sábado, 20 de marzo de 2010

Acantilado rojo

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=cSJgSPapxrw&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe toca cine e ademais de estrea, que xa é raro, aínda que este inverno o de ir ao cine, co tempo que temos, foi algo relativamente habitual, pero levabamos case tres semanas sen ir. Como o día non tiraba para facer moito máis botamos unha ollada á carteleira e aos horarios, que tamén hai que telos en conta e ao final decidimos ir ver “Acantilado rojo”. Gústame bastante o cine de acción chinés, soe ser bastante entretido e sobre todo cunha estética alucinante, sempre rodeado dun aire de misticismo entre loitas, nobreza, espadas, amores..., que soe ter de todo e ademais ben misturado. E de vez en cando tampouco está nada mal ver algo que non sexa americano, que hai que repartir.
Esta é unha película do director John Woo (que pode soar máis que os actores, porque algún é coñecido de cara, polo menos para min, pero pouco máis), coñecido polo seu cine maioritariamente de acción, sempre ou case sempre con bastante éxito e que sempre destaca polas coreografías das súas escenas máis movidas. É un director nacido en China no ano 1946 e que comezou a súa carreira na súa terra natal e conta na súa carreira con cerca de 40 películas, a maior parte feitas alá e actuando na maioría delas. En certo momento decide marchar a Estados Unidos, polo ano 1996 e dirixe algunhas películas que o afeccionado ao xénero recoñecerá, poderíamos destacar “Windtalkers”, “Misión Imposible II”, “Cara a cara” ou “Broken Arrow”. Agora voltou para dirixir este filme, “Chi bi”, titulada aquí “Acantilado Rojo”.
Está baseada nun libro histórico “A crónica dos tres reinos” e outros arquivos históricos e era algo que o director quería facer desde hai 20 anos, pero non dispoñía da tecnoloxía, a fama e o mercado necesario para unha película desta magnitude. Cun presuposto de 80 milleiros de dólares, rodada en un ano en 14 provincias de China, John Woo, director, guionista e produtor da cinta tiña moi claro o que quería facer: “O meu obxectivo para esta película é superar as barreiras culturais e históricas, de maneira que o público occidental sinta que está a ver unha versión asiática de Troia, mentres que o público oriental descubra novas perspectivas dunha historia que lle é coñecida. Quería mostrar tamén que somos capaces aquí en China de crear unha película épica do mesmo calibre que unha produción de Hollywood”. Estas son as súas palabras, e tras vela, creo que conseguiu o que pretendía en todos os sentidos.
A historia comeza ao final da Dinastía Han, no 208 a. de C. e conta como o Primeiro Ministro convence ao Emperador para que declare a guerra aos reino do Sur aducindo que o que quere é conseguir a unificación de China, cando o que se esconde é algo moito máis egoísta. O seu exército de case un milleiro de homes derrota con facilidade ao primeiro dos seus inimigos. Estes escapan para aliarse co outro señor das terras do sur e enfrontarse xuntos ao gran exército imperial, refuxiándose e preparándose para o combate na zona que da título á película.
A duración da versión orixinal é de cinco horas, aquí vemos a reducida que dura dúas horas e media pero que a min non se me fixeron nada longas nin pesadas, a verdade é que a historia e sobre todo a estética da dirección atrapáronme de tal xeito que o tempo pasou case sen darme conta.
A cinta ten o aire épico dunha película clásica. As escenas de acción son largas e elaboradas cheas de soldados e obxectos, de movemento, de acción pura pero que non chega a ser dura porque se ve case como un cómic, como unha danza perfectamente plasmada. Imaxinativa e xenial a escena do roubo das frechas, inxeniosa e divertida. Se coñecedes o cine de Woo veredes como nesta cinta non renuncia en absoluto ao estilo que o caracteriza como as pombas brancas, as escenas ralentizadas (pero sen ser nada esaxerado como pasa con outros que abusan excesivamente do efecto “Matrix”), os conxelados de imaxe e outros efectos que son marca da casa no seu cine.
Os personaxes están ben diferenciados, uns marcados pola ambición e outros polo honor e a paixón, certo é que non teñen demasiados matices, simbolizan estes valores positivos ou negativos e pouco máis, pero tampouco é o que importa. De todos eles destaca, porque quizais sexa o único un pouco máis complexo, o humanista e estratega que axuda aos militares en todo o que ten que ver coa planificación dos combates.
É máis que entretida e divertida, co aire das películas feitas á antiga, chea de estratexias inxeniosas e de momentos tremendamente espectaculares e impresionantes con miles de soldados de ambos bandos loitando, centrándose nos heroes da historia e os seus antagonistas. A pantalla énchese de espectacularidade con escenas nas que non cabe ninguén máis, o número de elementos humanos, máquinas, barcos... que desfilan pola pantalla e enorme.
E entre toda esa violencia aparecen eses momentos calmados tan típicos do cine oriental, con esa filosofía da calma, da paciencia e da meditación, non gaña o que máis soldados ten, senón o que pensa máis e espera o momento adecuado. O neno que toca unha frauta e os soldados paran o seu adestramento para escoitalo, os dous solados que tocan a dúo e envolvendo todo unha banda sonora que realza o ton épico da cinta.
Se hai unha palabra que poida resumir a cinta é elegante, é unha película de guerra fundamentalmente, pero cuns combates tan ben feitos que as veces parece que estamos a ver a uns bailaríns interpretando unha danza xenial onde todo está medido e calculado para impactar ao espectador e, ao mesmo tempo, manter esa idea de elegancia, coas bandeiras ondeando ao vento en perfecta harmonía, cos soldados movéndose baixo os seus escudos como se foran un so, sen que nada en absoluto rompa un xenial marco estético.
De todos modos, se non vos gustan demasiado este tipo de cintas non vola recomendo, pero se queredes ir ao cine a pasar un momento realmente bo, de entre todo o que nos brinda a carteleira neste momento eu recomendaría esta.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=41u0pM6jzXs&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario