domingo, 27 de febrero de 2011

"Todo é silencio", de Manuel Rivas

nullnullnull
“O zunido e o vaivén do mar metéronselle dentro. Sentiu nos ollos o picor da escuridade salgada. As sombras resentidas da figueira acoitelaron toda a noite a fiestra”
“O alba non lograba levantar os pes co peso dos nubarróns”

Dúas frases nada máis das moitas que podería sacar do libro que vou comentar hoxe. A verdade é que hai tempo que non lía nada de Manuel Rivas e esta última que apareceu recentemente tiña unha historia que me parecía atrainte e tiña algunha boa recomendación dela. Case esquecera o ben que escribe, como é capaz de adornar maravillosamente con palabras moitos dos momentos das súas novelas, así que terei que pensar en ler algunha máis das anteriores que me foron quedando no tinteiro. A de hoxe é “Todo é silencio”, que podedes atopar en galego na Editorial Xerais e en castelán en Alfaguara.

Manuel Rivas é un escritor, poeta, ensaísta e periodista que escribe fundamentalmente en galego, aínda que practicamente toda a súa obra pode atoparse tamén en castelán; ademais varias das súas obras foron levadas ao cine. Naceu en 1957 en A Coruña e actualmente vive en Vimianzo. O seu pai viviu unha temporada emigrado en América, traballando como músico en orquestras de baile e albanel. A súa vida desenvolveuse case na súa totalidade na súa cidade natal, onde chegou a traballar na súa época de estudante en “El ideal gallego”. Logo marchou a Madrid a estudar Ciencias da Información, licenciándose na Universidade Complutense, mentres empezaba a traballar no mundo do periodismo. Foi un dos fundadores e redactores de “Teima” (1977), o primeiro semanario escrito integramente en galego. Dentro do mundo do periodismo traballou en varios medios de prensa, radio e televisión. Ademais é un dos fundadores de Greenpeace en España e formou parte da súa primeira directiva. En setembro de 1981 foi un dos tripulantes dun pequeno pesqueiro que se enfrontou cos barcos mercantes que botaban residuos radioactivos na Fosa Atlántica e portavoz do movemento “Nunca máis”, xurdido a raíz da catástrofe do petroleiro Prestige nas costas de Galicia. Actualmente combina o seu traballo como novelista co periodístico no diario “El País”. A súa produción comprende desde novelas, libros de relatos, poesía, unha obra de teatro, algunha novela xuvenil e libros que recompilan os seus artigos periodísticos. Quizais a súa faceta máis coñecida sexa a de novelista, tanto no que se refire a coleccións de relatos curtos como nas novelas algo máis longas. Entre as máis coñecidas poderíamos destacar “Os comedores de patacas” (1992), “¿Que queres de min, amor?” (1996), “O lapis do carpinteiro” (1998), “As chamadas perdidas” (2002), “Os libros arden mal” (2006) ou esta que comentamos hoxe, “Todo é silencio”, publicada a finais do ano 2010 e que neste momento figura nas listas de ventas máis destacadas. Varias delas foron levadas ao cine, quizais a máis coñecida sexa “A lingua das bolboretas”, que está baseada en relatos de “¿Que me queres, amor?” ou “O lapis do carpinteiro”(2003). De "Todo é silencio" xa apareceron rumores dunha adaptación cinematográfica, dirixida posiblemente por José Luis Cuerda, que xa foi o realizador da primeira que mencionei anteriormente.

“Todo é silencio” é a súa última novela ata o momento e gustoume bastante. Unha historia que empeza dunha maneira e vai evolucionando cara a outra, igual que os personaxes e a narración. Empezamos ao redor do contrabando de tabaco nas costas galegas alá polos anos 50 ata chegar ao máis moderno e profesionalizado mundo do narcotráfico na mesma zona. De todos modos tampouco é unha novela sobre o contrabando e o narcotráfico, é máis unha novela que nos vai mostrar e evolución dunha serie de personaxes que se moven ao redor deste mundo, uns a un lado e outros ao outro e os problemas, cambios e situacións que todo isto provoca. Para min o fundamental da narración son os personaxes, como van vivindo esa realidade e todas as que os rodean, as súas familias, as súas relacións, o seu mundo e as súas vidas nun pequeno pobo da costa galega, un pobo ficticio que ten cousas de outros moitos, recollendo elementos de varios sitios que poden ser recoñecibles, Brétema. En certo sentido ten algo de costumista tamén, reflectindo moitos dos elementos máis característicos da vida deste tipo de pobos en cada momento da acción, os personaxes, as rúas, as situacións son moi cercanas para todos os que coñecemos de primeira man Galicia, quizais algúns poidan tachalo de tópico e pode ser certo nalgún momento, pero tampouco é falso dicir que moitos deses teóricos “tópicos” con ben reais.

A historia parte de catro personaxes fundamentais. Por un lado temos a tres rapaces que irán crecendo ao longo do desenvolvemento da historia, Fins, Leda e Brinco. Tres amigos moi unidos desde os seus primeiros anos e que na súa xuventude dedícanse a recoller o que os naufraxios deixan nas praias da costa. Para eles o mar e eses naufraxios son non so unha fonte de ingresos, senón un continuo fluír de sorpresas, van ver que deixa, sen saber que van atopar nin para que lles vai servir. Así poderán recoller desde laranxas, ataúdes que incluso lles servirán para xogos case macabros ou uns manequíns que chegan á praia como ríxidos cadáveres dun naufraxio. O cuarto personaxe é coñecido como Mariscal, o personaxe central do pobo, o exemplo de gobernante na sombra case, controlando case todo o que pasa no mesmo, pola súa supervisión pasa case todo. É un ex-seminarista reconvertido ao principio da historia en contrabandista de tabaco (ese que sempre coñecimos por aquí coa denominación de “rubio de batea”), ademais do dono do Ultramar, o bar do pobo que ademais funciona como discoteca, cine e o que faga falta e na trastenda do cal teñen lugar as reunións clandestinas dos contrabandistas. Logo irá deixando o tabaco para ir pasando a outras cousas máis lucrativas e ao mesmo tempo perigosas, ao mundo do contrabando de drogas que fará que teña contacto con auténticos delincuentes que influirán no seu modo de comportarse. Dúas construcións son o centro do ir e vir destes personaxes, o xa mencionado Ultramar e a abandonada “Escola dos indianos”, un antigo colexio abandonado onde se ven a veces os tres rapaces por un lado e os contrabandistas por outro, tamén este terá gran influencia na acción. Estes son os personaxes centrais, pero ao redor deles teremos unha boa cantidade de persoas en relación con eles, as súas familias, amigos, compañeiros, inimigos... Desde Lucho Malpica, o pai de Fins, que é o encargado de facer o papel de Xesucristo nas procesións e que “dá moi ben o personaxe”. Belvis, o tonto do pobo; Basilio Barbeito, o profesor do pobo, un “poeta sen libro”; o doutor Fonseca; Rumbo, sicario de Mariscal; os policías e gardas civís corruptos... Moitos son e ningún está de máis. Os tres rapaces chegarán a participar do contrabando, e pasados uns anos cada un tomará un camiño distinto pero sen saír dese mundo. Teredes que lela para saber cal é ese camiño e a onde os vai levar.

Como dixen hai unhas liñas para min é unha novela de personaxes, todos eles, non so os que poden parecer protagonistas, teñen unha forte intervención no desenvolvemento das cousas que van pasando e non hai superficialidade neles. É unha novela relativamente breve, pero ao mesmo tempo a profundidade e evolución dos personaxes é dun nivel bastante alto. Os acontecementos van e veñen case como as ondas dun mar que é básico nas súas vidas en todos os sentidos e ao igual que este mar a historia ten momentos de calma, resaca ou de tormenta. Estes personaxes están, como digo, perfectamente retratados, pero por riba de todos destaca Mariscal, que está sempre presente aínda que non apareza. A súa forma de expresarse, con esas palabras e expresións que usa en latín e que lle dan un aire moito máis culto, forte e dominador que ao resto son xeniais, así como a súa forma de comportarse, para min un deses personaxes de novela que quedan durante un tempo na memoria.

E por riba de todos temos esa forma que ten Rivas de usar a linguaxe. É curioso como é capaz de expresar moitas cousas sempre de formas orixinais e chamativas e provocando no lector unha especie de pausa para saborear con calma eses xogos de palabras, esas imaxes e esas sensacións que consegue transmitir ao lector. Por exemplo, non é que sexa demasiado ás sinestesias, pero teño que recoñecer que é un recurso que usa de forma xenial e sempre atinada. Y non é sinxelo escribir desa maneira sen caer nun defecto para min grande, que é a pedantería que pode aparecer noutros autores que tentan esta mesma forma de escribir. Ler a Rivas é para min un placer para os sentidos, para disfrutar de verdade coa palabra escrita ao mesmo tempo que desenvolve unha boa historia, que non é nada fácil, penso eu. Por momentos recórdame a outro dos meus autores favoritos, Paul Auster, no sentido da forma de escribir, sempre aportando algo orixinal e con sentido. Outro elemento a destacar é o ben que sitúa a acción na primeira parte da novela sen dicir, se non recordo mal, en ningún momento unha data concreta, senón que o fai a través dunha grande cantidade de referencias culturais que calquera lector medio poderá recoñecer. Nas conversas dos personaxes faise referencia a películas, actores, escritores, boxeadores...que sen dicir nada máis xa están situando o momento concreto da acción, un recurso tamén moi ben utilizado.

Outro aspecto destacable da súa forma de escribir é que é moi cinematográfica, o lector pode imaxinar á perfección case as caras, as casas, o decorado, as situacións case como se o estivera a ver. Nalgúns casos isto pode ser un defecto, pero nesta novela en concreto paréceme unha virtude, porque ademais está conseguido á perfección e é un elemento máis a favor da novela. O futuro realizador da versión de cine, José Luis Cuerda di que “Co guión de Rivas teño a sensación de que, por primeira vez, teño nas miñas mans unha película”. Loxicamente non é un guión, pero para un lector e máis para un director, penso que é relativamente sinxelo levar todo o que pasa á pantalla, porque está redactada dun xeito que facilita moito ese proceso.

Pouco máis que dicir, que penso que xa dixen bastante. Unha novela recomendable, cunha historia fácil de seguir, con momentos bos e malos como a vida real, con alegrías e tristezas, con violencia e crueldade nuns momentos e bondade noutros. Unha historia bastante complexa e ben desenvolvida concentrada en poucas páxinas, porque non é necesario máis. Porque como se di nalgún momento a boca e as palabras están para falar, pero tamén para calar...
É evidente que disfrutei bastante con esta lectura, espero que os que xa a leran coincidan comigo en parte ou en todo, e se algún vai facelo a raíz deste comentario espero que non lle decepcione, aínda que non penso que iso poida pasarlle

jueves, 24 de febrero de 2011

"Nueva York", de Edward Rutherfurd

nullnullDous eran os xéneros que máis lía hai xa bastantes anos, a ciencia ficción e o terror eran fundamentalmente o que máis pasaba polas miñas mans. Logo, co tempo, isto foi cambiando cara a un espectro moito máis amplo e agora podemos dicir que leo de case todo, pero as miñas preferencias desde hai uns anos van na liña do que se chama novela histórica, aínda que xa comentei en máis dunha ocasión que neste caso entran moitas cousas e está moi de moda desde hai xa algún tempo, con moitas cousas destacables e outras, aínda que das que teño lido as menos, prescindibles. Unha das novelas que me achegaron máis a este xénero é do mesmo autor que a que comento hoxe e é das que teño un mellor recordo polo entretida, amena e pola cantidade de datos que me aportou. Unha das razóns do meu gusto por este xénero ven por aí, porque cando está ben feita e, sobre todo, ben documentada apórtame unha boca cantidade de datos interesantes. Claro está, sempre e cando teña ademais unha boa historia que seguir ao mesmo tempo que se aprende algo. “Londres” chegou a min de casualidade, era unha novela bastante longa e dun autor que non coñecía, pero a historia tiña boa pinta e a verdade é que non me decepcionou, gustoume moito, entretívome e ensinoume unha boa cantidade de cousas da historia de Inglaterra. A verdade é que ao principio asustaba un pouco, unha historia que transcorría durante varios séculos ao redor da fundación e desenvolvemento da cidade de Londres, parecíame algo inabarcable para unha soa novela, pero o autor conseguía o seu obxectivo, e dunha maneira que me atrevo a cualificar de maxistral. A súa última novela, de publicación recente, é “Nueva York” na que fai o mesmo trasladándose agora a unha das cidades máis atraentes do mundo e contándonos a súa historia. Xa digo de entrada que me gustou moito, unha lectura que disfrutei e que me aportou unha boa cantidade de cousas, algunhas xa coñecidas e outras non tanto. Por certo, o autor é Edward Rutherfurd.

Este non é o nome real do autor, polo que vin, é o alcume literario de Francis Edward Wintle, un novelista nacido en Salisbury (Inglaterra) en 1948. Ten a súa propia páxina web, www.edwardrutherfurd.com , con bastante información sobre el e as súas obras, iso si, en inglés. Os seus estudios realizounos en universidades de prestixio como Cambridge ou Stanford (California). Traballou no mundo da política e a edición de libros. En 1983 abandona o mundo editorial e volve a súa cidade natal para escribir “Sarum”, unha novela histórica que condensa case dez séculos de historia ao redor de Stonehenge e Salisbury. Publicouse catro anos máis tarde e chegou a ser un bestseller en pouco tempo, permanecendo durante case catro meses nas listas do New York Times. Desde entón escribiu varias novelas máis, todas elas grandes éxitos e cun esquema similar. Son crónicas históricas desde un momento moi atrás no tempo ata a actualidade, misturando personaxes ficticios e reais procurando concentrar os acontecementos ao redor dunhas poucas familias que van crecendo ao longo do tempo. En 1991 publica “Rusos”, “Londres” en 1997, “El bosque” no 2000, “Dublín: Fundación” (2004), “Irlanda” (2006) e a última polo momento a comentada hoxe, “Nueva York” aparecida a finais do 2009. Nestes anos divide o seu tempo entre o seu país natal e a cidade de Nueva York e participa en varias asociacións culturais no seu país. As súas novelas están traducidas a máis de vinte idiomas. A última gañou o premio “Langum para historias de ficción americana” no ano 2010. Moitos falan del como un discípulo doutro gran autor do xénero, James Michener. Todas as súas novelas teñen unha gran extensión, acorde coa cantidade de tempo no que transcorren e o traballo de documentación é exhaustivo e bastante serio, polo que todas merecen a pena. De momento solo lin esta última e a mencionada ao principio, pero as restantes caerán pouco a pouco porque se están tan ben como estas dous seguro que merecen a pena.

A historia comeza en 1664 e veremos como a maior parte dos sucesos irán coincidindo coa chegada dos emigrantes á cidade. Ao principio estaremos en Nova Amsterdam, asentamento fundamentalmente holandés que coincide co que hoxe sería Manhattan. Aquí aparece o primeiro personaxe histórico, o gobernador Peter Stuyvesant. Dirk van Dyck e Margaretha de Groot serán os primeiros protagonistas da historia, un matrimonio no que el dedícase ao comercio de peles cos indios ademais de venderlles algo de alcohol de vez en cando. Ademais ten unha filla cunha india, Pluma Pálida, que aparece nos inicios da historia. Margaretha é unha muller forte e ambiciosa que non vai permitir que o seu marido ande con outra muller, e menos se é india. Durante este tempo estaremos ao tanto dos problemas dos holandeses que viven nesta zona cos ingleses, en continuas loitas pola hexemonía e o goberno deste novo e gran país. A estes únese Thomas Master, un inglés que estará entre os dous mundos, o inglés e o novo mundo. Tamén coñeceremos a Quash, un dos escravos negros dos van Dyck. Estes serán o núcleo de case todos os personaxes posteriores, cruzándose continuamente entre eles, case ata chegar ao século XX, ademais de outros novos que irán incorporándose ao longo dos case catro séculos nos que se desenvolve a novela. Tras a guerra entre os ingleses e os holandeses, Nueva York pasará a mans dos primeiros, dependendo da coroa británica, o que traerá tamén moitos problemas. No século XVII a cidade será territorio inglés. De aquí pasamos a 1735, tomando protagonismo a descendencia das dúas ramas da familia Master. Eliot Master é un avogado de Boston que vai a Nueva York coa súa filla Kate para visitar ao seu irmán, Dirk Master, un comerciante con diñeiro e ao seu sobriño, John Master, un vividor ao principio desta parte da historia. Tamén teremos a Hudson, o fillo de Quash e a súa familia. Xa nesta época estamos ante unha gran cidade, un centro social, cultural e, sobre todo, económico. Pasamos a mediados do XIX, en 1849, cunha nova chegada de emigrantes, neste caso irlandeses, con novos personaxes como Mary O´Donnell e o seu irmán, Sean, que entrarán en contacto con descendentes dos anteriores. Nesta época a cidade supera o medio millón de habitantes. Chegará o momento dos problemas coa escravitude e a mención a unha novela que influíu bastante nesta situación, “La cabaña del tío Tom”, de Harriet Beecher Stowe. Antes disto a guerra da Independencia e logo a Guerra Civil americana, ambas coa presencia de todos os personaxes históricos fundamentais no seu desenvolvemento. A principios do século XX a emigración italiana, coa chegada de novos personaxes, a familia Carusso, que chega a Nueva York desde Italia para tentar levar unha nova e mellor vida. E desde aquí un longo camiño ata o século XXI, finalizando case tras a destrución das Torres Xemelgas. Antes pasarán por aquí as grandes referencias que case todos coñecemos desta gran cidade: o edificio Dakota (testemuña muda do asasinato de John Lennon), a ponte de Brooklyn, o Cotton Club, o Empire State e outros famosos rañaceos, a Estatua da Libertade..., todos integrados como uns personaxes máis dentro do desenvolvemento da historia. So boto de menos unha cousa, e é que temos ao holandeses, ingleses, irlandeses, italianos..., pero os chineses, tamén unha forte entrada de emigración con presencia na cidade penso que non aparecen en ningún momento, habería que preguntarlle ao autor se ten algunha razón para isto ou simplemente non quería complicar máis a historia.

A novela gustoume moito, entretén e aporta gran cantidade de datos. As historias vanse cruzándo entre as distintas familias dunha forma máis que crible e con situacións moi cotiáns, problemas normais e con moi poucas cousas que non sexan verosímiles. Penso que este autor manexa á perfección, igual ou mellor que outros máis recoñecidos dentro do xénero, unha grande cantidade de personaxes conseguindo que o lector non se perda entre todo ese maremagnum de historias cruzadas. Ten un estilo fluído, sinxelo, pero non por iso fácil. As descricións de lugares, edificios, rúas, ríos...é completa, con poucas palabras recoñeceremos perfectamente eses sitios que temos visto en infinidade de películas (e algúns seguramente coñecerán de forma directa, claro) cun equilibrio perfecto entre esas descricións e a acción. Os datos históricos están moi ben engarzados dentro da historia, de tal maneira que non é fácil deixar a lectura, porque sempre quererás saber que lles pasará a continuación. Quizais algúns personaxes teñen menos presencia da que a algúns lectores lles gustaría ou parece que van ser máis importantes do que serán en realidade, pero tamén haberá outros personaxes que terán o efecto contrario. É unha novela de personaxes e de lugares convertidos en personaxes, xa que moitos dos mencionados e outros terán unha parte importante dentro do desenvolvemento da acción. E xunto con eles unha serie de personaxes históricos de todo tipo: políticos, militares, escritores, pintores, músicos..., aportando moito á historia.

Xa tiña ganas de coñecer esta cidade, pero agora creceron ata límites insospeitados, de tanto vela no cine e a televisión a lectura desta novela é case visual, porque as referencias son coñecidas por case todos. É unha novela longa, de máis de mil páxinas, pero que non se fai nada pesada, todo o contrario, a min enganchoume desde o principio, paseino moi ben e non tiña ganas de de rematala. Unha lectura moi entretida, amena e interesante ao mesmo tempo, para min completamente recomendable.
E remato cunha frase extraida do libro que pode resumir á perfección penso que tanto a lectura como a realidade de Nueva York: “Non hai apenas nada que un non poida atopar en Nueva York”.

miércoles, 16 de febrero de 2011

"Valor de lei"

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=hvDikjy3e_8?rel=0&w=560&h=349]
Pois van ir dúas seguidas de cine, que parece que o inverno préstase máis para ir, sobre todo con este tempiño que estamos a ter ultimamente. Cando era máis novo e so había dous canais de televisión, ou un e medio, o cine de vaqueiros, do oeste, era do máis habitual. Os fins de semana polas tardes era o que tocaba normalmente, ou iso ou cine español, e entre os dous sempre me quedei co primeiro. Recoñezamos que todas tiñan máis ou menos a mesma liña argumental, pero eran entretidas e normalmente ben feitas, así que como tampouco había moito onde elixir pois penso que moitos afeccionámonos a el. Logo desapareceu do mapa, case pasou de moda e quedou reducido á mínima expresión. Hai uns anos varios directores fixeron intentos con máis ou menos sorte de retomar este xénero e facer que a xente volvera ao cine a ver vaqueiros, cabalos, indios, duelos ao sol e todos os tópicos do mesmo. Para min a maior parte destes intentos non me gustaron demasiado, ademais porque a maior parte deles tentaron darlle unha transcendencia ás historias que facía que foran, moitas delas, tremendamente aburridas. Quixeron convertelo nun xénero “serio”, formal e penso que non acertaron. A única excepción é “Sen perdón”, dirixida hai uns anos por Clint Eastwood e que pode ser un clásico moderno do xénero. Ven esta introdución a conto de que a película que vou comentar hoxe é outro deses intentos de facer unha película do oeste seria e máis formal, por dicilo dalgunha maneira. As críticas que está a recibir en todas partes son excelentes, nalgúns casos case de obra mestra, sinto dicir que, para min claro, non o é, é máis, non me gustou demasiado, aburriume un pouco e quedaría, se lle tivese que poñer nota, nun aprobado raspadiño. Falo dunha estrea recente, desta última fin de semana, “Valor de lei”.


A película está dirixida polos irmáns Coen, unha parella ben coñecida polos afeccionados por algunhas excelentes cintas como “Morte entre as flores” (unha das miñas favoritas das súas), “Barton Fink”, “Fargo”, “O gran Lebowski” ou a que lle valeu o Óscar a Javier Bardem e que gañou catro Òscars, “Non é país para vellos”. Todas elas teñen algo distinto, orixinal, poden gustar ou non, pero non se lles pode negar que teñen marca de fábrica, que teñen unha forma propia de facer cine. Esa é unha das razóns de que me decepcionara un pouco esta de hoxe, porque salvo por ese humor cínico que aparece nalgúns momentos non vexo outros elementos que soen estar presentes no seu cine, quero dicir que non me pareceu unha película dos Coen, algo que para min non é positivo. Aínda así é candidata a dez premios da Academia de Hollywood, entre eles os máis importantes, mellor película, mellor actor, mellor director e mellor guión adaptado.


Parten dunha novela co mesmo título escrita por Charles Portis en 1968. Hai outra versión cinematográfica de 1969 protagonizada polo vaqueiro por excelencia, John Wayne, que ademais lle valeu un Óscar ao mellor actor. Eles din que non viron esta outra versión antes de facer a súa, unha afirmación que non sei se crer, porque é un clásico do cine americano e polas nosas pantallas de televisión pasou xa infinidade de veces. A máis recente, supoño que aproveitando a estrea desta, foi emitida por Antena 3 o sábado 12 deste mes. Esta versión máis antiga, dirixida por un habitual do cine do oeste, Henry Hathaway, é unha das mellores películas do xénero, a min unha das que máis me gustan e penso que máis entretida que esta nova versión. Din tamén que mentres a antiga centrábase no personaxe do vaqueiro esta vai facelo no personaxe feminino da historia, unha rapaza de 14 anos que leva o peso da historia. De todos modos no desenvolvemento da mesma non é que haxa demasiadas diferencias.


Rooster Cogburn é un alguacil xa nos seus últimos anos, bebedor, fumador, mal falado, borde, desagradable, desastrado, pouco aseado e que vive como pode co que saca das recompensas que cobra por atrapar a fuxitivos. Un día aparece na súa vida unha nena de 14 anos, Mattie Ross, quere contratalo para que vaia con ela a atrapar ao asasino do seu pai, Tom Chaney que escapou a territorio indio tras matalo. Ela quere que Cogburn o colla para que poida ser levado ante a xustiza, xulgado e executado. Nun principio non está disposto, pero o diñeiro é un bo reclamo e acepta o traballo. No medio aparecerá LaBoeuf, un ranger de Texas que tamén anda na busca de Chaney por un asasinato anterior. Alá irán os tres na busca do fuxido, nunha aventura na que terán que moverse por un territorio hostil onde a lei case non ten importancia e buscar a este home que ademais anda cunha banda de ladróns e asasinos. Esta é a historia que imos ver.


Jeff Bridges é Rooster, o alguacil contratado pola rapaza. A súa actuación está bastante ben, clava a ese home que xa está de volta de todo, que necesita diñeiro para seguir vivindo e que colle ese traballo con moitas dúbidas ata que ve o diñeiro. Cun parche nun ollo que acentúa aínda máis o desagradable que pode chegar a ser, pasa o tempo bebendo e fumando e no seu momento parece que foi un dos grandes, pero agora xa está en plena decadencia. Un home violento que todo o soluciona a golpe de pistola ou de puño e que non se para demasiado a pensar ou dialogar. Non está nada mal a súa actuación e destaca por riba do ton da película, aínda que en certos momentos está no límite do esaxerado ou ridículo, quizais demasiado histriónico nalgún momento. Como curiosidade o parche lévao no ollo contrario a John Wayne. E de paso, sígome quedando con Colin Firth en “El discurso del rey” como o meu favorito para o premio ao mellor actor.
Moitas louvanzas para a rapaza, Hailee Steinfeld, unha novata da actuación xa que esta é a súa primeira película tras superar un complicado casting. Non é que estea mal, que non o está, pero penso que un dos maiores problemas que temos aquí esta vez é que a dobraxe da súa voz non me gustou nada de nada. Salvo nalgúns momentos puntuais ten un ton completamente plan, case sen matices que fai que perda moito o seu personaxe. Ela está ben, aínda que quizais o personaxe non sexa crible completamente. Unha nena de 14 anos, tremendamente madura, seria, formal e decidida a conseguir o seu obxectivo pese a quen pese, tanto que nos momentos de tensión non me convenceu demasiado, porque case está tan seria cando cabalga como cando durme ou está a punto de morrer. Agora, volvo a dicir que cabe a posibilidade de que esa dobraxe que menciono aporte tamén moito a esta opinión.
LaBoeuf é Matt Damon, un actor sobradamente coñecido que tampouco está mal, pero que non me resultou demasiado crible como vaqueiro, igual son cousas miñas, conste. Un home bastante vaidoso e algo débil, dubitativo na súa forma de actuar e de traballar. Iso si, é o que vai levar a peor parte na historia, continuamente ferido tanto no seu corpo como no seu amor propio.


A verdade é que a historia comeza ben. A presentación dos personaxes é boa. Bridges declarando nun xuízo no que se cuestiona a súa violenta forma de actuar coa xente que vai deter, con respostas áxiles, cínicas e que provocan máis dun sorriso no espectador. Tamén destaca a primeira intervención da rapaza, esa medio discusión medio negociación para poder conseguir algo de diñeiro, ameazando continuamente coa intervención do seu avogado deixa claro que é unha muller no corpo dunha nena e que non vai deixar que nada se lle poña por diante. A toma xeral do pobo con ese típico color entre amarelo e sepia promete moito, pero ata nese sentido penso que non aproveitan ben a grandeza das paisaxes nas que se desenvolve a historia. Para min estes primeiros minutos son bastante destacables, pero non se mantén esta liña a continuación.


Xa dixen ao principio que non me gustou demasiado, e quizais estaba un pouco influído polas excelentes críticas que apareceron sobre ela en case todos os medios de comunicación. Críticas que relín despois e que, como podedes ler aquí, comparto so a medias. Tamén engadir que é máis que posible que a dobraxe en xeral inflúa moito nesta opinión, non so como xa dixen no caso da rapaza, que volvo a dicir que non me gustou nada de nada, senón tamén no resto. Quizais algo menos no caso de Jeff Bridges, pero si no de Damon e algún personaxe máis. Non sei, non me resultou natural e en moitas ocasións soaba como a forzado. Algo raro, xa que as dobraxes ao castelán soen ser excelentes. Pero ademais o maior problema que tiven durante a proxección é que a historia pareceume falta de emoción, fría, nin nos momentos que se supoñen de tensión conseguiu provocar algo de sentimento, de sensacións. E iso paréceme o peor de todo, unha historia que non está nada mal non pode deixar indiferente ao espectador, polo menos a nós pasounos, que ambos coincidimos nesa frialdade, nesa falta de emoción ata en escenas nas que deberías estar co corazón na gorxa. Dito doutra maneira, fáltalle épica, algo que é indispensable nunha historia do oeste, penso eu. Ademais hai outro elemento do xénero que tampouco contribúe a darlle isto que lle falta, a música, que so nun momento ten unha presencia destacable.


Non sei que opinaredes vós, espero que alguén a vexa e poida dicirme se coincide comigo ou non, ou polo menos en parte. Espero, quizais máis esta vez, os vosos comentarios.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=gn_N17JyPbc?rel=0&w=560&h=349]

miércoles, 9 de febrero de 2011

"RED"

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=eSE48L7P4i8?rel=0&w=560&h=345]
Esta fin de semana tocou cine, que hai tempo que non o facíamos e xa apetecía. Xa digo antes de nada que a película é algo completamente intranscendente, desas feitas co único obxectivo de facer pasar un bo rato ao espectador, que bote unhas risas e pase dúas horas sen pensar en moito máis. Quero dicir que non é que teña un argumento espectacular ou algún elemento que provoque a reflexión do espectador, pero penso que as veces tamén é boa cousa ir a pasar un rato entretido, case coa mente en branco, e saír cunha leve alegría no corpo. Un dos obxectivos fundamentais do cine ten que ser ese, entreter, se de paso ten algo máis pois mellor que mellor, pero non lle imos pedir todo a unha soa cinta, claro. Neste caso falo de “Red”, una cinta de recente estrea que aínda está na carteleira. Unha das mellores cousas da mesma son os actores, a verdade é que como ocorre en moitos casos, son eles os que lle dan algo máis de calidade á película, que con outros menos coñecidos quizais, pola historia, non pasaría dunha mediocre cinta do que se chama serie B, das que se poden ver en moitas ocasións, demasiadas penso eu, na maior parte dos canais de televisión calquera fin de semana pola tarde.


O cómic está a ser unha fonte de inspiración para o cine americano, e non so o de superheroes, senón que hai outros que tamén están a pasar a gran ou pequena pantalla. Recordar un comentario anterior sobre unha serie de televisión, “The walking dead” que tamén partía dunha novela gráfica. Neste caso pasa o mesmo, “Red” basease nun cómic de DC aparecido entre os anos 2003 e 2004 escrito por Warren Ellis e ilustrado por Cully Hamner. A verdade é que non o coñecía de nada e non sei se chegou a circular por aquí pero polo que vin ten un aire algo máis serio que a película á que deu lugar, que é unha comedia de acción basicamente. Comentar que aquí “Red” son as siglas de “Red de espías desactivados” aínda que no orixinal responde a “Retirados extremadamente perigosos” (“Retired extremely dangerous” en inglés). Esta definición orixinal responde moito máis ao que imos ver en pantalla que a adaptación castelán, penso claro, a D non tiña unha tradución demasiado fácil, así que había que coller algo que fora o máis aproximado posible.


A historia é ben sinxela, como dixen ao principio, nada complicado de entender nin de seguir, relativamente crible pero ben desenvolvida. Frank Moses (Bruce Willis) é un espía de alto nivel que tras unha vida de acción, viaxando e resolvendo todo tipo de conflitos vive agora retirado na típica casa do típico barrio residencial americano. Os primeiros quince minutos parécenme ben simpáticos neste sentido, como mira no Nadal os tremendos e enormes adornos cos que o resto dos seus veciños recargan as súas casas nunha especie de competición para ver quen pon máis cousas. Vive so, aburrido, sacando os seus cubos de lixo e tentando compartir a súa soidade chamando á encargada do envío dos cheques da súa pensión. Cando os recibe rompe con eles so para poder chamar a esta muller, Sarah Ross (Mary-Louise Parker), afeccionada ás novelas románticas de acción que Frank tamén lerá para poder compartilas con ela. Pero todo isto vai cambiar cando unha noite un equipo de aniquilación (¡vaia nome!) entre na súa casa co obxectivo de acabar coa vida de Frank, cousa que, claro, non conseguen. Co seu pixama, bata de casa e aspecto desaliñado vai acabar con eles e marchar fuxindo. Así acaba en casa de Sarah, xa que pensa que ela tamén pode estar en perigo porque supón que os mesmos que o quixeron matar estiveron escoitando as conversas que tiñan. A partires deste momento vai levala con el case secuestrada sen que ela entenda demasiado as cousas, pero pronto verá que non lle quedará máis remedio que confiar nel se quere seguir con vida. Comezará así una espiral de acción, persecucións, disparos, explosións que non parará ata o final. Pero non vai ser so a el ao que están a buscar, tamén a varios espías máis que tiveron contacto con el e aos que irá recollendo nunha viaxe acelerada por varias cidades dos Estados Unidos. Primeiro Joe Matheson (Morgan Freeman), logo Marvin Boggs (John Malkovich) ou Victoria (Helen Mirren) e incluso terá que recorrer a antigos inimigos, como o espía ruso Ivan Simanov (Brian Cox). Un grupo de xubilados que vai loitar para seguir con vida, demostrando que a idade non vai ser un impedimento para levar a cabo a última misión, a de seguir con vida e descubrir a razón de que queiran acabar con eles.


Como dixen ao principio o mellor da cinta son os actores, aderezado cun guión sinxelo pero ocurrente por momentos e moi divertido, polo menos a nós provocounos moitos sorrisos, algúns máis altos que outros e todos compartidos por unha sala que estaba chea. Bruce Willis é outro dos meus actores favoritos, sempre con “Luz de lúa” na memoria, creo que unha das primeiras series que me enganchou desde o principio. Recoñezo que non é un gran actor pero si que é deses como digo eu “resultóns”, que dan ben en pantalla e que resulta crible faga o que faga. Aquí ten un dos seus papeis máis típicos, o home de acción prepotente, todopoderoso, chulesco e faltón, que parece que ninguén pode con el e, como sempre, borda o mesmo. Do resto xa dixen ao principio que con outros actores o resultado non sería para nada o mesmo, pero eles dánlle un empaque ao desenvolvemento da historia que fai que sexa apetecible. Morgan Freeman ten un papel curtiño, non demasiado destacado, pero aínda así encántame velo. Helen Mirren destaca como unha elegante e fría asasina profesional, sempre impecable e disposta a matar. Pero entre todos eles destacaría, dos máis coñecidos, a John Malkovich, xenial para unha cinta deste tipo. O home medio tolo, por non dicir enteiro, obsesionado con que o están a controlar, violento e brutal, sempre disposto a solucionar as cousas pola vía directa, disparando e fóra. As súa caras, ocorrencias e frases son do mellor da historia e a maior parte delas son dos mellores momentos da mesma. Pero por riba de todos estes coñecidos actores destaca a protagonista feminina, Mary-Louise Parker no papel da parella por obriga de Frank Moses. Relativamente coñecida, fixo algunhas películas e é a protagonista dunha serie, “Weeds” na que interpreta a unha nai de familia que tras a morte do seu home métese no negocio da venta de marihuana para sostelos a todos, o que traerá consigo un bo montón de problemas (esta non apareceu por aquí aínda, pero calquera día aparecerá, xa que é realmente boa). A verdade é que é unha excelente actriz cómica, tanto que nesta película en concreto nas escenas que non aparece é como se faltara algo, a súa presencia garante sempre unhas boas risas con todo o que fai, o que di e a súa forma de actuar, un papel realmente bo e do máis destacable da mesma. Tamén fixo algo máis de cine, pero con poucos papeis de protagonista.
E destacar a dous actores máis. Por un lado nun pequeno papel a outro bo actor, Richard Dreyfuss, recordado sempre por ser o protagonista de “Encontros na terceira fase”. O outro é un clásico do cine de gangsters de hai xa moitos anos e sorprendeume velo aquí, porque hai tempo que non sabía nada de el, Ernest Borgnine, que aos máis de 90 anos ten un aspecto realmente excelente.
A todos estes actores manéxaos bastante ben o director, Robert Schwentke, que fixo as súas primeiras películas en Alemaña e marchou a Estados Unidos, onde dirixiu algún episodio de series e unha película con Jodie Foster que non estaba mal, “Plan de voo, desaparecida”.


Como dixen ao principio evidentemente non pasará á historia do cine nin será recordada dentro duns meses, é cine de acción e comedia sen máis pretensións, pero fronte a outras que pretenden o mesmo esta penso que o consegue, polo menos a nós fíxonos pasar un bo rato. Non é máis que un entretemento bastante ben feito, penso que ben interpretado e que provoca varios sorrisos en moitas ocasións do metraxe, se queredes pasar un bo rato eu recomendaríaa, pero non busquedes nada de nada máis. Cine de palomitas e refresco, e de paso aproveito para dar a queixa de turno sobre a xente que vai o cine, que ultimamente non sei se confunde as salas de proxección con restaurantes o lugares de picnic. Xa tivemos de case todo ao lado, xente comendo o normal, pero tamén iogures, natillas, hamburguesas, pizza, pero o desta vez penso que xa superou todo isto, tocoume ao lado unha rapaza que estaba a comer aceitunas nunha bolsa de plástico, nada agradable estar no cine co cheiro a salmuera ao lado, pero que lle imos facer, é o que hai.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=ayFfMfN5AvE?rel=0&w=560&h=345]

lunes, 7 de febrero de 2011

Gary Moore

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=4O_YMLDvvnw?rel=0&w=425&h=349]
Cando tiven que pensar en facer un blog xa hai case un ano non tiña moi claro cal ía ser a temática, tras darlle algunhas voltas saíu o que todos os que me visitades podedes ler. Pero non so teño estas afeccións, das máis habituais quedou fóra a música, algo que sempre me acompaña durante case todo o día. Non incluín esta nos comentarios non sei moi ben por que, se porque no momento non se me ocorreu ou porque é tal a cantidade de cousas que escoito que igual xa eran demasiadas cousas, ademais de que se son sincero no panorama actual non é que haxa demasiadas cousas que me gusten o suficiente como para comentalas, así que preferín quedarme con outros temas nos que a actualidade sexa máis interesantes que os meus gustos. Recoñezo que no que se refire a música son bastante clásico e case todo o que me gusta é de hai xa anos, salvando algunhas excepcións de vez en cando. Ven esta introdución a conto de que hoxe vou saltarme un pouco a temática habitual para facer un simple e breve recordo a un músico excepcional que finou onte, casualidades da vida, en España, concretamente nun hotel de Málaga. Falo de Gary Moore.


O blues é un dos xéneros que me gustan moito e descubrín a Moore cando pasou do rock a este outro xénero e desde o seu primeiro disco deste estilo foi deses músicos dos que mercaba todo CD novo que saía, e ningún deles me decepcionou. Naceu en Belfast, Irlanda, en 1952 e morreu tal día como onte, 6 de febreiro de 2011 no Kempinski Hotel Resort de Estepona, en Málaga. Á falta dos últimos datos da autopsia fálase de morte natural, so con 58 anos deixounos un dos case últimos “dinosauros” da música, unha verdadeira mágoa, moitos botaremos de menos novos discos.


Non vou facer unha longa biografía, so algúns datos básicos para aqueles que coñecían a súa música pero non tiñan demasiado claro quen era. Con Moore pasoume sempre algo curioso, moita xente coñecía os seus temas, o seu son, pero moitos non sabían quen era cando lles dicías que o que soaba era Gary Moore, parece que era máis famoso polo seu son característico que polo seu nome. O son da súa guitarra era realmente inconfundible e xenial, pero igual con menos recoñecemento que outros músicos máis coñecidos e de calidade inferior. Comezou en grupos de rock, “Skid Row” ou “Thin Lizzy”, pasando durante anos por varios grupos con máis ou menos éxito. En 1990 “Still got the blues” levouno ás listas de éxitos, con un xiro cara ao blues, colaborando a continuación con grandes do xénero como Albert King, Albert Collins ou o mestre B. B. King, un dos últimos grandes que nos quedan neste xénero. En 1994 tenta de novo a música en grupo cun disco moi interesante, “Around the next dream” e o grupo chamábase BBM. No 2001 outro gran disco, “Back to the blues”, cuxo título deixa claras as súas intencións musicais. Máis de 30 discos son unha boa mostra de que a música de verdade perdeu a un dos grandes.


Xa digo que este comentario de hoxe é curto, máis que nada porque o que recomendo e escoitalo e disfrutar da súa música, duns temas que moitos coñecedes e que hoxe, cando o vexades nas noticias seguro que máis de un pensará: “¡Ah, así que este era Gary Moore. Pois si que me gustaba!”
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=Tp3P7UGz4j4?rel=0&w=425&h=349]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=wyuSDajZTNo?rel=0&w=425&h=349]

miércoles, 2 de febrero de 2011

"Sunset Park", de Paul Auster

nullnullnull
Supoño que todos temos unha serie de autores preferidos, aqueles dos que lemos todo o que publican e cos que sempre atopamos algo que nos guste en todo aquelo que escriben. Pois o autor da novela que vou comentar hoxe é, para min, un deses desde hai xa moito tempo. É curioso que non aparecera antes, pero non é máis que unha casualidade, máis que nada porque a novela anterior non foi das que máis me gustaron del e penso que aínda non me puxera con estes comentarios ou tiña outros pendentes que me parecían máis interesantes. Pero recentemente apareceu a súa, polo momento, última novela e a verdade é que me gustou moito, quedando entre as cinco ou seis súas que máis me gustaron. O autor é Paul Auster e a novela de hoxe, “Sunset Park”. Podedes atopala en castelán na súa editorial habitual, Anagrama, ou en galego na editorial Galaxia, que ultimamente publica as súas obras ao mesmo tempo que aparecen en castelán. Eu lina en galego, gracias a un regalo dun amigo que acertou de pleno, cousa que teño que agradecer, de verdade.


Un autor máis que coñecido e recoñecido, pero que como non apareceu aínda por aquí, como sempre, vou deixarvos unha breve, aínda que non é fácil, biografía. Naceu en Newark (Nueva Jersey) en 1947, escritor, guionista e director de cine. Foille concedido o Premio Príncipe de Asturias das Letras en 2006. Escribe desde idade moi tempérana. Entre 1965 e 1967 estuda na Universidade de Columbia literatura francesa, italiana e inglesa. Daquela comeza a traducir a autores franceses e tentará traballar no cine, escribindo guións para películas mudas que nunca chegarán a rodarse, e que aparecen na súa novela “O libro das ilusións”. Nos anos seguintes escribe artigos para revistas e comeza coas súas primeiras novelas. Chega a traballar nun petroleiro, volve a Francia onde vive entre 1971 e 1974 e segue con traducións de autores franceses, ademais de escribir algo de poesía e un pouco de teatro. En 1976, co seudónimo de Paul Benjamin, escribe a súa primeira novela, “Xogada de presión”, unha novela negra coa que tivo pouco éxito. Divorciase e a morte do seu pai dálle algún diñeiro e escribe “A invención da soidade”. En 1986, xa máis coñecido como autor novelístico, publica “Cidade de cristal” e a continuación algunhas das súas mellores novelas, como “O palacio da lúa”, “Leviatán” (Premio Medicis en 1993) ou “Mr. Vértigo” (1994). Volve ao cine xunto ao director Wayne Wang con “Smoke” e “Blue in the face” e en 1997 dirixe “Lulu on the bridge” que non tivo demasiada boa acollida. Posteriormente novelas como “Tombuctú” (1999), “O libro das ilusións” (2002) ou “Brooklyn Follies” (2005). No 2006 dirixe unha nova película, “A vida interior de Martin Frost”. As súas últimas novelas son “Un home na escuridade” (2008), “Invisible” (2009) e a comentada hoxe, “Sunset Park” (2010). A súa produción é moi extensa e comprende non so novelas, senón tamén algún libro de memorias, poesía, teatro, guións cinematográficos, ensaios... Todos eles con unha serie de elementos comúns dos que non soe escapar e sempre cunha liña moi marcada e unhas características tanto de estilo como de temáticas moi súas.


Esta de hoxe é a súa última novela ata o momento e xa antes de dicir algunhas cousas dela engadir que das últimas foi das que máis me gustaron. “Invisible”, a anterior, deixoume un pouco desencantado por dicilo dalgunha maneira, non é que non me gustara, pero algo menos que outras, creo que lle quedou unha historia quizais demasiado circular e repetitiva, sen avanzar demasiado por momentos e sen ter unha dirección demasiado clara. Se teño que escoller algunhas, o que é difícil, creo que as miñas “favoritas” serían “Mr. Vértigo”, “Brooklyn Follies” (esta posiblemente porque escapa un pouco da tristeza e da tremenda soidade dos protagonistas aínda que tamén está presente, pero paréceme algo máis optimista que o resto das súas novelas), “A música do azar” ou “Un home na escuridade”, aínda que xa dixen que case todas me gustaron moito e todas aportaron algo e tamén algunha reflexión.


“Sunset Park” ten como protagonista, por dicilo dalgunha maneira, porque penso que máis que o protagonista da historia é o personaxe ao redor do que circulan as historias de outros máis que tamén podemos considerar como protagonistas, a Miles Heller. Xa de entrada comentar que a técnica que ten para contarnos a historia pareceume xenial, imos coñecer a mesma historia desde o punto de vista e a vida de varios dos integrantes da mesma, cada un aportará algo a ela e así teremos unha visión completa das vidas de varias persoas. Ao principio coñeceremos a Miles Heller, que é o que menciono máis arriba como centro dun círculo de persoas que xiran ao seu redor. Un rapaz novo que ten un traballo do máis triste e deprimente. As primeiras páxinas xa nos van dar unha idea do ambiente da historia, unha das constantes do autor, elementos como a soidade, a tristeza, a incomprensión, as complicadas relacións humanas e os remorsos que todos temos nalgún momento por cousas que fixemos ou deixamos de facer. Traballa nunha cuadrilla de catro persoas que van a casas embargadas para revisalas, as cousas caras van para o banco, e o resto repártenas entre eles. Pero el non se queda con nada, so fai fotografías de todas as cousas que a xente deixa atrás nas súas vidas, algo parecido ao que fixo el. É un home de 28 anos sen ambicións, deixou a Universidade pero é un home brillante, vive deixando que a vida pase, sen esperanzas, case sen nada, non necesita ningunha das cousas que o resto dos homes usan, vivir así tamén lle supón un enorme esforzo. A súa vida redúcese á mínima expresión, non fuma, non bebe, non come fóra nin ten radio, televisión ou ordenador. O coche e o móbil so por necesidade. O seu único luxo é mercar libros, ler é unha necesidade, case unha adicción. Traballa en Florida pero pensa que ese soleado tempo que teñen non é bo tampouco, o sol non ilumina, senón que cega as persoas para que non vexan ben a realidade. A razón de todo isto, de que deixara a súa familia, a Universidade e unha boa vida que tiña, a morte do seu medio irmán, da que se sente culpable, un lamentable accidente de coche no que el tivo algo que ver, pero que aínda así non deixou de ser una accidente.
Un día coñece a Pilar Sánchez, a casualidade fai que se vexan lendo o mesmo libro nun parque (“O Gran Gatsby”), unha rapaza moito máis nova ca el, 17 anos, pero que ten a súa vida moito máis clara que Miles. Está no Instituto, é unha alumna brillante e quere ir á Universidade e estudar Enfermería. É orfa, os seus pais morreron nun accidente de tráfico e vive coas súas tres irmás e o fillo pequeno dunha delas. A súa madurez e intelixencia calan fondo en Miles, e tras unha resistencia motivada pola súa xuventude van comezar unha relación e vivirán xuntos. Así Miles verá unha oportunidade de cambiar a súa forma de ver a vida, de ter un obxectivo na mesma, de ser un estímulo para Pilar e conseguir que cambie a Enfermería pola Medicina. A súa relación tamén ten cousas que fan que sexa diferente as demais, para poder levala a vivir con el case ten que “mercala” ás irmás, non teñen relacións sexuais completas porque ela pensa que é moi nova para quedar embarazada pero con estas e outras cousas Miles séntese despois de moito tempo útil e vivo. Pero isto non durará moito, ante as ameazas dunha irmá de Pilar terá que marchar e deixala por un tempo, ata que sexa maior de idade e así non ter problemas coa lei. Recebe unha carta do seu amigo Bing que lle ofrece ir a vivir con el e algunha xente máis como ocupas nunha casa en Sunset Park, o lugar que dará título á novela, oportunidade que aproveita para marchar de Florida e, entre outras cousas, pensar en tentar ter de novo contacto coa súa familia, xa que cando marchou deixou todo atrás e os seus pais non souberon nada del directamente, claro.
Aquí entrarán o resto dos personaxes, todos eles con unha historia que contar, imos coñecer por eles mesmos e polos demais toda a vida deles e as razóns que os levaron a ser como son ou a vivir como viven. Hai historias que completaremos pouco a pouco, capítulo a capítulo entrelazando o que van contando todos, tanto do pasado como do presente, avanzando pouco a pouco nunha trama que non temos moi claro a onde nos vai levar. Coñeceremos a Bing Natham, o que ten a idea de ocupar a casa e que vive dun negocio, o “Hospital das Cousas Rompidas” onde arranxa cousas doutra época: máquinas de escribir, plumas, radios de válvulas, xoguetes de corda, como os homes e mulleres da nosa historia, seres rotos que necesitan que alguén os arranxe. Con el viven Alice Bergstrom, traballando na súa tese, e Ellen Brice, unha pintora, aínda que as dúas teñen outros traballos ademais do que realmente lles gusta facer. Coñeceremos a Morris Heller, o pai de Miles, director dunha editorial con problemas económicos nun momento no que os libros non son o mellor negocio. A Mary-Lee Swann, a nai de Miles, divorciada tempo atrás de Morris, actriz de éxito internacional que está a afrontar os últimos anos da súa carreira. A Willa, a nai adoptiva de Miles e nai de Bobby, o medio irmán morto... E algúns máis que serán moi importantes dun modo ou doutro nas vidas de estes xa mencionados. Saberemos moitas cousas deles, máis que eles mesmos, a través deles, do que fan e din e a través dos demais, porque nun momento ou noutro todos terán algo que ver.


Todas as constantes das novelas de Auster están presentes nesta. O tema do béisbol, do que é un gran afeccionado, aparece en varios momentos importantes, case sempre para falar de xogadores que, digamos, no tiveron demasiada sorte nas súas vidas a aos que o azar truncou grandes carreiras o mesmo que lles pasa aos personaxes da novela, marcados case todos polo azar. Tamén o tema do cine, cunha película da que todos falan ou ven nalgún momento, a cinta sobre a que Alice centra a súa tese, un clásico do cine americano que se non vistes deberíades de ver, “Os mellores anos da nosa vida”, unha premiada película de 1946 que conta a vida de varios soldados que voltan a casa tras a Segunda Guerra Mundial. E, sobre todo, o azar, sempre ou case sempre negativo, que voa sobre todos os homes e mulleres da historia. A soidade da humanidade, a tristeza, as cousas que imos deixando atrás para non volver nunca, o difícil que é as veces afrontar o que fixemos e dicir a verdade en lugar de fuxir sen saber moi ben cal sería o resultado en caso de quedarnos. Son moitos os temas que poderíamos sacar da lectura e das vidas de os personaxes que viven ao redor de Sunset Park, unha casa nun barrio da cidade de Nova York.


Recoñezo que Auster non é un exemplo de optimismo e felicidade, pero ao mesmo tempo as súas novelas sempre teñen algo que dicirme, algo sobre o que reflexionar aínda que sexa por oposición ao que nos está a contar. Ademais tenme atrapado a súa forma de escribir, un estilo que parece sinxelo pero que non o é, moi poético en moitos momentos e con formas de xogar coas palabras e as imaxes que non deixa de sorprenderme nunca. Esa simpleza aparente esconde sempre unha gran complexidade da narración, con historias dentro das historias, con voltas cara ao pasado e mirando ao futuro e, moitas veces, sorprendendo ao lector polo que conta, como o conta e como van avanzando as vidas duns personaxes que aínda dentro da ficción aparecen para o lector moitas veces como persoas de carne e oso.


Penso que é evidente que me gustou moito e recomendo a súa lectura, que estou seguro de que será do voso gusto, tanto pola calidade literaria como por un entramado de historias que vós collerá e atrapará como unha tea de araña, a tea na que están Miles, Bing, Morris e todos os demais..., teredes que ver se eles poderán ou non escapar.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=my84nnq58Os?rel=0&w=425&h=349]

domingo, 23 de enero de 2011

"Sons of anarchy"

nullnull
Volvemos de novo ao mundo da televisión. Normalmente para as series novas boto un ollo antes ao argumento, actores e esas cousas para ver se me parece apetecible ou non, coa cantidade delas que temos agora polos distintos canais non é fácil as veces elixir aquelas que poden merecer a pena por calidade, entretemento ou outras razóns. Esta serie de hoxe nun principio non me chamou demasiado a atención, pero como tiña lido boas críticas por varios sitios hai tempo que me decidín a gravala e tela gardada para algún momento no que non tivera demasiadas cousas apetecibles, polo menos para darlle unha oportunidade. A verdade é que o argumento central non me chamaba demasiado e por iso foi quedando apartada, pero tamén é certo que hai uns días estrearon en FoxCrime a terceira temporada da mesma, así que algo debería de ter. Ademais teño un bo amigo qu é un bo consumidor de series, co que as comentamos, intercambiamos algunhas e esas cousas. Así que esta de hoxe pasou antes polas súas mans e trala recomendación decidimos vela, e non nos arrepentimos para nada, porque merece moito a pena. Falo de “Sons of anarchy” (“Os fillos da anarquía”), unha serie americana, claro está, que circula ao redor dunha pandilla de moteiros.


O primeiro comentario que me fixo o meu amigo foi simplemente dicir que nunca pensara que unha serie sobre unha realidade tan allea e lonxe da súa fora a gustarlle tanto. Esa foi unha das razóns para que non me puxera a vela no seu momento. Díxenme que a vida e aventuras dun grupo de moteiros con esa estética tan americana de cazadoras de coiro (ben, estes levan chaleco, pero ven a ser o mesmo), motos de gran cilindrada negras con eses manillares altos (que me parecen incomodísimos); Harley Davidson personalizadas, claro; e todo o que rodea a ese mundo algo lonxe da nosa realidade non me parecía que me fora atraer. Pois estaba completamente equivocado, porque fóra de toda esa imaxinería (que teño que recoñecer que aínda que lonxe do noso paréceme algo atractiva, a verdade) hai unha serie de historias, de situacións e de argumentos que teñen bastante que ver coa vida diaria, coa realidade de calquera en canto a relacións, problemas e situacións case cotiás, extrapolándoas, claro, do mundo no que se desenvolven. Algúns téñena comparado con unha das grandes series dos últimos anos, “Los Soprano” no sentido de que, como nesta, o mundo da mafia era case unha escusa para desenvolver outro tipo de temáticas que calquera pode entender. Pois nesta pasa o mesmo, son unha pandilla de xente e os argumentos que se desenvolven teñen máis que ver con relacións entre persoas, enfrontamentos e esas cousas máis que coa vida real do grupo, podería ser calquera outro grupo social identificado por unhas características comúns.


A historia xira ao redor do núcleo central do grupo de moteiros, os “Sons of anarchy” que dan título á serie. Un pequeno grupo que, digamos, é o centro dunha serie de delegacións repartidas por gran parte dos Estados Unidos, un grupo que se move no que se coñece como Samcro (que non é máis que o acrónimo de “Sons of Anarchy Motorcycle Club Redwood Original”), que viría a ser o lugar onde viven, reúnense e desenvolven as súas actividades. Viven en Charming, un pobo ficticio situado no norte de California, o típico pobo de tamaño medio dos moitos que hai polos Estados Unidos. Alí viven basicamente do comercio ilegal de armas, usando como tapadeira un taller mecánico. Ademais funcionan como “protectores” do pobo no sentido de manter lonxe do mesmo a outros grupos de delincuentes, sobre todo a aqueles que se dedican a negocios relacionados coa venta de drogas, a prostitución ou calquera que poida interferir na vida diaria do pobo. Protexen aos seus, e dentro dese grupo están so eles, os seus e case toda a xente do pobo, que acode a eles para que lles axuden cando teñen algún tipo de problema grave. O protagonista principal é Jackson Teller, un rapaz de pouco máis de 30 anos que vive en medio dun conflito entre a vida sen o seu pai e os enfrontamentos coa parella da súa nai, que ademais é o presidente do club. Ademais o problema principal é que non está demasiado de acordo coa liña que leva o club, pensando que deberían deixar a maior parte das actividades ilegais que realizan para dirixirse cara a outro tipo de cousas máis “legais”. Todo isto apoiado por unha especie de libro ou diario escrito polo seu pai no que fala das intencións reais que tivo como fundador do grupo e o pouco de acordo que estaba coa liña que estaba a levar despois, tirando máis cara á delincuencia que cara a idea de liberdade e de loita contra a sociedade que basearon a súa fundación. Ademais é o vicepresidente do grupo e ao que todos ven como futuro presidente, aínda que algúns non ven con bos ollos esa outra liña que Jacks quere para eles. Clay Morrow é o presidente e medio pai de Jacks, xa que é a parella da súa nai. Capaz de absolutamente calquera cousa para manter a integridade do club, empregando a forza cando sexa necesario e pasando por riba do que sexa para conseguir os seus propósitos. A pesar deles rexeita calquera outro negocio ilegal que non sexa a venta de armas, o demais parécelle reprobable, aínda que iso non impide que se relaciona cos outros que se dedican a eses outros negocios, sempre e cando non o fagan no seu pobo.
Por riba de todos os homes da serie, destaca unha muller, Gemma Teller Morrow, a nai de Jacks e actual parella de Clay. Un personaxe deses que impresionan e enchen a pantalla cada vez que aparece, unha muller dura, fría a veces, pero que esconde moitas máis cousas das que podemos pensar tras ver os primeiros episodios. Preocupada polo seu fillo, polo club e por todos os que circulan ao redor dela, busca ante todo os seus intereses e os dos seus e para iso é capaz de facer absolutamente calquera cousa. Ela é a que en realidade manexa e dirixe os fíos de case todo o que pasa en Charming, onde nada escapa ao seu control e, cando algo o fai, en seguida toma de novo as riendas para non deixar nada sen atar. É capaz de poñerte a pel de galiña nun momento e ao seguinte provocar sentimentos contrarios por completo, un personaxe complexo de dos mellores que teño visto nunha serie dramática. E logo temos ao resto dos integrantes do grupo, cada un con unha misión e unha forma de ser moi definida. Bob Munson é un dos fundadores, imitador de Elvis nos seus ratos libres. Alex Trager é o violento, sádico e encargado dos traballos máis sucios. Incluso temos ao aspirante a entrar na banda, Kip Epps, ao que todos coñecen co alcume de “medio ovo”, cando a vexades saberedes por que. Ao redor deles un xefe de policía corrupto case ao seu servicio, algo que fai tamén preocupado, digamos, por manter a tranquilidade e paz no pobo. Ou o axudante do shérif, un rapaz que coñeceu a Jacks cando eran máis novos pero que agora a vida levounos por camiños distintos. Algúns personaxes fixos máis xunto con estes, pero sería demasiado longo falar de todos eles e é mellor descubrilos a medida que vemos a serie, ademais de que así tampouco conto as historias que van ir desenvolvendo, que son tensas e interesantes. Ademais teremos aos grupos rivais, desde mexicanos, neonazis e todos os grupos de delincuentes habituais neste tipo de producións.


A serie destaca por moitas cousas e nos está a gustar moito. A complexidade dos personaxes e das tramas é bastante alta, as cousas, como na vida, non son brancas ou negras e moitas veces vense obrigados polas circunstancias a realizar actos cos que non están de acordo. Tamén é certo que moralmente o comportamento de todos eles non é para darlles un premio. Case podemos dicir que non hai un so personaxe “bo” en toda a serie e que os guionistas conseguen que os “Sons of anarchy” parezan os mellores de todos, os únicos que teñen un certo código moral e de comportamento fronte a todos os demais. Incluso personaxes como os policías da ATF que irán detrás deles parecen moito, pero moito, peores que os protagonistas. Eles entenden a venta de armas e todo o que fan como unha forma de manter o status social e económico e tamén como a forma de manter lonxe a todos os demais do SEU pobo e dos seus. Hai que dicir que é unha serie dura, con algúns momentos realmente violentos e duros, directos e brutais pero non so polo que se ven, senón tamén por como se desenvolven as cousas e as súas vidas. Aínda así sigo a dicir que merece a pena, penso eu.


Máis puntos ao seu favor poden ser, por exemplo, a música, recoñecida por todo bo afeccionado á música americana que rodea a este mundo. Case cada episodio remata cun tema musical moi ben incluído, case sempre relacionado co que pasou ou está a pasar e que remata moi ben o mesmo. Os actores están todos realmente ben, do primeiro ao último, aínda que destacan as dúas caras máis coñecidas. Gemma Teller é a actriz Katey Sagal, coñecida por varias series de televisión; e Clay Morrow é Ron Perlman, entre outras cousas un dos inesquecibles monxes de “O nome da rosa” e que apareceu en gran cantidade de películas e series de televisión.


Nalgúns sitios falan de reminiscencias do teatro de Shakespeare na serie, tras vela e analizala un pouco podemos ver elementos de algunhas das obras máis coñecidas do autor en moitos sentidos, pero actualizadas e levadas a outros campos. Non se pode negar, en moitos aspectos, a influencia, por exemplo, de “Hamlet”, pero non é a única. Outro punto máis a favor dunha serie que como dixen ao principio, non me chamou, pero que agora me ten encantado, a verdade. Son tres temporadas, a terceira comezou a semana pasada, cada unha de 13 episodios de 45 minutos cada un cheo de momentos de tensión, de violencia, de sufrimento que te poden deixar sen respiración en máis dunha escena. Seguirás as súas aventuras e desventuras con bastante atención, as veces incluso non serás capaz de ver un so episodio, porque quererás saber que vai pasar a continuación. Ademais non todo é drama, ten momentos realmente simpáticos e divertidos para romper un pouco esa tensión. Son moteiros, pero teñen unha vida cotián cos problemas e situacións de moita xente, problemas de saúde, de diñeiro, de relacións, discusións cos fillos e ese tipo de cousas. Moteiros con seus chalecos de coiro que comen magdalenas ecolóxicas, que son moito mellores que as industriais, que actúan disfrazados de Elvis en casinos ou festas infantís ou que se gastan bromas (algunhas entre simpáticas e brutais) entre eles. Un dos seus méritos, para min, é que non é unha serie de argumentos simples e fáciles, las cousas sempre vanse complicando e retorcendo, sorprendendo en máis dunha ocasión ao espectador, ese é un dos seus maiores méritos. Con todo isto, vola recomendo, non penso que os vaia decepcionar.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=sLzXPo1pWL8?rel=0&w=560&h=345]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=Znt286XnQsU?rel=0&w=560&h=345]

miércoles, 19 de enero de 2011

"El cementerio de Praga", de Umberto Eco

nullNormalmente antes de poñerme a escribir un comentario boto unha ollada por internet, por un lado para recoller algunha información sobre o autor, ver se ten algunha nova novela ou algunha cousa destacada que engadir e por outro para contrastar un pouco as miñas opinións ou impresións coas de outras persoas e con todo axudar un pouco a matizar puntos de vista e esas cousas. Isto é algo que coa novela que vou comentar hoxe non quixen facer demasiado, limitándome a un par de artigos en revistas especializadas e pouco máis. ¿Por que? Pois porque é unha novela bastante esperada dun autor que soe crear certas polémicas por moitos aspectos de cada nova publicación que aparece. Por iso preferín limitarme case por completo ás miñas propias impresións sobre ela. Falo de “El cementerio de Praga”, de Umberto Eco.


As ventas que está a ter son moi boas, colocándose nos primeiros postos en todos os países nos que se está a publicar. Por un lado é un autor que ten tirón entre os lectores e por outro as polémicas que soe espertar coas súas declaracións e obras tamén fai que as expectativas crezan bastante. Neste caso hai varios sectores que fixeron comentarios sobre a mesma que penso que fixeron espertar certas polémicas que sempre favorecen as ventas, polémicas das que creo que o autor é moi consciente, por non dicir que as busca case a propósito. Neste caso non vou deixar aquí a súa biografía, xa que aparecer anteriormente cando comentei a súa novela “El nombre de la rosa”. Un dos reclamos publicitarios que se usaron para esta nova novela está relacionado, precisamente, con esta outra novela. Nalgún lado lin que era a súa mellor novela despois desta ou incluso superior, sinto dicir que non estou de acordo, pero iso é algo sobre o que falarei algo máis adiante. En canto ao xénero no que podemos metela, paréceme complicado. Falouse de que pertence ao xénero histórico, ao de intriga ou algúns din dela que é un folletín ao estilo dos do século XIX. A verdade é que non sei moi ben onde metela, histórica en parte si porque todos os personaxes que aparecen na mesma existiron no seu momento e mantiveron as relacións que nos indica o autor, os sucesos na súa maior parte tamén están dentro do sucedido entre finais do século XVII e principios do XIX, pero todos eles están relacionados ao redor dun personaxe completamente ficticio, irreal e quizais, un tanto esaxerado. Eu diría que é unha novela de aventuras ou intrigas sobre todo políticas postas en relación cunha serie de feitos históricos desa época. Tamén penso que é case imprescindible ter unha visión polo menos aproximada dunha serie de feitos relacionados coa historia de, sobre todo, Francia, Italia e Alemaña deses dous séculos. Sobre todo se se quere seguir unha historia que en certo momento complícase un pouco pola cantidade de personaxes e relacións que se establecen entre eles co protagonista como centro. Curiosamente hai pouco que lin unha novela de Gary Jennings que aparecerá por aquí en breve, “Lentejuelas”, que comparte moitos destes feitos, casualidade tela lido algo antes, porque me axudou moito a seguir a historia de Eco.


A estrutura da novela é unha especie de diario escrito por un personaxes un tanto peculiar, por dicir algo, un home sen conciencia que so se move polo propio interese, vendéndose a quen sexa para conseguir diñeiro e que vai estar metido en todas as intrigas políticas da época na que vive; desde a unificación de Italia con Garibaldi ata a guerra franco-prusiana. A narración vai alternando entre unha especie de narrador e un protagonista desdobrado en dous, por un lado o, chamémolo así, principal, o capitán Simone Simonini e unha especie de alter ego, o abate Dalla Piccola. Esta triple narración nalgunha ocasión convértese unha especie de caos que pode chegar a confundir ao lector, a atención e a relectura nalgunhas ocasións fanse imprescindibles. A historia comeza en 1897 en Francia, co capitán Simonini aos 67 anos tentando contar a súa vida nunha especie de diario escrito, rememorando todos os acontecementos da súa vida e tentando, en parte, xustificarse un pouco por todo o que fixo, que é moito. Naceu en Italia, vivindo no medio dun pai italiano, unha nai francesa e un avó que será, en parte, o culpable da idea de que hai unha conspiración xudía para dominar o mundo. Os seus pais póñenlle o nome de Simone en recordo de San Simón, un neno mártir asasinado en Trento polos xudeus. O seu pai é un revolucionario italiano que morrerá pronto a causa da propia revolución, co que quedará ao coidado do seu avó. Un avó antisemita, profundamente relixioso e conservador. Chegado certo momento terá que escapar disfrazado de Italia e marchar a Francia, onde vivirá a maior parte da súa vida. Traballará para un notario, onde aprenderá o arte da falsificación de documentos, descubrindo que ten unha grande facilidade para iso, será o que faga a partires dese momento. A súa vida basease no engano, no xogo e na falsificación, sempre buscnado diñeiro a cambio e pouco máis. Moralmente é un personaxe deplorable, con nada positivo, dálle igual para quen traballe con tal de que lle paguen. Incluso é capaz de traballar ao mesmo tempo para dous grupos distintos, opostos e enfrontados, aportando documentos falsificados a cada un deles que se adapten ao que lle piden. Xa sexa para os franceses buscando contrariar aos alemáns, como para os alemáns buscando o mesmo para os franceses. Así estará no medio de toda revolución, guerra ou conflito real da época sendo, ademais, un dos culpables e instigadores dos mesmos. De todos modos o centro de todo serán os xudeus, inventando e aportando documentos falsificados por el, copiados de outros, creados e inventados por el ou como sexa que leven á xente a pensar que tentan meterse de calquera xeito en todos os ámbitos das sociedades europeas buscando o dominio do mundo.


As primeiras páxinas son demoledoras en canto a críticas, non deixa títere con cabeza. Empeza cunhas descricións e opinións sobre os xudeus realmente tremendas, pero non queda aí, pasará a facer o mesmo cos alemáns, logo os franceses, os italianos, os curas, sobre todo os xesuitas (que tampouco quedan ben parados), as mulleres... Son páxinas feroces, case brutais que a min persoalmente provocáronme máis dun sorriso sobre todo pola forma de dicir as cousas. Fronte a algunhas críticas que lin, eu fun incapaz de tomalo en serio. Incluso lin unha declaracións do gran rabino de Roma que di “ao final o lector pregúntase se os xudeus queren derrocar á sociedade e gobernar o mundo”. Paréceme unha opinión tan esaxerada e case fóra de lugar que non creo que haxa que tela demasiado en conta, ademais de ser unha falta de respecto cara ao lector e a súa intelixencia. Eu vexo máis un xogo literario, unhas ganas por parte de Eco de chamar a atención e xogar con eses escándalos que a novela en realidade provocou. Ademais non son so os xudeus os que son tremendamente criticados e vapuleados, case toda a sociedade e estamentos da época aparecen duramente golpeados coas palabras do autor. Como dixen, todos os personaxes da novela son reais, salvo ese protagonista que, incriblemente, está metido en todos os fregados. E tamén, ao final, temos unha notas que o propio autor cualifica como “Inútiles aclaracións eruditas”, coincido completamente con el, resultáronme realmente pouco útiles, a verdade. O que non se pode negar é a capacidade de Umberto Eco para xogar coa linguaxe e, sobre todo, cos seus lectores.


Con todo isto a min a novela entretívome e gustoume ata, aproximadamente, a metade. A partir de certo momento o cúmulo de personaxes, de nomes, de intervencións faise nalgúns momentos tan caótico que é complicado seguir a historia aínda que se faga con atención, tendo máis dunha vez que pararme a pensar ou ir algunhas páxinas cara atrás para centrarme un pouco. Como sempre a linguaxe nalgúns momentos roza o esaxerado polo culto, con máis dunha palabra ou expresión realmente chocante polo pouco usual. Non me parece, como lin, a gran novela de Umberto Eco, é máis, se non fora porque non é algo que faga e porque nalgunhas cousas conseguiu a miña atención, penso que case a deixaría para outro momento, porque nalgún incluso cansoume un pouco. Cando a empecei as, digamos, cincuenta primeiras páxinas, gustáronme moito, pero ese interese foi caendo pouco a pouco ata chegar a un certo cansazo. Claro que non tanto como algunhas das súas novelas anteriores, xa dixen nun comentario anterior que non me doe recoñecer que “Baudolino” resultoume case incomprensible; tendo isto en conta esta gustoume algo máis, pero vendo outras novidades editoriais do momento e outras lecturas recentes, “El cementerio de Praga” non estaría entre as que recomendaría demasiado, hai outras antes que me gustaron bastante máis e, sobre todo, entretivéronme moito máis. Agora, isto é un comentario completamente persoal, o tempo e vós diranme se estaba ou non no certo.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=8Ryek0IZB0I&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 11 de enero de 2011

"Sé lo que estás pensando", de John Verdon

nullnull
Volvemos de novo ás novelas, e outra vez unha de xénero negro que está a ter unhas excelentes ventas e moi boas críticas por parte, sobre todo, dos lectores. É máis, a revista “Qué leer” no seu número de decembro fala de la como “a novela negra do ano”. Pero antes de continuar co comentario gustaríame facer unha breve reflexión. Nun dos comentarios anteriores dicía que me molestaba moito ver trailers de cine ou ler contraportadas de novelas nas que case nos destripaban o argumento ou a idea central a mesma, e que nalgúns casos a cousa era tan grave que case non era necesario velas ou lelas, porque aclaraban tanto as cousas que xa case non merecía a pena. Pois neste caso neste número da revista mencionada, ademais de falar algo sobre a novela, fai tamén unha entrevista ao autor, ata aquí todo ben. Pero se un le a entrevista pode, ata certo punto, aforrarse a lectura a novela, porque hai varios parágrafos, preguntas e respostas que nos deixan ao aire a trama de novela e desvelan por completo o misterio da mesma. Non me parece nada serio, sobre todo cando falamos de novela negra, que este tipo de publicacións non sexan máis coidadosas e, sobre todo, respectuosas cos seus lectores. Se lemos o artigo xa temos desvelado o misterio central desta historia, claro que sempre podemos lela igual, pero creo que a gracia, a intriga e a tensión non van ser do mesmo tipo, paréceme unha pena. Ben, a novela é “Sé lo que estás pensando”, e o autor é John Verdon.


Caso curioso o deste autor. É a súa primeira novela, ata aí todo máis ou menos normal, pero xa non o é tanto que a escribira e publicara aos 68 anos, así que é un autor novel pero que xa ten unha idade. É un caso curioso, unha persoa que se convirte en escritor tras a xubilación, caro que será tamén que a partir dese momento tiña máis tempo libre. Adicou a maior parte da súa vida a traballar en publicidade, dato que se nota na redacción da súa novela, sabe atrapar ao lector, levalo por onde el quere e dirixilo, neste caso para que “consuma” a súa novela en lugar do produto de turno que tería que anunciar. El mesmo recoñece que escribiu a historia partindo de conseguir unha economía expresiva e un ton consistente, onde todo fora relevante e sempre fixera avanzar a acción. Cando se xubilou necesitaba distraccións, fixo un curso de carpintería e pasou unha bota temporada facendo mobles, chegando incluso a vender algúns a tendas de antigüidades de Nueva York. Pero o seu soño desde había tempo era dedicarse á escritura de historias de ficción, cousa que fixo con esta primeira novela. Era consciente da súa habilidade par escribir, miles de anuncios saíron da súa mente e é afeccionado á novela negra, tivo un par de ideas para o desenvolvemento da historia, e ao redor delas foi desenvolvendo esta intrigante e desconcertante novela. Traducida a 24 idiomas foi todo un éxito de ventas alá por onde se publica, agora xa está a traballar nas súas seguintes historias, x que firmou un contrato por, como mínimo, tras novelas máis que, posiblemente, teñan como protagonista ao mesmo que creou para esta primeira.


A novela en inglés titúlase “Think of a number”, que viría a ser “Pensa nun número”, aínda que aquí puxéronlle “Sé lo que estás pensando” que para min, queda un pouco a medio camiño entre o título orixinal e o que nos vai contar. O protagonista é Dave Gurney, un policía retirado de 47 anos que foi moi famoso e eficiente na resolución de asasinatos en serie. Posúe unha mente privilexiada que lle permite ir xuntando na súa cabeza todas as pezas, incluso as que os demais non son capaces de ver, para ir, pouco a pouco, chegando a conclusións que o levarán directamente ao asasino. Vive retirado nunha zona tranquila e rural, acompañado da súa esposa Madeleine, que terá un papel fundamental en toda a historia, intervindo sempre non para aclarar cousas, pero si sempre para facer a pregunta xusta no momento xusto ao seu marido para que este poida chegar ás conclusións correctas. Dave, que non é demasiado capaz de vivir lonxe do seu traballo, o que non lle fai demasiada gracia á súa muller, dedícase agora a pasar o tempo e retocar fotos de asasinos en serie para expoñelas, actividade á que chega tras un curso de fotografía que fai e que o puxo en contacto cunha directora dunha galería moi interesada no seu traballo. Un día recibe ten noticias dun antigo compañeiro, Mark Mellery, director dunha institución chamada “Instituto para a Renovación Espiritual”, que ten un problema cunhas cartas que recibiu ultimamente e que o teñen algo preocupado. Unhas intrigantes cartas escritas con tinta vermella de alguén que parece que o coñece e que lle di que será capaz de adiviñar un número no que Mark estea a pensar. O número vén nun sobre aparte, onde figura o 658, xusto o número no que Mark está a pensar. No caso de acertalo, terá que enviarlle ao remitente, que asina como X. Arybdis, unha certa cantidade de diñeiro a un apartado de correos. Non é que Dave e Mark foran íntimos amigos da súa época de estudantes, pero esta historia provoca que a curiosidade investigadora do policía retirado renaza, sobre todo porque a historia non vai quedar aí. Mark era un pouco golfo, alcohólico e tras perder a súa muller nun accidente de tráfico deixa a súa vida anterior e convértese nunha especie de predicador que dirixe a institución mencionada para axudar a xente en situacións complicadas. Intrigado polas estrañas cartas, Dave visita a Mark no Instituto, pero a historia vaise algo máis, máis notas, chamadas e o propio Mark será o primeiro asasinado da historia. Un asasinato cunhas pistas desconcertantes e estrañas que farán que Dave e a policía estean algo perdidos. Ademais terá que colaborar coa policía na investigación, a pesar do seu retiro, cousa que a súa muller non lle fará demasiada gracia, e tampouco ao policía Jack Hardwick, outro antigo coñecido que non admite demasiado ben a intromisión do protagonista. A partir de aquí unha rápida espiral de acontecementos, investigacións e descubrimentos que desconcertarán tanto ao lector como a todos os que interveñen na investigación. Todo para atrapar a ese frío e estraño asasino que parece capaz de ler a mente daqueles aos que ameaza.


Non sei se é a mellor novela negra do ano como di a revista mencionada ao principio, pero si que é a máis entretida, amena, desconcertante e intrigante que teño lido ultimamente. Ademais todo esta enfocado a captar a atención do lector, con algúns elementos máis que fan que sexa máis atractiva e interesante. A relación de Dave coa súa muller, Madeleine, e os seus problemas familiares; as relacións do policía estrela xa xubilado cos policías e fiscais encargados do caso; o desconcertante dunhas probas e unhas pistas que volven tolos a todos pero que, pouco a pouco e de forma case maxistral, van tomando forma e lóxica... Todo está enfocado a que o lector non sexa capaz de deixar a lectura, porque sempre quererá saber que pasou e que vai pasar a continuación. A medio camiño entre a novela negra e a novela de misterio, de intriga que xoga perfectamente con todos os elementos do xénero. Unha intriga excitante, un protagonista con carisma e unhas características que o achegan a moitos outros do xénero pero que, ao mesmo tempo fan que sexa diferente e atrainte, xiros argumentais e sorpresas perfectamente colocadas, problemas familiares...; hai de todo e moi ben engarzado. E moitos misterios desconcertantes, xogos intelectuais e enigmas que so a mente analítica e lóxica de Dave Gurney serán capaces de desvelar, iso si, axudado moitas veces por esas preguntas ao aire que lanza a súa muller, algo cínica e cansada da situación pero que ao mesmo tempo vese incapaz de non “axudar” ao seu marido.


A min entretívome moitísimo, e duroume moi pouco porque non era capaz de deixar a lectura en moitas ocasións, pensando e dándolle case as mesmas voltas que o protagonista e os seus compañeiros da policía. Ademais da historia creo que unha das mellores cousas da historia son os personaxes. O protagonista e a súa muller, cunha relación difícil, son do mellor que teño visto nunha novela deste xénero. Os policías están a medio camiño entre o típico e a orixinalidade, pero con suficientes elementos como para no caer no de sempre. Hai algúns que destacan, pero non quero desvelar cales porque penso que é mellor que o descubrades por vós mesmos a medida que avanzades na lectura. En conclusión, unha das novelas deste xénero máis recomendables que lin nos últimos anos, non creo que vos decepcione.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=UtRTCSPISfw&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

martes, 4 de enero de 2011

"El discurso del rey"

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=GVyeTTVyKBk&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Ante todo, como este é o primeiro post deste ano 2011 os meus bos desexos para o mesmo, no que espero seguir con estes comentarios como ata agora. O 1 de xaneiro de cada ano desde hai algúns, como é un día un pouco, digamos raro, temos o costume de ir ao cine, así que imos inaugurar os comentarios deste novo ano cunha película recente que aínda está na carteleira e que vos recomendo a todos encarecidamente, porque merece moito a pena. Non é que houbera demasiadas cousas na carteleira, así que nos decidimos por esta, entre outras cousas polas boas críticas e porque os actores protagonistas, sobre todo un deles, están entre os que practicamente nunca me decepcionan, e así foi. Gustounos moito a todos e disfrutamos de dúas horas de bo cine, ben feito e moi ben interpretado. A película en cuestión soa para varias candidaturas para os Óscar deste ano e está a recibir premios en case todos os festivais nos que aparece, falo de “El discurso del rey”.


Casualidades que hai as veces, no post anterior a este falaba dunha serie inglesa, dicindo que case sempre se lles supón unha calidade e realización que outras so teñen de vez en cando; agora falo dunha película da mesma nacionalidade, que ten esas mesmas condicións e algunhas máis, guste ou non guste a calidade e o bo facer non se lles poden negar nunca. Esta feita cunha elegancia, delicadeza e estilo que noutras producións aparecen de forma moito menos habitual, e a verdade, polo menos para min, sempre é un gusto ver cine desta nacionalidade porque ten sempre ese aire que o fai distinto e especial, sexan traxedias, comedias ou case calquera xénero. Neste caso estamos ante unha historia de corte histórico que transcorre na Inglaterra dos anos 30 do século anterior. É unha historia que descoñecía por completo, a verdade, unha historia sorprendente ao mesmo tempo que moi entrañable e curiosa. De todos modos está tratada con bastante cariño, como algo que está preto e familiar, como unha estraña relación entre dúas persoas que nunca terían contacto pero que por circunstancias coñécense e desenvolven unha amistade.


Alberte Federico Arturo Xurxo de Windsor é un dos dous protagonistas, Duque de Iork e futuro rei de Inglaterra (pai da actual raíña Isabel) durante os difíciles anos da Segunda Guerra Mundial. O seu pai é o rei Xurxo V e o seu irmán maior Eduardo será o sucesor inmediato. Ten un problema, é tatexo, que lle impide falar en público, o que lle supón un gran impedimento para unha persoa que ten que realizar este tipo de intervencións. Ao longo da historia veremos como esta limitación da fala ten unhas motivacións que veñen da súa infancia. A súa muller, Isabel Bowes-Lyon, está moi preocupada por este problema e non fai máis que tentar buscar solucións e terapias para axudar ao seu home, pero non é sinxelo. Xa probou de todo e non atopa nada nin a ninguén que o axude con esta limitación. Un día acode a unha pequena casa dun barrio de Londres para ver a unha persoa que lle recomendaron, Lionel Logue, un home que vén de Australia e que parece que conseguiu bos resultados neste campo. Lionel é unha persoa tamén algo especial, que impón unhas condicións moi estritas para levar a cabo a súa terapia sen importarlle demasiado quen sexa o seu paciente. É un home apaixonado de Shakespeare, actor afeccionado, un home de familia e que ten procedencia australiana, o que lle provoca algúns problemas. A primeira entrevista entre o Duque e Lionel da xa unha idea de por onde van ir as cousas, ao principio a cousa non vai ben, pero é fácil supor que pouco a pouco establecerase unha relación moi especial entre estes dous personaxes, sobre os que descansa toda a historia. De entrada Lionel pretende que se traten como iguais, como compañeiros, así que para el o Duque será “Bertie”, cousa que non lle fará demasiada gracia, pero que non lle quedará máis remedio que aceptar se quere ser tratado por el. Pouco a pouco as cousas irán cambiando ata, como dicía unhas liñas máis arriba, chegar a ter unha relación estreita, de amistade e , ao mesmo tempo, de dependencia. O rei morre e o seu fillo Eduardo accede ao trono, pero é un home máis preocupado polas súas relacións sentimentais que polas súas obrigas como rei. Isto fará que abdique na persoa do seu irmán no mesmo momento no que Inglaterra entra na Segunda Guerra Mundial. Agora é cando a intervención de Lionel será fundamental para o rei Xurxo VI, que terá que realizar moitos discursos durante a contenda, así como antes axudalo para superar a cerimonia de coroación.


A película está dirixida por Tom Hooper, un novo realizador inglés que promete bastante e que está a conseguir excelentes críticas por este traballo, sobre todo tendo en conta que traballou con dous grandes pesos pesados da interpretación, saíndo con ben da proba. O mellor de toda a historia é a interpretación dos dous actores principais, que me parece sobresaínte e moi destacada, as escenas entre eles son xeniais absolutamente todas, os diálogos, os xestos, as miradas, todo é destacable. O papel do rei está realizado por un actor que parece que por fin vai sacar de enriba ser “o de Bridget Jones”, falo de Colin Firth. Un actor inglés que sempre está ben pero que ata hai uns anos parecía estar encasillado en papeis de medio galán en gran cantidade de comedias románticas. O ano pasado chamou moito a atención con “Un hombre soltero”, que lle valeu unha nominación para o Óscar, que non gañou por pouco. Este ano sona como o favorito para gañar este premio ao mellor actor e penso que deberían darllo. Borda o papel deste home tatexo, con moi mal xenio (provocado en parte por esta limitación) e consciente da gran carga que vai levar sobre as súas costas, que é o que lle provoca un sufrimento maior. Non destaca soamente por esas escenas nas que lle custa falar, senón que en todo momento a súa cara, os seus ollos, os seus movementos fan que non poidas quitar o ollo de pantalla, excelente sería a mellor palabra para definilo. O seu compañeiro é un dos meus actores favoritos, un home que sempre destaca faga o papel que faga e sexa a película como sexa, falo de Geoffrey Rush, un actor australiano gañador dun Óscar ao mellor actor en 1997 por “Shine” e que me impresionou en “Quills”, unha película na que interpretaba ao Marques de Sade. Aquí está, como sempre, xenial, calado e submiso cando é necesario, escandaloso e extravertido noutros momentos, sempre cunha resposta ácida e directa fale con quen fale, dálle igual que sexa o futuro rei, o Arcebispo de Canterbury..., el pensa o que pensa e busca sempre o mellor para os seus pacientes, sen importarlle demasiado as consecuencias. Antes dicía que actuación de Colin Firth era excelente, pois neste caso tería que ser un cualificativo algo por riba deste, un dos papeis que lle teño visto que máis me gustaron e convenceron. Non é sinxelo misturar case ao mesmo tempo a sobriedade co histrionismo sen caer na esaxeración e el conségueo, dicir que me encantou é quedarme curto. Destacar por último a Helena Bonham Carter no papel da muller de “Bertie”, discreta, preocupada, á sombra do seu marido pero sendo ela a verdadeira responsable de atopar a axuda necesaria, buscando non so a felicidade, senón tamén e responsabilidade que terá que asumir e que ela busca por riba de todo.


É unha boa película, cunha realización impecable e delicada. Non vou dicir nada máis das interpretacións porque xa quedou claro que son fabulosas. O mellor son os diálogos entre os dous protagonistas, cunha axilidade impresionante, onde todas as palabras teñen algo que dicir, onde non hai nada baleiro ou que non nos queira dicir algo. Ademais ten en moitos momentos un ton de comedia que fai que rías a gargalladas máis dunha vez dentro dunha historia que non é que sexa dramática, pero que non é unha comedia. Ten ese típico humor inglés que mistura o chiste máis sinxelo do mundo para ao momento seguinte facer outro moi intelixente e agudo. Os heterodoxos métodos de Lionel para conseguir curar ao seu paciente, que paciencia ten pouca a verdade, son chamativos, curiosos, simpáticos e é imposible que deixen indiferente ao espectador. A nós gustounos moito a todos, e iso que os meus fillos ían un pouco á forza, máis que nada porque esta vez tocábanos a nós elixir e pensaban que non lles ía gustar, equivocáronse.


Recoméndoa e moito, aproveitade mentres estea en carteleira para ir vela, non creo que vos arrepintades. Entre as grandes estreas, os efectos especiais, as historias animadas e moito cine soamente comercial penso que destaca esta cinta, que tamén é comercial pero cunha calidade por riba da media en todos os sentidos. Gústame moito este tipo de cine que mistura o entretemento coa calidade e coa intelixencia, non son conceptos que sexa imposible atopar no cine, aínda que cada vez é máis difícil.


Déixovos tamén o trailer en inglés, penso que merece a pena escoitalos directamente.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=pzI4D6dyp_o&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]