No mes de xaneiro deste mesmo ano comentaba a primeira novela deste autor. Un home xa maior que unha vez xubilado tomou o camiño da novela por primeira vez. A novela era “Sé lo que estás pensando” e o autor John Verdon. Naquel momento xa dicía que firmara un contrato de tres novelas co mesmo personaxe coa súa editorial. A segunda apareceu recentemente e titúlase “No abras los ojos”, que é a que vou comentar hoxe. Dicía naquel momento que era unha historia englobada dentro do xénero negro e que tivera moi boas ventas en todos os países nos que se publicara. Non estaba mal, entretívome bastante e ata me enganchou un pouco, metido nunha trama que resultaba interesante e algo novidosa nalgunhas cousas. Xa de entrada vou dicir que esta segunda non me gustou demasiado, non conseguiu que tivera ganas de seguir a ler, de seguir avanzando na historia e levoume máis tempo do que esperaba, ademais de ser algo máis longa que a anterior, que quizais fóra un dos seus méritos, concentrar unha historia complicada en non demasiadas páxinas para non cansar ao lector con tantos interrogantes e liñas de investigación que non se sabía demasiado ben a onde levaban. Dentro do xénero non é que sexa unha mala novela, pero quizais non aporte demasiado ao mesmo, o que non quere dicir que sempre haxa que aportar algo, pero non repetir sempre os mesmos esquemas. Ao final destas liñas explicareime un pouco máis.
Do autor non vou engadir nada, remítome á recensión anterior, xa que pouco cambiou desde entón. Como digo, firmou por tres novelas, esta é a segunda e seguramente en breve, aproveitando o tirón, aparecerá a terceira, que aínda que non o creo, espero que cambie un pouco a liña marcada.
O personaxe central é o mesmo, o detective retirado Dave Gurney e sitúase aproximadamente un ano despois da resolución do caso da novela anterior. A investigación xorde do brutal asasinato de Jillian, unha rapaza problemática que será degolada o día da súa voda nunha cabana preto da casa onde se celebra a mesma. Ía casar cun famoso psiquiatra, o doutor Scott Ashton, que ademais era o terapeuta da falecida. As primeiras e máis claras sospeitas recaen sobre Héctor Flores, un xardineiro hispano que leva un tempo traballando para o doutor Ashton, pero xa iremos vendo que nada é como parece. Dave Gurney vive con Madelaine, a súa muller, nunha casa no campo, encargándose das cousas de todos os días e, por que non dicilo, aburríndose un pouco. No fondo bota de menos a vida de detective e a súa muller, aínda que non lle guste nada, é consciente diso. Un día recibe unha chamada do detective en activo Jack Hardwick, un personaxe que xa tiña un papel importante na historia anterior. Ademais deste, varios serán os personaxes desa mesma novela que van repetir nesta e sigo pensando o mesmo ao respecto. Hai algúns que merecerían un desenvolvemento e unha intervención maior na historia, pero que seguen a quedar en papeis secundarios, case facendo bulto e cunha participación case testemuñal. Polas súas características ou personalidades parécenme interesantes, pero quedan niso, en peóns dentro dunha historia completamente ao servizo do seu protagonista. Cando o detective Hardwick chama a Gurney e lle comenta o caso que centra a historia e o perdidos que están, cóntalle as circunstancias do mesmo e o desconcertante das pistas que teñen. Ademais, por diferencias no plantexamento, el foi relevado do caso, que foi asignado a outro grupo co que non se leva demasiado ben e que elaborou una serie de hipóteses que a el non lle parecen demasiado lóxicas. A nai de Jillian, Val Perry, está desesperada pola situación, pasaron varios meses desde o brutal asasinato e non se sabe nada aínda e o principal sospeitoso desapareceu. Así que Hardwick lle di a Val Perry que chame a Gurney para que este, como investigador privado, tome contacto con toda a documentación, a ver se el pode descubrir algo que aos demais se lles escapara. Gurney agora é famoso polo caso da novela anterior, pero el sabe que a súa muller non lle vai facer ningunha gracia que acepte o encargo. Pero as circunstancias do asasinato serán un novo desafío para el que será incapaz de non aceptar, así que se dará un prazo de dúas semanas para descubrir algo, se nese tempo non logra avances importantes deixarao. Claro que isto a súa muller non lle vai facer ningunha gracia, aínda que sabe que el é o mellor e que a súa capacidade de dedución e de atencións aos detalles fan del alguén especial non quere que volva a unha vida que so conseguía que estivera lonxe dela e dos seus. Unha noiva que aparece coa cabeza cortada posta enriba dunha mesa, un rastro que acaba de forma misteriosa e unha serie de personaxes que parecen esconder algo, ningún parece ser como realmente é. Este será o novo desafío que aceptará Dave Gurney, que sairá do seu retiro para entrar nunha historia chea de interrogantes, de pistas que parecen non levar a ningún lado, de pezas que non encaixan de ningunha maneira, ¿cal será a peza que falta?
Este é máis ou menos o argumento da historia tentando non desvelar nada aos lectores, claro. ¿Por que non me gustou demasiado? Por un lado a resposta é sinxela, moitas das cousas que comentei cando falaba da novela anterior como interesantes poderían aplicarse do mesmo xeito. Quedei coa sensación en máis dunha ocasión de estar a ler case o mesmo. Elementos como a intervención da súa muller, algúns personaxes secundarios ou os interrogantes que xorden ao longo da historia, cousas que me gustaron algo na outra, repítense de tal maneira neste que en máis dunha ocasión incluso cansoume. Tiña a impresión de estar a ler algo tan parecido que non me enganchaba, lía un pouco e non me pasaba como con outras, podía deixala enriba da mesa con toda tranquilidade e poñerme a durmir para seguir ao día seguinte. Ademais a resolución, como soe ocorrer nalgúns casos, é demasiado rápida, tras un montón de páxinas de plantexamentos máis ou menos aceptables, todo se resolve nunha poucas páxinas dunha forma algo, para min, case casual. Neste caso, ademais, unha das cousas que me gustaron da outra, a intervención da súa muller plantexándolle interrogantes ou preguntas para botarlle unha man queda algo máis reducida. Gurney resolve el so case todo e esa intervención parecíame interesante. Incluso o personaxe de Jack Hardwick perde tamén algo de forza. Creo que se concentra demasiado no protagonista e segue sen sacar demasiado dos personaxes secundarios. O caso a investigar é interesante e curioso, pero é como se xa no lo souberamos. Cousas raras, personaxes estraños e situacións que non teñen unha explicación lóxica son a constante, pero claro, iso xa pasaba antes noutra. Hai autores con sagas moi extensas centradas nos mesmos personaxes que se preocupan de darlle algunha sorpresa ao lector, aínda mantendo un esquema saben e dominan a historia e sabes que sempre atoparás algo novo e interesante. A min iso non me está a pasar con John Verdon, a verdad. Incluso houbo cousas que non me cadraron demasiado, que parecían metidas á forza para introducir máis interrogantes na historia e incluso me quedou a sensación de que algunhas cousas quedaban como colgadas, sen que foran demasiado claras para o lector. Incluso o título non me pareceu demasiado acertado, cando o leades xa o comprobaredes.
¿Recomendaría a novela? Ben, como unha lectura sen demasiadas pretensións ao mellor si, pero se se quere ler algo interesante, ameno e cunha intriga de verdade non estaría dentro das miñas primeiras eleccións se alguén me pregunta. Tampouco creo que sexa mala, simplemente parecume frouxa, moito máis que “Sé lo que estás pensando”. Dáme a impresión de que hai máis de aproveitamento do tirón de ventas deste e que foi escrita con bastante rapidez, xa que saíu aos poucos meses, así que vexo máis marketing que outra cousa. Para os verdadeiros afeccionados á novela negra creo que non é demasiado interesante. ¿Lerei a seguinte? Posiblemente, pero tampouco é algo que teña demasiado claro, iso sempre dependerá do momento no que estea e da lista de lecturas pendentes que teña, aínda que case sempre dou outra oportunidade, nunca se sabe, sempre te poden sorprender. Como sempre isto é unha opinión persoal, non sei se estaredes de acordo ou non, pero me gustaría sabelo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario