lunes, 19 de julio de 2010

"La cúpula", Stephen King

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=zQJmy6k8NNY&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

O autor da novela que vou comentar hoxe xa apareceu por aquí, así que esta vez afórrome a reseña biográfica, que xa está feita no post de “Los ojos del dragón”, falo de Stephen King. Xa dixen naquel momento que era un dos meus autores favoritos e que era moi afeccionado ás novelas de ficción ou terror. Tamén teño que dicir que ultimamente tíñame un pouco desencantado e case aburrido, quero dicir que moitas das súas últimas novelas non me gustaron demasiado, aínda que lin todas, paixóns que ten un, que lle imos facer. Tamén parece como se este tipo de xéneros non foran demasiado “literarios” e penso que pouco respectados por grande parte da crítica e tamén por moitos lectores, aos que lles parecen “menores” ou pouco “serios”. Evidentemente cada un ten a súa opinión, pero ninguén pode negar a importancia para a historia da literatura dos grandes autores do xénero, xente como Poe, Lovecraft, Assimov, Clarke..., e moitos outros que podería mencionar, así que penso que so por ser un autor que vende moito non lle debemos quitar o mérito que ten. O malo é que parte desa imaxe ven das adaptacións cinematográficas, que como dixen nalgunha ocasión, salvo excepcións, son bastante malas e non están á altura das novelas. Por outro lado nos últimos anos tamén penso que a súa produción está algo por baixo das súas posibilidades como autor e algunhas non merecen a pena, pero a maior parte delas si. É un autor especializado nun tipo de novelas que conectou con moito público, e iso penso que ten que ser respectado, aínda que non ten porque ser compartido. Certo é que é un autor ao que “amas” ou “odias”, non hai demasiados termos medios con el, pero iso tamén pasa con moitos outros. Algunhas das súas obras son grandes novelas do xénero, “El resplandor”, “El misterio de Salem´s Lot”, “Misery”, “El retrato de Rose Madder” e a maior parte das súas coleccións de contos, que soen ser magníficos. Pois esta última novela que publicou penso que está entre as mellores da súa extensa produción e ao mesmo tempo dentro das mellores do xénero. Moitas delas non son so historias de terror, misterio e ficción, senón que podemos ver sempre certa crítica social, críticas a moitos comportamentos humanos, as súas reaccións e formas de facer as cousas, pois nesta isto é un argumento central. Falo da súa última novela, de publicación recente, titulada “La Cúpula”, editada como é habitual por Plaza&Janés.


A historia non é excesivamente orixinal, non está mal, pero o suceso central non é máis que un detonante para analizar e desenvolver unha serie de comportamentos humanos opostos ante unha situación que non poden controlar nin entender. Un día, de repente e sen ningunha explicación, o pobo de Chester´s Mill queda cuberto por unha especie de cúpula transparente que ao principio so se percibe cando algún avión, paxaro ou automóbil choca contra ela, que é como van descubrir ese estraño suceso. Así quedarán completamente pechados ante o mundo exterior, ninguén pode entrar e ninguén pode saír. “Ninguén de fóra pode axudarnos” é unha das frases que un dos protagonistas dirá en certo momento. Chester´s Mill é o típico pobo pequeno dos Estados Unidos, moitas das historias do autor transcorren neste tipo de pequenos núcleos que son moito máis sinxelos de manexar que as grandes cidades e ademais que dan para analizar moito mellor os comportamentos de xente que se coñece de toda a vida, porque este será o fío fundamental da historia, as distintas reaccións ante un acontecemento que os supera e que non saben nin interpretar nin como loitar contra el. Cerca de 2000 habitantes e dous personaxes centrais que van actuar como protagonista e antagonista, tentando facer cada un as cousas á súa maneira e vendo como unha parte do pobo irá con un e outra co outro, nun xogo de manipulación, falsidades, mentiras, verdades a medias que levarán a un a buscar unha solución e ao outro manipular buscando sempre o seu propio beneficio. O protagonista é un veterano da guerra de Iraq que agora deambula de pobo en pobo buscando traballo, Dale Barbara. Verase atrapado no pobo no mesmo momento no que ía marchar, os forasteiros non son demasiado ben vistos nese tipo de pobos case pechados e, tras traballar un tempo como cociñeiro na cafetería local, ten que marchar tras ter algún enfrontamento violento con algúns homes do pobo. Este será o home que tentará buscar unha solución, investigar, probar formas de acabar coa cúpula para poder saír, e ademais será o nomeado polo Presidente para xestionar todo desde dentro. Xunto a el unha serie de personaxes que se porán do seu lado, que non vou mencionar, porque é mellor descubrilos a medida que lemos. O antagonista é un dos concelleiros do pobo, o segundo, xa que son tres, pero que é o que manexa todo, usando aos outros case como manequíns. Este é “Big Jim” Rennie, un auténtico cacique con vocación de dictador frustrado, pero bastante listo e que sabe perfectamente como manexar a situación para que el nunca apareza como culpable. A maior parte do pobo estará so seu lado, máis que nada porque sabe como forzar as situacións para que iso sexa así. É consciente de que a maior parte dos habitantes de Chester´s Mill son auténticos borregos que el pode manexar ao seu antollo e todo vai polo camiño que vai marcando coas cousas que fai. E para poñerlle algo máis de sal ao asunto temos polo medio o fanatismo relixioso, manifestado de diversas maneiras, algunhas delas sarcásticas, cínicas e outras case ridículas, outro elemento máis que o señor Rennie sabe dominar de tal forma que todo pode ser visto como un castigo de Deus ou, polo menos é o que el quere que algúns vexan. En canto as razóns da existencia da cúpula ao final da novela teredes a explicación, aínda que é o de menos, a verdade, porque o importante son as reaccións que a situación provoca e como responden as persoas.


Algo máis de 1200 habitantes e unha acción que transcorre no curto prazo de unha semana aproximadamente, todo iso concentrado en algo máis de mil páxinas que se len bastante ben. O mesmo autor di que tentou escribila hai tempo, que tiña o primeiro capítulo desde os anos 70, pero que daquela sentiuse superado e deixouno para máis adiante, unha novela que ao final levoulle como dous anos de traballo. A min persoalmente reconcilioume co Stephen King que me gustou sempre, algo que perdera cos seus anteriores traballos, penso que é a mellor das últimas e unha das mellores da súa extensa produción. A historia é atractiva, inxeniosa e atrapa ao lector como se estivera dentro da mesma cúpula. A acción é continua e case podemos dicir que en tempo real, moitas cousas pasan nesa semana dentro do pequeno e idílico pobo que ao final non o é tanto, e non so pola aparición da cúpula. Nun certo momento algún dos protagonistas menciona dúas novelas máis que coñecidas coas que pode ter unha certa relación en moitos aspectos, “El señor de las moscas” e “1984” no sentido de falar de xente pechada nun lugar máis ou menos aberto e as reaccións que toman ante unha serie de situacións. Non vou dicir que sexa “un estudo das reaccións humanas”, pero está preto, tendo en conta que falamos dunha novela de ficción e dun autor especializado en cuestións fantásticas, xa que ademais do concepto da cúpula hai outros elementos fantásticos dentro da historia, así que recomendada so para os afeccionados ao xénero, claro.


En canto ao estilo é o seu de sempre cando escribe ben. Narración fácil, rápida, non deixa un momento de respiro ao lector, diálogos áxiles e centrados na historia, con poucas cosas anecdóticas ou que sobren, centrado sempre no fío central da historia pero sen deixar de lado cousas do pasado dalgúns personaxes que aparecen porque sempre terán que ver co que pasa. Os capítulos son curtos, algúns non pasan dunha páxina e os máis longos non chegan normalmente a catro, co que a acción é continua, saltando case sempre dun lugar a outro, duns personaxes a outros. É unha novela coral, cun gran número de personaxes, quizais demasiados nalgún momento, porque as veces o lector terá que pensar quen é exactamente o que está a aparecer, mulleres, homes, familias, nenos..., e aínda que os nomes son ben distintos hai ocasións en que se un non está ou estivo atento pode perderse un pouco. É unha das cousas que lle gustan, esas novelas corais con gran número de personaxes que lle permiten reflectir un gran número de situacións, de personalidades distintas, de relacións entre eles, de antagonismos e fortes amistades que se xeran en minutos, agoniados polas circunstancias. Creo que non é unha novela so para os fans de King, creo que hai lectores que se lle dan unha oportunidade descubrirán unha novela máis que decente que esconde moito máis do que parece. Para os fans, xa o dixen, para min unha das mellores da súa produción dos últimos (bastantes) anos, menos mal que os seguidores poderemos congraciarnos de novo con el e esperar unha nova novela que siga esta mesma tendencia. Déixovos un vídeo do que parece será unha adaptación en formato de serie televisiva, esperemos que a fagan ben e non sexa outra desas fallidas.
cupula.jpg

1 comentario:

  1. En el verano deboro libros , entre otras cosas por que es el momento en que dispongo de tiempo para ello, estuve a punto de comprarme este , pero.... después de leer tu artículo , creo que será el que cierre este año mi período vacacional :)
    Conoces los libros de la saga Crepúsculo?? , a mí el tema de los vampiros como que no me llamaba mucho , pero mis hijos decidieron comprarse el primer libro , y este verano nos leimos los 4 , yo incluida ,el tema, pués el amor entre una humana y un vampiro adolescentes,
    Lo mejor de todo , es ver a tu hijo de 13 años leer horas y horas y comentar el libro , hacer criticas ..., en fin , ha valido y mucho la pena
    Un saludo

    ResponderEliminar