa programación de tarde. Son dúas temporadas, unha de 15 capítulos e outra de 20. Hai anos as series deste tipo, como xa dixen, eran moi habituais e foron das que comezaron o despegue das series televisivas, a mera comedia para pasar o rato e pouco máis, aínda que esta algo máis ten, claro. Son episodios de vinte minutos de duración, así que son curtiños e pasan rápido, ideais para combinar con outra cousa cando un está canso.
A protagonista é unha rapaza duns trinta anos que ten un alto posto nunha empresa medio de avogados medio construtora, que non sei moi ben a que se adicaban exactamente, pero manexaban moito diñeiro, iso si. Vive co seu noivo nun apartamento bastante luxoso, deses con porteiro e todo, ten un armario deses onde te metes ti e uns amigos e aínda queda sitio, cheo de roupa e, sobre todo, enormes coleccións de zapatos. Leva unha vida a todo trapo, ten un amante, sae todas as noites aos locais de moda de Chicago e ten sona de soberbia, autosuficiente, borde e bastante insoportable. É un auténtico tiburon dos negocios, pisa a quen sexa e ninguén lle importa demasiado. A súa relación cos seus pais é case inexistente, nin se levan ben nin queren levarse. Ou sexa, un auténtico horror de muller. Pero todo isto cambia cando ten un accidente de coche. A consecuencia do mesmo pasa unha temporada en coma e cando esperta, non recorda absolutamente nada. Sofre unha amnesia total e non recorda nada da súa vida anterior. Este é o motivo central da historia, xa que non recoñece a ninguén, non recorda o seu traballo, aos seus amigos (que son poucos), aos seus inimigos (que son moitos máis), ao seu noivo, amante, pais, traballo, nada de nada. Esta situación provoca os enredos e momentos cómicos de cada episodio. E todo isto vese acrecentado porque cando vai descubrindo como era antes non é capaz de recoñecerse, así que decide que ten que cambiar é ser unha boa persoa. Así tentará desfacer todas as ofensas e malas actuacións da súa vida anterior e todas as mentiras que ela mesma montaba para manter o ritmo e tipo de vida que levaba antes. Este intento provocará unha serie de situacións realmente cómicas e divertidas, todos o podemos imaxinar, e tamén a idea central da serie, que seria algo así como que faríamos nos coa nosa vida se tiveramos a oportunidade de volver a empezar outra vez mentres alguén nos vai dicindo todo o que fixemos mal no pasado. Así que empeza por darlle unha oportunidade a esa amiga da adolescencia que sempre quixo estar ao seu lado pero que ela sempre rexeitou e ademais a que ofendeu. É a culpabilidade a que lle fai tentar arranxar todos os erros do pasado, a medida que vai recordando a persoas ás que lle fixo a vida imposible, enganou, vacilou, etc. Tamén tentará arranxar a situación cos seus pais, xa que ao non recordar que non se falaban a súa nai, sobre todo, tentará recuperar a súa filla. Tampouco recorda nin ao seu noivo nin ao seu amante, co que o compoñente romántico tamén está bastante presente en case todos os episodios. Boa tamén a súa amiga e compañeira de traballo, unha trepa que non entende que Samantha queira cambiar de vida e ser distinta ao que era antes, non entende que queira ser unha boa persoa e deixar de ser a que pisaba e asoballaba a todo o mundo antes. Moi boa a relación que se establece entre a protagonista e o porteiro do edificio, que é o único que ao principio lle di as cousas como son e que se encarga de axudala a recordar cousas que fixo na súa vida anterior, sempre con bastante malo leite, claro, xa que el é un dos principais ofendidos.
A protagonista é a actriz Christina Applegate, non demasiado coñecida salvo por algunhas series de televisión anteriores a esta, pero é unha actriz de comedia máis que decente, sobre todo porque neste caso todo o peso recae sobre ela, o que non quere dicir que os demais estean mal, todo o contrario, todos cumpren perfectamente os papeis que desempeñan e son unha compañía perfecta. Os afeccionados á TV poderán recordala como a filla dunha das mellores comedias de hai anos e que eu considero que influíu moitísimo en dúas series de animación do mellor que se fixo (falo de “Los Simpson” e “Padre de familia”), a serie era “Matrimonio con hijos”, na que tiñamos a un matrimonio cun fillo e unha filla bastante estraños e especiais, cun humor negro e rompedor para a época e ademais nada correcto. A filla era un pendón, o fillo facía o que lle daba a gana, o pai era un pobre home que vivía baixo os tres restantes elementos da familia, e a súa muller era para darlle de comer aparte. Pois esta foi a primeira serie que fixo Christina Applegate, logo algunha máis con menos sona ata chegar a ser a protagonista desta que estou a comentar e que lle valeu dúas nominacións nos Globos de Ouro como mellor actriz nunha serie de comedia.
Xa digo, non é nada doutro mundo, non ten a calidade de outras que teño comentado, pero para pasar un rato moi divertido e botarse unhas risas é ideal e moito mellor que outras que teñen pasado por aquí. Ademais a idea central, que todo o mundo pode cambiar e chegar a ser mellor persoa, é algo a ter en conta, e todos os esforzos, desgustos, aventuras, situacións incómodas e embarazosas que ten que pasar para conseguilo estou seguro de que vos farán sorrir máis dunha vez.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=K-z5JwcRmPQ&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario