lunes, 26 de julio de 2010

El Concierto

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=vNi9X8RcQIk&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

É evidente que non vou demasiado ao cine, gústame moito, pero nesta época por un lado non é que as estreas sexan demasiado decentes, chea a carteleira de cine de verán e, por outro, o desembolso económico que supón unha sesión para os que somos na casa fai que un teña que ser algo selectivo coas cousas que vai ver, polo que normalmente queda reducido ás tardes de inverno nas que non queda moito máis remedio que meterse nunha sala ou cando realmente estrean algo que merece a pena. Como cinéfilo non cambio para nada a sala de cine polo salón de casa para ver unha película, pero tendo en conta o comentado anteriormente as veces non queda máis remedio que ver as películas na casa. Como os comentarios de cine deste blog son os máis reducidos, en comparación cos outros temas, tamén penso que podo comentar aquelas películas que, aínda que non estean no cine nese momento, poden verse alugadas en DVD ou por outros medios que todos coñecemos, pero sempre, por favor, en boa calidade tanto de imaxe como de son, porque algunhas das que circulan son realmente invisibles, non sei como hai xente que é capaz de ver algunhas delas, a verdade.


Hoxe vou falar dunha película que vin hai uns días e que penso que realmente merece a pena, xa que nos gustou bastante. Non é un estreo recente, é unha cinta do ano pasado que tivo un certo éxito sobre todo gracias aos comentarios da xente que ía vela, polo que foi pasando duns a outros, o que fixo que estivera un certo tempo en carteleira, máis que outras. Ademais é unha cinta francesa, rompendo un pouco coa tónica de que parece que o único que se ve e se estrea é cine americano e que é o único que leva xente ao cine. A película titúlase “El concierto” e o título dá unha idea case perfecta do que nos vai contar, xa que está centrada nun concerto de música clásica, pero un concerto un tanto especial, sobre todo polos músicos. O director, completamente descoñecido para min, é Radu Mihaileanu, un romanés afincado en Francia. Esta é a súa sexta película e as anteriores tiveron un certo éxito no país veciño. Normalmente as súas historias son protagonizadas por persoas normais, centrado en personaxes de carne e óso e teñen que ver con desfavorecidos ou inxustizas. Neste caso estamos ante unha comedia, pero que ademais de momentos realmente simpáticos, non deixa de lado temas dramáticos e emotivos, tratados sempre con delicadeza e bo humor, que as veces é a mellor forma de queixarse de algo ou de deixar clara unha situación negativa. Todo isto acompañado do tema da música clásica como un fondo moi importante para o desenvolvemento da historia. De todos modos que ninguén pense que estamos ante unha película realista, non o é, é case unha fantasía de soño e maxia, de xente normal buscando que os seus soños se cumpran e poder vivir sen as frustracións que os afogan no día a día, pero cun ton simpático e leve, que fai que as veces algunhas cousas sexan aínda máis tristes, con ese ton agrio e doce que teñen moitas veces este tipo de cintas que non queren converterse nun tremendo drama case de teleserie e tampouco nunha caricatura da realidade. Os actores non son demasiado coñecidos fóra das súas fronteiras, excepto algún dos franceses que son recoñecibles se un é afeccionado a ver cine dese país. O resto son case todos actores rusos, entre eles os protagonistas, que teño que dicir que están perfectos todos e cada un deles nos seus papeis, plasmando perfectamente esa imaxe entre a tristeza, a decepción, a loita do día a día e o desexo de cumprir os seus soños, que ao final é o que move a todos e cada un deles a facer o que fan.


A historia é sinxela, o protagonista é Andrei Filipov, que traballa como limpador no teatro do Bolshoi. Hai 30 anos era un dos máis coñecidos directores de orquestra de Rusia, pero tras negarse a desfacerse dos seus músicos xudeus tivo que deixar o traballo da súa vida e vivir de recordos e frustracións. Un día, mentres limpa o despacho do xefe do teatro recíbese unha invitación por fax para que a orquestra do Bloshoi dea un concerto en París, no Teatro do Châtelet. O único que se lle ocorre é quedarse co fax e tentar convencer aos seus antigos compañeiros para facerse pasar pola auténtica orquestra e ir a dar ese concerto. O primeiro que terá que facer é tentar convencer a un ex axente do KGB que tivo moito que ver coa súa caída en desgraza para que actúe como manager e leve todas as negociacións. Este personaxe é dos mellores, un home que segue pensando en recuperar a antiga Rusia comunista e que decide axudalo por razóns máis persoais que porque sinta que lle debe algo a Filipov. Outro dos grandes personaxes da cinta é Sacha, o amigo íntimo de Filipov, condutor dunha ambulancia que leva sempre a serea posta e que se cae a pedazos, pero que sempre está de bo humor e aínda que ao principio pensa que a idea e unha tolería, ao final é un dos que máis vai traballar para conseguir que se faga realidade. Logo empeza a travesía para tentar xuntar a todos os seus antigos músicos, algúns xa moi maiores e outros reticentes a formar parte da suplantación. Pero todo son problemas, de diñeiro, de músicos, de instrumentos, de roupa, de pasaportes..., pero pouco a pouco as cousas irán collendo o camiño correcto. O resto é mellor velo, merece a pena ver como van avanzando no proceso e como van conseguindo as cousas, para rematar cun final perfectamente montado polo director, con ritmo e emoción nunha larga escena final que merece moitísimo a pena.


O mellor é que, aínda que ten momentos realmente dramáticos e tristes están en todo momento aderezados cun ton de comedia e optimismo moi conseguido e que fai que o espectador teña un medio sorriso en todo momento, con algún no que terá que rir con ganas, porque é imposible non facelo. Desde o principio, no que un dos medios de conseguir ingresos do matrimonio Filipov é contratar “figurantes” para manifestacións e incluso para vodas de mafiosos rusos que non queren máis que aparentar e enchen a cerimonia de xente, aínda que non os coñezan de nada. A forma de conseguir os pasaportes é outro deses momentos máis que bos, así como as distintas aventuras que van correr cando cheguen a París. É unha traxicomedia, máis cómica que tráxica, que merece moito a pena, protagonizada por uns xenios da música que por cuestións políticas ou relixiosas foron condenados ao ostracismo polos mandatarios rusos, pero que saben que aínda lles queda moita música e ganas nos seus corazóns. O ton é amable e case familiar, sobre todo nos personaxes principais, que son nos que se centra o director, tendo como fondo ademais a historia que algúns teñen coa violinista francesa que queren contratar para que faga de solista no concerto. Non se lle pode negar unha certa carga crítica contra certos aspectos que a algúns lles poderán parecer esaxerados e a outros menos, pero que son innegables e tristes. En certos momentos está preto do histrionismo, sobre todo con algunhas escenas das que transcorren en París, pero se queda no límite do ridículo, sen chegar a forzar demasiado as situacións. Merece a pena, pasaredes un bo rato.

No hay comentarios:

Publicar un comentario