jueves, 15 de julio de 2010

Escudo humano, ("Human target")

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=1ITUPBJPBQI&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

O verán non é unha boa época para a televisión, a maioría das cadeas están cheas de reposicións, de programas xa vistos, e son poucas as que estrean algo distinto ou novo. Certo é que a maioría da xente está de vacacións ou pasa o día na praia ou tomando o aire por aí, pero tamén é certo que algúns días un ten ganas de descansar pola noite vendo algo e moitas veces non pode porque todo está xa visto. Claro que isto é moito peor nas cadeas gratuítas, pero as de pago non están exentas tampouco desta morea de repeticións. As series cunha certa calidade rematan antes de que empece esta época e as novas temporadas virán en setembro, así que algunhas cadeas aproveitan para estrear series “menores”, o que non quere dicir que sexan malas de todo, senón que moitas veces non teñen unha calidade demasiado alta. Hoxe vou falar dunha destas novas series que é como un refresco de verán, está ben para estar un ratiño descansando e disfrutando pero non vai máis alá, quero dicir que non creo que sexa recordada anos despois, pero cumpre a súa función de entreternos nas calorosas noites de verán. A serie titúlase “Escudo Humano”, emitida desde hai un tempo en AXN e desde hai unha semana na Sexta, creo que os luns pola noite.


A adaptación de cómics de acción o superhéroes é unha constante no cine duns anos a esta parte, pero non é algo tan habitual na televisión, non hai demasiadas series que partan deste formato para os seus argumentos. Supoño que por un lado será por cuestións económicas, xa que non é fácil facer unha serie decente sobre cousas que implican normalmente un formato no que os efectos especiais sexan fundamentais. Baste recordar a adaptación, xa hai anos, de Hulk, que daquela era a Masa, que se a vemos hoxe so provocaría risas nos espectadores, xa que para o momento era unha certa novidade pero que non pasará tampouco á historia. Digo isto porque esta serie está baseada nun cómic publicado por DC nos anos 70 e que no ano 2000 tivo unha nova edición máis adaptada aos tempos. É unha serie de acción, con guións sinxelos, variados aínda que o esquema é sempre o mesmo cambiando as situacións (espías, grandes corporacións, ladróns de tesouros, piratas informáticos...), momentos de humor bastante conseguidos e cun protagonista que podería ser unha mistura entre un policía de alto nivel e un James Bond, violento, listo e con clase. Ademais para ser televisión é bastante espectacular e cunha certa calidade técnica, que non chega ao nivel dunha boa cinta de acción de cine, pero que para a televisión cumpre con creces nese sentido.


O protagonista é Christopher Chance, interpretado por Mark Valley (un actor resultón ao que podedes ver en varias das temporadas da excelente “Boston Legal” e tamén facendo un papel importante en “Fringe”). Traballa nunha empresa de seguridade que non responde aos parámetros normais deste traballo. Ten dous compañeiros, cada un cunha función máis que definida, aínda que as veces terán que cambiar a súa forma de traballar en función da misión que teñan que afrontar. Por un lado temos a Winston (o actor Chi McBride ao que vimos nunha boa e distinta serie que algún día comentarei, “Criando Malvas”), é o encargado sobre todo de tratar cos posibles clientes e fai o traballo de despacho, polo que é un dos que cando ten que facer traballo de campo non está nada cómodo e pon moitos dos momentos de humor comentados. Foi policía e é o mellor amigo de Chance. É un home meticuloso, coidadoso e algo protestón en ocasión e non lle gustan demasiado as situacións de risco e perigo nas que se mete o seu amigo , xa que sempre pensa que habería outra forma mellor de facer as cousas. O outro é Guerrero (interpretado por Jackie Earle Haley) que é o que levará toda a parte de investigacións informáticas, finanzas e que usará todos os seus contactos e habilidades para facilitar o traballo. É un elemento fundamental do grupo, pero usa uns métodos pouco ortodoxos que non son do agrado de Winston, que preferiría non usalo demasiado. Tanto Chance como Guerrero teñen partes escuras e misteriosas no seu pasado que iremos descubrindo pouco a pouco, este elemento tamén lle da un punto máis de interese, xa que nun principio non sabemos demasiado e as cousas que fan, din ou conseguen necesitan explicacións, pero irán aparecendo con contagotas episodio tras episodio.


Estes son os tres personaxes centrais da serie. Forman un equipo independente e non oficial que se vai dedicar a traballar para calquera que requira os seus servizos. Fan un traballo que está preto do de gardaespaldas, pero que vai máis aló. Normalmente son contratados por xente que está en perigo de morte ou ameazada sen saber moi ben por quen nin as razóns das ameazas. Así eles introdúcense na vida dos que os contratan sempre baixo identidades falsas coa intención de descubrir á persoa ou persoas que están detrás desas situacións. Infíltranse no entorno dos que os contratan e ademais Chance non quere cobrar nunca polo seu traballo, prefire regalos que dependan das posibilidades económicas dos seus clientes, xa que ademais non sempre son xente con moito diñeiro. Tamén quedarán anotados como xente que lle deberá un favor, favores que usará sempre para resolver situacións con outros clientes. Sempre traballa de incógnito e coñece á perfección as técnicas de combate, estratexia e loxística, ademais de ser un maniático da precisión, o que non quita que en moitas ocasións teña que improvisar sobre a marcha, pero sempre analizado á perfección as situacións e a mellor maneira de saír delas. Non vou contar nada do seu pasado, o que queira sabelo que vexa a serie. Entre os tres, cada un coas súas capacidades, lograrán localizar e anular as ameazas dos seus clientes, pondo constantemente en risco as súas vidas, sobre todo Chance que é o encargado directo do traballo de campo e de estar cos seus protexidos, cos que as veces vai ter un vínculo demasiado forte, implicándose directamente con eles, o que non lle gusta nada ao seu socio, Winston.


Acción, risco e humor son as tres constantes da serie. Como dato curioso dicir que o protagonista, Mark Valley, foi militar de profesión antes que actor, é graduado na coñecida academia militar de West Point e participou na Guerra do Golfo, vaia cambio de profesión, a verdade. Tamén, en plan cotilleo, está casado coa protagonista de “Fringe”, Anna Torv (unha nota de sociedade, nada máis). Ademais teremos intrigas políticas, empresariais e outras menos complicadas, pero sempre atraentes, interesantes e entretidas. Se queremos darlle un cualificativo podería dicir qué é televisión de palomitas, para sentarse corenta minutos diante do televisor e pasar un bo rato dominado pola acción e a sonrisa, que non é unha mala maneira de pasar as noites de verán, xa teremos tempo para cousas máis sesudas e complicadas. Está na súa primeira temporada, pero está prevista, polo menos, unha segunda. Veña, a sentarse e pasar o rato.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=qnJ9Wy_ZttQ&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario