Hoxe vou comentar de novo dúas novelas do mesmo autor. A novela histórica é hoxe un dos meus xéneros favoritos e hai que dicir que está de moda e son moitas as que aparecen. Gústanme aquelas que teñan unha historia atrainte, que te enganche polos personaxes e as situacións, pero sobre todo que estean ben documentadas sen resultar pesadas no contido histórico, é dicir, aquelas que mezclen unha boa historia cuns datos históricos que aparezan como un elemento máis do relato.
Por iso falamos dun autor que no ano 2008 publicou unha novela deste xénero que tivo bastante sona e foi bastante lida, sen chegar, por exemplo, ás ventas de Ken Follet, pero que, para min, está algo por encima deste, o título “Te daré la tierra” e o autor, Chufo Lloréns.
Naceu en Barcelona no ano 1931 e licenciouse en Dereito, exercendo durante un tempo como empresario do mundo do espectáculo. Tardou bastante en escribir a súa primeira novela, pero o de ser escritor é algo que lle chamaba desde sempre. “Nada sucede la víspera” publicouse no ano 1986, e foi finalista do Premio Planeta dese ano. Ademais é autor de “La otra lepra” (1993), “Catalina, la fugitiva de San Benito” (2001) e das dúas que se van comentar, que son as que lin, aínda que estas anteriores están dentro das lecturas que teño previstas en breve.
Hai que dicir que o traballo de recopilación de datos históricos é unha das súas constantes, as súas novelas están ben documentadas, os personaxes históricos son frecuentes e o momento histórico, a sociedade e todo o que a rodea están perfectamente inseridos dentro da historia que nos conta, sen facerse nunca pesado nin aburrido. O seu estilo fai que a lectura sexa fluída, as súas descricións son perfectas sen ser nunca pesado e farragoso e ten a cualidade de facer que todos os seus personaxes queden perfectamente definidos para o lector con moi poucas palabras.
“Te daré la tierra” é posiblemente a súa novela máis coñecida, aínda que a min gustoume máis a que mencionarei despois. Conta a historia de Martí Barbany, un campesiño que viaxa desde Ampurias ata a cidade de Barcelona (que é un personaxe máis da historia), todo isto a mediados do século XI. Vai para coñecer a última vontade do seu pai. Descubrirá que é rico e gracias ao seu carácter emprendedor e a amistade de personaxes destacados da cidade (destacan o arcediano Eduard Llobet ou o cambista xudeu Baruj Benvenist; vemos como a axuda lle ven de dous elementos destacadas das relixións predominantes na cidade na época) irá gañando un lugar na grande urbe como mercader. Namórase de Laia, a filla dun poderoso conselleiro da cidade, Bernat Moncusí, pero o pai non ve con bos ollos a relación se non pode sacar algún beneficio a cambio. Por iso a súa prioridade é chegar a ser nomeado cidadán de Barcelona e obter o nivel social que lle permita conseguir o que quere. A novela é un cúmulo de aventuras e desventuras, viaxes, comercio, descubrimentos e ademais de dar unha idea clara de como era a vida nunha Barcelona que estaba a crecer tamén saberemos como funcionaba o comercio da época.
“La saga de los malditos” é a que publicou antes que a comentada, en concreto no ano 2003. a min persoalmente gustoume máis que a anterior, posiblemente porque non se centra na época medieval, xa que alterna o relato de dúas familias en dúas épocas completamente distintas, pero relacionadas. Hai novelas que falan da persecución dos xudeus na Idade Media e outras que tratan o tema do Holocausto nazi, pero moi poucas o fan conxuntamente. Pois isto é o que fai maxistralmente o autor, tanto que o relato que transcorre no século XIV e o que o fai a partires de 1933 amosan un paralelismo que parece unha repetición da historia. Vainos contar a vida de dúas mulleres xudías (normalmente os protagonistas destas historias son homes e aquí, claro tamén os hai, pero destacan elas). Esther é a xudía na España do ano 1387 e Hanna a xudía da Alemaña de Hitler en 1933. Dúas épocas escuras que por un lado amosan os máis baixos instintos do ser humano e por outro incribles actos de valentía e heroicidade. Cada unha delas conta a súa historia, cheas ambas de amor e xenerosidade. Como no caso anterior as dúas épocas están plasmadas perfectamente e o lector vai pasando de unha a outra cunha tremenda facilidade e querendo saber que pasa con unha e logo coa outra. Se queredes sabelo non tedes máis que lela, é máis que recomendable.
Para os meus alumnos e alumnas que sexan bos lectores son dúas obras que deberían ler, porque estou seguro de que lles van gustar moito, aínda que mellor ler a segunda primeiro, paréceme máis orixinal e ao misturar ambas épocas é algo máis atrainte, e despois a outra. Para os que non son bos lectores, que son por desgracia a maioría, estou seguro de que se son capaces de afrontar a lectura cun mínimo de ganas van chegar ao final moito antes do que pensan e van quedar encantados coa mesma, pola historia e por todo o que van aprender; para isto o primeiro que teñen que facer en non fixarse en algo que preguntan sempre cando se lles din as lectura que teñen que facer: ¿Cantas páxinas ten?, porque xa advirto que as dúas son ben longas, pero todo o que teñen de longas o teñen de entretido e apaixoante.
De verdade, facédeme caso e a ver se alguén se anima e despois pode comentarme algo.
domingo, 7 de marzo de 2010
Chufo Lloréns
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=XbOXfUgQcMw&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario