domingo, 23 de octubre de 2011

"La ley de Harry", "Harry´s Law"


De novo disculpas, pero desta tampouco atopei ningún vídeo decente que non estivera en inglés.
Hoxe volvemos á televisión. Hai uns días un amigo meu publicaba no seu blog, “Caderno da crítica” que aparece ademais dentro de “A miña lista de blogs”, un comentario en galego que está moi relacionado coa introdución do meu de hoxe, titúlase “De “Fringe” a “Sons of anarchy”: a importancia dos guionistas”. Moito nos fixamos sempre nos actores, a ambientación e claro está, na historia, pero penso que van ser poucos os nomes dos guionistas que poidamos recordar, cando a realidade é que eles son o alma destas series que vemos case a diario. Nalgún dos meus comentarios mencionei estes nomes, e aínda así poucos poderíamos nomear. Moitas destas series teñen guións marabillosos, ben elaborados e preparados e como di ese post que menciono, moitos deles non teñen razón para estar lonxe das mellores producións literarias. Creo que, xa o dixen algunha vez, que hoxe a televisión é o sitio ao que moitos actores e guionistas recorren escapando un pouco do cine, sobre todo en Estados Unidos. Cústame recordar nestes últimos anos máis que unha ducia de películas que realmente destaquen polas súas historias e por como están contadas, mentres que podo pensar en moitas series que están moi por riba da media dun cine que hoxe está inmerso nun mundo de efectos especiais, novas versións de outras máis antigas ou incluso de intentos de recuperar vellas series para a gran pantalla (case todas elas con malos resultados). Tamén moitos dos grandes actores dese cine están a pasarse á pequena pantalla, como se fose o reducto onde poder desenvolver de verdade a súa capacidade, non vou mencionar ningún en concreto, pero estarán na cabeza de moitos dos meus lectores. Toda esta introdución ven a conto do guionista principal e a actriz protagonista da serie que vou comentar hoxe, “La ley de Harry” (que pode aparecer tamén por aí co seu título orixinal en inglés, “Harry´s Law”).

O guionista da serie é David E. Kelley, un nome deses que case ninguén coñecerá, especializado en series de avogados que tan habituais son por USA, pero neste caso, sempre cos suficientes elementos interesantes como para facelas estar por riba da media. En todas elas hai sempre un elemento de crítica, sobre todo cara á sociedade americana, que en algunhas é máis clara e evidente que en outras, e tamén cun gran compoñente de humor que creo que axuda aínda máis a facer chegar esas críticas ao espectador. Seguro que o nome non vos di nada, pero en canto mencione algunhas das súas series xurdirá esa cara de “¡Anda, é ese!”. Da súa pluma saíron “La ley de Los Ángeles”, “Picket Fences”, “Ally McBeal”, “El abogado”, “Profesores de Boston”, a para min xenial e imprescindible “Boston Legal” e esta de hoxe, que polo momento é a última. Moitas delas son case clásicos do medio e en todas, como dixen anteriormente, hai suficientes elementos non so para o entretemento, senón tamén para a reflexión e o debate.

A protagonista de “La ley de Harry” é Kathy Bates, unha das grandes actrices, impecable sempre e marabillosa moitas veces, ou aterradora nun dos seus papeis máis destacados, a protagonista de “Misery”, aquela muller que secuestraba ao escritor das súas novelas favoritas e ao que torturaba dunha maneira sádica porque non lle gustaba como remataba a súa última novela. Impresionante en “Eclipse total” e entrañable en “Tomates verdes fritos”. Gran cantidade de películas, moitas delas en papeis secundarios sempre importantes, gañadora dun Óscar e de moitos máis premios. A min sempre me gusta e unha película súa sempre é garantía de que imos ver algo decente. Como dixen moitas destas actrices atoparon na televisión un magnífico vehículo para seguir a traballar, cun cine dominado por mulleres moito máis novas e con poucos papeis que realmente merezan a pena. Participou en algunhas producións televisivas, pero é a primeira vez que case se lle prepara unha serie á súa medida, ela é o centro da serie e a que leva o peso. E realmente merece a pena vela, porque a cantidade de sentimentos que é capaz de comunicar a veces so cunha mirada é algo realmente digno de mención. A serie non é nada novidosa, aínda que ten elementos suficientes como para gustar, pero vela no papel da avogada Harriet Korn é algo que merece a pena.

A primeira temporada consta de 12 episodios e foi emitida por Calle 13. Agora están a emitir en Estados Unidos a segunda temporada, mostra de que tivo un certo éxito. Céntrase nas andanzas como avogada de Harriet, unha muller que leva unha vida máis ou menos fácil e gañando moito diñeiro como xurista especializada en patentes que é despedida do seu traballo. Como algunhas outras deste guionista ten unha serie de elementos na historia un tanto humorísticos ou esaxerados. Cando sae do seu despacho no primeiro episodio un rapaz negro cáelle enriba (este rapaz comezará a traballar con ela despois deste suceso) e un avogado novo algo cansado do seu traballo vaina atropelar co seu coche (e este tamén irá traballar con ela). Ve todo isto que lle pasa como un sinal e decide montar un bufete nun barrio problemático e marxinal para defender casos criminais que sempre teñen algún compoñente de crítica social e que poden xerar unha certa polémica, case sempre con protagonistas da rúa, xente corrente que non podería recorrer nunca a un avogado con certo prestixio. Aluga un local que era unha antiga zapatería de luxo na que aínda están a maior parte dos zapatos de prestixiosas marcas, que é o que lles dará algo de diñeiro, xa que a maior parte dos seus clientes son persoas con pouco ou ningún diñeiro. Pasará do mundo frío e máis tranquilo das patentes ao da violencia das rúas, as bandas, os asasinatos ou os problemas sociais, algo completamente descoñecido para ela pero que supón un desafío que lle dará unha nova vida, unha nova perspectiva e moitas gañas de seguir a traballar no mundo da avogacía. Case sen querelo verase inmersa neste novo mundo, algo que fará case que renaza, atopar un novo e gran motivo para seguir adiante, vendo a avogacía doutra forma completamente distinta e con moitas quebraduras de cabeza, sobre todo por cuestións éticas. Nun dos capítulos fai un discursos sobre os avogados e a onde están a ir que é realmente interesante e que da para unha boa discusión. Todos os casos teñen sempre algún compoñente polémico que se pode extrapolar ao campo da crítica social e da situación actual non so dese país, senón de outros moitos. Neste sentido creo que destaca por riba da media e moitos deles serían ideais para facer un bo debate, non so, por exemplo, nun aula, senón tamén incluso nunha boa conversa entre amigos.

Outra das cousas destacadas son os personaxes, deixando a un lado o central que leva a parte máis importante do argumento. Catro ou cinco son os fundamentais e máis de un irá collendo importancia a medida que avanzan os capítulos. Adam Branco (interpretado por Nathan Corddry) é novo avogado que ve o traballo con Harry como un novo reto, escapando dunha exnoiva e dun traballo que non lle satisfai. Harry ao principio non ve claro que poida quedar con ela, parece un rapaz inseguro, tímido e pouco capaz, pero pronto veremos como non é así. Malcolm Davis (o actor Aml Ameen) é outro chico novo, pandilleiro, exdrogadicto pero moi listo, tanto que pouco a pouco irá descubrindo na avogacía un mundo que lle convence, descubríndose como un membro fundamental do equipo. Jenna Backstrom (Brittany Snow) é un dos elementos femininos da historia, a que será medio secretaria medio vendedora de zapatos, unha muller que pode parecer un pouco frívola, pero que xa veremos como non o é tanto. Damien Winslow (Johnny Ray Gill) é o único destes personaxes que pertence ao barrio, é como un protector do mesmo, pero neste caso protexe aos demais das pandillas, das situacións perigosas, dos delincuentes, violento pero ao mesmo tempo consciente de que moitas veces non lle queda máis remedio que facer o que fai. E dos fixos deixo para o final ao meu favorito, a Tommy Jefferson (interpretado por Christopher McDonald); é o avogado mediático, ese que se anuncia na televisión e que é capaz de calquera cousa para conseguir diñeiro e fama. Ao principio faise odioso, faltón, maleducado, prepotente, pero pouco a pouco o seu personaxe vai tomando un camiño que fai que o vexamos distinto, collendo algo máis de protagonismo, non quero desvelar máis porque é mellor ver por onde vai.

En xeral está ben e creo que recomendaría bastante que lle derades unha oportunidade. Nalgún momento cae un pouco en historias sentimentais que parecen romper un pouco a boa dinámica que leva, como querendo darlle outros camiños ademais do dos casos a defender, creo que iso fai que decaia un pouco neses momentos. Pero, en xeral, mantén unha boa media de calidade e entretemento, ademais dese elemento de crítica que quizais sexa o que máis me gustou. Ten momentos realmente divertidos, outros fortes, algúns violentos e outros tristes, nese sentido sabe alternar bastante ben diversas situacións para conseguir a atención do espectador. Non é a serie ideal e hai outras mellores, pero creo que poderedes vela sen que vos decepcione. A min, ademais de estar bastante ben interpretada (destacando por riba de todos a señora Bates e o personaxe de Tommy Jefferson) gustoume bastante e espero a chegada da segunda temporada.


1 comentario:

  1. Totalmente de acordo contigo. Subscribo as túas reflexións enteiramente. Moi bo post, e extraordinariamente documentado, coma sempre. Unha aperta.

    ResponderEliminar