Hai un par de semanas recibín un correo que me deixou entre gratamente sorprendido e tamén, por que non dicilo, afagado. Nel o autor dunha novela pedíame, moi amablemente, que comentara a noticia da publicación da súa segunda obra. Como, a verdade, non o coñecía persoalmente nin como novelista, o primeiro que fixen foi botar un ollo a súa páxina web e a algúns comentarios que había pola rede sobre el. Contesteille que tentaría ler a primeira, realizar un comentario para o blog e, de paso, mencionar a publicación desa segunda obra, e este é o comentario que vou deixar, unha vez lida “La púrpura negra”, de Luis Murillo, publicada no ano 2008 por VíaMagna (unha editorial que creo que desapareceu) e que neste momento parece ser que está pendente dunha segunda edición, o que pode dar unha idea de que tivo un certo éxito. Xa de entrada direi que a lectura resultoume moi amena e entretida, que xa é un punto a favor.
Luis Murillo é un autor nado en Hinojosa del Duque, provincia de Córdoba, en 1947. Estudou Periodismo na Universidade Complutense de Madrid, tras abandonar os estudios eclesiásticos no seminario. Entre 1969 e 1976 obtén varios premios polos seus contos e algunhas das súas novelas, aínda non publicadas, foron seleccionadas como finalistas en varios coñecidos premios: Planeta, Ateneo de Sevilla ou Blasco Ibáñez. Ata 1985 centrarase no seu traballo como guionista cinematográfico, con dezanove películas de diversos xéneros; varias infantís como as protagonizadas polo grupo Parchís. Entre 1985 e 2005 pasará ao mundo da televisión. Durante catorce anos colaborará cun clásico deste medio, Narciso Ibáñez Serrador en programas como “Hablemos de sexo” ou o xa clásico “Un, dos, tres”; tamén foi director creativo da produtora Videomedia, con programas como “El precio justo” ou “Lo que necesitas es amor”. No ano 2006 volve á literatura, creando o personaxe de Dan Foster, a súa primeira obra é a que vos comento hoxe. “La púrpura negra”, publicada no ano 2008. A segunda é de recente publicación, “Currículum Mortis” e ten previsto para o 2013 unha terceira entrega baixo o título de “Magnum Secretum”. Esta información podedes ampliala tanto na páxina web adicada ao protagonista (www.sagadanfoster.com) como no blog do propio autor (www.lmurillo47.wordpress.com).
Ao igual que outros autores do xénero de acción e aventuras Murillo crea a Daniel Foster, máis coñecido como Dan nas súas novelas. El é o centro da saga novelística creada polo autor. É un personaxe no que podemos atopar influencias dos máis característicos do xénero, pero tamén algunhas características que fan que sexa algo distinto. É un periodista de investigación que ten como obxectivo escribir unha novela sobre algún tema polémico, misterioso ou de actualidade. Con algo máis de corenta anos, nado en Londres, fillo dun periodista inglés e unha tradutora catalá. Ao principio desta primeira novela, tras un problema profesional e unha decepción amorosa decide volver a Barcelona, a casa da súa nai. Aí coñece a Lola Portal, directora e propietaria da editorial Diamante, especializada en publicar libros de investigación sobre temas polémicos e actuais. A acción principal desta novela parte da idea de que Dan escriba unha novela sobre o conclave que se está a celebrar nese mesmo momento tras a morte do último Papa. Para iso deberá infiltrarse no Vaticano para tentar descubrir todo o que ocorre na Capela Sixtina neses momentos. Este personaxe é o fío que aglutina todo a historia, pero a novela vai algo máis aló da mera investigación sobre que ocorre no Vaticano durante esa elección. Dan Foster será algo así como o personaxe que nos irá contando a maior parte das cousas, case como unha testemuña dunha historia de intriga e amor que se vai complicando a medida que avanza, tanto para el como para os lectores. En realidade outros son os verdadeiros protagonistas da historia, aínda que el intervén é máis un espectador cunha importante intervención ao mesmo tempo que o protagonista.
A historia, situada ao redor do ano 2013, parte do momento no que vemos como o conclave que se está a celebrar resulta algo máis complicado do que parecía. Dúas faccións dentro dos cardeais loitan pola elección do seu elixido, pero tras varias votacións ningún dos dous chega a alcanzar o número de votos suficiente. Así veremos como case se produce unha loita de poder entre o grupo máis conservador e outro algo máis aperturista, pero aínda así ningún consegue gañar. Ao mesmo tempo imos descubrindo como a política internacional ten bastante que dicir ao respecto do novo Papa. Mentres isto ocorre é cando Foster acepta o encargo de recabar información sobre este proceso, pero descubrirá cousas que van máis aló. Ao mesmo tempo unhas estrañas profecías de San Malaquías de Irlanda circulan tamén ao redor de toda esta situación, sobre todo unha nova profecía que de casualidade descobre e investiga o profesor Crespo e que dará lugar tamén a un libro. Ao final os cardeais, dunha forma sorpresiva incluso para el, elixen Papa ao cardeal arxentino Jorge Darío Mendoza, que estaba a punto de abandonar a Igrexa polo amor a unha muller que coñeceu case de casualidade. Unha escapada nocturna deste cardeal a mesma noite que o elixen pon en alerta non so a todo o Vaticano, senón tamén a Foster, que ve algo raro na mesma, algo que pode facer que o seu libro cambie completamente de perspectiva. Pero o cardeal Mendoza ve nesta elección unha posibilidade de provocar un cambio radical na Igrexa en moitos campos, tanto sociais como morais ou teolóxicos. Estes cambios evidentemente non serán ben vistos por todos os ámbitos da sociedade e traerán consigo unha serie de intrigas para evitalos. Cales son estes cambios, por onde irán as vidas do cardeal Mendoza, a súa amada ou Dan Foster e algunhas cousas máis será algo que teredes que descubrir vós mesmos, lendo a novela.
É unha novela de acción e aventuras que mistura elementos que podemos considerar como realistas con outros algo máis fantásticos, como toda novela deste xénero ten normalmente. Entre dentro deste tipo de novelas con intrigas relixiosas, políticas e sociais que alterna investigación, escenas de acción, amor e case todos os elementos típicos deste xénero. Autores como Dan Brown, David Baldacci ou similares, moito máis coñecidos que Luis Murillo manexan todos estes elementos, normalmente con mestría. Unha das cousas boas deste novela é que non se perde demasiado en disquisicións doutro tipo, as cousas plantéxanse desde o principio, dunha forma rápida e abrindo unha serie de interrogantes que se irán descubrindo a medida que lemos. O desenvolvemento é áxil e con algunhas sorpresas, previsible nalgúns momentos e inesperado noutros. A pesar desta rapidez e axilidade a narración párase a veces en momentos descritivos que para algúns lectores poden parecer algo esaxerados, refírome a que o autor concreta todo dunha maneira exacta e precisa, mencionando marcas, cores, nomes de case todo o que aparece; recordándome a este respecto nalgún momento a unha novela de hai anos, “American Psycho”, que tamén tiña esta forma de describir. Claro que o que para algúns pode ser un leve defecto a outros pode gustarlles moito, iso xa é unha cuestión moi persoal. O estilo é directo, unha forma de escribir que anima a ler, fundado sobre todo na intriga da historia e nas varias liñas polas que discorre que vai alternando nos distintos capítulos, curtos e directos. Nótase a súa experiencia na escritura de guións, tanto para televisión como para o cine, é fácil imaxinalo todo como se estiveramos vendo a historia na gran pantalla ou na nosa casa. A trama central xoga cun tema relixioso e a modernización da Igrexa, unha serie de avances propostos por ese novo Papa que van agradar a moitos e molestar a outros. Veremos como ao final, como todos sospeitamos en realidade, o mundo está controlado e dirixido polas grandes empresas e a política de alto nivel.
Os personaxes están ben deseñados e todos eles teñen unha serie de características moi particulares. Dan Foster é o fío condutor e o lector vai descubrindo a trama case ao mesmo tempo que el. Para min o máis destacado, non so por levar a parte central da historia, é o cardeal Mendoza, un home que se ve sorprendido polas circunstancias pero que, a pesar da súa situación persoal, ve que se lle ofrece unha oportunidade inigualable para cambiar as cousas e a visión que o mundo ten da Igrexa Cristiá. Tamén teremos antigos axentes da CIA metidos a sacerdotes cunha aparición destacada, asasinos profesionais, médicos e políticos de algo nivel; todos eles cunha importante intervención no desenvolvemento dos feitos.
A min pareceume unha lectura moi entretida e xa a recomendei a varias persoas. Non é que aporte gran cousa ao xénero, pero ten suficientes elementos tanto como novela como en moitas das cousas que di, para resultar atractiva ao lector. Quizais unha das cousas que máis me gustaron é que a pesar de xogar un pouco coas polémicas sobre a Igrexa os argumentos que da para todos eses cambios non son un mero elemento de polémica, senón que están bastante ben argumentados e xustificados, outra cousa será que eses argumentos convenzan ao lector. Lina un pouco obrigado pola petición do autor, pero non me arrepentín para nada de facelo, enganchoume bastante e gustoume. Quizais algunhas das cousas poden resultar demasiado fantásticas (aínda que este sexa un elemento básico e constante deste tipo de novelas) e refírome non ao argumento, senón a outro tipo de elementos que tampouco quero desvelar aquí para non estragarlle a lectura a ninguén.
Recentemente Luis Murillo acaba de publicar a súa segunda novela, “Curriculum Mortis” con Adhara Editorial, segunda entrega do que el mesmo denomina a saga de Dan Foster. De novo unha novela de suspense internacional na que o protagonista viaxa a Estados Unidos para realizar unha investigación sobre unha serie de misteriosos asasinatos, un virus, a desaparición dunha famosa doutora, a aparición dun novo amor na súa vida, estrañas organizacións secretas e incluso relacións co asasinato de Kennedy ou a morte de Marilyn Monroe. A historia non ten mala pinta, así que non dubidedes de que algún día aparecerá por aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario