viernes, 2 de julio de 2010

Chuck

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=UA1kFpoZEzg&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe vou falar doutra desas series nada serias nin transcendentes, pero moi entretida, polo menos para min. É unha comedia sen moito máis, pero merece a pena e cumpre perfectamente coa súa misión. Ademais non hai demasiadas series de acción americanas que poidan ser aptas para ver toda a familia, que de vez en cando non está mal ter unha sesión de cine ou televisión familiar, pois esta é perfecta para todos os públicos e estou seguro de que pode gustar tanto a pequenos (tampouco moi pequenos, conste) como a maiores. Tamén hai que dicir que é adecuada para aqueles afeccionados ás comedias de acción e para os que sexan un pouco “frikis”, porque os personaxes principais responden bastante a este cualificativo, tanto por como son por como se desenvolven na serie. De momento non pasou polas cadeas gratuítas, pero espero que algunha se anime a poñela, porque penso que merece a pena entre tantas cousas repetitivas que temos, aportando algo novo, non demasiado tampouco, pero si un aire distinto, sobre todo con respecto as series de acción. Neste momento están a poñer a terceira temporada en Calle 13 os sábados pola noite, a isto das nove e media, o mesmo canal que emitiu as dúas anteriores. Por certo, o título é “Chuck”, que é o nome do protagonista. É unha serie de espías, pero en ton de comedia, non é a primeira deste estilo que temos, pero si que aporta algunhas novidades e sobre todo un ton desenfadado e cómico que está moi ben. Ten elementos inspirados directamente nas películas de James Bond e algúns personaxes responden exactamente aos patróns do famoso espía inglés, pero tamén elementos de series como o “Superagente 86” sobre todo nese aspecto de comedia e de espías torpes que se ven superados polas circunstancias e as cousas que pasan, tendo en conta ademais que o protagonista é unha persoa máis ou menos normal que, de repente e sen esperalo, vese metido nese mundo de espionaxe, aparellos electrónicos do máis sofisticado, persecucións, actuacións finxindo ser o que non é..., mentres ten que manter a aparencia de estar a levar unha vida normal coa súa familia, traballo...


O protagonista é Chuck Bartowski, un tipo normal, tolo da tecnoloxía, un xenio da informática que non rematou a súa carreira universitaria nunha das máis prestixiosas universidades americanas, Stanford, porque o acusaron de copiar nos exames, polo que é expulsado. Frustrado por isto traballa nunha tenda de electrodomésticos, o CompraMas, encargado da sección de informática e reparacións. Un dia recibe un correo electrónico do seu antigo amigo Bryce Larkin, que resulta ser un axente dobre da CIA (e que durante algún tempo non saberemos de que lado está, se dos bos ou dos malos). Este correo contiña os datos dun novo ordenador denominado Intersect, onde están gardados todos os secretos máis importantes das axencias secretas dos Estados Unidos, pero nun formato tal que cando Chuck ve a información, esta queda “descargada” no seu cerebro, sen que el, un principio, sexa demasiado consciente deste feito. Así, cada vez que vexa algo contido nesa información terá unha especie de flash relacionando todos os elementos que ten no seu cerebro, o cal será fundamental para as mencionadas axencias. Por iso terá que traballar para o Goberno como un espía queira ou no, xa que o ordenador que contiña a información quedou destruído, e Chuck e o único que ten acceso a mesma. Por iso a CIA e a NSA (Axencia Nacional de Seguridade) envían cada unha a un axente para acompañar ao noso protagonista nas súas misións. Así virá a axente Sarah Walker por parte da CIA e o Maior John Casey por parta da NSA. Terán que traballar con el en todo tipo de misións ao mesmo tempo que funcionan como unha tapadeira para que Chuck poida seguir levando, máis ou menos, unha vida normal y, de paso, compensar todas as deficiencias de Chuck para o traballo de campo, para o que resulta ser un pouco inútil. Esta vida ten ao seu arredor a unha irmá e o seu noivo, un amigo de toda a vida e aos seus compañeiros de traballo, cos que tamén mantén relacións de amistade. Esta é a liña argumental, moi fantástica, pero que xa podedes ver que da lugar a unha serie de situacións nas que unha persoa completamente normal e, a verdade, algo torpe, de repente vese dentro dun mundo novo, descoñecido e perigoso e que terá que combinar cunha vida cos problemas cotiás de case todo o mundo, cun traballo que non lle gusta, vivindo coa súa irmá e o seu noivo, cun pai desaparecido (que será moi importante para o desenvolvemento da historia) e cuns amigos aos que hai que darlles de comer aparte. Está chea de humor, provocado sobre todo polos personaxes, non é un humor excesivamente ridículo, senón que moitas veces ven dado polas situacións nas que se ve metido, querendo ou sen querer. Son episodios de 40 minutos que pasan rapidamente, cun bo ritmo e sempre con acción, pero unha acción algo ligth, dito no sentido de que, como dixen ao principio, é apta para toda a familia.


A maior parte dos actores non son demasiado coñecidos, máis que de algunhas series, pero o éxito da mesma en Estados Unidos é moi grande, tanto que pensada para un par de temporadas, está agora en rodaxe da cuarta, así que algo debe ter. O papel de Chuck é interpretado por Zachary Levi, que esta moi ben, sobre todo porque o personaxe ao longo das temporadas vai cambiando e tamén, claro, a súa caracterización. Sarah Walker, a axente da CIA que para manter a tapadeira vai facer que é a noiva de Chuck (o que tamén dará lugar a situacións simpáticas e comprometidas, e, claro, a que a ficción do noivado sexa algo que co tempo ambos queren que sexa realidade) é a actriz Yvonne Strahovski, unha axente especial preparada para todo, especialista en armas e loita corpo a corpo, dura, pero tamén cuns sentimentos que chocarán moitas veces coas súas obrigas. O axente da NSA John Casey é o actor Adam Baldwin, do mellor da serie tamén, un home feito para a acción, sempre preparado para disparar e facer as cousas a súa maneira, que terá que protexer a un home que non lle gusta demasiado, ao que ve feble, despistado e que o único que fai e metelos en problemas. É o home de acción, duro e efectivo elevado á máxima potencia, rozando as veces o esaxerado, pero que responde perfectamente ao que é a serie. Ellie Bartowski é a irma do protagonista (interpretado por Sarah Lancaster) e o seu noivo, Devon Woodcombe (Ryan McPartlin), ambos traballan como médicos nun hospital e, sobre todo o noivo, ao que chaman o Capitán Maravillas, un home ao que lle gusta o risco, atractivo, forte, seguro de si mesmo, o home perfecto que Chuck nunca será. E dos principais deixo para o final a tres. O mellor de todos é Morgan Grimes (o actor Joshua Gomez), o amigo íntimo de Chuck desde a infancia, traballan xuntos e están unidos ademais pola súa paixón polos videoxogos, é un auténtico friki, desastrado, pequeno, cobarde, sen noiva pero buscándoa continuamente, todo un exemplar máis que simpático. E logo están os outros dous que traballan con eles na tenda, Lester Patel e Jeff Barnes, dous exemplos de especímenes do máis curioso e anómalo que poidades imaxinar, raros ata a medula, resúltame difícil dicir se teñen algo de persoas normais, pero creo que non, pero que dan un xogo ás historias máis que destacable. E en medio de todo isto temos á organización á que se enfrontan, El Anillo, unha serie de espías do mesmo lado que eles pero que están decididos a actuar pola súa conta para acabar coas organizacións gubernamentais e sempre detrás de saber quen é o Intersect (Chuck, pero eles non o saben) para acabar con el.


Das tres teño por ver, e empezarei pronto, a terceira que están a emitir neste momento. A primeira temporada son 13 episodios, e quizais ao final, sexa un pouco repetitiva, está simpática, pero sempre teñen o mesmo esquema, presentación, misión e resolución e as cousas avanzan pouco, aínda así o seu éxito en USA foi bastante grande, o que trouxo consigo unha segunda de 22 que está moito mellor, a acción é a mesma, pero teremos a personaxes que toman importancia, como o pai de Chuck, que é fundamental para a historia. Nesta segunda, a pesares de seguir un esquema moi similar, as cousas son moito mellores e están mellor desenvolvidas, ademais do tema do pai temos avances na relación entre Chuck e Sarah, a aparición dun espía inglés (que non se chama 007, pero podería) que pon un punto máis nas cousas, unha certa rebelión do protagonista contra o sistema e un episodio final moi bo, no que o cambio de Chuck ao Intersect 2.0 (todo evoluciona na informática) promete unha terceira máis que entretida. Ademais diso teremos a voda da súa irmá, os problemas no traballo cos cambios de xefe e algunhas cousas máis.


Xa digo, é un mero entretemento pero ben feito, que consegue con creces o seu obxectivo, e penso que polo que lin a terceira, na que case é un espía de verdade por razóns que non vou desvelar, claro, avanza algo máis, así que tamén promete moito. Para min o mellor, ademais da historia que desmitifica por completo o mundo da espionaxe, son o protagonista que está xenial e os personaxes que o rodean, dando sempre un contrapunto cómico a algo que podería ser en serio, pero que os guionistas decidiron que no o fora, co cal lles quedou moito mellor. Se a poñen nalgunha das canles do TDT non a perdades, senón xa sabedes que hai formas de conseguila.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=HNKEs3UF244&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario