Volvemos de novo ás novelas, e outra vez unha de xénero negro que está a ter unhas excelentes ventas e moi boas críticas por parte, sobre todo, dos lectores. É máis, a revista “Qué leer” no seu número de decembro fala de la como “a novela negra do ano”. Pero antes de continuar co comentario gustaríame facer unha breve reflexión. Nun dos comentarios anteriores dicía que me molestaba moito ver trailers de cine ou ler contraportadas de novelas nas que case nos destripaban o argumento ou a idea central a mesma, e que nalgúns casos a cousa era tan grave que case non era necesario velas ou lelas, porque aclaraban tanto as cousas que xa case non merecía a pena. Pois neste caso neste número da revista mencionada, ademais de falar algo sobre a novela, fai tamén unha entrevista ao autor, ata aquí todo ben. Pero se un le a entrevista pode, ata certo punto, aforrarse a lectura a novela, porque hai varios parágrafos, preguntas e respostas que nos deixan ao aire a trama de novela e desvelan por completo o misterio da mesma. Non me parece nada serio, sobre todo cando falamos de novela negra, que este tipo de publicacións non sexan máis coidadosas e, sobre todo, respectuosas cos seus lectores. Se lemos o artigo xa temos desvelado o misterio central desta historia, claro que sempre podemos lela igual, pero creo que a gracia, a intriga e a tensión non van ser do mesmo tipo, paréceme unha pena. Ben, a novela é “Sé lo que estás pensando”, e o autor é John Verdon.
Caso curioso o deste autor. É a súa primeira novela, ata aí todo máis ou menos normal, pero xa non o é tanto que a escribira e publicara aos 68 anos, así que é un autor novel pero que xa ten unha idade. É un caso curioso, unha persoa que se convirte en escritor tras a xubilación, caro que será tamén que a partir dese momento tiña máis tempo libre. Adicou a maior parte da súa vida a traballar en publicidade, dato que se nota na redacción da súa novela, sabe atrapar ao lector, levalo por onde el quere e dirixilo, neste caso para que “consuma” a súa novela en lugar do produto de turno que tería que anunciar. El mesmo recoñece que escribiu a historia partindo de conseguir unha economía expresiva e un ton consistente, onde todo fora relevante e sempre fixera avanzar a acción. Cando se xubilou necesitaba distraccións, fixo un curso de carpintería e pasou unha bota temporada facendo mobles, chegando incluso a vender algúns a tendas de antigüidades de Nueva York. Pero o seu soño desde había tempo era dedicarse á escritura de historias de ficción, cousa que fixo con esta primeira novela. Era consciente da súa habilidade par escribir, miles de anuncios saíron da súa mente e é afeccionado á novela negra, tivo un par de ideas para o desenvolvemento da historia, e ao redor delas foi desenvolvendo esta intrigante e desconcertante novela. Traducida a 24 idiomas foi todo un éxito de ventas alá por onde se publica, agora xa está a traballar nas súas seguintes historias, x que firmou un contrato por, como mínimo, tras novelas máis que, posiblemente, teñan como protagonista ao mesmo que creou para esta primeira.
A novela en inglés titúlase “Think of a number”, que viría a ser “Pensa nun número”, aínda que aquí puxéronlle “Sé lo que estás pensando” que para min, queda un pouco a medio camiño entre o título orixinal e o que nos vai contar. O protagonista é Dave Gurney, un policía retirado de 47 anos que foi moi famoso e eficiente na resolución de asasinatos en serie. Posúe unha mente privilexiada que lle permite ir xuntando na súa cabeza todas as pezas, incluso as que os demais non son capaces de ver, para ir, pouco a pouco, chegando a conclusións que o levarán directamente ao asasino. Vive retirado nunha zona tranquila e rural, acompañado da súa esposa Madeleine, que terá un papel fundamental en toda a historia, intervindo sempre non para aclarar cousas, pero si sempre para facer a pregunta xusta no momento xusto ao seu marido para que este poida chegar ás conclusións correctas. Dave, que non é demasiado capaz de vivir lonxe do seu traballo, o que non lle fai demasiada gracia á súa muller, dedícase agora a pasar o tempo e retocar fotos de asasinos en serie para expoñelas, actividade á que chega tras un curso de fotografía que fai e que o puxo en contacto cunha directora dunha galería moi interesada no seu traballo. Un día recibe ten noticias dun antigo compañeiro, Mark Mellery, director dunha institución chamada “Instituto para a Renovación Espiritual”, que ten un problema cunhas cartas que recibiu ultimamente e que o teñen algo preocupado. Unhas intrigantes cartas escritas con tinta vermella de alguén que parece que o coñece e que lle di que será capaz de adiviñar un número no que Mark estea a pensar. O número vén nun sobre aparte, onde figura o 658, xusto o número no que Mark está a pensar. No caso de acertalo, terá que enviarlle ao remitente, que asina como X. Arybdis, unha certa cantidade de diñeiro a un apartado de correos. Non é que Dave e Mark foran íntimos amigos da súa época de estudantes, pero esta historia provoca que a curiosidade investigadora do policía retirado renaza, sobre todo porque a historia non vai quedar aí. Mark era un pouco golfo, alcohólico e tras perder a súa muller nun accidente de tráfico deixa a súa vida anterior e convértese nunha especie de predicador que dirixe a institución mencionada para axudar a xente en situacións complicadas. Intrigado polas estrañas cartas, Dave visita a Mark no Instituto, pero a historia vaise algo máis, máis notas, chamadas e o propio Mark será o primeiro asasinado da historia. Un asasinato cunhas pistas desconcertantes e estrañas que farán que Dave e a policía estean algo perdidos. Ademais terá que colaborar coa policía na investigación, a pesar do seu retiro, cousa que a súa muller non lle fará demasiada gracia, e tampouco ao policía Jack Hardwick, outro antigo coñecido que non admite demasiado ben a intromisión do protagonista. A partir de aquí unha rápida espiral de acontecementos, investigacións e descubrimentos que desconcertarán tanto ao lector como a todos os que interveñen na investigación. Todo para atrapar a ese frío e estraño asasino que parece capaz de ler a mente daqueles aos que ameaza.
Non sei se é a mellor novela negra do ano como di a revista mencionada ao principio, pero si que é a máis entretida, amena, desconcertante e intrigante que teño lido ultimamente. Ademais todo esta enfocado a captar a atención do lector, con algúns elementos máis que fan que sexa máis atractiva e interesante. A relación de Dave coa súa muller, Madeleine, e os seus problemas familiares; as relacións do policía estrela xa xubilado cos policías e fiscais encargados do caso; o desconcertante dunhas probas e unhas pistas que volven tolos a todos pero que, pouco a pouco e de forma case maxistral, van tomando forma e lóxica... Todo está enfocado a que o lector non sexa capaz de deixar a lectura, porque sempre quererá saber que pasou e que vai pasar a continuación. A medio camiño entre a novela negra e a novela de misterio, de intriga que xoga perfectamente con todos os elementos do xénero. Unha intriga excitante, un protagonista con carisma e unhas características que o achegan a moitos outros do xénero pero que, ao mesmo tempo fan que sexa diferente e atrainte, xiros argumentais e sorpresas perfectamente colocadas, problemas familiares...; hai de todo e moi ben engarzado. E moitos misterios desconcertantes, xogos intelectuais e enigmas que so a mente analítica e lóxica de Dave Gurney serán capaces de desvelar, iso si, axudado moitas veces por esas preguntas ao aire que lanza a súa muller, algo cínica e cansada da situación pero que ao mesmo tempo vese incapaz de non “axudar” ao seu marido.
A min entretívome moitísimo, e duroume moi pouco porque non era capaz de deixar a lectura en moitas ocasións, pensando e dándolle case as mesmas voltas que o protagonista e os seus compañeiros da policía. Ademais da historia creo que unha das mellores cousas da historia son os personaxes. O protagonista e a súa muller, cunha relación difícil, son do mellor que teño visto nunha novela deste xénero. Os policías están a medio camiño entre o típico e a orixinalidade, pero con suficientes elementos como para no caer no de sempre. Hai algúns que destacan, pero non quero desvelar cales porque penso que é mellor que o descubrades por vós mesmos a medida que avanzades na lectura. En conclusión, unha das novelas deste xénero máis recomendables que lin nos últimos anos, non creo que vos decepcione.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=UtRTCSPISfw&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario