viernes, 26 de marzo de 2010

La mano de Fátima, Ildefonso Falcones

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=8W---a982SU&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

O prometido é débeda. Hai uns días dicía que ía falar de dúas novelas e unha quedoume no tinteiro porque xa me estendera demasiado, así que hoxe vai a outra. Vou falar agora da segunda novela de Ildefonso Falcones, “La mano de Fátima”.
Tralo éxito de “La catedral del mar” moitos esperábamos para ver se era autor dunha soa novela, para ver se a seguinte seguía a liña da outra, se tiña a mesma calidade, se era tan entretida e amena e, ademais, interesante desde un punto de vista histórico, e, polo menos a min, non é que me gustara tanto como a outra, senón que me gustou máis, non moito, pero si algo máis. Quizais sexa porque a época que trata non é tan tocada como a Idade Media, porque transcorre varios séculos despois e porque é algo case oposto. Neste caso pasamos da Cataluña medieval ao século XVI en Andalucía, polo que toca realidades completamente distintas, tanto culturais como sociais e, polo menos no meu caso, bastante descoñecidas en profundidade. Moitos sabemos que os musulmáns que se quedaron na península trala Reconquista tiveron moitos problemas e ao final foron expulsados, pero non coñecemos como era a súa vida, os seus problemas e a súa forma de vida. Isto é, entre outras moitas cousas, o que a obra de Falcones pódenos aportar.
Vainos contar a historia dun xoven atrapado entre dúas relixións e dous amores, sempre buscando a súa liberdade e, sobre todo, a do seu pobo, o musulmán, todo isto na Andalucía do século XVI.
A historia parte do ano 1568 e comeza nas Alpujarras de Granada, onde os moriscos viven grazas a tremendos esforzos e continuamente acosados polos cristiáns vellos (aqueles que non teñen antepasados moriscos nas súas familias). Vense obrigados a asistir as cerimonias cristiáns e a adorar e respectar uns símbolos relixiosos nos que non cren (a súa asistencia a misa, por exemplo, é obrigatoria e pásanlles lista). Debido a esta situación que se volve cada vez máis insostible, xúntanse para levantarse contra os cristiáns nunha loita cruel e sanguinaria. O protagonista é Hernando, un rapaz de quince anos rexeitado polos dous lados, xa que é fillo dunha morisca, Aisha que foi violada por un sacerdote cristián e por iso non é nin dun lado nin do outro e o seu alcume é o Nazareno. O seu pai, Brahim, o trata mal, obrigándoo a traballar como arrieiro desde moi pequeno e maltratándoo continuamente. O seu protector e que se comporta como un pai para el é Hamid, un vello alfaquí que en segredo ensínalle os fundamentos da súa relixión. Para el a guerra será a oportunidade de amosarlle ao seu pobo o valor que ten fronte ao desprezo que sofre por parte de todos eles. A súa experiencia cos animais fai que se gañe a confianza de Ibn Umeyya, o rei de Al-Andalus que o toma baixo a súa protección e a gratitude de Fátima, nai dun pequeno ao que Hernando salva dunha morte segura. El é unha persoa de gran corazón, que non soporta as inxustizas nin as barbaridades, veñan de quen veñan, por iso salva a Isabel, unha nena cristiá cautiva e a un nobre castelán, don Alfonso que lle estará eternamente agradecido. Esta honestidade fará que teña grandes inimigos, sobre todo Ubécar, un arrieiro ladrón e malvado e o seu propio pai que non soporta ver esa situación que o seu fillo alcanzou e a relación que ten con Fátima. Posteriormente será convertido en escravo, traballará para os sacerdotes cristiáns, sufrirá a incomprensión do seu pobo, pero el sempre estará convencido, aínda que non o entendan e o rexeiten, de que está a facer o que considera mellor para todos.
O autor realizou un serio traballo de documentación, partindo de feitos reais e creando unha trama ficticia moi atractiva para o lector. El mesmo di que con esta novela pretende render unha modesta homenaxe a aqueles que loitaron por transmitir unha cultura, neste caso a musulmana.
Xa dixen ao principio que a min gustoume algo máis que a anterior. Segue o mesmo esquema básico, un home que vai crecendo ante o lector, sempre cara adiante e superando todos os obstáculos que lle van poñendo por diante. É certo que se pode dicir que a cantidade de desgracias que lle ocorren ao protagonista son demasiadas para concentrarse nunha soa persoa, como na outra parece que vai nunha montaña rusa chea de subidas e baixadas, pero sempre consegue saír adiante. Claro que parece incrible todo o que vai sucedendo, máis pola concentración de feitos que por como se van desenvolvendo ou por como vai saíndo adiante, pero nunca cae no incrible. A min emocionoume en moitos momentos, os personaxes están perfectamente definidos e a lectura vaise facendo dun xeito fluído e moi entretido, sempre querendo saber como vai saír desa e que lle vai pasar a continuación. Alguén comentoume que lle cansou un pouco todo o asunto dos moriscos e o que os rodea, a min pareceume bastante interesante.
Tamén impresiona pola brutalidade, tanto dos musulmáns como dos cristiáns, neste sentido non se salva ninguén e quizais os que queden un pouco “peor” dentro de toda a historia sexan os cristiáns, xa que aparecen como impositores mentres os outros son os que se defenden das inxustizas, pero as veces cunha defensa que supera a ofensa. Neste sentido será o lector o que decida cal das dúas partes fixo o peor.
Ademais tamén aprenderemos moitas cousas non so sobre estas dúas relixións e a súa difícil convivencia na España do século XVI, senón que tamén teremos exhaustiva información sobre outros moitos temas, sobre todo sobre o coidado dos cabalos, a súa cría e o traballo con eles (o autor di que este tema, ao que é afeccionado, foi uns dos que o levaron a escribir esta novela).
En fin, unha novela sobre o amor, a superación dos obstáculos que nos pon a vida, a relixión, a intolerancia, a guerra, a incomprensión...
Como noutras ocasións, recoméndovos que a leades, será do voso agrado e teravos un bo rato atrapados e entretidos coas aventuras e desventuras de Hernando o Nazareno.

No hay comentarios:

Publicar un comentario