A verdade é que ultimamente non vou demasiado ao cine, concretamente desde hai uns 14 anos é algo que fago de xeito esporádico, de vez en cando, por razóns familiares e ademais económicas, que agora ir a unha sala de cine é algo que está empezando a poñerse case privativo polo esaxerado dos prezos (non entenderei por que se queixan de que a xente vai pouco, seguro que se os baixaban o número de espectadores crecía, pero bueno, ese é outro tema). É unha das miñas actividades de ocio favoritas, despois da lectura, pero agora teño que conformarme con ir de vez en cando, sobre todo a ver películas antes infantís, agora grazas a Deus van crecendo e podemos ir ver cousas algo máis adultas, pero pouco. Había fins de semana nos que ía o sábado e o domingo, e incluso dúas veces na mesma tarde, pero eran outros tempos, claro. Ademais agora hai outra razón para ir menos, xa sei que pode soar carca, pero é verdade, pero o ambiente que hai normalmente nas salas é para botar atrás a calquera, as molestias por diversas razóns son continuas e non é a primeira vez que teño que levantarme para chamarlle a atención a algún grupiño que non sei a que vai, porque a ver as películas non, se a iso lle sumamos as palomitas e bebidas (e incluso, non é unha invención, hai unhas semanas ao lado do meu fillo había uns que estiveron comendo flans e natillas, con cuchariña e todo, xa vedes), os teléfonos móbiles (que non é so que soen, e que hai xente que se pon a falar en medio da proxección) pois as veces é mellor quedar na casa. Así que agora imos de vez en cando e o resto pois a velas na televisión, cando as estrean en Canal+, alugadas en DVD ou por outros medios que todos coñecemos e non imos publicitar aquí porque está mal.
Onte vin unha película que tiña gañas de ver desde hai tempo. Non é que sexa demasiado afeccionado ao cine español, a verdade, pero de vez en cando aparece algunha película que rompe un pouco o molde típico do noso cine, que non digo que sexa malo, conste, porque hai auténticas marabillas dignas de ver, pero que parece non conectar demasiado co espectador, de aí o fracaso de moitas das nosas cintas. E a verdade é que é unha magoa, porque temos actores impresionantes, directores máis que bos e boas historias, pero por un lado a competencia do cine americano é moi forte e por outro moitas das nosas cintas buscan unha excesiva transcendencia que non parece comulgar co espectador.
Xa me estou liando, a película que vin onte foi “Celda 211”, supoño que a maior parte da xente xa a viu porque é dos últimos éxitos do noso cine, pero polo dito máis arriba non tivera oportunidade de vela, ou mellor dito, de disfrutala. Por iso é posible que este comentario chegue algo tarde, pero para aqueles que non a viran aínda, lla recomendo, e moito.
É unha cinta estreada no ano 2009, dirixida por Daniel Monzón e baseada nunha novela de Francisco Pérez Gandul. Nos papeis principais temos a un actor galego que non necesita presentación, Luis Tosar, acompañado por Alberto Ammann, Antonio Resines, Carlos Bardem ou Marta Etura. Recentemente tivo lugar a entrega dos premios do cine español, os Goya, e estaba nominada en 16 apartados e obtivo 8 premios, entre eles os máis importantes: mellor película, mellor director e mellor actor para Luis Tosar.
Conta a historia de Juan, que se presenta un día antes no seu novo traballo como funcionario de prisiones para ver un pouco de que vai e amosar interese polo mesmo. Sen querelo vese atrapado nun motín no cárcere e amosando un sangue frío tremendo porque é a súa vida a que está en xogo, consegue facerse pasar por un preso máis para salvarse e tentar poñer fin á revolta, que está liderada por un preso temido e respectado por demais, Malamadre (Tosar). Nese xogo Juan terá que mostrarse astuto, mentir e controlar as súas mentiras e pasar por varias situacións de risco e tensión.
Pareceume unha película xenial, tensa, dura e non demasiado axeitada para persoas excesivamente sensibles, porque a dureza da historia e das imaxes é tremenda, tan tremenda como realista, porque un dos seus méritos é que parece completamente crible. A narración é dunha tensión que non deixa ao espectador nin un minuto de respiro, a tensión é continua, sen un momento de tranquilidade e repouso. Unha cinta intelixente e ben levada. Un drama carcelario, unha película de xénero moi habitual por outras cinematografías, pero pouco na nosa, pois podo dicir que é das mellores películas de cárceres que vin.
Non imos agora descubrir a Luis Tosar, maxistral nun personaxe memorable, duro, directo pero ao que lle colles un certo apego, co que te sentes identificado na súa loita dentro do cárcere para conseguir algo de dignidade para todos dentro das catro paredes nas que viven. O mellor que se pode dicir del é que non interpreta senón que recrea ou mellor dito, crea un personaxe impresionante, con esa voz augardentosa que por momentos non parece a súa pero que sabes que si o é, con esas miradas duras que parece que te van traspasar, con esas veas do colo inchadas polo enfado e a rabia. Unha actuación digna de ver e conservar, pouco máis se pode dicir.
Todos os actores están impresionantes, pero gustaríame destacar ao outro personaxe principal, interpretado por un para min descoñecido Antonio Ammann. Interpreta a Juan, o funcionario que se ve inmerso nese mundo de violencia e rebelión e que ten que facerse pasar por preso para sobrevivir a todo iso. Impresionante a evolución e o cambio que vai sufrindo a medida que se desenvolven os acontecementos ata levalo a algo que el non esperaba en absoluto.
O único que non me gustou foi a interpretación, para min pouco convincente, do primeiro negociador, que ademais ten un papel importante, pero fronte aos outros pareceume moito menos convincente, pero claro, esa é unha opinión persoal.
Creo que os americanos están pensando en facer unha versión, como fan con moitas películas europeas que lles parecen orixinais, collen e copian porque parece que lles faltan ideas, ou polo menos boas ideas. Estou seguro de que a van converter no que non é, será unha ensalada de tiros e espectacularidade, en conclusión, que van estropear as boas calidades do orixinal. Espero equivocarme, pero non o creo.
Pois nada, para os que xa a viron espero que coincidan co dito, e para os que non, que lles entraran ganas de vela.
domingo, 14 de marzo de 2010
Celda 211
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=NJQNHHcExMw&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario