martes, 9 de marzo de 2010

Mad Men

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=V9EhqzHyDNs&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe vou falar dunha das mellores series que se poden ver, ademais de que en breve supoño que a cadea (Cuatro) que puxo as dúas temporadas anteriores estará a punto de emitir a terceira, que pode verse neste momento en Canal+. Tamén é unha das favoritas dun bo amigo e compañeiro, que me le habitualmente. Falamos de “Mad Men”. Quizais moita xente non a coñeza, pero estamos a falar dunha serie gañadora dun Globo de Ouro en 2010, outro en 2009 e dous en 2008; 3 premios Emmy (os Óscar da TV) en 2009 e 6 en 2008 e elixida como mellor serie dramática durante tres anos consecutivos. Non estamos ante unha serie ao uso como as que vemos a diario, non hai policías, asasinatos, comedia, intriga, misterio e ao mesmo tempo ten todo isto e moito máis. A produtora é a cadea americana HBO (a mesma de “Dexter”, “A dos metros bajo tierra” e outras dunha calidade indubidable e que sempre sorprenden e conquistan ao espectador).
Sería mellor falar de cine en bloques de 45 minutos, a realización é elegante, a ambientación impecable (parece tal cal unha película dos anos 50, que non sei de onde sacan o vestiario, os coches, as cafeterías, as casas perfectamente equipadas con todo aquilo que rondaba por elas na época), os temas que trata (feminismo, homosexualidade, política, tabaco, ambición...), a profundidade dos guións..., non hai nin un só minuto de recheo, todo está calibrado, medido, perfecto para enganchar ao espectador nese mundo.
Está ambientada no mundo da publicidade, os protagonistas son publicistas dunha oficina media, non das máis importantes, da cidade de Nova York a principios da década dos 60. Segue a vida dos executivos desa empresa e da publicidade nun momento de esplendor e desenvolvemento, todo aparece como susceptible de ser anunciado e calquera cousa valía para facelo (impresionante o plantexamento da campaña política pola presidencia entre Nixon e Kennedy), sempre que se fixera algo creativo e orixinal. A reconstrución deste mundo é impresionante e sería imposible pararse a detallar todo o que aparece, pero sobre todo destacan en este aspecto a fotografía e a ambientación.
A ambición é un dos motores de todos eles, e de paso aparecen temas como a homosexualidade, o racismo, a maternidade non desexada, a infidelidade, os fogares rotos e, para un espectador actual, quizais o que máis lle impacte é o papel que desempeñan as mulleres tanto dentro como fóra do traballo. A este respecto alguén a cualificou como unha serie machista, nada máis lonxe da realidade, o que é é unha serie realista que reflicte perfectamente o papel da muller nesa sociedade de homes. As secretarias son tratadas como inferiores e sempre dispostas a satisfacer os máis mínimos desexos dos seus xefes, sexan os que sexan. As esposas son perfectas amas de casa que coidan aos seus maridos, lles fan a comida, coidan aos nenos e sempre están na casa impecables. Non podemos quedarnos nesa idea, o que pretende e que vexamos nese aspecto como eran as cousas na América dos 60 e poder facer unha reflexión sobre as cousas que cambiaron e as que aínda deben cambiar.
Estamos nun universo basicamente masculino. Nun dos episodios teñen que preparar unha campaña para un lapis labial; os creativos reúnen a todas as secretarias nunha habitación e as deixan cos cosméticos e eles miran sen que elas o saiban, case como se foran monos ou ratas de laboratorio, sen amosar o máis mínimo respecto. O que fai é amosarnos que distinto era o mundo hai uns poucos anos e ver que produce esa realidade en nos.
O personaxe principal é Don Draper, considerado o mellor no seu traballo, un personaxe enigmático e irresistible, do que imos descubrindo pouco a pouco unha vida que pouco ten que ver coa realidade que vive. Mantense sempre aparte como se non pertencera a ese mundo, cando a realidade é que parece non pertencer a ningún mundo.
En aparencia el e todos os personaxes viven unha sociedade aparentemente feliz, pero tras esa felicidade escóndense moitas infelicidades de moi diversos tipos.
Unha cousa, para os que pensen en deixar de fumar non é recomendable. Todas as escenas están pesadas polo filtro do fume dos cigarrillos que todos fuman sen parar. A xente fuma nos trens, nos restaurantes, no traballo, na cama antes de durmir en calquera momento e diante de quen sexa. Niso si que son iguais homes e mulleres, todos fuman sen parar. Incluso un dos primeiros episodios o xinecólogo fuma mentres fai unha exploración a unha das protgonistas.
Por todo isto, se aínda non a coñecedes, recoméndovos que o fagades, é do mellor.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=0I-WTCOTlOI&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario