viernes, 30 de septiembre de 2011

"A modelo descalza", de Jordi Serra i Fabra






Ao longo de curso, sobre todo ao principio, varias son as editoriais que veñen polo Instituto a deixarnos algúns exemplares ou información sobre as novidades de literatura xuvenil ou clásica que teñen dentro dos seus catálogos. Xa comentei algunha vez que moitas das obras que chegan a nos enmarcadas dentro do concepto de “literatura xuvenil” sóenme parecer bastante frouxas, excesivamente simples ou pouco ou nada orixinais tanto nos plantexamentos argumentais como no estilo que utilizan. Evidentemente temos por costume ler a maior parte delas, buscando algo que poida gustarlle ao noso alumnado e que faga crecer as poucas ganas que teñen de ler a maior parte deles, claro que sempre hai excepcións. Pero poucas destacan, sempre dentro dos nosos gustos subxectivos evidentemente, e moitas veces é mellor acudir ás novelas xuvenís ou de aventuras de toda a vida, moitas das que nós limos cando eramos máis novos, xa que con elas normalmente soemos acertar. De todos modos sempre hai algunha sorpresa e algunha novela que nos chama a atención e coa que pensamos que podemos acertar e que lles pode gustar. Tamén hai unha serie de autores cos que case sempre se acerta, a maior parte deles coñecidos e case especialistas en escribir novelas axeitadas para o grupo de idade no que están os nosos alumnos e alumnas. E non son poucos eses autores que saben escribir historias cunha certa intelixencia, con calidade e que resultan atractivas, entretidas e normalmente bastante ben escritas. Iso non quere dicir que todas as súas obras estean á mesma altura, ademais de que son novelistas cunha ampla produción na que hai de todo, pero normalmente están algo por riba da media habitual e teñen algunhas realmente destacables. Ven esta introdución a que a novela que vou comentar hoxe está dirixida a este público xuvenil e escrita por un deses especialistas no xénero, Jordi Serra i Fabra. A novela titúlase “A modelo descalza”, publicada no ano 2010 por Siruela. No meu caso lina nunha recente edición en galego deste mesmo ano 2011 pola Editorial Galaxia na súa colección “Costa Oeste”. O responsable da tradución ao galego deste novela é Ramón Nicolás Rodríguez, compañeiro de traballo e, sobre todo, amigo.

Jordi Serra i Fabra é un escritor nacido en Barcelona en 1947. A súa obra é moi extensa, sería case imposible facer unha recensión bibliográfica da mesma, pero tocou practicamente todos os temas e rexistros na súa narrativa, tocando case todos os xéneros. É un dos autores españois máis importantes dentro da Literatura Infantil e Xuvenil, un elemento fundamental do xénero tanto en España como en Latinoamérica. Curiosamente a outra faceta na que destaca é no mundo da música rock, sobre todo na producida a partir dos anos 60, é autor de varios libros con esta temática; desde biografías das grandes estrelas deste xénero musical, unha “Historia do rock” (1981-1983) en varios volumes, unha Enciclopedia sobre o mesmo tema ou un libro como “Cadáveres bien parecidos” (1987) sobre grandes figuras do rock xa mortas, a última polo momento unha historia do rock catalán publicada no ano 2007. ademais foi fundador e director de varias revistas sobre este tema. Comezou a escribir moi novo, aos 12 anos escribiu a súa primeira novela longa, dunhas cincocentas páxinas. Terminou os seus estudos de Bacharelato Superior e empezou os de aparellador, estudando de noite e traballando de día nunha empresa de construción. A principios dos 70 comeza a súa relación co mundo da música o que o vai levar a deixar os estudos e empece a traballar como comentarista musical. A partir de 1975 gañará varios premios literarios, o Vila de Bilbao (1975), finalista do Planeta en 1978, Premio Gran Angular de Literatura Xuvenil (1981, 1982, 1991). En 1998 a súa novela “El joven Lennon” está case un ano na lista das máis vendidas de literatura xuvenil e as súas obras comezan a traducirse a gran cantidade de linguas. No ano 2002 aparece no oitavo posto na lista de autores máis lidos nos centros de ensino, rodeado de autores clásicos e o único dedicado ao xénero xuvenil e infantil. Imposible facer unha recensión bibliográfica dunha produción moi extensa, preto dos 400 libros e superando os nove millóns de exemplares vendidos. A cantidade de premios gañados coas súas obras tamén é moi grande e varias das súas novelas foron levadas ao teatro e algunhas á televisión. En 2006 e 2010 foi candidato ao premio Hans Christian Andersen. No ano 2004 creou a “Fundación Jordi Serra i Fabra” coa intención de promover a creación literaria entre rapaces de lingua española que cada ano convoca un premio para menores de 18 anos. Nese mesmo ano creou tamén a “Fundación Taller de Letras Jordi Serra i Fabra” con sede en Medellín, que atende a máis de cen mil nenos e rapaces cada ano, con programas de animación e estimulación da lectura, outros para escritores novos ou para formadores e lectores e institucións comprometidas na formación de lectores.

O protagonista de “A modelo descalza” é Jon Boix, un periodista novo que traballa para a revista “Zonas Interiores”, que dirixe a súa nai. Ao principio da historia chega a Barcelona tras unha viaxe por África para realizar unha investigación sobre rapazas deste continente que son recollidas por grupos case mafiosos para traballar como modelos. Ao acender o televisor descobre unha noticia que o deixa atónito. Unha antiga noiva súa, Alexandra, agora unha das máis famosas modelos de moda, foi detida acusada do asasinato de Christian Van Peebles, outro famoso modelo. Tras o que parece unha noite chea de alcohol, drogas e sexo el aparece morto a coiteladas e ela sae da habitación gritando e nun estado preto do histerismo. A policía detena como a culpable do delito e cando Jon chega a investigación está no seu punto máis alto. Jon está convencido de que ela non pode ser culpable. Coñeceuna cando facía un artigo para a revista na que traballa, cando ela era xa unha modelo famosa e el investigaba as súas orixes, a súa vida antes de chegar a ese lugar e de aí xorde unha relación que durará uns tres anos pero que rematou, sobre todo polo difícil de manter coas continuas viaxes que ambos realizaban, a fama e outras circunstancias. Pedindo axuda a súa nai, Paula Montornes, que como directora dunha revista de prestixio pode facer que se lle abran algunhas portas, Jon verase inmerso de cheo na investigación policial tentando demostrar a inocencia de Alexandra. Entrará nun mundo de intrigas e mentiras, a medio camiño entre a investigación periodística e a policial que o levará a lugares e situacións inesperadas e perigosas.

Quizais non sexa unha das mellores novelas do autor, pero aínda así, como dixen ao principio, está por riba da media habitual no xénero. Trala súa lectura podemos descubrir gran cantidade de temas tratados sen demasiada profundidade pero si o suficientemente esbozados como para que poidan dar xogo en debates ou charlas sobre a lectura realizada, ao mesmo tempo que poden axudar ao lector a pensar ou reflexionar sobre unha serie de temas. Desde a moda, a escravitude da fama, o mundo corrupto e falso que rodea a este mundo das modelos, as drogas e o alcohol, os seguidores dos famosos, as relacións persoais, o prezo da fama, os desfiles, as festas e os axentes. Tanto os temas tratados como a forma de facelo creo que poden resultar interesantes e amenos para os lectores máis novos. Para os que non o sexan tanto tamén pode ter interese, a min non me aburriu e me resultou bastante interesante e entretida. A lectura faise con facilidade e fluidez, e o autor tampouco se perde en divagacións nin anécdotas, é bastante directo e conciso, sobre todo tendo en conta para quen está pensada en realidade.

Como sempre Serra domina a narración, unha prosa áxil, directa, con moito ritmo, predominando o diálogo sobre as partes meramente narrativas, frases curtas e sen divagacións. Un estilo que pode parecer simple pero que non o é, o lector entra directamente dentro da historia dun modo ameno e entretido sen demasiados elementos que poidan distraelo da mesma. Tratar estes temas mencionados meténdoos dentro dunha trama de asasinato e investigación fai que se perciban dun modo natural e esa investigación que Jon realiza é bastante realista e crible, nada fantasiosa, dándolle algo máis de realidade a todo o contado.

Para min moi recomendable dentro do grupo de idade ao que vai dirixido, Serra i Fabra acerta case sempre e ten perfectamente collido o esquema para atraer aos lectores xóvenes, ademais sempre cun estilo bastante definido pero ao mesmo tempo cunha gran variedade de temas, esquemas, personaxes, desenvolvementos... Penso que pode ser unha boa lectura para algún grupo de 4º da ESO e que pode resultarlles interesante e atractiva. Os máis adultos tamén poden darlle unha oportunidade, estou case seguro de que lles vai gustar, aínda que poida faltarlle a profundidade que este tipo de lector pídelle a unha historia creo que é mellor que outras que circulan por aí pensadas máis para eles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario