Hoxe tocan dúas polo prezo dunha. Vouvos falar de dúas novelas do mesmo autor, unha xa a lera hai un tempo e a outra remateina hai uns días. “Ollos de auga”e “A praia dos afogados”, editadas por este orde, aínda que eu as lin ao revés, primeiro a segunda, son dúas novelas de Domingo Villar. Antes de falar un pouco delas, dicir que ambas son de moi recomendable lectura para pasar un rato máis que entretido e podedes facelo tanto en galego como en castelán, xa que están publicadas nos dous; dicir que a súa redacción orixinal foi en galego.
Domingo Villar é un autor nacido en Vigo no ano 1971. Trasladouse a Madrid, onde reside actualmente, e traballou como guionista de cine e televisión, ademais de colaborar en radio.
Falamos nos dous casos de novelas de xénero, novelas negras que non é un xénero demasiado traballado por estas terras, a verdade, parece que só os americanos poden e saben escribir boas novelas policíacas, claro que, en teoría, eles inventaron o xénero. De todos modos agora parece que é un xénero en auxe e aparecen novas e boas novelas que vai merecendo a pena ler.
Ambas teñen en común aos seus personaxes principais. O protagonista é o inspector da policía de Vigo Leo Caldas, o “patrulleiro das ondas” (alcume que non lle gusta nada, case tan pouco como o seu traballo nunha emisora local de radio que é o que fai que todo o mundo o recoñeza), que responde as características máis comúns deste tipo de personaxes novelescos engadíndolle unhas pingas do carácter galego e da vida nunha cidade como Vigo. É un home tranquilo, con problemas matrimoniais e cunha relación complicada co seu pai, que non entende demasiado a súa vida. Xunto a el temos ao seu axudante, Rafael Estévez, un aragonés que non encaixa demasiado ben nin co seu superior e case con ninguén. É moito menos reflexivo, máis directo e case brutal en ocasións, non demasiado comprensivo e sempre disposto a solucionar as cousas pola vía máis directa. Xunto a eles unha serie de personaxes que aparece en ambos relatos e que contribúen a darlle un aire de credibilidade e cercanía, que quizais sexa unha das mellores características das dúas novelas, todo transcorre dun xeito crible, cercano, cotián, moi lonxe de moitas novelas do xénero e non digamos das series televisivas que tocan este tipo de temas.
En “Ollos de auga”, publicada no ano 2006, o inspector Caldas ten que investigar o cruel e brutal asasinato dun saxofonista que aparece un apartamento da Illa de Toralla, na ría de Vigo. Para iso terá que moverse entre o mundo nocturno dos clubs de jazz e discotecas e os círculos da alta burguesía da cidade.
“A praia dos afogados”, publicada no ano 2009, parte da aparición do cadáver dun mariñeiro nos acantilados de Monteferro, en Panxón. O misterio ven dado porque ten as mans atadas e non hai rastro da súa embarcación. Agora Caldas e Estévez terán que moverse por unha pequena poboación mariñeira onde ninguén quere falar e todo aparece rodeado de cousas insólitas a misteriosas, escuras.
As novelas están ben contadas, enganchan ao lector para que vaia avanzando, imaxinando quen pode ser o asasino, e o autor vainos levando, moi ben por certo, cara a resolución dos casos. Non hai complicacións estilísticas, e ese é un dos méritos, o que conta é a historia, os personaxes, as súas vidas e as razóns que poden ter para actuar como actúan. Ademais continuamente aparece un sentido do humor que fai imposible que o lector non esboce un sorriso (a maior parte saen do compañeiro de Caldas, Estévez, un aragónes que se sente impotente cando pretende conseguir que algunha das persoas ás que interroga ou pregunta simplemente sexan capaces de darlle unha resposta directa á primeira, e, en ocasións, nin a sexta, o que provoca a súa desesperación).
Ademais para os que somos de Vigo a lectura faise como moito máis entrañable, situando mentalmente as accións nos lugares nos que están a pasar, sendo, gracias a súa forma de escribir, fácil imaxinarse aos personaxes nese mesmo sitio e facendo o que estamos a ler, a verdade é que é unha sensación máis que agradable.
Así que, para todos aqueles que me lean o non leran estas dúas novelas a miña recomendación máis grande, sobre todo para os meus alumnos, porque estou seguro que lles van gustar, non so por non ser nada complicadas, senón porque os van enganchar ata chegar a última páxina, na que se desvelan os misterios, non antes como en toda boa novela negra que se precie.
jueves, 4 de marzo de 2010
"Ollos de auga" / "A praia dos afogados", de Domingo Villar
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=aELs1zapf3M&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario