jueves, 8 de julio de 2010

"Breakin Bad", Temporada 3

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=F-hyPV0YCxU&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe non é que empece a repetirme, porque a serie da que vou falar xa apareceu por aquí, pero remataba dicindo que so vira as dúas primeiras temporadas e que estaba desexando ver a terceira, pois agora que xa rematei de vela, creo que merece un segundo comentario. E xa digo que o remate desta terceira aínda nos deixa peor que cando rematou a segunda, porque outra vez estou desexando que volva pronto, porque agora si que nos deixaron cun montón de dúbidas, sen saber en absoluto que pasou, unha boa forma de manter á audiencia, aínda que un pouco “cruel”. Falo da terceira temporada de Breakin Bad, en emisión actualmente no canal Paramount Comedy, que é o mesmo que puxo as dúas anteriores. Sigo sen ver que algún dos canais gratuítos decida poñela, haberá que seguir esperando. Penso que merece un novo comentario porque aínda que segue máis ou menos coa mesma liña, ten unha serie de elementos novos que me gustaría comentar un pouco. Ademais, aínda que sempre é mellor ver as anteriores, se un sabe de que vai a serie, pode ver esta sen necesidade de ver as outras, sobre todo porque non é tan brutal como as dúas primeiras, aínda que segue a ter as súas cousas. Ademais hai unha serie de personaxes que aparecían na segunda que adquiren moito máis protagonismo, dándolle un aire algo distinto, e algún personaxe novo que tamén merece a pena.


Por se alguén non o sabe conta a historia de Walter White, un medio xenio da química ao que lle diagnostican un cancro terminal. Para poder deixar a súa familia un diñeiro o único que se lle ocorre para conseguilo de modo rápido e en boa cantidade é meterse na fabricación e venta de drogas, en concreto metanfetaminas, conseguindo un produto de cor azul que vai causar sensación entre os consumidores. Verase metido nun mundo que descoñece por completo, pasará medo e moi malos momentos e situacións moi violentas, sobre todo cando ten que tratar cos grandes distribuidores, que son os que mercarán o seu produto en grandes cantidades para despois vendelo. A segunda temporada remataba cun accidente de aviación no que dous avións chocaban no aire, accidente do que, en parte, o noso protagonista é responsable. A terceira comeza a partir de aí, cus habitantes impresionados polo accidente, que ademais é o mesmo no que se desenvolve a acción, xa que os restos caen enriba das súas casas, rúas, piscinas... O cancro de Walter está en completa remisión e ten un bo montón de diñeiro, así que ata certo punto vai pensar en deixar a fabricación de drogas e tentar levar unha vida algo máis normal, o que non sabe é que iso non será tan fácil. A verdade é que esta temporada está máis centrada nos personaxes que na acción mesma como podería ocorrer nas anteriores. Agora aparecen na súa vida moitos problemas que vai ter que afrontar. Por un lado a súa muller vai saber de onde saíu o diñeiro, e iso vai traer consigo a ruptura do matrimonio. A ela non lle importa o diñeiro, senón de onde saíu, e non está disposta a seguir vivindo cun home que fixo o que fixo, como tampouco lle importan as razóns que lle levaron a facelo. Ao mesmo tempo o diñeiro chama ao diñeiro, e un importante distribuidor vaille ofrecer tres millóns de dólares por traballar tres meses fabricando máis drogas, algo que vai ter que facer aínda que non queira, xa que o poder e a violencia deses homes é algo contra o que non vai poder loitar. O seu axudante, Jesse Pinkman, tras pasar unha temporada nunha clínica de desintoxicación, volve a acción, pero a relación entre eles non vai ser tan boa como antes. E non quero contar moito máis, porque o mellor é velo, isto non é máis que un pequeno adianto de todo o que vai pasar nos 13 capítulos que compoñen esta temporada.


Creo que tamén teño que falar un pouco dos personaxes principais da mesma, porque xa digo que é o mellor da serie, as relacións entre eles, os enfrontamentos, as axudas, os rancores, unha cantidade enorme de sentimentos están presentes en todos os episodios, e moitos deles non son precisamente bos. Ademais as actuacións parécenme antolóxicas, todos están impresionantes e teño que pensar moito para poder atopar unha serie de televisión cunhas actuacións a un nivel tan alto.
Bryan Cranston é Walter White, que se ata agora estaba ben penso que nesta está moito mellor. Enfrontado entre o que quere facer e o que pode facer, pensando que todo o que fixo e todo o que pasou foi solo por algo que considera bo aínda que sabe que os medios non o foron, pero é incapaz de entender que a súa muller queira divorciarse del. Non o acepta e fará todo o posible para evitalo, pero será ben complicado. Pasará por fases de negación, depresión, euforia, pero sendo consciente nalgunas ocasións de que el non é o que rexe a súa vida, que tras meterse nese submundo das drogas agora son outros os que marcan o seu destino.
Anna Gunn é Skyler White, a esposa horrorizada cando sabe de onde saíu o diñeiro que ten o seu marido e que pagou o tratamento do cancro. Quere separarse del porque a situación creada é insostible para ela, pero chocará coa incomprensión do seu fillo, Walter Junior (R. J. Mitte) ao que non lle quere dicir as razóns desa situación de separación. A todo isto engadimos que acaba de ter unha filla á que ten que atender e á que non quere que o seu pai se achegue.
Aaron Paul interpreta a Jesse Pinkman, trala desintoxicación ao principio vaise sentir culpable de moitas das cousas que pasaron, tampouco quere saber demasiado do seu compañeiro de fabricación, pero tamén vai descubrir que, as veces, aínda que un non queira, non pode saír das cousas nas que se meteu con demasiada facilidade, e cada vez irá a peor.
A irmá de Skyler, Marie Schrader (a actriz Betsy Brandt) e o seu marido, o axente da DEA Hank Schrader (Dean Norris) tamén serán moi importantes nesta temporada e sufrirán, sen querelo demasiado, as consecuencias dos actos de Walter chegando a situacións moi duras e difíciles.
E logo temos dous máis que aparecían na segunda, pero que nesta toman máis protagonismo e son os dous moi bos. Primeiro temos ao avogado Saul Goodman (que está interpretado por Bob Odenkirk, que como xogo de palabras, traducido sería Saul o bo home, irónico). Non ten escrúpulos en absoluto, traballa para todos e tamén para Walter, axudándoo a branquear diñeiro e a facer negocios, pero tamén para Jesse, para os capos da droga e comparte asasino a soldo cun dos principais distribuidores de metanfetamina da zona. É fabuloso, sempre ideando a mellor forma de enganar a calquera para saír el sempre como o máis beneficiado, cunha oficina que da noxo, pero moi orgulloso do seu traballo. Ademais pon un certo punto de humor, cínico, cáustico e con bastante mala uva. Deixovos ao final un vídeo falso sobre a promoción do seu bufete, que aínda que en inglés, merece a pena. O outro é Gus Fring (o actor Giancarlo Esposito), tamén máis que destacable. É o que contrata a Walter para que traballe para el fabricando as drogas cunha tapadeira case inexpugnable. Impertérrito, moi intelixente, sobrio, serio, inalterable ata cando manda matar a alguén, ademais tamén ten tratos cos mexicanos, dos que quere librarse para facerse el so co negocio. Como tapadeira un restaurante de comida rápida, “Los pollos hermanos” no que transcorren varios momentos, o negocio perfecto para que ninguén sospeite del, cunha imaxe pública impecable e, ao mesmo tempo, firme e capaz de calquera cousa para conseguir o que quere.
E deixo para o final a dous personaxes impresionantes, non sabemos o seu nome, so os chaman “os primos” (que logo descubrín a razón de que se parezan tanto, xa que os actores son irmáns). Son dous asasinos a soldo mexicanos que entran nos Estados Unidos para vingarse, violentos, serios, imperturbables e creo que non din máis que dúas ou tres palabras en todos os capítulos nos que saen. A verdade é que son arrepiantes, capaces de quitarlle o sono a calquera e son os que poñen a violencia crúa e dura desta temporada. Porque isto é outra diferencia, segue a ser unha serie moi negra e violenta, pero algo menos que as anteriores, que tiñan escenas verdadeiramente brutais, aínda que nesta tamén as hai, algo menos, a verdade, pero chégalle ben.


Se recomendaba as anteriores esta paréceme imprescindible. Non son de facer listados de favoritos, pero se os fixera esta estaría entre as tres mellores series que teño visto. Recoñezo que é moi forte e violenta, non adecuada para calquera porque pode revolverlle as tripas ao máis pintado, pero penso que merece a pena soportar esa crudeza para disfrutar de todo o demais que ten. As interpretacións son impresionantes, dunha forza e unha convicción que están moi por riba ata de moitas películas. O argumento é xenial, tanto que polo contido, tendo en conta como son os americanos, non parece unha serie desa nacionalidade, porque rompe con moitos dos esquemas e ideas que podemos ter, crítica, incorrecta, fabulosa. Se vistes as anteriores non vos perdades esta, senón volvo a pedir que lle deades unha oportunidade. E atención aos primeiros minutos do primeiro episodio, porque son algo impresionante, de verdade.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=1k-YIX9iP1c&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=FiLvZJb7jcg&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario