Xa dixen que un dos xéneros literarios que máis me gustan cando están ben feitos é a novela histórica e hoxe vou escribir algunha cousiña sobre unha das novelas históricas que máis me gustaron. A verdade é que non é unha novela recente, pero para aqueles que me len recoméndovos que tentedes conseguila, porque realmente merece moito a pena. O título é “Bizancio” e o autor Stephen R. Lawhead. Levo moitos anos sendo socio do Círculo de Lectores e alá polo ano 1998 (que xa choveu) aparecía esta novela na súa revista, non coñecía de nada ao autor, pero o tema da novela e o resumo que aparecía chamoume a atención e como non había nada demasiado apetecible pois pedina. Cando empecei a lela descubrín que foi unha decisión completamente acertada.
É un novelista nacido en Nebraska, Estados Unidos, no ano 1950. Foi profesor durante cinco anos na Universidade de Chicago e ao memos tempo publicou diversos artigos e ensaios en revistas universitarias. O seu interese pola cultura celta levoulle a marchar a vivir a Gran Bretaña, onde se dedicará exclusivamente á literatura. É autor de varias novelas que conforman ciclos, como o “Ciclo de Pendragón” ou a triloxía “La canción de Albión” que o converteron nun dos autores máis recoñecidos da literatura fantástica inspirada en lendas artúricas (recoñezo que non lin ningunha destas, pero tamén están na lista de próximas lecturas), ademais da serie “Las cruzadas celtas” ou as do “Rey Raven”. Tamén escribiu varias novelas infantís tamén en varios volumes como as “Historias de Riverbank” ou a serie “Howard”. “Bizancio” foi a súa primeira incursión na novela histórica, publicada en inglés no ano 1996. Tras esta outras obras do mesmo xénero como “Avalón. La historia del rey Arturo” (1999), “Patrick” (2003), ou “El señor del bosque” (2006). Por se a alguén lle interesa, ten unha páxina web, en inglés, claro: http://www.stephenlawhead.com/
“Bizancio” está inspirado na vida de San Aidano e relata a viaxe realizada por este místico irlandés ás lonxanas terras de Oriente. Unha viaxe chea de perigos e sorpresas que o levarán a contemplar a impresionante beleza da capital bizantina e descubrir un mundo novo, dentro e fóra del mesmo. O protagonista é un monxe, Aidan mac Cainnech, que cre ter o don de ver o futuro en soños. Nun deles contempla a súa propia morte e non dubida nin por un momento na veracidade do mesmo. Acabará os seus días con sufrimento e medo nunha lonxana e fermosa cidade chamada Bizancio. Cando o seu abade o selecciona para formar parte dun séquito de once monxes irlandeses que partirían cara ao Imperio Bizantino soubo que o destino empezaba a correr cara a el e non ía facer nada por evitalo. Parte coa misión de entregar ao Emperador un valioso regalo, o Libro de Kells. Estamos no século XI, os mares están cheos de viquingos e el nunca podería imaxinar que ía caer en mans deses bárbaros. Este vai ser so o primeiro contratempo da súa fascinante viaxe. Será escravo, embaixador, espía, falso sarraceno..., e continuará o seu camiño cara ao esplendor das douradas cúpulas de Bizancio. Pero a medida que avanzaba ía descubrindo que non todo está escrito, e moito menos aínda o seu destino, e que en moitas das cousas que terá que facer non se recoñecerá nin a si mesmo.
A novela é tremendamente entretida e fluída. A narración está feita en primeira persoa e o monxe é o personaxe principal, tanto é así que aos demais lles falte algo de profundidade, aínda que tampouco é que sexa demasiado necesaria e non estropea para nada a fascinación da lectura, das aventuras e, sobre todo, dos distintos grupos, sociedades e formas de vida coas que se vai topando na súa viaxe, e a tensión argumental mantense perfectamente ao longo de algo máis de 700 páxinas. Esta narración en primeira persoa reflexa perfectamente as contradicións, as dúbidas que xurden no protagonista, a súa evolución na forma de ver a vida, a sociedade e a si mesmo. Quizais un defecto é que ao final todo se resolve algo máis rapidamente do desexado, como se o autor pensara que xa se estaba alongando demasiado e decidira rematar, pero isto non empaña demasiado a marabillosa lectura que estamos a realizar.
O ritmo narrativo é trepidante e engancha rapidamente ao lector e a historia é sinxela e directa, unha lectura que se fai con facilidade e gusto, disfrutando de cada páxina e desexando constantemente ver que vai pasar a continuación.
Non é habitual que lea unha novela máis dunha vez, pero esta fareina dentro de pouco polo bo recordo que teño dela. Recoméndovos que se non a coñecedes tentedes facervos con ela, estou seguro de que os vai encantar.
Non había vídeo axeitado, así que vai cun sobre Bizancio e outro sobre unha das últimas obras deste autor, a ver se tamén vos animades.
viernes, 12 de marzo de 2010
Bizancio
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Temos un problema Juaneldelengua. Pareceume bastante interesante este libro, novela histórica e según ti entretido, e busquei na web información. O libro está descatalogado e non aparece en ningures para mercar. A min gustaríame leelo, polo que si non tes pensado facelo ti esta semana santa, me farías un gran favor prestándomo. Un saudo.
ResponderEliminar