domingo, 23 de enero de 2011

"Sons of anarchy"

nullnull
Volvemos de novo ao mundo da televisión. Normalmente para as series novas boto un ollo antes ao argumento, actores e esas cousas para ver se me parece apetecible ou non, coa cantidade delas que temos agora polos distintos canais non é fácil as veces elixir aquelas que poden merecer a pena por calidade, entretemento ou outras razóns. Esta serie de hoxe nun principio non me chamou demasiado a atención, pero como tiña lido boas críticas por varios sitios hai tempo que me decidín a gravala e tela gardada para algún momento no que non tivera demasiadas cousas apetecibles, polo menos para darlle unha oportunidade. A verdade é que o argumento central non me chamaba demasiado e por iso foi quedando apartada, pero tamén é certo que hai uns días estrearon en FoxCrime a terceira temporada da mesma, así que algo debería de ter. Ademais teño un bo amigo qu é un bo consumidor de series, co que as comentamos, intercambiamos algunhas e esas cousas. Así que esta de hoxe pasou antes polas súas mans e trala recomendación decidimos vela, e non nos arrepentimos para nada, porque merece moito a pena. Falo de “Sons of anarchy” (“Os fillos da anarquía”), unha serie americana, claro está, que circula ao redor dunha pandilla de moteiros.


O primeiro comentario que me fixo o meu amigo foi simplemente dicir que nunca pensara que unha serie sobre unha realidade tan allea e lonxe da súa fora a gustarlle tanto. Esa foi unha das razóns para que non me puxera a vela no seu momento. Díxenme que a vida e aventuras dun grupo de moteiros con esa estética tan americana de cazadoras de coiro (ben, estes levan chaleco, pero ven a ser o mesmo), motos de gran cilindrada negras con eses manillares altos (que me parecen incomodísimos); Harley Davidson personalizadas, claro; e todo o que rodea a ese mundo algo lonxe da nosa realidade non me parecía que me fora atraer. Pois estaba completamente equivocado, porque fóra de toda esa imaxinería (que teño que recoñecer que aínda que lonxe do noso paréceme algo atractiva, a verdade) hai unha serie de historias, de situacións e de argumentos que teñen bastante que ver coa vida diaria, coa realidade de calquera en canto a relacións, problemas e situacións case cotiás, extrapolándoas, claro, do mundo no que se desenvolven. Algúns téñena comparado con unha das grandes series dos últimos anos, “Los Soprano” no sentido de que, como nesta, o mundo da mafia era case unha escusa para desenvolver outro tipo de temáticas que calquera pode entender. Pois nesta pasa o mesmo, son unha pandilla de xente e os argumentos que se desenvolven teñen máis que ver con relacións entre persoas, enfrontamentos e esas cousas máis que coa vida real do grupo, podería ser calquera outro grupo social identificado por unhas características comúns.


A historia xira ao redor do núcleo central do grupo de moteiros, os “Sons of anarchy” que dan título á serie. Un pequeno grupo que, digamos, é o centro dunha serie de delegacións repartidas por gran parte dos Estados Unidos, un grupo que se move no que se coñece como Samcro (que non é máis que o acrónimo de “Sons of Anarchy Motorcycle Club Redwood Original”), que viría a ser o lugar onde viven, reúnense e desenvolven as súas actividades. Viven en Charming, un pobo ficticio situado no norte de California, o típico pobo de tamaño medio dos moitos que hai polos Estados Unidos. Alí viven basicamente do comercio ilegal de armas, usando como tapadeira un taller mecánico. Ademais funcionan como “protectores” do pobo no sentido de manter lonxe do mesmo a outros grupos de delincuentes, sobre todo a aqueles que se dedican a negocios relacionados coa venta de drogas, a prostitución ou calquera que poida interferir na vida diaria do pobo. Protexen aos seus, e dentro dese grupo están so eles, os seus e case toda a xente do pobo, que acode a eles para que lles axuden cando teñen algún tipo de problema grave. O protagonista principal é Jackson Teller, un rapaz de pouco máis de 30 anos que vive en medio dun conflito entre a vida sen o seu pai e os enfrontamentos coa parella da súa nai, que ademais é o presidente do club. Ademais o problema principal é que non está demasiado de acordo coa liña que leva o club, pensando que deberían deixar a maior parte das actividades ilegais que realizan para dirixirse cara a outro tipo de cousas máis “legais”. Todo isto apoiado por unha especie de libro ou diario escrito polo seu pai no que fala das intencións reais que tivo como fundador do grupo e o pouco de acordo que estaba coa liña que estaba a levar despois, tirando máis cara á delincuencia que cara a idea de liberdade e de loita contra a sociedade que basearon a súa fundación. Ademais é o vicepresidente do grupo e ao que todos ven como futuro presidente, aínda que algúns non ven con bos ollos esa outra liña que Jacks quere para eles. Clay Morrow é o presidente e medio pai de Jacks, xa que é a parella da súa nai. Capaz de absolutamente calquera cousa para manter a integridade do club, empregando a forza cando sexa necesario e pasando por riba do que sexa para conseguir os seus propósitos. A pesar deles rexeita calquera outro negocio ilegal que non sexa a venta de armas, o demais parécelle reprobable, aínda que iso non impide que se relaciona cos outros que se dedican a eses outros negocios, sempre e cando non o fagan no seu pobo.
Por riba de todos os homes da serie, destaca unha muller, Gemma Teller Morrow, a nai de Jacks e actual parella de Clay. Un personaxe deses que impresionan e enchen a pantalla cada vez que aparece, unha muller dura, fría a veces, pero que esconde moitas máis cousas das que podemos pensar tras ver os primeiros episodios. Preocupada polo seu fillo, polo club e por todos os que circulan ao redor dela, busca ante todo os seus intereses e os dos seus e para iso é capaz de facer absolutamente calquera cousa. Ela é a que en realidade manexa e dirixe os fíos de case todo o que pasa en Charming, onde nada escapa ao seu control e, cando algo o fai, en seguida toma de novo as riendas para non deixar nada sen atar. É capaz de poñerte a pel de galiña nun momento e ao seguinte provocar sentimentos contrarios por completo, un personaxe complexo de dos mellores que teño visto nunha serie dramática. E logo temos ao resto dos integrantes do grupo, cada un con unha misión e unha forma de ser moi definida. Bob Munson é un dos fundadores, imitador de Elvis nos seus ratos libres. Alex Trager é o violento, sádico e encargado dos traballos máis sucios. Incluso temos ao aspirante a entrar na banda, Kip Epps, ao que todos coñecen co alcume de “medio ovo”, cando a vexades saberedes por que. Ao redor deles un xefe de policía corrupto case ao seu servicio, algo que fai tamén preocupado, digamos, por manter a tranquilidade e paz no pobo. Ou o axudante do shérif, un rapaz que coñeceu a Jacks cando eran máis novos pero que agora a vida levounos por camiños distintos. Algúns personaxes fixos máis xunto con estes, pero sería demasiado longo falar de todos eles e é mellor descubrilos a medida que vemos a serie, ademais de que así tampouco conto as historias que van ir desenvolvendo, que son tensas e interesantes. Ademais teremos aos grupos rivais, desde mexicanos, neonazis e todos os grupos de delincuentes habituais neste tipo de producións.


A serie destaca por moitas cousas e nos está a gustar moito. A complexidade dos personaxes e das tramas é bastante alta, as cousas, como na vida, non son brancas ou negras e moitas veces vense obrigados polas circunstancias a realizar actos cos que non están de acordo. Tamén é certo que moralmente o comportamento de todos eles non é para darlles un premio. Case podemos dicir que non hai un so personaxe “bo” en toda a serie e que os guionistas conseguen que os “Sons of anarchy” parezan os mellores de todos, os únicos que teñen un certo código moral e de comportamento fronte a todos os demais. Incluso personaxes como os policías da ATF que irán detrás deles parecen moito, pero moito, peores que os protagonistas. Eles entenden a venta de armas e todo o que fan como unha forma de manter o status social e económico e tamén como a forma de manter lonxe a todos os demais do SEU pobo e dos seus. Hai que dicir que é unha serie dura, con algúns momentos realmente violentos e duros, directos e brutais pero non so polo que se ven, senón tamén por como se desenvolven as cousas e as súas vidas. Aínda así sigo a dicir que merece a pena, penso eu.


Máis puntos ao seu favor poden ser, por exemplo, a música, recoñecida por todo bo afeccionado á música americana que rodea a este mundo. Case cada episodio remata cun tema musical moi ben incluído, case sempre relacionado co que pasou ou está a pasar e que remata moi ben o mesmo. Os actores están todos realmente ben, do primeiro ao último, aínda que destacan as dúas caras máis coñecidas. Gemma Teller é a actriz Katey Sagal, coñecida por varias series de televisión; e Clay Morrow é Ron Perlman, entre outras cousas un dos inesquecibles monxes de “O nome da rosa” e que apareceu en gran cantidade de películas e series de televisión.


Nalgúns sitios falan de reminiscencias do teatro de Shakespeare na serie, tras vela e analizala un pouco podemos ver elementos de algunhas das obras máis coñecidas do autor en moitos sentidos, pero actualizadas e levadas a outros campos. Non se pode negar, en moitos aspectos, a influencia, por exemplo, de “Hamlet”, pero non é a única. Outro punto máis a favor dunha serie que como dixen ao principio, non me chamou, pero que agora me ten encantado, a verdade. Son tres temporadas, a terceira comezou a semana pasada, cada unha de 13 episodios de 45 minutos cada un cheo de momentos de tensión, de violencia, de sufrimento que te poden deixar sen respiración en máis dunha escena. Seguirás as súas aventuras e desventuras con bastante atención, as veces incluso non serás capaz de ver un so episodio, porque quererás saber que vai pasar a continuación. Ademais non todo é drama, ten momentos realmente simpáticos e divertidos para romper un pouco esa tensión. Son moteiros, pero teñen unha vida cotián cos problemas e situacións de moita xente, problemas de saúde, de diñeiro, de relacións, discusións cos fillos e ese tipo de cousas. Moteiros con seus chalecos de coiro que comen magdalenas ecolóxicas, que son moito mellores que as industriais, que actúan disfrazados de Elvis en casinos ou festas infantís ou que se gastan bromas (algunhas entre simpáticas e brutais) entre eles. Un dos seus méritos, para min, é que non é unha serie de argumentos simples e fáciles, las cousas sempre vanse complicando e retorcendo, sorprendendo en máis dunha ocasión ao espectador, ese é un dos seus maiores méritos. Con todo isto, vola recomendo, non penso que os vaia decepcionar.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=sLzXPo1pWL8?rel=0&w=560&h=345]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=Znt286XnQsU?rel=0&w=560&h=345]

No hay comentarios:

Publicar un comentario