miércoles, 2 de febrero de 2011

"Sunset Park", de Paul Auster

nullnullnull
Supoño que todos temos unha serie de autores preferidos, aqueles dos que lemos todo o que publican e cos que sempre atopamos algo que nos guste en todo aquelo que escriben. Pois o autor da novela que vou comentar hoxe é, para min, un deses desde hai xa moito tempo. É curioso que non aparecera antes, pero non é máis que unha casualidade, máis que nada porque a novela anterior non foi das que máis me gustaron del e penso que aínda non me puxera con estes comentarios ou tiña outros pendentes que me parecían máis interesantes. Pero recentemente apareceu a súa, polo momento, última novela e a verdade é que me gustou moito, quedando entre as cinco ou seis súas que máis me gustaron. O autor é Paul Auster e a novela de hoxe, “Sunset Park”. Podedes atopala en castelán na súa editorial habitual, Anagrama, ou en galego na editorial Galaxia, que ultimamente publica as súas obras ao mesmo tempo que aparecen en castelán. Eu lina en galego, gracias a un regalo dun amigo que acertou de pleno, cousa que teño que agradecer, de verdade.


Un autor máis que coñecido e recoñecido, pero que como non apareceu aínda por aquí, como sempre, vou deixarvos unha breve, aínda que non é fácil, biografía. Naceu en Newark (Nueva Jersey) en 1947, escritor, guionista e director de cine. Foille concedido o Premio Príncipe de Asturias das Letras en 2006. Escribe desde idade moi tempérana. Entre 1965 e 1967 estuda na Universidade de Columbia literatura francesa, italiana e inglesa. Daquela comeza a traducir a autores franceses e tentará traballar no cine, escribindo guións para películas mudas que nunca chegarán a rodarse, e que aparecen na súa novela “O libro das ilusións”. Nos anos seguintes escribe artigos para revistas e comeza coas súas primeiras novelas. Chega a traballar nun petroleiro, volve a Francia onde vive entre 1971 e 1974 e segue con traducións de autores franceses, ademais de escribir algo de poesía e un pouco de teatro. En 1976, co seudónimo de Paul Benjamin, escribe a súa primeira novela, “Xogada de presión”, unha novela negra coa que tivo pouco éxito. Divorciase e a morte do seu pai dálle algún diñeiro e escribe “A invención da soidade”. En 1986, xa máis coñecido como autor novelístico, publica “Cidade de cristal” e a continuación algunhas das súas mellores novelas, como “O palacio da lúa”, “Leviatán” (Premio Medicis en 1993) ou “Mr. Vértigo” (1994). Volve ao cine xunto ao director Wayne Wang con “Smoke” e “Blue in the face” e en 1997 dirixe “Lulu on the bridge” que non tivo demasiada boa acollida. Posteriormente novelas como “Tombuctú” (1999), “O libro das ilusións” (2002) ou “Brooklyn Follies” (2005). No 2006 dirixe unha nova película, “A vida interior de Martin Frost”. As súas últimas novelas son “Un home na escuridade” (2008), “Invisible” (2009) e a comentada hoxe, “Sunset Park” (2010). A súa produción é moi extensa e comprende non so novelas, senón tamén algún libro de memorias, poesía, teatro, guións cinematográficos, ensaios... Todos eles con unha serie de elementos comúns dos que non soe escapar e sempre cunha liña moi marcada e unhas características tanto de estilo como de temáticas moi súas.


Esta de hoxe é a súa última novela ata o momento e xa antes de dicir algunhas cousas dela engadir que das últimas foi das que máis me gustaron. “Invisible”, a anterior, deixoume un pouco desencantado por dicilo dalgunha maneira, non é que non me gustara, pero algo menos que outras, creo que lle quedou unha historia quizais demasiado circular e repetitiva, sen avanzar demasiado por momentos e sen ter unha dirección demasiado clara. Se teño que escoller algunhas, o que é difícil, creo que as miñas “favoritas” serían “Mr. Vértigo”, “Brooklyn Follies” (esta posiblemente porque escapa un pouco da tristeza e da tremenda soidade dos protagonistas aínda que tamén está presente, pero paréceme algo máis optimista que o resto das súas novelas), “A música do azar” ou “Un home na escuridade”, aínda que xa dixen que case todas me gustaron moito e todas aportaron algo e tamén algunha reflexión.


“Sunset Park” ten como protagonista, por dicilo dalgunha maneira, porque penso que máis que o protagonista da historia é o personaxe ao redor do que circulan as historias de outros máis que tamén podemos considerar como protagonistas, a Miles Heller. Xa de entrada comentar que a técnica que ten para contarnos a historia pareceume xenial, imos coñecer a mesma historia desde o punto de vista e a vida de varios dos integrantes da mesma, cada un aportará algo a ela e así teremos unha visión completa das vidas de varias persoas. Ao principio coñeceremos a Miles Heller, que é o que menciono máis arriba como centro dun círculo de persoas que xiran ao seu redor. Un rapaz novo que ten un traballo do máis triste e deprimente. As primeiras páxinas xa nos van dar unha idea do ambiente da historia, unha das constantes do autor, elementos como a soidade, a tristeza, a incomprensión, as complicadas relacións humanas e os remorsos que todos temos nalgún momento por cousas que fixemos ou deixamos de facer. Traballa nunha cuadrilla de catro persoas que van a casas embargadas para revisalas, as cousas caras van para o banco, e o resto repártenas entre eles. Pero el non se queda con nada, so fai fotografías de todas as cousas que a xente deixa atrás nas súas vidas, algo parecido ao que fixo el. É un home de 28 anos sen ambicións, deixou a Universidade pero é un home brillante, vive deixando que a vida pase, sen esperanzas, case sen nada, non necesita ningunha das cousas que o resto dos homes usan, vivir así tamén lle supón un enorme esforzo. A súa vida redúcese á mínima expresión, non fuma, non bebe, non come fóra nin ten radio, televisión ou ordenador. O coche e o móbil so por necesidade. O seu único luxo é mercar libros, ler é unha necesidade, case unha adicción. Traballa en Florida pero pensa que ese soleado tempo que teñen non é bo tampouco, o sol non ilumina, senón que cega as persoas para que non vexan ben a realidade. A razón de todo isto, de que deixara a súa familia, a Universidade e unha boa vida que tiña, a morte do seu medio irmán, da que se sente culpable, un lamentable accidente de coche no que el tivo algo que ver, pero que aínda así non deixou de ser una accidente.
Un día coñece a Pilar Sánchez, a casualidade fai que se vexan lendo o mesmo libro nun parque (“O Gran Gatsby”), unha rapaza moito máis nova ca el, 17 anos, pero que ten a súa vida moito máis clara que Miles. Está no Instituto, é unha alumna brillante e quere ir á Universidade e estudar Enfermería. É orfa, os seus pais morreron nun accidente de tráfico e vive coas súas tres irmás e o fillo pequeno dunha delas. A súa madurez e intelixencia calan fondo en Miles, e tras unha resistencia motivada pola súa xuventude van comezar unha relación e vivirán xuntos. Así Miles verá unha oportunidade de cambiar a súa forma de ver a vida, de ter un obxectivo na mesma, de ser un estímulo para Pilar e conseguir que cambie a Enfermería pola Medicina. A súa relación tamén ten cousas que fan que sexa diferente as demais, para poder levala a vivir con el case ten que “mercala” ás irmás, non teñen relacións sexuais completas porque ela pensa que é moi nova para quedar embarazada pero con estas e outras cousas Miles séntese despois de moito tempo útil e vivo. Pero isto non durará moito, ante as ameazas dunha irmá de Pilar terá que marchar e deixala por un tempo, ata que sexa maior de idade e así non ter problemas coa lei. Recebe unha carta do seu amigo Bing que lle ofrece ir a vivir con el e algunha xente máis como ocupas nunha casa en Sunset Park, o lugar que dará título á novela, oportunidade que aproveita para marchar de Florida e, entre outras cousas, pensar en tentar ter de novo contacto coa súa familia, xa que cando marchou deixou todo atrás e os seus pais non souberon nada del directamente, claro.
Aquí entrarán o resto dos personaxes, todos eles con unha historia que contar, imos coñecer por eles mesmos e polos demais toda a vida deles e as razóns que os levaron a ser como son ou a vivir como viven. Hai historias que completaremos pouco a pouco, capítulo a capítulo entrelazando o que van contando todos, tanto do pasado como do presente, avanzando pouco a pouco nunha trama que non temos moi claro a onde nos vai levar. Coñeceremos a Bing Natham, o que ten a idea de ocupar a casa e que vive dun negocio, o “Hospital das Cousas Rompidas” onde arranxa cousas doutra época: máquinas de escribir, plumas, radios de válvulas, xoguetes de corda, como os homes e mulleres da nosa historia, seres rotos que necesitan que alguén os arranxe. Con el viven Alice Bergstrom, traballando na súa tese, e Ellen Brice, unha pintora, aínda que as dúas teñen outros traballos ademais do que realmente lles gusta facer. Coñeceremos a Morris Heller, o pai de Miles, director dunha editorial con problemas económicos nun momento no que os libros non son o mellor negocio. A Mary-Lee Swann, a nai de Miles, divorciada tempo atrás de Morris, actriz de éxito internacional que está a afrontar os últimos anos da súa carreira. A Willa, a nai adoptiva de Miles e nai de Bobby, o medio irmán morto... E algúns máis que serán moi importantes dun modo ou doutro nas vidas de estes xa mencionados. Saberemos moitas cousas deles, máis que eles mesmos, a través deles, do que fan e din e a través dos demais, porque nun momento ou noutro todos terán algo que ver.


Todas as constantes das novelas de Auster están presentes nesta. O tema do béisbol, do que é un gran afeccionado, aparece en varios momentos importantes, case sempre para falar de xogadores que, digamos, no tiveron demasiada sorte nas súas vidas a aos que o azar truncou grandes carreiras o mesmo que lles pasa aos personaxes da novela, marcados case todos polo azar. Tamén o tema do cine, cunha película da que todos falan ou ven nalgún momento, a cinta sobre a que Alice centra a súa tese, un clásico do cine americano que se non vistes deberíades de ver, “Os mellores anos da nosa vida”, unha premiada película de 1946 que conta a vida de varios soldados que voltan a casa tras a Segunda Guerra Mundial. E, sobre todo, o azar, sempre ou case sempre negativo, que voa sobre todos os homes e mulleres da historia. A soidade da humanidade, a tristeza, as cousas que imos deixando atrás para non volver nunca, o difícil que é as veces afrontar o que fixemos e dicir a verdade en lugar de fuxir sen saber moi ben cal sería o resultado en caso de quedarnos. Son moitos os temas que poderíamos sacar da lectura e das vidas de os personaxes que viven ao redor de Sunset Park, unha casa nun barrio da cidade de Nova York.


Recoñezo que Auster non é un exemplo de optimismo e felicidade, pero ao mesmo tempo as súas novelas sempre teñen algo que dicirme, algo sobre o que reflexionar aínda que sexa por oposición ao que nos está a contar. Ademais tenme atrapado a súa forma de escribir, un estilo que parece sinxelo pero que non o é, moi poético en moitos momentos e con formas de xogar coas palabras e as imaxes que non deixa de sorprenderme nunca. Esa simpleza aparente esconde sempre unha gran complexidade da narración, con historias dentro das historias, con voltas cara ao pasado e mirando ao futuro e, moitas veces, sorprendendo ao lector polo que conta, como o conta e como van avanzando as vidas duns personaxes que aínda dentro da ficción aparecen para o lector moitas veces como persoas de carne e oso.


Penso que é evidente que me gustou moito e recomendo a súa lectura, que estou seguro de que será do voso gusto, tanto pola calidade literaria como por un entramado de historias que vós collerá e atrapará como unha tea de araña, a tea na que están Miles, Bing, Morris e todos os demais..., teredes que ver se eles poderán ou non escapar.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=my84nnq58Os?rel=0&w=425&h=349]

No hay comentarios:

Publicar un comentario