domingo, 18 de abril de 2010

"El club Dante", Matthew Pearl

club.jpgpearl.jpgdante.jpg
Como xa dixen nalgunha ocasión leo sobre todo para entreterme, o que non quere dicir que lea todo o que se me pon por diante, pero case. Normalmente son dos que se empeza un libro ten que terminalo, non deixo ningún polo camiño, de momento, aínda que tamén é certo que cada vez son algo máis selectivo e escollo o que vou ler, o que non quere dicir que as veces non me equivoque. Son afeccionado tamén ás novelas de misterio, investigacións, asasinatos, policías ou investigadores privados e esas cousas, non demasiado á novela negra no seu sentido máis estricto, pero si a aquelas que andan cerca. Certo é que neste xénero dos investigadores hai cousas máis que decentes, outras que se quedan na media e moitas máis coas que non merece a pena perder o tempo. Non é o caso da que vou mencionar hoxe, porque creo que, sobre todo nun sentido estilístico, está algo por riba da media.
A novela titúlase “El club Dante” e o autor Matthew Pearl. Naceu no ano 1975 en Nueva York, cidade na que reside na actualidade. Viviu os seus primeiros anos en Florida. En 1997 graduouse cum laude en Literatura Inglesa e Norteamericana na Universidade de Harvard. Estes estudos e esa graduación con nota tan alta nótanse perfectamente na súa forma de escribir e nos elementos que usa para desenvolver as súas intrigas, que como veremos, sempre están relacionadas con obras ou autores máis que coñecidos da literatura mundial. No ano 1998 recibiu un importante e prestixioso premio, o Dante da Sociedade Dante de América. Escribiu o primeiro borrador desta novela mentres cursaba estudos de Dereito en Yale, onde licenciouse no ano 2000. Vemos que pasou por dúas das Universidades máis prestixiosas non so dos Estados Unidos, senón do mundo, polo que algo debe de ter. Impartiu posteriormente clases de Literatura e Escritura Creativas en Harvard e encargouse dunha edición del “Infierno”, traducido polo poeta inglés Henry Wadsworth Longfellow. Esta é a súa primeira novela, “El Club Dante”, publicada no ano 2003 en máis de vinte países con bastante éxito e no seu momento foi considerado como un dos autores máis prometedores. De momento, ademais dista, publicou dúas novelas máis, que mencionarei ao final.
A novela transcorre no ano 1865. Neses anos a sociedade americana vive nun certo caos provocado polo asasinato do presidente Abraham Lincoln e a Guerra Civil. A delincuencia, a corrupción e os disturbios raciais son moi habituais. Nesta situación histórica as rúas da cidade de Boston convértense no Inferno. Atopan a un coñecido xuíz co corpo cheo de moscas e larvas dunha especie estraña. Posteriormente a aparición dun sacerdote católico enterrado boca abaixo e cos pes envoltos en chamas provoca unha forte conmoción. Tamén desconcertan ao policía Nicholas Ray, un home de cor que sofre o rexeitamento dunha sociedade racista mentres se enfronta a un caso difícil e turbador. Os membros do Club Dante, formado por un pequeno grupo de intelectuais, escritores e mestres de Harvard, liderados polo poeta Longfellow, verán neses crimes a escenificación das torturas que aparecen no “Inferno” de Dante. Nese momento están enfrontándose á primeira tradución da “Divina Comedia”, así que os membros do club recorrerán aos seus coñecementos para comparar a beleza dos versos do poeta Dante Alighieri coa cruel e sanguenta interpretación que deles fai un asasino despiadado que vai sempre un paso por diante deles. O asasino atopa neses versos os castigos adecuados para que as vítimas paguen polos seus pecados, e está disposto a todo.
Polo que vin por internet adiante, esta novela provoca sentimentos encontrados e opostos. A moita xente non lle gustou nada, din que é pesada e moitos non chegaron a lela enteira, o que a min paréceme entón unha opinión algo gratuíta, para poder opinar con base supoño que habería que lela enteira. Digo isto porque as primeiras páxinas a min tamén me pareceron algo pesadas, espesas e custoume algo entrar na historia, pero logo disfrutei moito da mesma, gustoume moito. As outras opinións que atopei van nesta mesma dirección, moitos dos que a leron din que é estupenda. No seu momento publicitouse como unha alternativa “intelixente” ás novelas de Dan Brown, pero creo que so están relacionadas no sentido de que hai asasinatos, misterios e unha certa liña argumental. Non teñen nada que ver no estilo co que están escritas. Esta é unha novela contada cun estilo máis traballado, non tan facilón como as de Brown e quizais sexa iso o que botou para atrás a algúns dos seus lectores. Tamén é certo que a obra que se usa como liña argumental para a historia é complicada e a moitos lles resultará descoñecida, pero o autor explícase perfectamente e non é necesario ler ou coñecer a “Divina Comedia” para seguir a historia. Recoñezo que non é sinxela de ler, que a ratos é algo farragosa e densa, igual demasiado “literaria”, pero nótase moi ben de onde ven o autor e os estudos que realizou, que se plasman perfectamente tanto na forma de escribir como no desenvolvemento da historia. Xa digo, se a ledes tentade pasar das 50 primeiras páxinas e logo seguro que disfutaredes moito da lectura, porque para min merece a pena.
Ten a súa propia páxina web, bastante interesante para botarlle unha ollada antes de animarse a lela: http://www.seix-barral.es/club-dante/ e o autor tamén ten páxina, como case todos hoxe, so que está en inglés, pero pódese ver: http://www.matthewpearl.com/
As dúas novelas que publicou despois desta tamén están directamente relacionadas con autores clásicos, aínda non as lin, pero serán das que faga en breve, así que dentro dun tempo seguro que aparecerán por aquí, porque a verdade é que é un autor que tiña un pouco apartado, pero ao revisar esta primeira vin que tiña tamén estas dúas, e como gustoume bastante tentarei facerme con elas a ver que tal. No ano 2007 publica “La sombra de Poe” e no 2009 “El último Dickens”, que polo que vexo nos resumos teñen máis ou menos o mesmo esquema.

No hay comentarios:

Publicar un comentario