[youtube http://www.youtube.com/watch?v=hvDikjy3e_8?rel=0&w=560&h=349]
Pois van ir dúas seguidas de cine, que parece que o inverno préstase máis para ir, sobre todo con este tempiño que estamos a ter ultimamente. Cando era máis novo e so había dous canais de televisión, ou un e medio, o cine de vaqueiros, do oeste, era do máis habitual. Os fins de semana polas tardes era o que tocaba normalmente, ou iso ou cine español, e entre os dous sempre me quedei co primeiro. Recoñezamos que todas tiñan máis ou menos a mesma liña argumental, pero eran entretidas e normalmente ben feitas, así que como tampouco había moito onde elixir pois penso que moitos afeccionámonos a el. Logo desapareceu do mapa, case pasou de moda e quedou reducido á mínima expresión. Hai uns anos varios directores fixeron intentos con máis ou menos sorte de retomar este xénero e facer que a xente volvera ao cine a ver vaqueiros, cabalos, indios, duelos ao sol e todos os tópicos do mesmo. Para min a maior parte destes intentos non me gustaron demasiado, ademais porque a maior parte deles tentaron darlle unha transcendencia ás historias que facía que foran, moitas delas, tremendamente aburridas. Quixeron convertelo nun xénero “serio”, formal e penso que non acertaron. A única excepción é “Sen perdón”, dirixida hai uns anos por Clint Eastwood e que pode ser un clásico moderno do xénero. Ven esta introdución a conto de que a película que vou comentar hoxe é outro deses intentos de facer unha película do oeste seria e máis formal, por dicilo dalgunha maneira. As críticas que está a recibir en todas partes son excelentes, nalgúns casos case de obra mestra, sinto dicir que, para min claro, non o é, é máis, non me gustou demasiado, aburriume un pouco e quedaría, se lle tivese que poñer nota, nun aprobado raspadiño. Falo dunha estrea recente, desta última fin de semana, “Valor de lei”.
A película está dirixida polos irmáns Coen, unha parella ben coñecida polos afeccionados por algunhas excelentes cintas como “Morte entre as flores” (unha das miñas favoritas das súas), “Barton Fink”, “Fargo”, “O gran Lebowski” ou a que lle valeu o Óscar a Javier Bardem e que gañou catro Òscars, “Non é país para vellos”. Todas elas teñen algo distinto, orixinal, poden gustar ou non, pero non se lles pode negar que teñen marca de fábrica, que teñen unha forma propia de facer cine. Esa é unha das razóns de que me decepcionara un pouco esta de hoxe, porque salvo por ese humor cínico que aparece nalgúns momentos non vexo outros elementos que soen estar presentes no seu cine, quero dicir que non me pareceu unha película dos Coen, algo que para min non é positivo. Aínda así é candidata a dez premios da Academia de Hollywood, entre eles os máis importantes, mellor película, mellor actor, mellor director e mellor guión adaptado.
Parten dunha novela co mesmo título escrita por Charles Portis en 1968. Hai outra versión cinematográfica de 1969 protagonizada polo vaqueiro por excelencia, John Wayne, que ademais lle valeu un Óscar ao mellor actor. Eles din que non viron esta outra versión antes de facer a súa, unha afirmación que non sei se crer, porque é un clásico do cine americano e polas nosas pantallas de televisión pasou xa infinidade de veces. A máis recente, supoño que aproveitando a estrea desta, foi emitida por Antena 3 o sábado 12 deste mes. Esta versión máis antiga, dirixida por un habitual do cine do oeste, Henry Hathaway, é unha das mellores películas do xénero, a min unha das que máis me gustan e penso que máis entretida que esta nova versión. Din tamén que mentres a antiga centrábase no personaxe do vaqueiro esta vai facelo no personaxe feminino da historia, unha rapaza de 14 anos que leva o peso da historia. De todos modos no desenvolvemento da mesma non é que haxa demasiadas diferencias.
Rooster Cogburn é un alguacil xa nos seus últimos anos, bebedor, fumador, mal falado, borde, desagradable, desastrado, pouco aseado e que vive como pode co que saca das recompensas que cobra por atrapar a fuxitivos. Un día aparece na súa vida unha nena de 14 anos, Mattie Ross, quere contratalo para que vaia con ela a atrapar ao asasino do seu pai, Tom Chaney que escapou a territorio indio tras matalo. Ela quere que Cogburn o colla para que poida ser levado ante a xustiza, xulgado e executado. Nun principio non está disposto, pero o diñeiro é un bo reclamo e acepta o traballo. No medio aparecerá LaBoeuf, un ranger de Texas que tamén anda na busca de Chaney por un asasinato anterior. Alá irán os tres na busca do fuxido, nunha aventura na que terán que moverse por un territorio hostil onde a lei case non ten importancia e buscar a este home que ademais anda cunha banda de ladróns e asasinos. Esta é a historia que imos ver.
Jeff Bridges é Rooster, o alguacil contratado pola rapaza. A súa actuación está bastante ben, clava a ese home que xa está de volta de todo, que necesita diñeiro para seguir vivindo e que colle ese traballo con moitas dúbidas ata que ve o diñeiro. Cun parche nun ollo que acentúa aínda máis o desagradable que pode chegar a ser, pasa o tempo bebendo e fumando e no seu momento parece que foi un dos grandes, pero agora xa está en plena decadencia. Un home violento que todo o soluciona a golpe de pistola ou de puño e que non se para demasiado a pensar ou dialogar. Non está nada mal a súa actuación e destaca por riba do ton da película, aínda que en certos momentos está no límite do esaxerado ou ridículo, quizais demasiado histriónico nalgún momento. Como curiosidade o parche lévao no ollo contrario a John Wayne. E de paso, sígome quedando con Colin Firth en “El discurso del rey” como o meu favorito para o premio ao mellor actor.
Moitas louvanzas para a rapaza, Hailee Steinfeld, unha novata da actuación xa que esta é a súa primeira película tras superar un complicado casting. Non é que estea mal, que non o está, pero penso que un dos maiores problemas que temos aquí esta vez é que a dobraxe da súa voz non me gustou nada de nada. Salvo nalgúns momentos puntuais ten un ton completamente plan, case sen matices que fai que perda moito o seu personaxe. Ela está ben, aínda que quizais o personaxe non sexa crible completamente. Unha nena de 14 anos, tremendamente madura, seria, formal e decidida a conseguir o seu obxectivo pese a quen pese, tanto que nos momentos de tensión non me convenceu demasiado, porque case está tan seria cando cabalga como cando durme ou está a punto de morrer. Agora, volvo a dicir que cabe a posibilidade de que esa dobraxe que menciono aporte tamén moito a esta opinión.
LaBoeuf é Matt Damon, un actor sobradamente coñecido que tampouco está mal, pero que non me resultou demasiado crible como vaqueiro, igual son cousas miñas, conste. Un home bastante vaidoso e algo débil, dubitativo na súa forma de actuar e de traballar. Iso si, é o que vai levar a peor parte na historia, continuamente ferido tanto no seu corpo como no seu amor propio.
A verdade é que a historia comeza ben. A presentación dos personaxes é boa. Bridges declarando nun xuízo no que se cuestiona a súa violenta forma de actuar coa xente que vai deter, con respostas áxiles, cínicas e que provocan máis dun sorriso no espectador. Tamén destaca a primeira intervención da rapaza, esa medio discusión medio negociación para poder conseguir algo de diñeiro, ameazando continuamente coa intervención do seu avogado deixa claro que é unha muller no corpo dunha nena e que non vai deixar que nada se lle poña por diante. A toma xeral do pobo con ese típico color entre amarelo e sepia promete moito, pero ata nese sentido penso que non aproveitan ben a grandeza das paisaxes nas que se desenvolve a historia. Para min estes primeiros minutos son bastante destacables, pero non se mantén esta liña a continuación.
Xa dixen ao principio que non me gustou demasiado, e quizais estaba un pouco influído polas excelentes críticas que apareceron sobre ela en case todos os medios de comunicación. Críticas que relín despois e que, como podedes ler aquí, comparto so a medias. Tamén engadir que é máis que posible que a dobraxe en xeral inflúa moito nesta opinión, non so como xa dixen no caso da rapaza, que volvo a dicir que non me gustou nada de nada, senón tamén no resto. Quizais algo menos no caso de Jeff Bridges, pero si no de Damon e algún personaxe máis. Non sei, non me resultou natural e en moitas ocasións soaba como a forzado. Algo raro, xa que as dobraxes ao castelán soen ser excelentes. Pero ademais o maior problema que tiven durante a proxección é que a historia pareceume falta de emoción, fría, nin nos momentos que se supoñen de tensión conseguiu provocar algo de sentimento, de sensacións. E iso paréceme o peor de todo, unha historia que non está nada mal non pode deixar indiferente ao espectador, polo menos a nós pasounos, que ambos coincidimos nesa frialdade, nesa falta de emoción ata en escenas nas que deberías estar co corazón na gorxa. Dito doutra maneira, fáltalle épica, algo que é indispensable nunha historia do oeste, penso eu. Ademais hai outro elemento do xénero que tampouco contribúe a darlle isto que lle falta, a música, que so nun momento ten unha presencia destacable.
Non sei que opinaredes vós, espero que alguén a vexa e poida dicirme se coincide comigo ou non, ou polo menos en parte. Espero, quizais máis esta vez, os vosos comentarios.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=gn_N17JyPbc?rel=0&w=560&h=349]
No hay comentarios:
Publicar un comentario