Hoxe vou aforrarvos a reseña bibliográfica da autora das dúas novelas que vou comentar, porque xa a fixen hai uns días, cando apareceu por aquí como a autora de “Todo bajo el cielo”, falo de Matilde Asensi.
Rematei hai pouco a súa última novela, “Venganza en Sevilla”, que é unha continuación de “Tierra firme”, polo que falarei das dúas un pouco. En realidade falamos dunha triloxía, un concepto perigoso, tanto na literatura como no cine ou na televisión, aínda que nestes dous últimos medios a explotación dalgúns personaxes está esgotada, aínda que os directores e guionistas parecen non sabelo e seguen con segundas, terceiras, cuartas... partes ata matar aquilo que tiña unha certa orixinalidade ou gracia. Na literatura este esgotamento tamén é posible, pero para min é menor, non tan habitual. De todos modos neste caso, aínda que xa digo desde un principio que me gustaron as dúas novelas, creo que, na miña modesta opinión, a autora equivocouse. E penso isto porque pareceríame mellor ler a historia dun tirón, nunha soa novela. Por un lado porque tanto cando lin a anterior e esta que estou a comentar quedoume un mal sabor na boca ao quedar a historia colgada, non me gusta nada esperar para saber o desenlace de algo, sinceramente. Pero ademais creo que a historia, repartida en tres, queda un pouco coxa. Non é unha historia tan complexa nin densa como para ter que separala en tres, así creo que queda como aquelas novelas por entregas de hai tantos anos, case como folletos, e creo que perde nesta distribución. Cando un está máis metido na acción, esperando a ver que pasa a continuación, de repente, rematou, fin, e quedamos sen saber que vai pasar ao final. Cando estaba a ler esta e quedábanme poucas páxinas pensaba, “a ver que fai agora a autora, porque quedan cousas por pasar pero non quedan páxinas, espero que non faga como outros, que de repente aceleran a cousa e rematan de mala maneira”, pero non, rematei o libro pero a historia non remata. Hai sagas nas que cada libro conta unha historia cos mesmos personaxes, iso non está mal sempre que o autor sexa intelixente, pero hai tempo que non lía unha novela que quede así, colgada, sen saber que máis vai pasar despois. Por iso non me gustou nada esta separación, creo que sería moito mellor para o lector ter a oportunidade de ler enteiras as aventuras e andanzas de Catalina Solis, pero eu non son nin o editor nin o autor.
“Tierra firme”, publicada no ano 2007 é a primeira aventura da triloxía que a autora denomina “La vida extraordinaria de Martín Ojo de Plata”. A historia comeza a finais do século XVI. Nela coñecemos a Catalina Solis, orfa de pai e nai, que viaxa co seu irmán desde España ata América para casar cun home ao que non coñece. Na viaxe son abordados por piratas, que acaban coa vida de toda a tripulación e tamén co seu irmán. Ela será a única supervivente, lanzada ao mar vestida de rapaz, despois de que a súa ama a convenza. Esgotada chega a unha illa deserta, na que vivirá durante case dous anos, pasando todo tipo de penurias e adversidades ás que vai sobrepoñéndose pouco a pouco, chegando incluso a atopar un gran tesouro pirata nunha gruta oculta. Pasado ese tempo un barco chega a illa. Os tripulantes descóbrena e o contramestre do barco decide adoptala, pero baixo a identidade dun home. Catalina cóntalle a súa historia a Esteban e este, que coñece ao seu futuro marido, convéncea para que se faga pasar por un home, por un lado para evitar esa voda e por outro para poder viaxar con eles protexendo a súa verdadeira identidade. Así nace Martín Nevares, o personaxe que dominará esta historia. O seu pai adoptivo preséntaa ante todos como un fillo mestizo que atopou na súa viaxe, incluso a súa muller, que rexenta unha casa de citas. Así Catalina / Martín entra nun mundo de comerciantes, contrabandistas, enganos e moitas aventuras. E no medio de todo isto temos á familia dos Curvos, uns importantes comerciantes (máis ben contrabandistas) que serán os antagonistas fundamentais dos nosos protagonistas e básicos na continuación da historia.
“Venganza en Sevilla” transcorre a comezos do século XVII. Catalina, tralos sucesos do relato anterior, vive como muller viúva ata que recibe noticias dos seus pais adoptivos. A súa nai está gravemente ferida tras un ataque de corsarios holandeses á cidade na que vive e o seu pai foi apresado e viaxa como galeote nun barco cara a Sevilla. Así que decide ser de novo Martín para viaxar a ver como está a súa nai e logo embárcase nunha aventura cara a España para tentar rescatar ao seu pai. Cando chega a Sevilla descobre que o seu pai está na cadea, medio morto, e que os culpables son a odiada familia Curvo. O pai morre e pídelle a Martín que vingue esa afrenta asasinando a toda a familia Curvo, aos cinco irmáns. Xogando coa súa dobre identidade e a axuda dos seus amigos urdirá un traballado plan para levar a cabo o xuramento realizado ao seu pai.
Falamos de novelas de aventuras no sentido máis clásico do xénero, quizais por iso me gustan tanto, parécenme moi entretidas, amenas, divertidas e cinematográficas. Pode que sexa un resto da miña afección ás películas de capa e espada, aquelas que puñan a montóns na tele cando era máis novo, as veces paréceme que vai aparecer Burt Lancaster e o seu colega mudo saltando de patio en patio polas rúas de Sevilla. Historicamente están ben documentadas, aínda que non creo que sexa a idea fundamental da autora, pero podemos facernos unha idea bastante boa de como era a vida naquel momento histórico. Por un lado temos a vida na “Tierra Firme”, que é como se coñecían as novas terras descubertas por Colón, un mundo onde o máis listo é o que mellor sobrevive. Reflexa perfectamente como era o comercio entre as colonias e España, tanto o legal como o ilegal, e como era a vida alá, coa escravitude e a dureza. Nesta segunda o que máis patente queda é como un reino como o de España daquela época, que recibía riquezas a montóns das novas terras vivía dividido en dous mundos completamente distintos e na máis tremenda pobreza e despilfarro. Temos por un lado ao pobo, sobrevivindo como podía e por outro lado a unha nobreza e, sobre todo, a uns comerciantes nos que todo era gasto, aparencia e chamar a atención con grandes casas, riquezas, tapices... mentres o pobo case morría de fame.
Tamén paréceme destacable a forma de narrar, que en moitas cousas e conscientemente recorda as grandes obras do Século de Ouro español, pero “sen pasarse”, de vez en cando aparecen algunhas expresións e construccións con ese estilo que lle dan ese aire de novela antiga, que non lle queda nada mal, porque tampouco parecería demasiado normal que estivera narrado de xeito moderno. Gústame a fluidez coa que escribe, algo moi sinxelo e que pode afrontar calquera tipo de lector, o que me parece un mérito. Xa comentei nalgún post anterior que a primeira delas púxena como lectura para un grupo de alumnos de 4º da ESO o curso pasado, e gustoulles máis que outras moitas cousas que leran, así que algo debe de ter. Agora poreilles esta segunda, a ver que tal.
Deixo claro que penso que son dúas novelas de aventuras máis que entretidas, non lle pidades moito máis. Non podo dicir cal das dúas me gustou máis, porque penso que a primeira ten a novidade do personaxe que é home ou muller segundo lle conveña e na segunda, aínda que é un recurso máis utilizado, pois xa non é novidoso. Pero a segunda ten toda esa historia de como vai tecendo a rede para levar a cabo as súa intencións, que resulta moi entretido para o lector. Tamén penso que a historia e os personaxes poderían dar moito máis de si, que darían pe para unha historia algo máis complexa, penso que peca un pouco de simplista e quizais as cousas pasan as veces con demasiada rapidez, algo máis de complexidade non lle viría nada mal porque penso que daría lugar a unhas novelas bastante mellores. De todos modos cumpren perfectamente coa súa intención, entreter e facer pasar un bo rato ao lector.
Se lestes a primeira non deixedes pasar esta (xa teño ganas de ler a terceira para ver como remata a historia) e se non o fixestes creo que se queredes pasar un bo rato deberiades de facelo.
miércoles, 21 de abril de 2010
"Venganza en Sevilla", Matilde Asensi
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=1GZM3hwQ45U&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario