martes, 4 de enero de 2011

"El discurso del rey"

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=GVyeTTVyKBk&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Ante todo, como este é o primeiro post deste ano 2011 os meus bos desexos para o mesmo, no que espero seguir con estes comentarios como ata agora. O 1 de xaneiro de cada ano desde hai algúns, como é un día un pouco, digamos raro, temos o costume de ir ao cine, así que imos inaugurar os comentarios deste novo ano cunha película recente que aínda está na carteleira e que vos recomendo a todos encarecidamente, porque merece moito a pena. Non é que houbera demasiadas cousas na carteleira, así que nos decidimos por esta, entre outras cousas polas boas críticas e porque os actores protagonistas, sobre todo un deles, están entre os que practicamente nunca me decepcionan, e así foi. Gustounos moito a todos e disfrutamos de dúas horas de bo cine, ben feito e moi ben interpretado. A película en cuestión soa para varias candidaturas para os Óscar deste ano e está a recibir premios en case todos os festivais nos que aparece, falo de “El discurso del rey”.


Casualidades que hai as veces, no post anterior a este falaba dunha serie inglesa, dicindo que case sempre se lles supón unha calidade e realización que outras so teñen de vez en cando; agora falo dunha película da mesma nacionalidade, que ten esas mesmas condicións e algunhas máis, guste ou non guste a calidade e o bo facer non se lles poden negar nunca. Esta feita cunha elegancia, delicadeza e estilo que noutras producións aparecen de forma moito menos habitual, e a verdade, polo menos para min, sempre é un gusto ver cine desta nacionalidade porque ten sempre ese aire que o fai distinto e especial, sexan traxedias, comedias ou case calquera xénero. Neste caso estamos ante unha historia de corte histórico que transcorre na Inglaterra dos anos 30 do século anterior. É unha historia que descoñecía por completo, a verdade, unha historia sorprendente ao mesmo tempo que moi entrañable e curiosa. De todos modos está tratada con bastante cariño, como algo que está preto e familiar, como unha estraña relación entre dúas persoas que nunca terían contacto pero que por circunstancias coñécense e desenvolven unha amistade.


Alberte Federico Arturo Xurxo de Windsor é un dos dous protagonistas, Duque de Iork e futuro rei de Inglaterra (pai da actual raíña Isabel) durante os difíciles anos da Segunda Guerra Mundial. O seu pai é o rei Xurxo V e o seu irmán maior Eduardo será o sucesor inmediato. Ten un problema, é tatexo, que lle impide falar en público, o que lle supón un gran impedimento para unha persoa que ten que realizar este tipo de intervencións. Ao longo da historia veremos como esta limitación da fala ten unhas motivacións que veñen da súa infancia. A súa muller, Isabel Bowes-Lyon, está moi preocupada por este problema e non fai máis que tentar buscar solucións e terapias para axudar ao seu home, pero non é sinxelo. Xa probou de todo e non atopa nada nin a ninguén que o axude con esta limitación. Un día acode a unha pequena casa dun barrio de Londres para ver a unha persoa que lle recomendaron, Lionel Logue, un home que vén de Australia e que parece que conseguiu bos resultados neste campo. Lionel é unha persoa tamén algo especial, que impón unhas condicións moi estritas para levar a cabo a súa terapia sen importarlle demasiado quen sexa o seu paciente. É un home apaixonado de Shakespeare, actor afeccionado, un home de familia e que ten procedencia australiana, o que lle provoca algúns problemas. A primeira entrevista entre o Duque e Lionel da xa unha idea de por onde van ir as cousas, ao principio a cousa non vai ben, pero é fácil supor que pouco a pouco establecerase unha relación moi especial entre estes dous personaxes, sobre os que descansa toda a historia. De entrada Lionel pretende que se traten como iguais, como compañeiros, así que para el o Duque será “Bertie”, cousa que non lle fará demasiada gracia, pero que non lle quedará máis remedio que aceptar se quere ser tratado por el. Pouco a pouco as cousas irán cambiando ata, como dicía unhas liñas máis arriba, chegar a ter unha relación estreita, de amistade e , ao mesmo tempo, de dependencia. O rei morre e o seu fillo Eduardo accede ao trono, pero é un home máis preocupado polas súas relacións sentimentais que polas súas obrigas como rei. Isto fará que abdique na persoa do seu irmán no mesmo momento no que Inglaterra entra na Segunda Guerra Mundial. Agora é cando a intervención de Lionel será fundamental para o rei Xurxo VI, que terá que realizar moitos discursos durante a contenda, así como antes axudalo para superar a cerimonia de coroación.


A película está dirixida por Tom Hooper, un novo realizador inglés que promete bastante e que está a conseguir excelentes críticas por este traballo, sobre todo tendo en conta que traballou con dous grandes pesos pesados da interpretación, saíndo con ben da proba. O mellor de toda a historia é a interpretación dos dous actores principais, que me parece sobresaínte e moi destacada, as escenas entre eles son xeniais absolutamente todas, os diálogos, os xestos, as miradas, todo é destacable. O papel do rei está realizado por un actor que parece que por fin vai sacar de enriba ser “o de Bridget Jones”, falo de Colin Firth. Un actor inglés que sempre está ben pero que ata hai uns anos parecía estar encasillado en papeis de medio galán en gran cantidade de comedias románticas. O ano pasado chamou moito a atención con “Un hombre soltero”, que lle valeu unha nominación para o Óscar, que non gañou por pouco. Este ano sona como o favorito para gañar este premio ao mellor actor e penso que deberían darllo. Borda o papel deste home tatexo, con moi mal xenio (provocado en parte por esta limitación) e consciente da gran carga que vai levar sobre as súas costas, que é o que lle provoca un sufrimento maior. Non destaca soamente por esas escenas nas que lle custa falar, senón que en todo momento a súa cara, os seus ollos, os seus movementos fan que non poidas quitar o ollo de pantalla, excelente sería a mellor palabra para definilo. O seu compañeiro é un dos meus actores favoritos, un home que sempre destaca faga o papel que faga e sexa a película como sexa, falo de Geoffrey Rush, un actor australiano gañador dun Óscar ao mellor actor en 1997 por “Shine” e que me impresionou en “Quills”, unha película na que interpretaba ao Marques de Sade. Aquí está, como sempre, xenial, calado e submiso cando é necesario, escandaloso e extravertido noutros momentos, sempre cunha resposta ácida e directa fale con quen fale, dálle igual que sexa o futuro rei, o Arcebispo de Canterbury..., el pensa o que pensa e busca sempre o mellor para os seus pacientes, sen importarlle demasiado as consecuencias. Antes dicía que actuación de Colin Firth era excelente, pois neste caso tería que ser un cualificativo algo por riba deste, un dos papeis que lle teño visto que máis me gustaron e convenceron. Non é sinxelo misturar case ao mesmo tempo a sobriedade co histrionismo sen caer na esaxeración e el conségueo, dicir que me encantou é quedarme curto. Destacar por último a Helena Bonham Carter no papel da muller de “Bertie”, discreta, preocupada, á sombra do seu marido pero sendo ela a verdadeira responsable de atopar a axuda necesaria, buscando non so a felicidade, senón tamén e responsabilidade que terá que asumir e que ela busca por riba de todo.


É unha boa película, cunha realización impecable e delicada. Non vou dicir nada máis das interpretacións porque xa quedou claro que son fabulosas. O mellor son os diálogos entre os dous protagonistas, cunha axilidade impresionante, onde todas as palabras teñen algo que dicir, onde non hai nada baleiro ou que non nos queira dicir algo. Ademais ten en moitos momentos un ton de comedia que fai que rías a gargalladas máis dunha vez dentro dunha historia que non é que sexa dramática, pero que non é unha comedia. Ten ese típico humor inglés que mistura o chiste máis sinxelo do mundo para ao momento seguinte facer outro moi intelixente e agudo. Os heterodoxos métodos de Lionel para conseguir curar ao seu paciente, que paciencia ten pouca a verdade, son chamativos, curiosos, simpáticos e é imposible que deixen indiferente ao espectador. A nós gustounos moito a todos, e iso que os meus fillos ían un pouco á forza, máis que nada porque esta vez tocábanos a nós elixir e pensaban que non lles ía gustar, equivocáronse.


Recoméndoa e moito, aproveitade mentres estea en carteleira para ir vela, non creo que vos arrepintades. Entre as grandes estreas, os efectos especiais, as historias animadas e moito cine soamente comercial penso que destaca esta cinta, que tamén é comercial pero cunha calidade por riba da media en todos os sentidos. Gústame moito este tipo de cine que mistura o entretemento coa calidade e coa intelixencia, non son conceptos que sexa imposible atopar no cine, aínda que cada vez é máis difícil.


Déixovos tamén o trailer en inglés, penso que merece a pena escoitalos directamente.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=pzI4D6dyp_o&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

1 comentario:

  1. Felices festas !!!
    Xa tíñamos gañas de ir a ver esta película , pero despois dos teus comentarios aínda máis , :) .
    Por outra banda decirche que te engadín as nosas bitácoras interesantes , para que sobre todo as familias poidan seguirte.O noso blog ( é noviño aínda por que cambiei de escola en Setembro) é :
    http://escoladecasalonga.blogspot.com/
    Unha aperta .Susana

    ResponderEliminar