domingo, 6 de noviembre de 2011

"In vino veritas", de Francisco Castro

Falando dos detectives privados: “E xa que estamos lanzados e xa que non lle temos ningún respecto a este (meu) noso personaxe nin ao oficio detectivesco, diremos agora o peor do peor das cousas que decote fai porque non lle queda máis remedio e porque hai que comer, a saber, perseguir rapazada adolescente con grans para saber se están na clase ou non. Non tendes nin idea da cantidade de nenos que, coma sempre se fixo (e non pasaba nada), colgan clase e andan por aí facendo calquera cousa en vez de polinomios, análises sintácticas ou comentarios de texto, é dicir, todas esas cousas inútiles e absurdas e prescindibles coas que nos amargaron a infancia, a adolescencia, e en definitiva, os mellores momentos das nosas inocentes e manipulables vidas. A diferenza co pasado é que agora hai pais que poñen detectives para saber se o neno ou a nena van a clase o andan fumando canutos por aí tirados nuns farrados calquera, en fin, algo tristísimo, o dos pais máis que o dos fillos, poñerlle un detective a un fillo debería ser motivo máis que sobrado para que un xuíz lles quitase a custodia, porque hai que falar máis, hai que se comunicar máis con eles, non poñerlles un fulano detrás para saber onde van e que é o que fan cando (pensan que) ninguén os ve.”
Sobre a televisión actual: “É o que vou chamar, porque me peta, a Televisión 2.0. Por iso a xente grava cousas co seu móbil e envíaas sen perder un minuto ás canles de televisión ou sóbenas ao llutú, sobre todo se teñen a fortuna de gravar unha desgraza, ou sexa, que levan razón os vellos, antes había valores e había máis respecto, antes, cando ocorría algún desastre na rúa, a xente corría a botar unha man, agora, cando pasa unha traxedia, a xente tira de móbil e grava por se acaso, porque saben (son listos) que están facéndose cuns minutos de televisión grazas a esa gravación horrenda e probablemente perversa e absurda que non debería saír...”

Estes son dous fragmentos da novela que vou comentar hoxe, dous dos moitos que me gustaron e chamáronme a atención.

Teño varias novelas pendentes de comentar, e normalmente sigo unha orde case de lectura para publicar, pero esta novela de hoxe chamoume tanto a atención que non me resisto a poñela por diante de outras que lin antes. Hai pouco que a rematei e deixoume unha gran sensación, gustoume moito en varios sentidos que procurarei reflectir aquí. Creo que do que teño lido nestes últimos tempos é das que máis me gustaron, unha historia que non está nada mal, pero sobre todo pola forma de contala, por como está escrita e por todas as reflexións que nos vai deixando o autor sobre unha serie de temas (moitos, a verdade), case sempre a través do seu personaxe principal, un simpático e peculiar detective. É unha novela publicada recentemente en galego, o autor é Francisco Castro e o título “In vino veritas”, que podedes atopar na Editorial Galaxia.

Francisco Castro é un autor nado en Vigo en 1966. É licenciado en Filosofía e traballa no ensino, ademais de dedicarse á xestión cultural e á comunicación. Imparte Obradoiros Literarios por toda Galicia, tanto para nenos como para adultos, ademais de traballar como director do Obradoiro Literario Caixanova e do Obradoiro de Poesía Caixanova. Actualmente traballa na Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Aínda que ten algunha obra en castelán a maior parte da súa produción está en galego. Un dos elementos fundamentais da súa narrativa é o orixinalidade coa que aborda diversos tipos de xéneros. En 1991 publica “Amor de cinema”, e en 1997 gaña o Premio Lueiro Rey de novela curta con “Paly-back”. É autor do libro de relatos eróticos “Xeografías” ou de “A canción do náufrago”, ambos no ano 2001, ou do relato histórico “Memorial do infortunio” (2003), traducida ao ano seguinte ao castelán. En 2004 publicou “Xeración perdida”, na que se achega ao tema das drogas. “Un bosque cheo de faias” gañou o Premio Frei Martín Sarmiento, outorgado por alumnos e alumnas de toda Galicia. En 2006 gañou o Premio Blanco Amor de novela con “Spam”. En 2007 gaña o Premio de Novela Manuel García Barros con “As palabras da néboa” e no mesmo ano publica “O ceo dos afogados”, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia e que recibirá o Premio Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. Gran parte da súa produción entra no campo da literatura infantil e xuvenil. Así é autor de “Chamádeme Simbad” (2009) e tamén de “O segredo de Marco Polo” (2010, e que vai aparecer proximamente en castelán e catalán). “In vino veritas” é, polo momento, a súa ultima novela pensada para público adulto. Ademais ten un blog que vos recomendo: http://www.franciscocastro.blogaliza.org/

O propio autor di que “In vino veritas” é unha novela furiosa, baixo a apariencia dunha novela negra, unha historia de detectives, aproveita para facer unha crítica feroz e despiadada non so dos medios de comunicación (sobre todo a televisión), senón tamén dos espectadores e seguidores de certo tipo de programas. Xulio Míguez é un detective privado, pero un de verdade, deses que pouco teñen que ver cos das novelas americanas ou as películas en branco e negro. Un home normal, coas súas miserias, os seus casos con moi pouco glamour, as súas tristezas e, como única afección, a enoloxía, e bastante entendido no tema. Leva unha vida algo gris, case tanto como o seu traballo. Marta Ruíz é a súa amiga desde a infancia, namorado perdidamente dela, fantaseando con cousas que poderían ser pero nunca serán, e aínda sendo consciente diso os seus sentimentos non desaparecen. Ademais Marta é a presentadora dun deses programas de cotilleos e maruxeos que tan de moda están neste momento, eses que explotan as miserias dos famosos, as mentiras, as fotos e situacións escandalosas roubadas pero que ao final non o son tanto. Incluso ao principio da novela recibe un importante premio como a mellor comunicadora do ano, outro sarcasmo dos moitos que aparecen na historia. Xulio é contratado por Carolina Vilabranca, dona dunha das adegas máis importantes da zona, para que atope a Lois Durán, o seu marido desaparecido. Carolina recibe unhas explícitas fotos do seu home cunha descoñecida realizando unhas fortes prácticas sadomasoquistas e hai días que non aparece por casa nin polo traballo. Así o noso detective empeza a buscar, aínda que non sabe moi ben por onde facelo. Non é que sexa un investigador avezado, os seus casos soen ser tan sinxelos como seguir a maridos ou esposas que enganan as súas parellas, a adolescentes que faltan a clase e con pais preocupados e cousas máis ou menos sinxelas e moi lonxe das historias do cine ou as novelas. As súas primeiras investigacións lévano a buscar información por internet sobre ese tipo de prácticas sexuais, alucinando coa cantidade de resultados e a cantidade de cousas que fai a xente. Pronto se verá inmerso nunha historia que vai tardar en comprender, algo máis complicada do que parece e chea de sorpresas, sobre todo para el.

A novela é, entre outras cousas, unha parodia das novelas negras, unha desmitificación do personaxe do detective privado, converténdoo nunha persoa máis de verdade, máis real, sen tanta parafernalia literaria e con todos os problemas diarios, cos seus amores e desamores. Xulio vive so, aliméntase de comida conxelada que non lle convence nada, pero entra dentro dese medio aire de vagancia que domina a súa vida, realmente so disfruta dunha cousa, dos bos viños que toma na casa ou fóra cun auténtico ritual previo. Non é un enólogo profesional, pero sabe gozar dun viño, mércaos e tómaos con verdadeiro deleite, fai cursos e comparte a súa afección con outro personaxe da novela, o doutor Campos, forense da policía. Case podemos dicir que o viño é un personaxe máis da historia. Ese aire de novela negra ven remarcado ademais porque está dividida en dez bloques de varios capítulos cada un, e cada un deles iniciase con cada un dos puntos do “Decálogo da novela policial” escrito por un clásico do xénero, Raymond Chandler. Estes puntos poderán verse reflectidos no que nos vai contar a continuación, ¿vainos cumprir o autor?, si, pero moi á súa maneira. Do mesmo modo xoga con case todos os tópicos do xénero; temos ao detective (so lle falta o sombreiro e beber whisky en lugar de viño), a amiga do protagonista, a muller fatal (a dona da adega, case como unha Lauren Bacall moderna), os misterios e algunhas cousas máis que non vou mencionar para non destripar demasiado a historia. A verdade é que este personaxe central é xenial e sobre todo consegue que o lector síntase moi preto del, ao estar contada a maior parte da historia en primeira persoa, é el mesmo o que nos vai contando todo o que pasa. Alterna cun narrador que se centra naquelas partes nas que non intervén Xulio, dándonos unha perspectiva completa de todo o que pasa en cada momento.

Novela negra na liña argumental, a investigación dunha desaparición. Pero en realidade é unha novela crítica, aceda, cáustica, feroz e con moi mala uva. Outro dos personaxes principais é a presentadora de televisión e amiga de Xulio, Marta Ruíz. A través dela e dos pensamentos do detective tomamos contacto cunha crítica contra a programación televisiva actual, movida so pola audiencia e o beneficio económico. Chea de programas que explotan as miserias reais ou inventadas (todo vale con tal de lograr audiencia) de famosos, famosiños e xente famosa nun fugaz momento das súas vidas. Pero o autor non queda soamente aí, tamén é criticable a actitude do espectador destes programas, a da xente da rúa que parece preocuparse máis por conseguir ese minuto de fama que polo prezo que poderá pagar a cambio. Máis preocupada pola posibilidade de gañar un diñeiro fácil que por axudar a unha persoa en perigo, por poñer un exemplo. E de paso traspasa a crítica a outros moitos aspectos da sociedade actual, unha sociedade que o noso detective non entende demasiado ben, que non sabe a onde vai nin a onde chegará, algo que lle preocupa case máis que resolver o seu caso.

Ademais da historia quizais o que máis me gustou é como está contada, a forma que ten Francisco Castro de usar as palabras, de traballalas e de misturalas pareceume fascinante. Longas frases de adxectivos seguidos, sen unha soa coma (nalgún caso seis ou máis dun tirón) dánlle non so unha grande rapidez a acción, senón que chega un momento no que as sensacións que ten un como lector van crecendo dunha maneira alucinante. Ademais establece en máis dunha ocasión unha relación directa co lector, case dirixíndose a el como autor (recordo perfectamente unha frase na que pon cinco verbos seguidos dunha maneira perfecta e el mesmo comenta iso, como se fora unha gran fazaña como escritor -que o é-), facendo que o lector non so se senta participe da historia, senón tamén do traballo do autor como tal. E todo contado con moita sorna, con mala uva e cun ton e unha forma que fixo que nalgún momento non so sorrira durante a lectura, senón que máis dunha vez ese sorriso transformouse nunha sonora gargallada.

Este vez xa me estou a pasar coa extensión e aínda hai algunha cousa máis que me gustaría comentar, pero vou ir parando. É a primeira novela de Francisco Castro que leo, pero podo garantir que non vai ser a última. Como dixen ao principio do mellor que lin nestes últimos meses, así que máis que recomendable. Estou practicamente seguro de que non vos vai decepcionar.

El ilustrador de "Me llamaba Simbad" from NidodeContenidos on Vimeo.

martes, 1 de noviembre de 2011

"Las aventuras de Tintín: el secreto del Unicornio"


Hoxe volvemos ao cine, que xa hai case un mes desde a última vez. Parece que non saímos do tema dos heroes de cómic, porque hoxe lle touca a outro. Os últimos comentarios de cine eran de superheroes saídos deste medio, hoxe imos dicir que é un heroe de cómic, un dos máis coñecidos dentro do panorama europeo, concretamente belga. A última película que vimos foi a esperada adaptación deste personaxe, “As aventuras de Tintín: o secreto do unicornio”.

Varias producións afrontaron antes a adaptación deste personaxe de cómic, tanto en forma de debuxos animados como algunha con actores reais. Este de hoxe non é nin unha cousa nin a outra, quédase a medio camiño, xa que usa unha técnica utilizada nalgunhas películas anteriores pero que nesta chega a extremos realmente impresionantes, a captura de imaxe de actores reais para convertelos logo nunha cinta de animación. Todas as anteriores resultaron algo fallidas e non tiveron demasiado éxito, cousa que non parece que vaia pasar con esta, que case antes da súa estrea xa tiña o éxito de público garantido. O creador do personaxe, Georges Remi, nome real de Hergé, publicou entre 1930 e 1976 vintecatro álbums con este personaxe como protagonista. Pouco antes da súa morte parece ser que chegou a dicir que o único director ao que vía realmente capacitado para levar a súa creación ao cine era a Steven Spielberg, que xa naquela época comezaba a destacar como un renovador do cine de aventuras. Agora lle chegou o momento e esta cinta, dirixida por el e producida por un dos seus “discípulos”, Peter Jackson, parece que ía ser a película definitiva sobre Tintín, o capitán Haddock, Milú, Hernández e Fernández e todos os personaxes e situacións características dos cómics. Non vou facer unha recensión sobre Spilebreg, un dos meus directores favoritos e cunha boa cantidade de películas destacadas as súas costas, case todas elas boas cintas de acción e aventuras e algunhas que xa pasarán á historia do cine pola súa gran calidade e bo facer en todos os sentidos. Peter Jackson creo que quedará como o director que foi capaz de levar ao cine algo tan difícil como “O señor dos aneis” nunha triloxía que tamén me pareceu impresionante e agora está en pleno traballo para a adaptación doutra obra de Tolkien, “O hobbit”; aínda que unha das súas películas que máis me gustou foi unha das primeiras, “Criaturas celestiais”. Tamén parece que será o director da segunda entrega co mesmo personaxe que a de hoxe, algo que era de esperar tendo en conta o éxito de público que está a ter.

A película non parte dunha das historias gráficas, senón que colle elementos de tres delas para conformar un guión que me convenceu so a medias. O coñecido reporteiro atópase nun mercado coa maqueta dun barco, o Unicornio, que lle chama a atención e faise con ela. Pero pronto vemos como hai alguén máis que anda detrás do citado barco, en busca dunha serie de pergamiños que ocultan o lugar onde naufragou un barco que ía cargado cun gran tesouro a finais do século XVI. Pronto se verá inmerso nunha serie de misterios e persecucións e incluso un secuestro. Coñecerá ao capitán Haddock, un dos personaxes dos que se fará inseparable e que correrá con Tintín todas as súas aventuras, que tamén está retido no barco. Detrás de todo isto está Ivanovich Sakharine, que pretende facerse cos tres pergamiños escondidos nas tres maquetas do mesmo barco e que darán as claves para atopar ese fabuloso tesouro. Todo ven dos seus antepasados, deste Ivanovich e do capitán Haddock, un enfrontamento que ven daquela época e que terá a súa continuación neste momento. Esta busca levará aos nosos protagonistas a viaxes en barco, avión, automóbiles ou camelos por varias partes do mundo nunha espiral de movemento e acción que non parará ata o final, sempre acompañados polo fiel compañeiro de Tintín, Milú. Disparos, persecucións, pelexas e moitas escenas de acción, algúns diálogos simpáticos e algúns momentos de comedia, a maior parte protagonizados polos axentes Hernández e Fernández, centrados na captura dun carteirista moi hábil. Tres pergamiños que esconden un misterio para poder saber onde está o fabuloso tesouro que transportaba o barco, para poder sabelo é necesario ter todos. ¿Quen os conseguirá e como? Iso teredes que velo na pantalla do cine (porque esta é para ver no cine, non na pequena pantalla dun televisor), xa sexa en 3D ou non, iso vai a gusto do espectador. Nós vímola en formato normal, o de toda a vida, e dáme a impresión de que o 3D está a cansar un pouco, non sei se polo prezo ou pola técnica en si, pero a nosa sala estaba chea, a outra creo que non tanto.

Antes de seguir teño que recoñecer que nunca dun demasiado seguidor de Tintín. Lin todos os seus cómics, creo que porque naquel momento lía todo o que podía, pero nunca me chamou demasiado. As historias, os desenvolvementos e o resto dos personaxes si, pero el en si non me gustaba demasiado, non sei, parecíame demasiado listo, demasiado serio e cun comportamento un pouco por riba da súa idade. Digo isto con todo o respecto para os seus seguidores, que os ten en todo o mundo. A verdade é que dentro do seu mundo sempre me quedaba moito máis cos demais personaxes antes que con el. O capitán Haddock parecíame moito máis simpáticos e máis entretido e, sobre todo, máis espontáneo. Hernández e Fernández tiñan os seus momentos, pero máis dunha vez teño rido con eles. Outro que me gustaba bastante e que nesta non aparece pero creo que na seguinte si, era o profesor Tornasol, ese sabio despistado caíame ben tamén. Recoñézolle un gran mérito a Hergé, os seus argumentos estaban ben elaborados e os debuxos eran realmente excepcionais, pero o seu personaxe central creo que non me caía ben, aínda así lin todos, eran entretidos e bastante amenos. E penso que á película pásalle algo parecido, dáme a impresión de que a Spielberg tamén lle caía mellor Haddock, que para min é case o protagonista desta historia. O seu personaxe está realmente ben, impresionante en todos os matices de caras, xestos e penso que leva o peso da historia, algo máis que Tintín, algo máis seco e serio.

¿Que me pareceu a película? Por aquí todos coincidimos nunha cousa. É un dos espectáculos visuais máis impresionantes que temos visto no cine en moito tempo. A nivel técnico impresiona por todas partes. As escenas de acción son rápidas, cheas de elementos, de matices e é difícil disfrutar por completo pola cantidade de cousas que aparecen. As caras, os xestos, o pelo, os movementos..., xenial. Antes xa viramos algunha outra cinta que usaba esta técnica da captura de movemento, pero neste caso Spielberg bota o resto e creo que fixo algo difícil de superar, desde o principio a espectacularidade é o que máis chama a atención. As rúas, as casas con todos os seus elementos, escenas como a do barco ao anoitecer entrando no porto, a parte que transcorre no deserto, a persecución, son varios os momentos que farán que un poña unha certa cara de asombro, o cal tendo en conta como está o mundo dos efectos especiais neste momento xa é difícil. Polo que parece aínda hai xente que está disposta a ir un pouco máis aló e sorprender ao espectador. Neste sentido non teño nada que dicir, deixoume completamente alucinado e fascinado e quítome o sombreiro ante o traballo neste sentido do señor Spielberg. Pero tras todo isto hai un pero. Pareceume, dentro de todo este espectáculo, algo aburrida, non sei se é a historia que non me convenceu demasiado, algo previsible e con poucas sorpresas que poidan facerte manter a atención nela. Nalgún momento pareceume, como dixen, impresionante na parte de fóra pero botei en falta algo no argumento, que non está á altura da técnica. Aínda así creo que é Tintín en estado puro e quizais non ser un fan completo do personaxe teña algo que ver con esta opinión. De todos modos onte no cine había varias familias con nenos pequenos e puiden ver que os que tiñan algo menos de oito ou dez anos cansaban un pouco, non entendían demasiado ben a historia e aburríanse un pouco. Tamén creo que os cómics de Tintín estaban pensados para xente algo máis maior e quizais o problema sexa ese, que se promocionou como algo axeitado para todo o mundo pero creo que os máis pequenos aínda non poden disfrutar plenamente con este tipo de historias. Claro que esta, como sempre, é a miña opinión persoal, outros seguro que terán outras completamente distintas. Como dixen antes no momento no que Haddock entra en escena a cousa gaña bastante, pero ata ese momento case me preocupaba máis das imaxes que da historia en si.

Polo que lin por aí a maior parte dos fans de Tintín quedan contentos coa película, nese sentido xa digo que eu non o son, pero si que creo que Spielberg respectou bastante o espírito tanto do personaxe como das historias que protagoniza. Quizais o tema do argumento teña tamén algo que ver con que non é nada novidoso nin fóra do habitual, un dos meus fillos dicía que era “o de sempre”, pero iso era Tintín, aventuras e investigación con algún toque de humor por parte doutros personaxes. Creo que merece a pena vela, sobre todo pola parte técnica que é impecable. A duración, pouco máis de hora e media, fai que non sexa posible cansarse e pasa con bastante rapidez sobre todo porque desde a primeira hora os personaxes non paran de moverse, viaxar, escapar e correr. Podedes ir vela, así poderedes opinar e dicirme se coincidides comigo ou non, espero os vosos comentarios.

domingo, 23 de octubre de 2011

"La ley de Harry", "Harry´s Law"


De novo disculpas, pero desta tampouco atopei ningún vídeo decente que non estivera en inglés.
Hoxe volvemos á televisión. Hai uns días un amigo meu publicaba no seu blog, “Caderno da crítica” que aparece ademais dentro de “A miña lista de blogs”, un comentario en galego que está moi relacionado coa introdución do meu de hoxe, titúlase “De “Fringe” a “Sons of anarchy”: a importancia dos guionistas”. Moito nos fixamos sempre nos actores, a ambientación e claro está, na historia, pero penso que van ser poucos os nomes dos guionistas que poidamos recordar, cando a realidade é que eles son o alma destas series que vemos case a diario. Nalgún dos meus comentarios mencionei estes nomes, e aínda así poucos poderíamos nomear. Moitas destas series teñen guións marabillosos, ben elaborados e preparados e como di ese post que menciono, moitos deles non teñen razón para estar lonxe das mellores producións literarias. Creo que, xa o dixen algunha vez, que hoxe a televisión é o sitio ao que moitos actores e guionistas recorren escapando un pouco do cine, sobre todo en Estados Unidos. Cústame recordar nestes últimos anos máis que unha ducia de películas que realmente destaquen polas súas historias e por como están contadas, mentres que podo pensar en moitas series que están moi por riba da media dun cine que hoxe está inmerso nun mundo de efectos especiais, novas versións de outras máis antigas ou incluso de intentos de recuperar vellas series para a gran pantalla (case todas elas con malos resultados). Tamén moitos dos grandes actores dese cine están a pasarse á pequena pantalla, como se fose o reducto onde poder desenvolver de verdade a súa capacidade, non vou mencionar ningún en concreto, pero estarán na cabeza de moitos dos meus lectores. Toda esta introdución ven a conto do guionista principal e a actriz protagonista da serie que vou comentar hoxe, “La ley de Harry” (que pode aparecer tamén por aí co seu título orixinal en inglés, “Harry´s Law”).

O guionista da serie é David E. Kelley, un nome deses que case ninguén coñecerá, especializado en series de avogados que tan habituais son por USA, pero neste caso, sempre cos suficientes elementos interesantes como para facelas estar por riba da media. En todas elas hai sempre un elemento de crítica, sobre todo cara á sociedade americana, que en algunhas é máis clara e evidente que en outras, e tamén cun gran compoñente de humor que creo que axuda aínda máis a facer chegar esas críticas ao espectador. Seguro que o nome non vos di nada, pero en canto mencione algunhas das súas series xurdirá esa cara de “¡Anda, é ese!”. Da súa pluma saíron “La ley de Los Ángeles”, “Picket Fences”, “Ally McBeal”, “El abogado”, “Profesores de Boston”, a para min xenial e imprescindible “Boston Legal” e esta de hoxe, que polo momento é a última. Moitas delas son case clásicos do medio e en todas, como dixen anteriormente, hai suficientes elementos non so para o entretemento, senón tamén para a reflexión e o debate.

A protagonista de “La ley de Harry” é Kathy Bates, unha das grandes actrices, impecable sempre e marabillosa moitas veces, ou aterradora nun dos seus papeis máis destacados, a protagonista de “Misery”, aquela muller que secuestraba ao escritor das súas novelas favoritas e ao que torturaba dunha maneira sádica porque non lle gustaba como remataba a súa última novela. Impresionante en “Eclipse total” e entrañable en “Tomates verdes fritos”. Gran cantidade de películas, moitas delas en papeis secundarios sempre importantes, gañadora dun Óscar e de moitos máis premios. A min sempre me gusta e unha película súa sempre é garantía de que imos ver algo decente. Como dixen moitas destas actrices atoparon na televisión un magnífico vehículo para seguir a traballar, cun cine dominado por mulleres moito máis novas e con poucos papeis que realmente merezan a pena. Participou en algunhas producións televisivas, pero é a primeira vez que case se lle prepara unha serie á súa medida, ela é o centro da serie e a que leva o peso. E realmente merece a pena vela, porque a cantidade de sentimentos que é capaz de comunicar a veces so cunha mirada é algo realmente digno de mención. A serie non é nada novidosa, aínda que ten elementos suficientes como para gustar, pero vela no papel da avogada Harriet Korn é algo que merece a pena.

A primeira temporada consta de 12 episodios e foi emitida por Calle 13. Agora están a emitir en Estados Unidos a segunda temporada, mostra de que tivo un certo éxito. Céntrase nas andanzas como avogada de Harriet, unha muller que leva unha vida máis ou menos fácil e gañando moito diñeiro como xurista especializada en patentes que é despedida do seu traballo. Como algunhas outras deste guionista ten unha serie de elementos na historia un tanto humorísticos ou esaxerados. Cando sae do seu despacho no primeiro episodio un rapaz negro cáelle enriba (este rapaz comezará a traballar con ela despois deste suceso) e un avogado novo algo cansado do seu traballo vaina atropelar co seu coche (e este tamén irá traballar con ela). Ve todo isto que lle pasa como un sinal e decide montar un bufete nun barrio problemático e marxinal para defender casos criminais que sempre teñen algún compoñente de crítica social e que poden xerar unha certa polémica, case sempre con protagonistas da rúa, xente corrente que non podería recorrer nunca a un avogado con certo prestixio. Aluga un local que era unha antiga zapatería de luxo na que aínda están a maior parte dos zapatos de prestixiosas marcas, que é o que lles dará algo de diñeiro, xa que a maior parte dos seus clientes son persoas con pouco ou ningún diñeiro. Pasará do mundo frío e máis tranquilo das patentes ao da violencia das rúas, as bandas, os asasinatos ou os problemas sociais, algo completamente descoñecido para ela pero que supón un desafío que lle dará unha nova vida, unha nova perspectiva e moitas gañas de seguir a traballar no mundo da avogacía. Case sen querelo verase inmersa neste novo mundo, algo que fará case que renaza, atopar un novo e gran motivo para seguir adiante, vendo a avogacía doutra forma completamente distinta e con moitas quebraduras de cabeza, sobre todo por cuestións éticas. Nun dos capítulos fai un discursos sobre os avogados e a onde están a ir que é realmente interesante e que da para unha boa discusión. Todos os casos teñen sempre algún compoñente polémico que se pode extrapolar ao campo da crítica social e da situación actual non so dese país, senón de outros moitos. Neste sentido creo que destaca por riba da media e moitos deles serían ideais para facer un bo debate, non so, por exemplo, nun aula, senón tamén incluso nunha boa conversa entre amigos.

Outra das cousas destacadas son os personaxes, deixando a un lado o central que leva a parte máis importante do argumento. Catro ou cinco son os fundamentais e máis de un irá collendo importancia a medida que avanzan os capítulos. Adam Branco (interpretado por Nathan Corddry) é novo avogado que ve o traballo con Harry como un novo reto, escapando dunha exnoiva e dun traballo que non lle satisfai. Harry ao principio non ve claro que poida quedar con ela, parece un rapaz inseguro, tímido e pouco capaz, pero pronto veremos como non é así. Malcolm Davis (o actor Aml Ameen) é outro chico novo, pandilleiro, exdrogadicto pero moi listo, tanto que pouco a pouco irá descubrindo na avogacía un mundo que lle convence, descubríndose como un membro fundamental do equipo. Jenna Backstrom (Brittany Snow) é un dos elementos femininos da historia, a que será medio secretaria medio vendedora de zapatos, unha muller que pode parecer un pouco frívola, pero que xa veremos como non o é tanto. Damien Winslow (Johnny Ray Gill) é o único destes personaxes que pertence ao barrio, é como un protector do mesmo, pero neste caso protexe aos demais das pandillas, das situacións perigosas, dos delincuentes, violento pero ao mesmo tempo consciente de que moitas veces non lle queda máis remedio que facer o que fai. E dos fixos deixo para o final ao meu favorito, a Tommy Jefferson (interpretado por Christopher McDonald); é o avogado mediático, ese que se anuncia na televisión e que é capaz de calquera cousa para conseguir diñeiro e fama. Ao principio faise odioso, faltón, maleducado, prepotente, pero pouco a pouco o seu personaxe vai tomando un camiño que fai que o vexamos distinto, collendo algo máis de protagonismo, non quero desvelar máis porque é mellor ver por onde vai.

En xeral está ben e creo que recomendaría bastante que lle derades unha oportunidade. Nalgún momento cae un pouco en historias sentimentais que parecen romper un pouco a boa dinámica que leva, como querendo darlle outros camiños ademais do dos casos a defender, creo que iso fai que decaia un pouco neses momentos. Pero, en xeral, mantén unha boa media de calidade e entretemento, ademais dese elemento de crítica que quizais sexa o que máis me gustou. Ten momentos realmente divertidos, outros fortes, algúns violentos e outros tristes, nese sentido sabe alternar bastante ben diversas situacións para conseguir a atención do espectador. Non é a serie ideal e hai outras mellores, pero creo que poderedes vela sen que vos decepcione. A min, ademais de estar bastante ben interpretada (destacando por riba de todos a señora Bates e o personaxe de Tommy Jefferson) gustoume bastante e espero a chegada da segunda temporada.


lunes, 17 de octubre de 2011

"La púrpura negra", de Luis Murillo


Hai un par de semanas recibín un correo que me deixou entre gratamente sorprendido e tamén, por que non dicilo, afagado. Nel o autor dunha novela pedíame, moi amablemente, que comentara a noticia da publicación da súa segunda obra. Como, a verdade, non o coñecía persoalmente nin como novelista, o primeiro que fixen foi botar un ollo a súa páxina web e a algúns comentarios que había pola rede sobre el. Contesteille que tentaría ler a primeira, realizar un comentario para o blog e, de paso, mencionar a publicación desa segunda obra, e este é o comentario que vou deixar, unha vez lida “La púrpura negra”, de Luis Murillo, publicada no ano 2008 por VíaMagna (unha editorial que creo que desapareceu) e que neste momento parece ser que está pendente dunha segunda edición, o que pode dar unha idea de que tivo un certo éxito. Xa de entrada direi que a lectura resultoume moi amena e entretida, que xa é un punto a favor.

Luis Murillo é un autor nado en Hinojosa del Duque, provincia de Córdoba, en 1947. Estudou Periodismo na Universidade Complutense de Madrid, tras abandonar os estudios eclesiásticos no seminario. Entre 1969 e 1976 obtén varios premios polos seus contos e algunhas das súas novelas, aínda non publicadas, foron seleccionadas como finalistas en varios coñecidos premios: Planeta, Ateneo de Sevilla ou Blasco Ibáñez. Ata 1985 centrarase no seu traballo como guionista cinematográfico, con dezanove películas de diversos xéneros; varias infantís como as protagonizadas polo grupo Parchís. Entre 1985 e 2005 pasará ao mundo da televisión. Durante catorce anos colaborará cun clásico deste medio, Narciso Ibáñez Serrador en programas como “Hablemos de sexo” ou o xa clásico “Un, dos, tres”; tamén foi director creativo da produtora Videomedia, con programas como “El precio justo” ou “Lo que necesitas es amor”. No ano 2006 volve á literatura, creando o personaxe de Dan Foster, a súa primeira obra é a que vos comento hoxe. “La púrpura negra”, publicada no ano 2008. A segunda é de recente publicación, “Currículum Mortis” e ten previsto para o 2013 unha terceira entrega baixo o título de “Magnum Secretum”. Esta información podedes ampliala tanto na páxina web adicada ao protagonista (www.sagadanfoster.com) como no blog do propio autor (www.lmurillo47.wordpress.com).

Ao igual que outros autores do xénero de acción e aventuras Murillo crea a Daniel Foster, máis coñecido como Dan nas súas novelas. El é o centro da saga novelística creada polo autor. É un personaxe no que podemos atopar influencias dos máis característicos do xénero, pero tamén algunhas características que fan que sexa algo distinto. É un periodista de investigación que ten como obxectivo escribir unha novela sobre algún tema polémico, misterioso ou de actualidade. Con algo máis de corenta anos, nado en Londres, fillo dun periodista inglés e unha tradutora catalá. Ao principio desta primeira novela, tras un problema profesional e unha decepción amorosa decide volver a Barcelona, a casa da súa nai. Aí coñece a Lola Portal, directora e propietaria da editorial Diamante, especializada en publicar libros de investigación sobre temas polémicos e actuais. A acción principal desta novela parte da idea de que Dan escriba unha novela sobre o conclave que se está a celebrar nese mesmo momento tras a morte do último Papa. Para iso deberá infiltrarse no Vaticano para tentar descubrir todo o que ocorre na Capela Sixtina neses momentos. Este personaxe é o fío que aglutina todo a historia, pero a novela vai algo máis aló da mera investigación sobre que ocorre no Vaticano durante esa elección. Dan Foster será algo así como o personaxe que nos irá contando a maior parte das cousas, case como unha testemuña dunha historia de intriga e amor que se vai complicando a medida que avanza, tanto para el como para os lectores. En realidade outros son os verdadeiros protagonistas da historia, aínda que el intervén é máis un espectador cunha importante intervención ao mesmo tempo que o protagonista.

A historia, situada ao redor do ano 2013, parte do momento no que vemos como o conclave que se está a celebrar resulta algo máis complicado do que parecía. Dúas faccións dentro dos cardeais loitan pola elección do seu elixido, pero tras varias votacións ningún dos dous chega a alcanzar o número de votos suficiente. Así veremos como case se produce unha loita de poder entre o grupo máis conservador e outro algo máis aperturista, pero aínda así ningún consegue gañar. Ao mesmo tempo imos descubrindo como a política internacional ten bastante que dicir ao respecto do novo Papa. Mentres isto ocorre é cando Foster acepta o encargo de recabar información sobre este proceso, pero descubrirá cousas que van máis aló. Ao mesmo tempo unhas estrañas profecías de San Malaquías de Irlanda circulan tamén ao redor de toda esta situación, sobre todo unha nova profecía que de casualidade descobre e investiga o profesor Crespo e que dará lugar tamén a un libro. Ao final os cardeais, dunha forma sorpresiva incluso para el, elixen Papa ao cardeal arxentino Jorge Darío Mendoza, que estaba a punto de abandonar a Igrexa polo amor a unha muller que coñeceu case de casualidade. Unha escapada nocturna deste cardeal a mesma noite que o elixen pon en alerta non so a todo o Vaticano, senón tamén a Foster, que ve algo raro na mesma, algo que pode facer que o seu libro cambie completamente de perspectiva. Pero o cardeal Mendoza ve nesta elección unha posibilidade de provocar un cambio radical na Igrexa en moitos campos, tanto sociais como morais ou teolóxicos. Estes cambios evidentemente non serán ben vistos por todos os ámbitos da sociedade e traerán consigo unha serie de intrigas para evitalos. Cales son estes cambios, por onde irán as vidas do cardeal Mendoza, a súa amada ou Dan Foster e algunhas cousas máis será algo que teredes que descubrir vós mesmos, lendo a novela.

É unha novela de acción e aventuras que mistura elementos que podemos considerar como realistas con outros algo máis fantásticos, como toda novela deste xénero ten normalmente. Entre dentro deste tipo de novelas con intrigas relixiosas, políticas e sociais que alterna investigación, escenas de acción, amor e case todos os elementos típicos deste xénero. Autores como Dan Brown, David Baldacci ou similares, moito máis coñecidos que Luis Murillo manexan todos estes elementos, normalmente con mestría. Unha das cousas boas deste novela é que non se perde demasiado en disquisicións doutro tipo, as cousas plantéxanse desde o principio, dunha forma rápida e abrindo unha serie de interrogantes que se irán descubrindo a medida que lemos. O desenvolvemento é áxil e con algunhas sorpresas, previsible nalgúns momentos e inesperado noutros. A pesar desta rapidez e axilidade a narración párase a veces en momentos descritivos que para algúns lectores poden parecer algo esaxerados, refírome a que o autor concreta todo dunha maneira exacta e precisa, mencionando marcas, cores, nomes de case todo o que aparece; recordándome a este respecto nalgún momento a unha novela de hai anos, “American Psycho”, que tamén tiña esta forma de describir. Claro que o que para algúns pode ser un leve defecto a outros pode gustarlles moito, iso xa é unha cuestión moi persoal. O estilo é directo, unha forma de escribir que anima a ler, fundado sobre todo na intriga da historia e nas varias liñas polas que discorre que vai alternando nos distintos capítulos, curtos e directos. Nótase a súa experiencia na escritura de guións, tanto para televisión como para o cine, é fácil imaxinalo todo como se estiveramos vendo a historia na gran pantalla ou na nosa casa. A trama central xoga cun tema relixioso e a modernización da Igrexa, unha serie de avances propostos por ese novo Papa que van agradar a moitos e molestar a outros. Veremos como ao final, como todos sospeitamos en realidade, o mundo está controlado e dirixido polas grandes empresas e a política de alto nivel.

Os personaxes están ben deseñados e todos eles teñen unha serie de características moi particulares. Dan Foster é o fío condutor e o lector vai descubrindo a trama case ao mesmo tempo que el. Para min o máis destacado, non so por levar a parte central da historia, é o cardeal Mendoza, un home que se ve sorprendido polas circunstancias pero que, a pesar da súa situación persoal, ve que se lle ofrece unha oportunidade inigualable para cambiar as cousas e a visión que o mundo ten da Igrexa Cristiá. Tamén teremos antigos axentes da CIA metidos a sacerdotes cunha aparición destacada, asasinos profesionais, médicos e políticos de algo nivel; todos eles cunha importante intervención no desenvolvemento dos feitos.

A min pareceume unha lectura moi entretida e xa a recomendei a varias persoas. Non é que aporte gran cousa ao xénero, pero ten suficientes elementos tanto como novela como en moitas das cousas que di, para resultar atractiva ao lector. Quizais unha das cousas que máis me gustaron é que a pesar de xogar un pouco coas polémicas sobre a Igrexa os argumentos que da para todos eses cambios non son un mero elemento de polémica, senón que están bastante ben argumentados e xustificados, outra cousa será que eses argumentos convenzan ao lector. Lina un pouco obrigado pola petición do autor, pero non me arrepentín para nada de facelo, enganchoume bastante e gustoume. Quizais algunhas das cousas poden resultar demasiado fantásticas (aínda que este sexa un elemento básico e constante deste tipo de novelas) e refírome non ao argumento, senón a outro tipo de elementos que tampouco quero desvelar aquí para non estragarlle a lectura a ninguén.

Recentemente Luis Murillo acaba de publicar a súa segunda novela, “Curriculum Mortis” con Adhara Editorial, segunda entrega do que el mesmo denomina a saga de Dan Foster. De novo unha novela de suspense internacional na que o protagonista viaxa a Estados Unidos para realizar unha investigación sobre unha serie de misteriosos asasinatos, un virus, a desaparición dunha famosa doutora, a aparición dun novo amor na súa vida, estrañas organizacións secretas e incluso relacións co asasinato de Kennedy ou a morte de Marilyn Monroe. A historia non ten mala pinta, así que non dubidedes de que algún día aparecerá por aquí.

domingo, 9 de octubre de 2011

"No abras los ojos", de John Verdon

No mes de xaneiro deste mesmo ano comentaba a primeira novela deste autor. Un home xa maior que unha vez xubilado tomou o camiño da novela por primeira vez. A novela era “Sé lo que estás pensando” e o autor John Verdon. Naquel momento xa dicía que firmara un contrato de tres novelas co mesmo personaxe coa súa editorial. A segunda apareceu recentemente e titúlase “No abras los ojos”, que é a que vou comentar hoxe. Dicía naquel momento que era unha historia englobada dentro do xénero negro e que tivera moi boas ventas en todos os países nos que se publicara. Non estaba mal, entretívome bastante e ata me enganchou un pouco, metido nunha trama que resultaba interesante e algo novidosa nalgunhas cousas. Xa de entrada vou dicir que esta segunda non me gustou demasiado, non conseguiu que tivera ganas de seguir a ler, de seguir avanzando na historia e levoume máis tempo do que esperaba, ademais de ser algo máis longa que a anterior, que quizais fóra un dos seus méritos, concentrar unha historia complicada en non demasiadas páxinas para non cansar ao lector con tantos interrogantes e liñas de     investigación que non se sabía demasiado ben a onde levaban. Dentro do xénero non é que sexa unha mala novela, pero quizais non aporte demasiado ao mesmo, o que non quere dicir que sempre haxa que aportar algo, pero non repetir sempre os mesmos esquemas. Ao final destas liñas explicareime un pouco máis.

Do autor non vou engadir nada, remítome á recensión anterior, xa que pouco cambiou desde entón. Como digo, firmou por tres novelas, esta é a segunda e seguramente en breve, aproveitando o tirón, aparecerá a terceira, que aínda que non o creo, espero que cambie un pouco a liña marcada.

O personaxe central é o mesmo, o detective retirado Dave Gurney e sitúase aproximadamente un ano despois da resolución do caso da novela anterior. A investigación xorde do brutal asasinato de Jillian, unha rapaza problemática que será degolada o día da súa voda nunha cabana preto da casa onde se celebra a mesma. Ía casar cun famoso psiquiatra, o doutor Scott Ashton, que ademais era o terapeuta da falecida. As primeiras e máis claras sospeitas recaen sobre Héctor Flores, un xardineiro hispano que leva un tempo traballando para o doutor Ashton, pero xa iremos vendo que nada é como parece. Dave Gurney vive con Madelaine, a súa muller, nunha casa no campo, encargándose das cousas de todos os días e, por que non dicilo, aburríndose un pouco. No fondo bota de menos a vida de detective e a súa muller, aínda que non lle guste nada, é consciente diso. Un día recibe unha chamada do detective en activo Jack Hardwick, un personaxe que xa tiña un papel importante na historia anterior. Ademais deste, varios serán os personaxes desa mesma novela que van repetir nesta e sigo pensando o mesmo ao respecto. Hai algúns que merecerían un desenvolvemento e unha intervención maior na historia, pero que seguen a quedar en papeis secundarios, case facendo bulto e cunha participación case testemuñal. Polas súas características ou personalidades parécenme interesantes, pero quedan niso, en peóns dentro dunha historia completamente ao servizo do seu protagonista. Cando o detective Hardwick chama a Gurney e lle comenta o caso que centra a historia e o perdidos que están, cóntalle as circunstancias do mesmo e o desconcertante das pistas que teñen. Ademais, por diferencias no plantexamento, el foi relevado do caso, que foi asignado a outro grupo co que non se leva demasiado ben e que elaborou una serie de hipóteses que a el non lle parecen demasiado lóxicas. A nai de Jillian, Val Perry, está desesperada pola situación, pasaron varios meses desde o brutal asasinato e non se sabe nada aínda e o principal sospeitoso desapareceu. Así que Hardwick lle di a Val Perry que chame a Gurney para que este, como investigador privado, tome contacto con toda a documentación, a ver se el pode descubrir algo que aos demais se lles escapara. Gurney agora é famoso polo caso da novela anterior, pero el sabe que a súa muller non lle vai facer ningunha gracia que acepte o encargo. Pero as circunstancias do asasinato serán un novo desafío para el que será incapaz de non aceptar, así que se dará un prazo de dúas semanas para descubrir algo, se nese tempo non logra avances importantes deixarao. Claro que isto a súa muller non lle vai facer ningunha gracia, aínda que sabe que el é o mellor e que a súa capacidade de dedución e de atencións aos detalles fan del alguén especial non quere que volva a unha vida que so conseguía que estivera lonxe dela e dos seus. Unha noiva que aparece coa cabeza cortada posta enriba dunha mesa, un rastro que acaba de forma misteriosa e unha serie de personaxes que parecen esconder algo, ningún parece ser como realmente é. Este será o novo desafío que aceptará Dave Gurney, que sairá do seu retiro para entrar nunha historia chea de interrogantes, de pistas que parecen non levar a ningún lado, de pezas que non encaixan de ningunha maneira, ¿cal será a peza que falta?

Este é máis ou menos o argumento da historia tentando non desvelar nada aos lectores, claro. ¿Por que non me gustou demasiado? Por un lado a resposta é sinxela, moitas das cousas que comentei cando falaba da novela anterior como interesantes poderían aplicarse do mesmo xeito. Quedei coa sensación en máis dunha ocasión de estar a ler case o mesmo. Elementos como a intervención da súa muller, algúns personaxes secundarios ou os interrogantes que xorden ao longo da historia, cousas que me gustaron algo na outra, repítense de tal maneira neste que en máis dunha ocasión incluso cansoume. Tiña a impresión de estar a ler algo tan parecido que non me enganchaba, lía un pouco e non me pasaba como con outras, podía deixala enriba da mesa con toda tranquilidade e poñerme a durmir para seguir ao día seguinte. Ademais a resolución, como soe ocorrer nalgúns casos, é demasiado rápida, tras un montón de páxinas de plantexamentos máis ou menos aceptables, todo se resolve nunha poucas páxinas dunha forma algo, para min, case casual. Neste caso, ademais, unha das cousas que me gustaron da outra, a intervención da súa muller plantexándolle interrogantes ou preguntas para botarlle unha man queda algo máis reducida. Gurney resolve el so case todo e esa intervención parecíame interesante. Incluso o personaxe de Jack Hardwick perde tamén algo de forza. Creo que se concentra demasiado no protagonista e segue sen sacar demasiado dos personaxes secundarios. O caso a investigar é interesante e curioso, pero é como se xa no lo souberamos. Cousas raras, personaxes estraños e situacións que non teñen unha explicación lóxica son a constante, pero claro, iso xa pasaba antes noutra. Hai autores con sagas moi extensas centradas nos mesmos personaxes que se preocupan de darlle algunha sorpresa ao lector, aínda mantendo un esquema saben e dominan a historia e sabes que sempre atoparás algo novo e interesante. A min iso non me está a pasar con John Verdon, a verdad. Incluso houbo cousas que non me cadraron demasiado, que parecían metidas á forza para introducir máis interrogantes na historia e incluso me quedou a sensación de que algunhas cousas quedaban como colgadas, sen que foran demasiado claras para o lector. Incluso o título non me pareceu demasiado acertado, cando o leades xa o comprobaredes.

¿Recomendaría a novela? Ben, como unha lectura sen demasiadas pretensións ao mellor si, pero se se quere ler algo interesante, ameno e cunha intriga de verdade non estaría dentro das miñas primeiras eleccións se alguén me pregunta. Tampouco creo que sexa mala, simplemente parecume frouxa, moito máis que “Sé lo que estás pensando”. Dáme a impresión de que hai máis de aproveitamento do tirón de ventas deste e que foi escrita con bastante rapidez, xa que saíu aos poucos meses, así que vexo máis marketing que outra cousa. Para os verdadeiros afeccionados á novela negra creo que non é demasiado interesante. ¿Lerei a seguinte? Posiblemente, pero tampouco é algo que teña demasiado claro, iso sempre dependerá do momento no que estea e da lista de lecturas pendentes que teña, aínda que case sempre dou outra oportunidade, nunca se sabe, sempre te poden sorprender. Como sempre isto é unha opinión persoal, non sei se estaredes de acordo ou non, pero me gustaría sabelo.

viernes, 30 de septiembre de 2011

"A modelo descalza", de Jordi Serra i Fabra






Ao longo de curso, sobre todo ao principio, varias son as editoriais que veñen polo Instituto a deixarnos algúns exemplares ou información sobre as novidades de literatura xuvenil ou clásica que teñen dentro dos seus catálogos. Xa comentei algunha vez que moitas das obras que chegan a nos enmarcadas dentro do concepto de “literatura xuvenil” sóenme parecer bastante frouxas, excesivamente simples ou pouco ou nada orixinais tanto nos plantexamentos argumentais como no estilo que utilizan. Evidentemente temos por costume ler a maior parte delas, buscando algo que poida gustarlle ao noso alumnado e que faga crecer as poucas ganas que teñen de ler a maior parte deles, claro que sempre hai excepcións. Pero poucas destacan, sempre dentro dos nosos gustos subxectivos evidentemente, e moitas veces é mellor acudir ás novelas xuvenís ou de aventuras de toda a vida, moitas das que nós limos cando eramos máis novos, xa que con elas normalmente soemos acertar. De todos modos sempre hai algunha sorpresa e algunha novela que nos chama a atención e coa que pensamos que podemos acertar e que lles pode gustar. Tamén hai unha serie de autores cos que case sempre se acerta, a maior parte deles coñecidos e case especialistas en escribir novelas axeitadas para o grupo de idade no que están os nosos alumnos e alumnas. E non son poucos eses autores que saben escribir historias cunha certa intelixencia, con calidade e que resultan atractivas, entretidas e normalmente bastante ben escritas. Iso non quere dicir que todas as súas obras estean á mesma altura, ademais de que son novelistas cunha ampla produción na que hai de todo, pero normalmente están algo por riba da media habitual e teñen algunhas realmente destacables. Ven esta introdución a que a novela que vou comentar hoxe está dirixida a este público xuvenil e escrita por un deses especialistas no xénero, Jordi Serra i Fabra. A novela titúlase “A modelo descalza”, publicada no ano 2010 por Siruela. No meu caso lina nunha recente edición en galego deste mesmo ano 2011 pola Editorial Galaxia na súa colección “Costa Oeste”. O responsable da tradución ao galego deste novela é Ramón Nicolás Rodríguez, compañeiro de traballo e, sobre todo, amigo.

Jordi Serra i Fabra é un escritor nacido en Barcelona en 1947. A súa obra é moi extensa, sería case imposible facer unha recensión bibliográfica da mesma, pero tocou practicamente todos os temas e rexistros na súa narrativa, tocando case todos os xéneros. É un dos autores españois máis importantes dentro da Literatura Infantil e Xuvenil, un elemento fundamental do xénero tanto en España como en Latinoamérica. Curiosamente a outra faceta na que destaca é no mundo da música rock, sobre todo na producida a partir dos anos 60, é autor de varios libros con esta temática; desde biografías das grandes estrelas deste xénero musical, unha “Historia do rock” (1981-1983) en varios volumes, unha Enciclopedia sobre o mesmo tema ou un libro como “Cadáveres bien parecidos” (1987) sobre grandes figuras do rock xa mortas, a última polo momento unha historia do rock catalán publicada no ano 2007. ademais foi fundador e director de varias revistas sobre este tema. Comezou a escribir moi novo, aos 12 anos escribiu a súa primeira novela longa, dunhas cincocentas páxinas. Terminou os seus estudos de Bacharelato Superior e empezou os de aparellador, estudando de noite e traballando de día nunha empresa de construción. A principios dos 70 comeza a súa relación co mundo da música o que o vai levar a deixar os estudos e empece a traballar como comentarista musical. A partir de 1975 gañará varios premios literarios, o Vila de Bilbao (1975), finalista do Planeta en 1978, Premio Gran Angular de Literatura Xuvenil (1981, 1982, 1991). En 1998 a súa novela “El joven Lennon” está case un ano na lista das máis vendidas de literatura xuvenil e as súas obras comezan a traducirse a gran cantidade de linguas. No ano 2002 aparece no oitavo posto na lista de autores máis lidos nos centros de ensino, rodeado de autores clásicos e o único dedicado ao xénero xuvenil e infantil. Imposible facer unha recensión bibliográfica dunha produción moi extensa, preto dos 400 libros e superando os nove millóns de exemplares vendidos. A cantidade de premios gañados coas súas obras tamén é moi grande e varias das súas novelas foron levadas ao teatro e algunhas á televisión. En 2006 e 2010 foi candidato ao premio Hans Christian Andersen. No ano 2004 creou a “Fundación Jordi Serra i Fabra” coa intención de promover a creación literaria entre rapaces de lingua española que cada ano convoca un premio para menores de 18 anos. Nese mesmo ano creou tamén a “Fundación Taller de Letras Jordi Serra i Fabra” con sede en Medellín, que atende a máis de cen mil nenos e rapaces cada ano, con programas de animación e estimulación da lectura, outros para escritores novos ou para formadores e lectores e institucións comprometidas na formación de lectores.

O protagonista de “A modelo descalza” é Jon Boix, un periodista novo que traballa para a revista “Zonas Interiores”, que dirixe a súa nai. Ao principio da historia chega a Barcelona tras unha viaxe por África para realizar unha investigación sobre rapazas deste continente que son recollidas por grupos case mafiosos para traballar como modelos. Ao acender o televisor descobre unha noticia que o deixa atónito. Unha antiga noiva súa, Alexandra, agora unha das máis famosas modelos de moda, foi detida acusada do asasinato de Christian Van Peebles, outro famoso modelo. Tras o que parece unha noite chea de alcohol, drogas e sexo el aparece morto a coiteladas e ela sae da habitación gritando e nun estado preto do histerismo. A policía detena como a culpable do delito e cando Jon chega a investigación está no seu punto máis alto. Jon está convencido de que ela non pode ser culpable. Coñeceuna cando facía un artigo para a revista na que traballa, cando ela era xa unha modelo famosa e el investigaba as súas orixes, a súa vida antes de chegar a ese lugar e de aí xorde unha relación que durará uns tres anos pero que rematou, sobre todo polo difícil de manter coas continuas viaxes que ambos realizaban, a fama e outras circunstancias. Pedindo axuda a súa nai, Paula Montornes, que como directora dunha revista de prestixio pode facer que se lle abran algunhas portas, Jon verase inmerso de cheo na investigación policial tentando demostrar a inocencia de Alexandra. Entrará nun mundo de intrigas e mentiras, a medio camiño entre a investigación periodística e a policial que o levará a lugares e situacións inesperadas e perigosas.

Quizais non sexa unha das mellores novelas do autor, pero aínda así, como dixen ao principio, está por riba da media habitual no xénero. Trala súa lectura podemos descubrir gran cantidade de temas tratados sen demasiada profundidade pero si o suficientemente esbozados como para que poidan dar xogo en debates ou charlas sobre a lectura realizada, ao mesmo tempo que poden axudar ao lector a pensar ou reflexionar sobre unha serie de temas. Desde a moda, a escravitude da fama, o mundo corrupto e falso que rodea a este mundo das modelos, as drogas e o alcohol, os seguidores dos famosos, as relacións persoais, o prezo da fama, os desfiles, as festas e os axentes. Tanto os temas tratados como a forma de facelo creo que poden resultar interesantes e amenos para os lectores máis novos. Para os que non o sexan tanto tamén pode ter interese, a min non me aburriu e me resultou bastante interesante e entretida. A lectura faise con facilidade e fluidez, e o autor tampouco se perde en divagacións nin anécdotas, é bastante directo e conciso, sobre todo tendo en conta para quen está pensada en realidade.

Como sempre Serra domina a narración, unha prosa áxil, directa, con moito ritmo, predominando o diálogo sobre as partes meramente narrativas, frases curtas e sen divagacións. Un estilo que pode parecer simple pero que non o é, o lector entra directamente dentro da historia dun modo ameno e entretido sen demasiados elementos que poidan distraelo da mesma. Tratar estes temas mencionados meténdoos dentro dunha trama de asasinato e investigación fai que se perciban dun modo natural e esa investigación que Jon realiza é bastante realista e crible, nada fantasiosa, dándolle algo máis de realidade a todo o contado.

Para min moi recomendable dentro do grupo de idade ao que vai dirixido, Serra i Fabra acerta case sempre e ten perfectamente collido o esquema para atraer aos lectores xóvenes, ademais sempre cun estilo bastante definido pero ao mesmo tempo cunha gran variedade de temas, esquemas, personaxes, desenvolvementos... Penso que pode ser unha boa lectura para algún grupo de 4º da ESO e que pode resultarlles interesante e atractiva. Os máis adultos tamén poden darlle unha oportunidade, estou case seguro de que lles vai gustar, aínda que poida faltarlle a profundidade que este tipo de lector pídelle a unha historia creo que é mellor que outras que circulan por aí pensadas máis para eles.

domingo, 25 de septiembre de 2011

Garrick, de El Tricicle

Vivir nunha cidade de tamaño medio ten as súas vantaxes e inconvenientes. Unha das cousas que máis botamos de menos con respecto ás grandes é a oferta cultural, sobre todo no que se refiera a musicais, concertos ou obras teatrais. Aquí en Vigo imos salvando a cousa de vez en cando gracias á obra social de Novacaixagalicia, que de vez en cando, nin moito nin pouco, vainos deixando cousas, ademais a prezos máis ou menos razonables. Ven isto a conto de que con este comentario inauguro unha nova parte neste blog, que tamén está relacionada co tema xeral, dedicada ao teatro e actuacións deste tipo que vexamos de vez en cando. Non imos moito, pero sempre que podemos aproveitamos para ver algunhas cousas interesantes, amenas, divertidas ou que nos pareza que poden merecer a pena. En concreto onte, 24 de setembro, fomos ao teatro García Barbón a ver a un dos grupos cómicos españois que creo que merecen máis a pena, levan moitos anos xuntos e penso que son coñecidos por todos, o Tricicle.

Este grupo catalán, formado por Joan Gracia, Paco Mir e Carles Sans empezaron aló polo ano 1979, desde entón interpretaron por todo o mundo sete obras: Manicomic, Exit, Slastic, Terrific, Entretrés, Sit a que vimos onte, Garrick. Nestes anos ademais produciron moitos outros espectáculos, programas de televisión e incluso algunha produción cinematográfica. Garrick é a última polo momento, con representacións que se iniciaron alá polo ano 2007. Como a vida media de cada unha delas ven sendo duns catro anos, parece que en breve nos sorprenderán con algo novo. O teatro non era, polo que parece, a súa idea inicial, pero deixaron os seus estudos e matriculáronse no Instituto de Teatro de Barcelona con idea de aprender todo o necesario; pero eles mesmos recoñecen que onde máis aprenderon foi vendo películas de Wilder o Keaton na filmoteca de Barcelona. Desde sempre a base do seu humor é a mímica, os xestos e o uso mínimo da palabra, e son auténticos xenios nese tipo de humor. Desde os seus inicios viron que o uso continuo de breves gags era a mellor forma de manter a atención do público. En 1982 xuntan os mellores sketch que tiñan e iso da pe a Manicomic, o seu primeiro espectáculo que terá un enorme éxito. Unha aparición no programa “Un, dos, tres” será o seu salto á fama. Recordo perfectamente esa actuación, que foi a que me levou a ir velos a primeira vez que viñeron a Vigo. Gardo un recordo xenial da mesma, ao aire libre na praza do Concello, cun pequeno escenario e cadeiras de madeira; pero o que máis me sorprendeu foi que ao rematar estaban os tres na saída preguntando ao público a ver que nos parecera, que nos fixera máis gracia ou menos e esas cousas. Este costume, a pesar de levar 31 anos enriba dos escenarios non o perderon, un bo detalle.

A base das súas montaxes é o gag, buscando unha complicada media de un cada dez segundos. Eu non sei se é así ou non, pero sei que onte pasei hora e media xusta sen parar de rir en ningún momento, eu e todo o teatro, claro. Ademais polo que vin non é sempre igual, algúns vannos cambiando en función dos resultados, eliminando uns e engadindo outros, son montaxes en constante revisión. Outra cousa que destacaría e que tamén me gustou sempre deles é que non necesitan meterse con ninguén, imitar a ninguén, faltarlle ao respecto a ninguén, o seu humor, ademais de internacional e comprensible por calquera está completamente lonxe do mal gusto ou a chabacanería. Tampouco son exactamente mimos, non usan palabras. Eles chámano “teatro de acción”, de xestos dinámicos, sempre en constante movemento, con escenas curtas, uso de onomatopeas (e algunha palabra de vez en cando, pero poucas) e cun certo elemento de humor surrealista nalgúns momentos. Outro dos seus méritos é que é un humor internacional e do que pode disfrutar todo o mundo, sen distinción de idades, sexos, nacionalidades... Hai uns anos conseguín uns vídeos das súas actuacións e llos puxen de vez en cando aos meus fillos. Cando vin que viñan lles comentamos se querían ir velos e a resposta foi inmediata e unánime, ¡claro que queremos! Onte disfrutaron como poucas veces na súa vida, daba gusto velos rindo a gargalladas, sempre cun sorriso na boca. Eles mesmos recoñeceron ao saír que fóra o máis divertido que viran nunca e que lles doía todo de tanto rir; e nós tamén, claro. A verdade é que foi unha das mellores cousas que vimos nun escenario nestes últimos anos, e iso que procuramos levalos a todo o que pensamos que pode gustarlles ou merecer a pena, pero o Tricicle está agora no primeiro lugar da súa lista.

Eu penso que non é nada sinxelo nin fácil o que fan. Parten de cosas cotiás e búscanlle a parte cómica, unhas veces esaxerándoas ou dándolles xiros inesperados. Moitas das situacións xa as vimos noutros sitios, pero eles saben darlle o toque persoal para que parezan outra cousa. É un humor simple, sinxelo pero ao mesmo tempo moi complicado e traballado. A pesar do difícil que é, cada espectáculo seu é distinto, non é como noutros casos que pensas que isto é máis do mesmo, a base é a mesma, pero sempre é distinta. Ademais podes ver os espectáculos máis dunha vez, pasado un tempo, e volver a rir case como a primeira vez. É un humor que mistura elementos de sempre co seu propio toque orixinal co que os seus espectáculos resisten perfectamente o paso do tempo.

Garrick está protagonizado por tres actores en bata branca en gran parte do desenvolvemento, como se foran doctores do humor, sobre todo nunha época na que está de moda a risoterapia. Parten dunha ida, os nenos rin máis de trescentas veces ao día, que gusto, os adultos so unhas quince, así que o mellor es ir velos para compensar esa diferencia e rir a gusto durante un tempo, disfrutar sen romperse a cabeza e ir, ata cansarse. Sketch sobre os tipos de risa, como se produce o humor ou as técnicas ou situacións que a provocan. O título é unha homenaxe a David Garrick, un comediante inglés do século XVIII do que se di que estaba extraordinariamente dotado para a comedia, tanto que algún médicos recomendaban a asistencia as súas actuacións como unha especie de remedio máxico capaz de curar calquera mal.

A recomendación de hoxe é sinxela, os que os coñezan xa saben que asistir a un dos seus espectáculos é garantía de pasalo xenial e rir sen parar. Durante hora e media esqueceredes as cousas de todos os días e saír esgotados de tanta risa, case como se correrades un maratón (ou dous). Para nós foi toda unha experiencia e para os meus fillos algo que creo que non van esquecer en moito tempo, seguro que están desexando que volvan a Vigo para ir velos de novo. Máis de trinta anos nun escenario, sempre eles tres, sen cambios e coa mesma dinámica. Ademais nótase que gozan co que fan, en máis dun momento dálles a risa a eles mesmos con algunha saída ou escena, unha demostración de que están a facer algo que os enche e os satisface plenamente. Penso que non hai ningún grupo de actores que leve tal cantidade de anos traballando xuntos e non se perciba ao velos o cansazo dos anos, senón todo o contrario, disfrutan rindo e sobre todo facendo rir ao público. Creo que esta xira está rematando, pero se tedes a oportunidade de asistir a unha das súas actuacións, non a deixedes pasar, durante hora e media ides pasalo xenial, algo difícil de esquecer.

miércoles, 21 de septiembre de 2011

"Rusos. La novela de Rusia", "Russka", de Edward Rutherfurd


Ben, hoxe volvemos á novela, que estes últimos centráronse no tema visual, sobre todo porque no verán leo algo menos, o tempo libre adícase a outras cousas. Aínda así teño varias pendentes que irán aparecendo estes días e algunha que estou a ler agora.

Outra novela histórica e dun autor que xa apareceu por aquí. Non é recente, publicouse por primeira vez en 1991 pero como comentei no seu momento as que lin deste autor gustáronme moito e tiña pendentes algunhas das súas primeiras obras e entre outras máis novas meto no medio algunha destas. O autor é Edward Rutherfurd e neste caso a novela é “Russka. A novela de Rusia” aínda que tamén pode atoparse como “Rusos. A novela de Rusia”. A pena é que é unha novela editada nese ano pero que hai moito que non se reedita, co cal non é nada fácil de atopar, a ver se algunha editorial anímase a sacala de novo, porque creo que merece moito a pena. En febreiro deste mesmo ano comentei a última novela deste autor, “Nueva York”, que me gustara bastante. Posteriormente alguén preto de min, trala súa lectura, díxome que lle gustara, pero non demasiado, porque parecíalle algo fría, falta de emoción, con pouco sentimento e moi centrada nas cuestións históricas, máis que na propia historia. Isto levoume a pensar que desde o meu punto de vista hai como dous tipos de novelas históricas. Unhas céntranse máis nos personaxes ficticios creados polo autor e a historia funciona como un marco para desenvolver unha serie de acontecementos. Estas soen estar dentro do xénero histórico, pero eu véxoas máis como novelas de aventuras dentro dun momento histórico determinado. Logo temos outras que, en cambio, céntranse máis nos feitos históricos, en poñer a unha serie de personaxes dentro dun momento e contarnos case o que pasou realmente que a vida deses personaxes. A min, se están ben feitas, gústanme os dous tipos (e máis que podería haber, claro) pero podo aceptar que a lectura de “Nueva York” poida resultar algo seca, con pouca comuñón cos personaxes por parte do lector. Creo que esta de hoxe non lle pasa o mesmo, quizais porque nela o autor párase máis en cada época e os personaxes están máis desenvolvidos e metidos na trama, mentres que na anterior nalgúns momentos pasaba case como de puntillas pola súa vida.

Xa comentei no seu momento que Edward Rutherfurd chegou ás miñas mans a través de “Londres”, que era unha historia que resumía nun bo montón de páxinas a historia de Inglaterra a través do tempo centrándose nesa cidade. Este autor está especializado neste tipo de novelas, obras moi extensas que nos van contar a historia dun país ou dunha cidade, o que supón un tremendo e enorme traballo de documentación e investigación e, penso eu, unha gran capacidade para coller esa enorme cantidade de datos e traspasalos a unha novela, facéndoo moi ben. Neste caso vainos contar a historia de Rusia, empezando brevemente cara ao ano 180 despois de Cristo e chegando, máis ou menos, ata 1940, xa que o que pasa despois dese ano está concentrado nunhas poucas páxinas. Unha novela dunhas mil oitocentas páxinas que non se me fixo nada pesada nin longa, enganchoume case desde o principio e seduciume coa historia dos personaxes, pero sobre todo coa historia de Rusia. Ademais rompía un pouco con esa dinámica das historias medievais que lin ultimamente, que tampouco está mal cambiar de época de vez en cando. A verdade é que me fascinou, non é que a descoñecera, pero si moitas das cousas que conta, moitísimas, eran novas para min e resultoume moi interesante, ao mesmo tempo que amena. En moitos momentos custábame deixar de ler e estaba desexando seguir e seguir, bo sinal cando un ponse diante dunha novela tan longa. Os campesiños, os zares, a nobreza, os revolucionarios, os bolxeviques, a cantidade de guerras nas que se viron inmersos, os enfrontamentos con todos os países preto deles e o desenvolvemento dun país enorme en extensión que crecía e decrecía cunha facilidade asombrosa. Como se foi estendendo, cambiando moi pouco a pouco, inmersa ata non hai moito nunha sociedade completamente feudal onde a nobreza e os zares facían e desfacían ao seu antollo. Grandes personalidades foron os seus dirixentes, algúns moi fortes e outros moi febles. Ademais os personaxes centrais están en contacto con todos eses personaxes históricos como elementos fundamentais dos cambios e os acontecementos, as veces custa crer que esteamos ante persoas ficticias porque consegue que os vexamos case tan reais como os que existiron. Pero non so políticos pasarán polas súas páxinas, tamén aparecerán músicos, escritores, artistas, arquitectos..., todas as grandes personalidades da historia de Rusia están presentes nas súas páxinas. Coñeceremos a historia dun país con moitos momentos encontrados, grandes contrastes, unha extensión de terreo que mistura riqueza e pobreza; con moitos momentos nos que tradicións seculares chocan de fronte coa necesidade de desenvolvemento. Estes contrastes son continuos e moi fortes, momentos de gran crueldade que se alternan con outros de gran beleza e creatividade; a gloria duns convive coa miseria de outros. Case dous mil anos de historia concentrados nas súas páxinas.

A historia céntrase en dúas cidades creadas polo autor, que non existiron pero ben poderían facelo, unha no sur e outra no norte e ambas co mesmo nome, que da título á novela, Russka. A primeira e máis antiga e a do norte e a do sur aparece como unha sucesora polos cambios e movementos das familias protagonistas, os seus membros irán pasando por case todos os status, clases sociais ou situacións posibles ao longo da historia. Nelas concentra o autor as características de case todos os núcleos de poboación de Rusia ao longo da historia, o que non quita que boa parte da acción se sitúe, inevitable, na cidade de Moscova ou en San Petersburgo, que son os dous núcleos reais que máis aparecen. Coñeceremos a varias familias ao longo das súas páxinas, os Bobrov, os Suvorin, os Romanov..., e algunhas máis (non moitas, penso eu que para non confundir ao lector) que se verán acompañados deses personaxes reais que xa mencionei. Estes personaxes inventados polo autor van reflectir todas as clases sociais ao longo da historia, todas ou case todas as situacións nas que un habitante deste país puido estar e van intervir en todos os grandes acontecementos, uns dun lado e outros de outro. Moitos deles convivirán con Gengis Khan, Iván o Terrible, Catalina a Grande, Lenin...

O autor conta que durante a súa redacción, entre 1987 e 1991, realizou varias viaxes a Rusia visitando durante varios meses tanto as grandes cidades como a zona do Báltico, cidades medievais, os grandes campos de Siberia ou Ucrania e moitos sitios máis que aparecen reflectidos nas súas palabras. É unha novela histórica con maiúsculas na que plasma practicamente todos os grandes acontecementos da historia deste país, o seu traballo de investigación tanto no propio páis como fóra del a través de lecturas, documentos ou crónicas paréceme inxente e encomiable, tanto como a facilidade e mestría para poñer todo iso dunha forma entretida e amena dentro dunha historia duns personaxes de ficción.

A min gustoume moito e disfrutei enormemente da lectura. Por un lado porque me descubriu a historia dun país que so coñecía por feitos e momentos puntuais, axudándome a entender mellor moitas desas cousas que xa sabía; ademais de descubrirme outras moitas que descoñecía por completo. Seduciume completamente con eses personaxes que recrea, esas familias que van cambiando e crecendo ao longo da historia, cruzándose entre eles, relacionándose e engadindo de vez en cando outros igual de atractivos. A pesar de ser unha novela moi longa non se me fixo pesada en ningún momento. Cada capítulo xeral céntrase practicamente nun século máis ou menos de historia, co que da unha idea excelente de todo o sucedido. Quizais esa sexa unha das súas avantaxes fronte a “Nueva York”, que todo está contado con moita máis calma e con máis datos que axudan a entender mellor as cousas. Outra das súas melloras é que os personaxes parecen máis reais, actúan máis dentro dos acontecementos, non son testemuñas da historia, senón parte activa da mesma. Varios deles deixaron un bo recordo e ao seguilos durante bastante tempo daba un pouco de pena que desapareceran para pasar aos seus descendentes, porque algúns deles son realmente bos, ben deseñados e plasmados sobre o papel coas súas palabras e os seus actos. Ademais algúns deles comparten páxinas con, por exemplo, os seus netos, dando constancia dos tremendos cambios que ía pasando o país. Tras todo isto podedes facilmente deducir que a recomendo bastante, penso que merece a pena embarcarse durante un tempo na historia da cidade de Russka e todos os seus habitantes durante case vinte séculos, non creo que vos defraude. 

jueves, 8 de septiembre de 2011

"Hope" ("Raising Hope")

Antes do comentario dicir que os dous vídeos están en inglés, imposible atopalos en castelán

Hai xa tempo que non tocaba o tema das series televisivas, entre o cine e os libros xa hai da última que apareceu por aquí, así que imos poñerlle remedio. Non é que non siga a ver algunhas, pero ultimamente teño varias novas en espera porque estamos a terminar de ver os últimos episodios de novas temporadas de algunhas que xa comentei, pero en breve aparecerán cousas novas. Non teño por costume comentar ningunha da que non vira, polo menos, a metade dos episodios, creo que é a mellor maneira de facerse unha idea xeral da mesma, pero hoxe voume saltar esa norma e deixarvos unhas liñas sobre unha da que vin tres ou catro capítulos, pero creo que vai merecer a pena sobre todo polo divertida. É unha serie que comezou hai pouco en Fox e que emiten tras a segunda temporada dunha que xa comentei, “Modern Family”. Quizais porque ambas son comedias sobre familias e con esa duración ideal de media hora escasa que permite manter con moita máis facilidade a atención do espectador sen chegar a cansalo. A serie de hoxe titúlase en inglés “Raising Hope”, aquí o deixaron so en “Hope”, en Fox os xoves pola noite, a ver se algunha das cadeas de TDT faise con ela, para min recomendable.

É desas que rompen un pouco coa dinámica das típicas series familiares de comedia americana, cun humor sarcástico, distinto en ocasións, pouco correcto moitas veces e incluso algo basto noutras. É un humor que non fai gracia a todo o mundo, iso o recoñezo, pero a min en concreto gústame esa liña, sobre todo porque sorprende en máis dun caso, xoga con momentos inesperados polo ridículo nalgunhas ocasións ou polo esaxerado noutras, aínda así dubido que algúns dos gags non fagan rir a todo o mundo, aínda que podo equivocarme, claro. O guionista é Gregory Thomas García, outro deses rapaces que levan algún tempo a facer televisión, xa que naceu en 1970. Un dos seus primeiros traballos como guionista foron algúns capítulos dunha serie de hai tempo, “Cousas de casa” (¿Quen podería esquecer ao tremendo Steve Urkel?), unha serie que aínda sendo bastante tradicional xa tiña algúns elementos novidososo. Pero outros podedes coñecelo como o guionista dunha das series de comedia que máis me teñen gustado nos últimos anos, “Chámome Earl”, unha serie para min xenial que chegou ás catro temporadas. Aínda que son distintas no argumento e desenvolvemento teñen ese mesmo tipo de humor moderno, novidoso e cheo de sorpresas; a historia de Earl, o seu irmán, o karma que o levaba a tentar arranxar todos os desastres cometidos ao longo da súa vida, pedir perdón a todos aqueles aos que ofendera baseándose na idea de que ao que fai cousas boas pásanlle cousas boas e se as fai malas terá as súas consecuencias negativas. Recoñezo que non é un humor, o de ambas series, do gusto de todo o mundo (penso que o humor é unha das cousas máis subxectivas deste mundo), pero a min gústame, faime moita gracia.

A historia da que partimos xa ten o seu punto ridículo. Os protagonistas son a familia Chance, clase media baixa americana que tenta sobrevivir como pode, pero hai algo que nunca perden, o optimismo, a alegría de vivir e tentar ser felices custe o que custe, por moi mal que vaian as cousas. Céntrase en Jimmy Chance, o máis novo da familia, fillo de dous pais xoves que o tiveron cando cando eran adolescentes e que vive con eles e a súa avoa materna. Virginia e Burt son os pais, ela traballa nunha empresa de limpeza de casas e el ten unha pequena, moi pequena, empresa de xardinería e limpeza de piscinas, formada por dous traballadores, el e o seu propio fillo. Como non teñen demasiado diñeiro viven na casa da avoa, que ten un Alzheimer galopante e que nalgún momento de lucidez dáse conta de que ten a todos vivindo de gorra na súa casa, ademais confunde a Jimmy co seu defunto marido, pasease pola casa en roupa interior (ou sen ela en máis dunha ocasión) e provoca continuamente situacións moi graciosas. Xa dixen ao principio que está bastante lonxe dun humor politicamente correcto, pero sempre tratado con cariño aínda que pode resultar un pouquiño groseiro nalgún momento. Unha noite Jimmy sae a comprar xeado e coñece a unha chica coa que pasa esa noite. Á mañá seguinte descobren vendo nas noticias que é unha asasina en serie que mata aos seus noivos, así que a deixan inconsciente e chaman á policía. Uns días antes de que a executen Jimmy recibe un aviso para que vaia vela, terá que facerse cargo da nena que tivo no cárcere, el é o seu pai e terá que quedarse con ela. E esta é Hope, a nena que cambiará a vida de todos eles. Os seus pais non aceptan demasiado ben á nova integrante da familia, eles foron pais adolescentes e saben o que pasa (ademais foron uns desastrosos pais, a media que vemos concluímos que é case imposible que Jimmy sobrevivira a tantas cousas) e cren que o seu fillo non está en absoluto preparado para esa responsabilidade (e eles tampouco). A ao redor desa situación desenvolveranse os capítulos, engadindo algúns personaxes como a rapaza do dente morto ou unha simpática dependenta dun supermercado (que de todos eles é a que está máis preto de ser unha persoa digamos normal). Os problemas para atender á nena, a cantidade de novidades que terán que afrontar, combinar educación e traballo e moitas cousas que darán pe a máis dunha situación divertida en cada capítulo, polo menos eu nalgún momento fun incapaz de non soltar algunha gargallada.

No que se refire aos actores dúas caras coñecidas interpretando aos pais de Jimmy. Burt Chance é Garret Dillahunt, unha cara bastante habitual en moitas series, pero faime gracia porque ata agora case sempre interpreta a mafiosos rusos, un asasino, un psicópata e cousas parecidas, este faceta para a comedia é unha novidade para min e teño que dicir que o fai moi ben. A súa muller, Virginia, é a actriz Martha Plimpton, empezou moi nova no cine (xa tiña un papel en “Los Goonies”) e que ultimamente aparece máis en televisión que na gran pantalla. Xenial no seu papel de nai excéntrica, chea de manías, que atesoura cousas nun galpón que non lle valen para nada pero que garda porque nunca se sabe en que momento poden facer falta, soñando sempre con levar unha vida moito mellor, cunha gran casa como esas que ela ten que limpar ou, por exemplo, en ter a foto de familia perfecta para poñer no salón da súa casa. Jimmy é Lucas Neff, case un recén chegado á televisión e que me está a gustar moito, con esa mistura de inseguridade, inocencia e ao mesmo tempo determinación. E o papel de avoa é para Cloris Leachman, unha veterana do cine e a televisión.

Neste momento por aquí podemos ver a primeira temporada, pero por Estados Unidos tivo bastante éxito e os 22 episodios desta terán unha continuación a partir de setembro deste mesmo ano. Son capítulos de algo menos de media hora, que me parece o ideal para unha comedia deste tipo porque así é capaz de manter o ritmo dunha forma continua sen cansar ao espectador e estando sempre pendente de que pode pasar a continuación, porque como xa dixen unha das cousas que destacaría é que ten momentos realmente inesperados que son os que provocan máis situacións cómicas. A min gústame bastante, paréceme moi divertida, sen moitas máis pretensións que o entretemento e creo que o consegue con creces; pero como xa dixen nos temas do humor inflúe moito a subxectividade e algo que a un lle fai gracia a outro déixao indiferente. Teredes que vela para decidir se segue a liña que vos fai rir ou non, espero os vosos comentarios ao respecto.



 

viernes, 2 de septiembre de 2011

"Capitán América"


Xa dixen no comentario anterior que ían pasar dous de cine seguidos. Esta de hoxe hai pouco máis de dúas semanas que a vimos, pero creo que aínda estou a tempo de recomendala, sobre todo aos afeccionados ao xénero ao que pertence. Outra de superheroes, penso que a última deste ano tan pródigo nos personaxes da Márvel, eu varias producións deste ano apareceron baseándose nestes cómics e todas elas foron pasando por aquí. Queda para o ano que ven a esperada cinta baseada en “Los Vengadores” e polo que vin nos avances de estreas, unha nova partindo do personaxe do Motorista Fantasma que tampouco ten mala pinta. A película de hoxe, por se non o deducistes aínda, é “Capitán América. El primer Vengador”.

Un dos primeiros personaxes de cómic que chegaron as miñas mans creo recordar que foi Superman, que non estaba mal pero nunca estivo entre os meus favoritos. Logo empecei a afeccionarme ao que protagoniza a cinta que comento hoxe, e sempre estivo e estará entre os meus preferidos, senón o que máis. Non sei por que me gustaba tanto, quizais porque a pesar de ter poderes tiña un certo aspecto de persoa máis ou menos normal, o polo escudo, que era unha “chulada”. Tamén porque cando empecei con el todas as súas aventuras transcorrían na Segunda Guerra Mundial e o grupo de personaxes que comandaba nas súas incursións contra os alemáns tamén tiña moito atractivo (o meu favorito era BumBum, cos seus grandes bigotes sempre ao lado do protagonista). Ademais sempre foi un personaxe sen demasiados excesos nin barbaridades, era algo máis crible, por dicilo dalgunha maneira, que outros. Así que segue a ocupar o primeiro posto entre os meus superheroes favoritos.

A película transcorre na maior parte da metraxe durante esa época, a Segunda Guerra Mundial. Steve Rogers é un rapaz algo débil fisicamente, pero con moita coraxe e valentía, que está empeñado en alistarse no exército para ir combater a Europa. Todos os seus intentos resultan mal, xa que sempre é rexeitado, chegando a mentir para conseguilo. Un día o profesor Abraham Erskine, un científico xudeu, por casualidade o atopa e cree que é o candidato perfecto para un experimento encamiñado a conseguir ao soldado perfecto. De este modo será admitido nunha unidade especial xunto con outros novos recrutas, dirixidos polo Coronel Chester Philips, pero so un será o elixido. Non parece que vaia ser el, máis débil, peor preparado e con peores condicións físicas, pero ten algo que lle fai destacar por riba dos demais, a súa valentía, o seu aguante, a súa coraxe e, por riba de todas, o seu alto sentido da xustiza. Para sorpresa de todos el será o que chegue a converterse nese supersoldado tras unha serie de inxeccións, chuvia de raios e demais parafernalia típica deste tipo de personaxes. Dirixindo o experimento o millonario Howard Stark (o pai de Tony Stark, máis coñecido como Iron Man). Así Steve Rogers convertérase no Capitán América e a partir dese momento a historia vai tomando direccións distintas ata chegar a ser o heroe que todos os afeccionados ao cómic coñecemos. Non nos deixemos de lado tampouco ao antagonista da historia, o militar alemán fascinado pola mitoloxía Johan Schmidt, que será máis coñecido como “Cráneo Rojo”, un habitual dos cómics e que alberga, claro está, o desexo de dominar o mundo.

O director é Joe Johnston, centrado en películas de carácter familiar e de aventuras, “Cariño, he encogido a los niños”, “Jumanji” ou “Parque Jurásico III”, xunto coa última versión de “El hombre lobo” están dentro das máis coñecidas. Non destaca demasiado nin podo dicir que teña algo característico que defina un pouco as historias que dirixe, non o fai mal pero tampouco hai nada que destacar. Un cine entretido que cumpre coa súa función sen demasiadas pretensións máis. No que se refire aos actores gustoume a elección de Chris Evans para o papel protagonista, está bastante ben e da perfectamente a imaxe do personaxe; se busco algo que criticar non me gusta nada que o mesmo actor encarne a dous superheroes distintos, pero é así. Digo isto porque é o mesmo actor que fai o papel da Antorcha Humana nas dúas películas de “Los Cuatro Fantásticos”, espero que nunca lles dea por xuntalos na mesma, porque a ver que van facer. Xa comentei algunha vez que neste tipo de historias soen buscar a algún actor coñecido para darlle un pouco máis de empaque á película. Neste caso destacan dous actores máis que consagrados. O papel do científico xudeu, Abraham Erskine, está interpretado por un actor especialista en papeis secundarios normalmente, pero que sempre cumpre perfectamente e a min en concreto gústame moito, Stanley Tucci. Outro dos coñecidos é Tommy Lee Jones, outro que soe gustarme, que interpreta o papel do Coronel Philips, o instructor dos futuros supersoldados e que logo terá unha intervención importante durante a guerra xa en Europa. Destacan os dous por riba de todos os demais e literalmente cómense ao resto dos actores en todas as escenas nas que aparecen. O Cráneo Rojo é outro actor coñecido e con boa cantidade de películas as súas costas, a maior parte delas en papeis non protagonistas, Hugo Weaving. Tampouco deixaremos de mencionar o papel feminino, entre outras cousas porque é o único que hai cunha certa importancia, a militar inglesa Peggy Carter, interpretada por Hayley Atwell e que tamén está bastante ben.

A min gustoume bastante, sobre todo porque se axustou perfectamente ao que esperaba. Ten un aire de película antiga, cuns efectos especiais que entran dentro do pouco espectacular aínda que ben realizados, claro está, pero non son o centro da historia e non se comen as escenas importantes. Como transcorre durante a Segunda Guerra Mundial a ambientación tamén contribúe a ese ambiente case dunha serie B das de hai anos pero co aire e o discorrer dunha película moderna. Entretén e está ben feita, as escenas de acción tampouco son a maior parte da historia, quizais me sobre un pouco da parte que transcorre nos Estados Unidos antes de que o Capitán América teña que viaxar a Europa para intervir na guerra, nalgún momento pode facerse un pouquiño tediosa. Desde que comeza a película ata que tomamos contacto co personaxe central non pasa demasiado tempo, non é excesiva a presentación dos personaxes, ademais de que me parece necesaria para o desenvolvemento posterior da historia. Un defecto que lle saco como afeccionado é a pouca importancia que se lle vai dar ao equipo que actúa con el durante a guerra, xa dixen ao principio que BumBum era un dos meus personaxes preferidos do cómic, pero na película case nin se mencionan os seus nomes, aparecen, pegan catro tiros e pouco máis. Creo que imprescindible para os afeccionados ao cómic e entretida para os que non o sexan. Menos transcendente que, por exemplo “Thor”, máis centrada no entretemento, con algúns momentos cómicos ben repartidos para amenizala un pouco e non moito máis. Cumpre co que promete, unha boa historia para presentarnos ao primeiro Vengador, preparándonos para a estrea da película que protagonizarán todos eles xuntos. Espero que, se ides vela, vos guste.