O meu gozo nun pozo, a verdade. Hai unhas semanas facía por aquí un comentario sobre Libranda, a plataforma creada por varias editoriais que por fin se decidiran a dar un paso para os que temos Ebooks e poder mercar algún libro de vez en cando para poder disfrutar deles dun xeito algo máis legal. A cousa non tiña mala pinta, a verdade, eran varias das máis importantes editoriais do país as que se xuntaran para poñer en formato dixital as súas obras ou gran parte delas e poder mercalas. O primeiro que non me gustou moito, aínda que non era mala idea pensando nas librerías tradicionais, era que eles non eran directamente os que vendían, senón que funcionaban como unha especie de ponte entre as editoriais e as librerías, que eran as que lle mercabas os libros en realidade. Podes acudir á páxina de Libranda para ver as obras que están dispoñibles e logo eles mesmos teñen enlaces para ir as páxinas das librerías e facer alí a compra. Xa digo, algo máis incómodo e con máis pasos dos necesarios, pero que é unha idea que non me parece mal no sentido de que a librería tradicional, que xa non é un negocio que vaia demasiado ben, así non perde unha grande cantidade de ventas. Tamén é certo que as que están a disposición do comprador de momento son case todas ou grandes superficies ou tendas que so funcionan a través de internet, co cal supoño que a pequena librería á que imos de vez en cando a ver as novidades ou encargar algún libro que andemos a buscar acabará perdendo unha parte da súa xa pequena clientela, a non ser que se decidan tamén a traballar con esta nova plataforma, aínda que isto lle pode supoñer unha estrutura con páxina en internet e unha serie de gastos e atencións que moitas delas non poderán, supoño, asumir.
Pois a idea non parecía mala, pero ao final penso que, agora que xa funciona, quedou en nada, ou polo menos, en moito menos do que algúns esperabamos, confiados en que por unha vez as cousas serían distintas por estes lares, pero non, como sempre, os mesmos erros e a mesma confianza en que o comprador final é pouco listo, por non dicir outras cousas. Onte acordeime de que o día 15 deste mes era o que dicían que a cousa ía empezar a funcionar, e algo ilusionado, para que negalo, fun á páxina. O primeiro foi ver cantos libros tiñan dispoñibles de momento, algo máis de 1000, que non é unha cantidade esaxerada pero que para empezar non está mal. Ademais temos bastantes novidades, as últimas novelas de Julia Navarro, María Dueñas e outras de recente publicación, aínda que a maior parte xa teñen un tempo. Ben, por este lado a cousa non pintaba demasiado mal e é de supoñer que día a día o catálogo crecerá bastante, a non ser que queiran esperar a ver como vai a cousa para poñer máis libros ou non. Aínda así pouco que ver co que ten un a disposición noutras páxinas parecidas, por exemplo a que máis vende de momento en libro dixital que é Amazon, pero que de momento aínda que ten algunhas cousas non en inglés son poucas, pero xa digo, para empezar non está mal. Así que do catálogo inicial non nos imos queixar demasiado, pero doutras cousas si, claro.
Para empezar, se un quere baixar e xestionar os libros o primeiro que ten que facer é instalar no seu ordenador un programa de Adobe, o Adobe Digital Editions, que é o que servirá para gardar os libros no ordenador e pasalos aos lectores, supoño, porque nunca traballei con el e non o teño instalado. Isto xa é un incordio, non basta con baixar o libro e pasalo ao lector directamente, non, temos que pasar antes polo programiña. Por un lado ten a súa razón de ser, nun principio imos poder instalar o libro baixado en seis dispositivos, porque ese número foi o que eles consideraron que circular un libro en papel, vale, un número aleatorio pero que ten unha certa lóxica, para eles, claro. Os libros en papel circulan moitas veces e pasan seguramente por moitas mans, así que por que queren evitar que pase o mesmo cos dixitais. Supoño que terá algo que ver coa piratería, pero non a vai evitar, ata agora case non existían e moitos sabemos, gracias a Deus, onde conseguir os libros, polo menos de momento, así que impedir que poidan circular libremente os que mercamos non vai evitar isto, aparte de que enseguida aparecerá algunha maneira de saltarse ese DRM e facelos circular, seguro. Outras compañías tentaron facer o mesmo coa música (lease Apple e Itunes, agora tamén con libros) ou co cine e as series, tentativas que acabaron saltándose os usuarios, que sempre están á que salta. Moitos posibles clientes, ante este uso obrigatorio do programa de Adobe é máis que posible que non dean o paso, así que a ver que pasa, verémolo. Ademais so podemos baixar os libros nun so formato, o Epub con DRM, como xa dixen, que é compatible coa maioría dos lectores, pero non con todos, como poden ser, creo, o Kindle ou o novo Ipad. Ademais os que usamos outros formatos porque nos resultan mellores en varias cousas, como a paxinación, a duración da batería, etc., non poderemos facelo, xa que o programa de Adobe penso que non fai conversión e non traballa con eles. Eu, como digo, uso maioritariamente o formato FB2, que é o que mellor me vai, pois nada, a aguantarse e usar o anterior.
Un segundo problema ven por algo que levo un rato tentando e que non me resultou nada fácil, a búsqueda dun libro determinado. Desde a páxina de Libranda é algo sinxelo, xa que podes facela por autor, título e ISBN, pero non pasa o mesmo con algunhas das páxinas das librerías, nalgunhas non é posible buscar so en formato dixital, co cal saen as veces montóns de resultados nos que terás que pasar un bo rato tentando saber se existe ou non nese formato. Así que para os que decidan mercar algún libro mellor facer a búsqueda desde a páxina de Libranda e logo acudir a algunha das tendas que traballan con ela. Nese sentido, de momento, de todas as que aparecían funcionan nove, varias grandes superficies e algunhas que so venden a través de internet. Entre as grandes temos a Casa do Libro, o Corte Inglés, FNAC e outras que, curiosamente son a maioría catalás, que parece que nese sentido están algo máis espabiladas. De todos os modos xa digo que os prezos son os mesmos en todas elas, así que non esperedes comparar en varias para atopar algún un pouco máis barato, podedes evitarvos o traballo. Hai outras catorce ou quince que aparecen como “proximamente”, así que o número é bastante grande, pero como dixen unhas liñas atrás, dáme un pouco de pena que non aparezan pequenos negocios, que ao final son os que máis perden.
E deixo para o final o maior problema de todos e que é unha constante nestas cousas, o prezo dos libros. Podemos atopar os máis baratos desde uns cinco euros, que non está mal, aínda que a maior parte deles son bastante antigos. Sobre 7/8 temos unha boa cantidade, son todos eses que xa apareceron en formato de bolsillo, algúns máis antigos que outros, pero con bastantes cousas interesantes entre as que haberá que navegar moito para atopar algo que un lector habitual non tivera lido, pero seguro que algo aparece. Entre eses un día que teña tempo adicareime a buscar e mercar algo, aínda que so sexa para probar. De todos modos, sinceramente, case é o mesmo prezo ao que os podemos atopar en formato libro, o que me parece unha barbaridade, porque están aforrando moito diñeiro co formato dixital, que non lles pode custar tanto, así que haberá que pensalo. Tamén será certo que xogan con que unha persoa que merca un libro dixital quere ter a súa disposición novelas para poder lelas nel, pero non a calquera prezo nin pensando que nos están a tomar o pelo. E o peor ven coas novidades, que están entre os 16/17 euros, mal. O libro en formato papel custa uns 22, quererán convencernos que de editar un libro custa 6 euros, que é a diferencia que hai, non o creo. Como sempre queren facer de nos o que eles queren, paréceme moi caro, pensando tamén que o formato papel xa me parecía caro antes, e logo se queixan de que a xente non le, claro, normal. Se un le un par ou tres de libros ao mes a ver quen pode gastar máis de 60 euros se é lector de novidades, claro que dirán que sempre están os formatos máis económicos, pero neses as novidades tardan algo en saír, e as veces nin saen, así que por ese lado non. Se un vai á tenda dixital que mencionei antes, Amazon, verá como as novidades están ao redor dos 11 euros, unha cantidade algo máis axeitada para o que é, sexamos claros. Paréceme que queren facer unha boa recadación a costa dos que mercamos os libros dixitais, xa que como dixen antes, cando un merca un lector destes non ten máis remedio que ler os gratuítos que lle trae (que non vou negar que moitos non sexan interesantes, pero algo antigos e moitos xa lidos) ou ter que andar pola rede buscando páxinas onde poder conseguilos doutros xeitos que todos coñecemos. Se agora que podemos mercalos dun xeito legal e respectando os dereitos de autor temos que pagar cantidades que están moi cerca dos outros formatos non creo que aqueles que estean dubidando se pasarse ou non ao formato dixital tomen a decisión. Os lectores de momento non son baratos, aínda que baixaron un pouco e como a oferta é algo máis grande xa hai competencia, se os libros tampouco o son, para que vou mercar un ? Pois non, moitos se botarán para atrás, e non me estraña.
En resumo, que non é a cousa para tirar foguetes. O mellor é que se alguén quere mercar algunha novidade agora poderá facelo de xeito legal, pero con demasiadas limitacións para que mereza a pena. Sobre todo polo prezo, é incrible que por outros países e outras páxinas as cousas sexan moito máis baratas, a eles si que lles merece a pena mercar neste novo formato. Ademais o concepto de competencia non existe, xa que todas as tendas teñen os libros ao mesmo prezo, ou pagas o que eles marcan ou nada. É un principio do que espero que os demais non aprendan demasiado e pensen en ampliar as posibilidades, os formatos e sobre todo as cantidades que teremos que pagar para mercar os libros. Claro que como ata o momento son case os únicos non nos queda máis remedio que pasar polo aro, se queremos, claro. Como en todo despois se queixarán da piratería, tentarán pechar páxinas ou mandar correos ameazantes e todas esas cousas que pasan con outro tipo de páxinas, pero é evidente que se o consumidor final non ve unha avantaxe en certos aspectos non vai mercar. Esta non é, evidentemente, a maneira de conseguir o despegue definitivo dos lectores dixitais neste país, espero que vexan os problemas e cambien pronto as cousas, senón, espero que non, seguiremos como sempre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario