sábado, 27 de febrero de 2010

Dexter

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=ej8-Rqo-VT4&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Rematei hai uns días de ver a cuarta temporada de Dexter, serie televisiva que supoño moita xente coñece e que considero das mellores que van pasando ultimamente polas televisións. Evidentemente non vou desvelar nada, porque aquí acaba practicamente de empezar no novo canal FoxCrime (no que creo que leva tres episodios) e supoño que en breve comezará en Cuatro, que é a que emitiu as temporadas pasadas. E para os afeccionados atentos para cando empece, porque pareceume a mellor das catro, a verdade, aínda estou algo desacougado e impresionado, unha maravilla.
Para os que non a coñezan conta a historia dunha persoa algo especial, Dexter Morgan. Un home que de pequeno, tras unha experiencia tremendamente traumática, é adoptado por Harry Morgan, un policía de Miami, que é onde se desenvolve a acción. O seu pai adoptivo coñece pronto as súas tendencias homicidas, a súa necesidade de matar (dille, “Cando o corpo te pida sangue, mata aos que son coma ti”), polo que trata de reconvertilas e encamiñalas cara a satisfacelas asasinando a asasinos, sempre respectando un rixido e severo “código” encamiñado por un lado á elección dos asasinados e por outro a que non o colla a policía, claro. Dexter é un membro respectado da sociedade, especialista en análise de rastros de sangue para a policía de Miami, técnico forense especializado e moi efectivo e meticuloso no seu traballo; é o perfecto cabaleiro, amable cos nenos e sempre respectando as convencións sociais que moitas veces non comprende. Esfórzase moito por simular emocións humanas que non sente e gardar as apariencias para aparecer como un ser humano socialmente responsable e comunicativo, ao que lle axuda moito a súa relación con Rita Bennet, unha muller con dous fillos que trata de recuperarse pouco a pouco da brutal relación que mantivo co seu exmarido. Tentando manter todo isto, o pasaxeiro oscuro que leva dentro, gracias as indicacións do seu pai adoptivo, canaliza esas necesidades homicidas buscando e asasinando brutalmente a criminais que conseguen escapar da lei por distintos motivos. Debra Morgan é a irmá adoptiva de Dexter, unha policía de homicidios, moi intelixente pero insegura da súa capacidade, polo que sempre recorre ao seu irmán para afianzar aquelo que pensa.
Evidentemente non estamos ante un personaxe moralmente impecable, estamos ante un asasino que queda “xustificado” polos seus traumas infantís, que é o que fai que poida aparecer como o heroe da serie, pero non nos enganemos, estamos a ver a un home que mata xente a sangue frío, sen demasiados remorsos. Este é un dos grandes méritos da serie. É unha historia salvaxe, dura e cruel. Consegue que simpaticemos cun home que mata (aínda que aqueles aos que mata sempre son moito peores que el, claro está), imos querer que se salve, que non o collan, que siga coa súa dobre vida, é toda unha pesadilla moral na que o “pasaxeiro oscuro” que Dexter leva dentro acaba atrapándonos na súa dinámica e na súa vida.
É impagable a voz en off do protagonista, sempre analizando as dinámicas sociais da xente entre na que se move, reflexionando sobre aquelo que non entende porque non é capaz de sentilo, e nesta cuarta temporada, na que ademais de pai adoptivo dos dous fillos de Rita ten un con ela, co que agora pasa por todas aquelas cousas que pasan os pais de recén nacidos, o cansazo, as horas sen durmir, levantarse de madrugada para dar un biberón ou calmar un xanto..., agora aínda parece máis preto de nos.
O protagonista, Michael C. Hall, gañador de varios premios por este papel, borda a actuación, tanto que sería complicado cruzarse con el e non sentir un arrepio. Recordo unha entrevista no programa “El hormiguero” no que o presentador, Pablo Motos, ao principio, recoñecía estar un pouco asustado, e non era broma, que se lle notaba.
Por último, por se alguén non o sabe, esta serie está baseada nunha serie de novelas do escritor americano Jeff Lindsay e das cales hai, de momento, tres publicadas en castelán: “Dexter, el oscuro pasajero”, “Querido Dexter” e “Dexter en la oscuridad”. Para todos aqueles aos que lles guste e serie recoméndolles encarecidamente a lectura das tres, aínda que so a primeira está directamente relacionada coa televisión. As novelas son moito máis negras, brutais e directas, o personaxe é moito máis oscuro se cabe que o televisivo, menos convencional e as reflexións e formas de actuar moito máis duras que na televisión, na que hai que manter un pouco máis as formas. De todos os xeitos, recomendo a súa lectura, tentádeo.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=LhURxapftd0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario