domingo, 28 de marzo de 2010

Shutter Island

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=HgzwnbaaA6Y&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe imos ao cine de novo, que de vez en cando toca ver algunha película, e mellor se é boa, como é o caso da que vou comentar. Polo que vin por internet adiante esta cinta creou algunha polémica e hai xente á que lle parece estupenda e a outros non tanto. Eu vou quedarme nun termo medio pero tirando cara arriba, xa que por momentos tívome un pouco indiferente, pero a medida que vai avanzando foi atrapándome ata deixarme atónito na última parte da metraxe, tanto pola historia que desenvolve como pola forma de facelo.
Falo da última película do director Martin Scorsese. Nacido en 1942 en Nueva York e de sobra coñecido para calquera bo afeccionado ao cine. É un dos grandes e moitas das súas películas quedarán para sempre na historia do cine. Falamos do director de “El aviador”, “Gangs of New York”, “Casino”, “La edad de la inocencia”, “El color del dinero” o “Uno de los nuestros”. É innegable a súa calidade á hora de contar historias e ademais cun estilo bastante persoal e moi imitado.
Esta é, de momento, a súa última cinta, estreada hai pouco, “Shutter Island”. Está baseada nunha novela de Dennis Lehane, ao que podemos coñecer por outra das súas novelas que foron levadas ao cine, “Mystic River” (estupenda novela e gran película, dirixida por Clint Eastwood).
Conta a historia do marshall Teddy Danniels, que , xunto a un novo compañeiro é enviado a investigar o misterio da desaparición dunha perigosa paciente dunha institución para criminais dementes que está situada na illa que da título á cinta. Esta foi recluída alí polo asasinato dos seus tres fillos, aos que afoga nun lago. Alí atoparanse coa sospeitosa e case sinistra actitude do director do centro, o doutor Crowley, un personaxe entre afable e ameazante, frío e distante, misterioso. E ata aquí podo contar, como dirían, porque o mellor da historia é como se vai desenvolvendo nunha mistura de sorpresas, xiros cambiantes, xogando co espectador. Advirto antes de que a vexades que non pechedes os ollos nin un momento, porque cada xesto, cada escena, cada momento pode esconder as claves para desentrañar o misterio de Shutter Island.
Estamos ante unha película de xénero, pero non nos enganemos, non é policiaca, está máis preto do xénero gótico, case como unha historia de Poe ou con similitudes con moitas das cintas do mago Hitchcok, o director que mellor soubo xogar co espectador para levalo por onde el quería ata chegar ao sitio que el quería levarnos a base de trampas e sorpresas. E digo xénero gótico porque está dominada por un ambiente escuro, sinistro, de tormentas infernais, choiva que entorpece a visión, acantilados, faros, pasillos longos e escuros, labirintos (impresionantes as escenas no pavillón C onde están os presos, perdón, pacientes, máis perigosos), bosques... dunha illa que esconde máis dun misterio.
O protagonista é Leonardo Di Caprio nunha das que considero das súas mellores interpretacións. A min é un actor que me gusta moito e que me parece máis que bo, pero ten un problema aínda que pareza unha afirmación rara. É un actor limitado polo seu físico, si, o seu atractivo fai que cando lle dan papeis de galán en películas podemos dicir mediocres, baixe moitos enteiros. É en películas como esta ou “Revolutionary Road”, “Infiltrados”, “Diamante de sangre” ou “Red de mentiras” onde vemos ao grande actor que é, con esas caras entre violentas, amargadas, atormentadas, un feixe de matices que pode expresar coa súa mirada e as súas faccións e xestos. Non o soporto, síntoo en películas como “Titanic” ou similares, onde penso que está a perder o tempo e a súa capacidade. É nestas películas, moitas delas dirixidas tamén por Scorsese que o está a facer un dos seus actores habituais, onde da a boa medida do que pode facer e convence completamente ao espectador.
Xunto a el, no papel do doutor que dirixe o hospital, temos a outro dos grandes actores desde hai anos, Ben Kingsley, coñecido sobre todo pola súa actuación hai anos xa en “Gandhi”, agora case especializado en papeis sinistros, misteriosos e con moito carácter. So a súa mirada nalgunha das escenas é capaz de quitar o sono ao máis forte, porque é completamente desacougante. Unha mezcla entre o máis amable do mundo e o máis escuro, sen saber moi ben que é o que pretende, a verdade é que en moitos momentos pon os pelos de punta a calquera. Axudado ademais en breves momentos polo actor Max Von Sydow, interpretando a un doutor alemán (non olvidemos que a acción transcorre no ano 1954) que ten tamén máis dun punto de sospeita.
Dende a primeira escena, cos dous policías subidos ao barco que os leva á illa, quedamos atrapados por unha historia que vai avanzando polos camiños da dúbida, de non saber moi ben que é o que estamos a ver, que ocorre, quen di a verdade e quen mente. Facemos unha viaxe cos personaxes ata chegar a un final..., non debo dicir nada máis, cando a vexades xa mo diredes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario