lunes, 7 de febrero de 2011

Gary Moore

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=4O_YMLDvvnw?rel=0&w=425&h=349]
Cando tiven que pensar en facer un blog xa hai case un ano non tiña moi claro cal ía ser a temática, tras darlle algunhas voltas saíu o que todos os que me visitades podedes ler. Pero non so teño estas afeccións, das máis habituais quedou fóra a música, algo que sempre me acompaña durante case todo o día. Non incluín esta nos comentarios non sei moi ben por que, se porque no momento non se me ocorreu ou porque é tal a cantidade de cousas que escoito que igual xa eran demasiadas cousas, ademais de que se son sincero no panorama actual non é que haxa demasiadas cousas que me gusten o suficiente como para comentalas, así que preferín quedarme con outros temas nos que a actualidade sexa máis interesantes que os meus gustos. Recoñezo que no que se refire a música son bastante clásico e case todo o que me gusta é de hai xa anos, salvando algunhas excepcións de vez en cando. Ven esta introdución a conto de que hoxe vou saltarme un pouco a temática habitual para facer un simple e breve recordo a un músico excepcional que finou onte, casualidades da vida, en España, concretamente nun hotel de Málaga. Falo de Gary Moore.


O blues é un dos xéneros que me gustan moito e descubrín a Moore cando pasou do rock a este outro xénero e desde o seu primeiro disco deste estilo foi deses músicos dos que mercaba todo CD novo que saía, e ningún deles me decepcionou. Naceu en Belfast, Irlanda, en 1952 e morreu tal día como onte, 6 de febreiro de 2011 no Kempinski Hotel Resort de Estepona, en Málaga. Á falta dos últimos datos da autopsia fálase de morte natural, so con 58 anos deixounos un dos case últimos “dinosauros” da música, unha verdadeira mágoa, moitos botaremos de menos novos discos.


Non vou facer unha longa biografía, so algúns datos básicos para aqueles que coñecían a súa música pero non tiñan demasiado claro quen era. Con Moore pasoume sempre algo curioso, moita xente coñecía os seus temas, o seu son, pero moitos non sabían quen era cando lles dicías que o que soaba era Gary Moore, parece que era máis famoso polo seu son característico que polo seu nome. O son da súa guitarra era realmente inconfundible e xenial, pero igual con menos recoñecemento que outros músicos máis coñecidos e de calidade inferior. Comezou en grupos de rock, “Skid Row” ou “Thin Lizzy”, pasando durante anos por varios grupos con máis ou menos éxito. En 1990 “Still got the blues” levouno ás listas de éxitos, con un xiro cara ao blues, colaborando a continuación con grandes do xénero como Albert King, Albert Collins ou o mestre B. B. King, un dos últimos grandes que nos quedan neste xénero. En 1994 tenta de novo a música en grupo cun disco moi interesante, “Around the next dream” e o grupo chamábase BBM. No 2001 outro gran disco, “Back to the blues”, cuxo título deixa claras as súas intencións musicais. Máis de 30 discos son unha boa mostra de que a música de verdade perdeu a un dos grandes.


Xa digo que este comentario de hoxe é curto, máis que nada porque o que recomendo e escoitalo e disfrutar da súa música, duns temas que moitos coñecedes e que hoxe, cando o vexades nas noticias seguro que máis de un pensará: “¡Ah, así que este era Gary Moore. Pois si que me gustaba!”
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=Tp3P7UGz4j4?rel=0&w=425&h=349]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=wyuSDajZTNo?rel=0&w=425&h=349]

No hay comentarios:

Publicar un comentario