martes, 30 de marzo de 2010

"Todo bajo el cielo", Matilde Asensi

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=UUV4fbxpN5E&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Vou facer un comentario dunha novela dunha das autoras que máis me gustan, xa desde hai tempo, todas as súas novelas son un prodixio de entretemento e documentación, xa que a maior parte delas estarían dentro da novela histórica. E seguramente non será a última das súas obras que comente, xa que lin a maior parte delas e, de momento, non hai unha que non me gustara.
A novela titúlase “Todo bajo el cielo” e é a unha das últimas novelas da autora española Matilde Asensi. Nun dos primeiros posts deste blog falei algo dela a raíz dunha entrevista que lera nun periódico xa que me gustara moito o que dicía sobre o feito de ler e tamén sobre que tipo de libros deberían ler os alumnos e alumnas dos nosos centros de ensino, lecturas entretidas que ao mesmo tempo lle poidan aportar algún tipo de dato, de curiosidade, que sirvan tamén para aumentar a súa cultura e os seus coñecementos. E moitas das obras desta autora son máis que recomendables para isto, e tamén para pasar un bo e entretido rato de lectura.
Matilde Asensi naceu en Alicante en 1962. Estudou periodismo na Universidade Autónoma de Barcelona e traballou na SER-Alicante e en Radio Nacional de España, ademais de ser corresponsal da axencia EFE e colaborar en varios diarios provinciais da súa zona. Como escritora foi finalista dos premios literarios Cidade de San Sebastián (1995) e Gabriel Miró (1996) e gañadora do XV Certame Literario de Contos Juan Ortiz del Barco (1996) e a XVI Edición do premio de Novela Curta Felipe Trigo (1997). Publica a súa primeira novela, “El salón de ámbar”, no ano 1999. Coa seguinte, “Iacobus” situouse nos primeiros postos das listas de ventas. “El último Catón” confirmouna como unha autora de grande éxito de crítica e público, e logo con “El origen perdido” entrou de cheo na novela de aventuras. En “Peregrinatio” recuperou aos personaxes de “Iacobus”, facendo unha viaxe polo Camiño de Santiago. Despois publicou “Tierra firme”, da que falaremos noutro momento, e na última recupera os personaxes desta, funcionando como unha continuación, “Venganza en Sevilla”, de recente publicación.
As súas novelas son, salvo a primeira que transcorre na época contemporánea, obras entre a novela histórica e a de aventuras, algunhas tremendamente aventureiras e cheas de misterios, pasadizos, grandes construcións cheas de trampas..., a verdade é que a min parécenme moi cinematográficas e darían unhas cintas moi amenas, entretidas e efectistas. Curiosamente ela mesma recoñece nunha entrevista recente na revista “Que leer” que non é nada aventureira e que non lle gusta nada viaxar. Non considera que teña que viaxar para documentarse, entre outras cousas porque a vida nos lugares e épocas nos que transcorren os seus relatos pouco teñen que ver co momento actual. Parte sobre todo de libros, documentos, escritos que merca ou consulta a través de internet.
Por exemplo, para esta novela que estou a comentar di que atopou un libro escrito por Federido Gomis nos anos 30 no que describía Shangai e que lle axudou moito.
“Todo bajo el cielo” conta a historia de Elvira, una pintora española que malvive impartindo clases de pintura en París, nos anos 20. Leva unha vida aburrida e triste, pero todo isto cambiará cando reciba a noticia da morte do seu esposo Rémy en Shangai. Vese obrigada a viaxar a China en compañía da súa sobriña Fernanda, nova, remilgada e protestona. Cando chega descobre que a morte do seu home non foi natural, foi asasinado e ademais déixalle a ela unha morea de débedas que non pode afrontar. Descobre que a vida do seu marido está chea de momentos escuros e escabrosos, implicado cunha banda de delincuentes, a Banda Verde, que anda na busca dun obxecto de valor incalculable e presuntamente en poder de Rémy. É o chamado “Cofre das cen xoias”, cunha antigüidade de máis de dous mil anos, na época da unificación do Imperio. Coa axuda dun anticuario, Jiang, o mestre Jade Rojo e un mozo, Biao, Elvira e Fernanda veranse inmersas nunha aventura chea de perigos para resolver o enigma que ten o cofre, o lugar onde se esconde a tumba de Shi Huang Ti, o primeiro Grande Emperador de China.
Como todas as súas obras esta é moi entretida e movida. So as primeiras páxinas son algo máis relaxadas, pero desde o momento no que as dúas mulleres chegan a China e atópanse con este misterio non hai un momento de parada. É unha boa novela de aventuras misturada con elementos da filosofía e da vida na China da época, que está perfectamente reflectida. Teremos mosteiros de monxes, meditación, loita, viaxes que parecen interminables sempre tentando estar un paso por diante dos seus perseguidores. Como toda boa novela de aventuras que se precie ten sorpresas, personaxes que non son o que parecen tanto nun sentido como en outro. Recorren gran parte da China da época en varios medios de locomoción. A resolución do enigma que ten o cofre é outro elemento a ter en conta, con símbolos que deben interpretar para chegar ao lugar que é o obxectivo da viaxe. Contar máis sería desvelar demasiadas cousas ao lector, polo que non direi moito máis, pero está chea de sorpresas e elementos fantásticos ao estilo das vellas novelas de aventuras ou incluso das películas de aventureiros estilo Indiana Jones na busca de obxectos valiosos da antigüidade.
Dous personaxes femininos son os principais, o cal tamén é unha certa novidade na novela de aventuras, chea de homes valentes e aguerridos que se sobrepoñen a calquera impedimento. Neste caso as dúas van cambiando o seu carácter, sobre todo a sobriña, obrigadas polas circunstancias e, sobre todo, para poder sobrevivir nun mundo que ao principio é completamente novo e descoñecido para elas, pero que ao final será case o seu propio mundo. Tamén os personaxes que as acompañan na súa viaxe son interesantes e cambiantes, e algúns esconden misterios e razóns que iremos descubrindo, igual que o resto, a medida que imos lendo. E por suposto China, as grandes extensións de terreo, os ríos, as casas, as cidades e os pobos que van visitando é outro dos personaxes principais.
Xa sei que o digo sempre, pero certo é que neste blog quero recomendar lecturas á xente que eu creo que lles van gustar, polo menos tanto coma min, pero estou seguro de que esta vai entreter moitísimo a todos os que se animen a lela. Adiante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario