jueves, 27 de septiembre de 2012

"La conjura de Cortés", de Matilde Asensi



A novela de hoxe é de moi recente publicación. Terceira entrega dunha triloxía a medio camiño enre a novela histórica e a de aventuras, de autora española de gran éxito. Con estas pistas case seguro que máis de un e unha xa saberán de que e de quen falo. A autora é Matilde Asensi e a novela “La conjura de Cortés”, que pecha a triloxía dedicada a Martín Ojo de Plata.


En abril do 2010, pouco tempo despois de empezar con este blog, deixei un comentario das dúas primeiras novelas destra triloxía. E a autora non é a primeira vez que aparece por aquí, así que para non repetirme aforro a recensión biográfica e remítome a comentarios anteriores que podedes buscar no arquivo do blog. A primeira novela desta saga apareceu baixo o título de “Tierra Firme” no ano 2007, a segunda “Venganza en Sevilla” fíxoo no 2010 e neste 2012 péchase a historia coa terceira entrega. Unha historia ben montada, con cambios de localización en cada unha delas e cunha serie de personaxes, tanto protagonistas como antagonistas, que son case constantes nas tres novelas, polo menos os máis importantes.

Volvemos coa historia de Catalina Solís e a súa contrapartida masculina, Martín Nevares. Como moitos lectores recordarán “Tierra Firme” contábanos a historia de Catalina na súa viaxe ao Novo Mundo para casar cun home que non coñecía, un matrimonio concertado que aceptaba por obriga. Tras naufraxios, sobrevivir unha illa e ser rescatada vese obrigada a cambiar de sexo para manter o anonimato, así aparece Martín, adoptado por un matrimonio que vive ao outro lado do Atlántico. Moitas aventuras pasaba nesta primeira entrega, que sigo a considerar como a máis entretida das tres. A segunda contábanos a volta de Catalina a España para tentar rescatar ao seu pai do cárcere, inxustamente condenado, e como este morre sen recuperar a liberdade e a obriga a xurar que se vingara da familia responsable da súa prisión, a familia Curvo. Esta segunda novela transcorre case integramente en Sevilla e céntrase nesa vinganza que remata coa morte de varios dos integrantes da citada familia. Nela pérdese un pouco o espírito aventureiro e mariñeiro da anterior, resultoume algo máis parada a pesar de ter moita acción e quizais, algo máis previsible. Aínda así foi unha lectura entretida, algo que sempre garante esta autora.

“La conjura de Cortés” lévanos de novo ás terras americanas tras a fuxida de Catalina de España, perseguida polos asasinatos en Sevilla dos Curvo. Segue buscada pola xustiza e rodeada da maior parte dos personaxes aparecidos en entregas anteriores. Agora, entre aventuras de todo tipo, descubrirá sentimentos que non apareceran ata agora, entre eles o amor por un dos seus acompañantes, que a desconcertará e deixará en evidencia máis dunha vez. Tras unha serie de peripecias, viaxes e cambios de escenario verase inmersa na conxura que da título á novela, relacionada co navegante, explorador e conquistador Hernán Cortés. Unha serie de nobres e algún descendente deste personaxe queren derrocar ao rei de España como gobernante das novas terras e poñer a un novo rei so para as terra descubertas e conquistadas. Pero para iso necesitan diñeiro e pensan sacalo do lendario e impresionante tesouro que Cortés escondeu nalgún lugar do novo continente. Case sen querelo Catalina verase metida dentro desta historia como unha parte activa e fundamental da mesma. Algún novo personaxe aparecerá para axudala nesta nova aventura que será moi importante para ela. De paso advirto que non estou a contar nada que non se poida ler nas recensións da propia editorial ou na contraportada do libro, é máis, creo que aínda conto menos que eles, que sigo a pensar que en ocasións cóntannos tanto que case non merece a pena ler a novela, so falta que nos digan como remata.

Con esta terceira entrega remata por tanto a triloxía de Matilde Asensi con este personaxe e o século XVII como marco histórico. Sigo a dicir que están a medio camiño entre a novela histórica e a de aventuras no seu estilo máis clásico, con momentos quizais influenciados por autores como Salgari, Stevenson, Verne..., o que non lle resta mérito ningún, que conste. Digo a medio camiño entre ambos xéneros por varias razóns. Certo é que a historia está plenamente ambientada na época e que moitos dos acontecementos que nos conta e que inflúen na trama parten de feitos históricos reais, e nese sentido a cantidade de información sobre a época é moi importante e, sobre todo, recibida dun xeito máis que ameno. Do mesmo modo outro elemento a destacar é o ben reflectida e plasmada que me parece a época en todos os sentidos, a forma de vida, de viaxar, de comportarse..., todo isto avalado, como dixen no comentario anterior, por un maxistral uso da linguaxe. Nese sentido a mistura que fai entre expresións do Século de Ouro e a linguaxe máis moderna, sobre todo cando falan os personaxes, paréceme algo digno de mencionar. Sen chegar a caer na pedantería ou nun uso excesivo de palabras ou expresións da época. A isto tamén contribúen as situacións que desenvolve, as descricións de paisaxes, cidades, roupas, barcos...son importantes sen caer no excesivo, usadas na súa xusta medida. A labor de investigación e uso da historia creo que é boa, dándonos datos e coñecementos suficientes para aprender algo ou ter ganas de ampliar esa información. E ademais está perfectamente usada dentro da historia. Claro que practicamente todos os personaxes centrais son ficticios, pero creo que o lector poderá velos case como se existiran.

Y ten moito de novela clásica de aventuras. As viaxes, os piratas, os barcos, enganos, personaxes de todo tipo, escravos, loitas con espadas, duelos... Non hai un so elemento da novela de aventuras que non estea presente nas tres novelas, e case sempre usados dunha excelente maneira. Sempre gustei moito das novelas deste tipo e o cine do mesmo xénero e creo que neste caso o resultado tamén é bo. O primeiro que se lle debe pedir a unha novela de aventuras é que sexa entretida e movida, algo que as tres cumpren en maior ou menor medida. Neste caso a terceira está algo máis cerca da primeira neste sentido, hai máis movemento de personaxes e cambios de lugar, máis personaxes novos importantes para a trama e algún misterio máis tamén. É mais movida que a anterior nese sentido e quizais por iso gustoume máis. Se a todo isto lle engadimos un tesouro, un misterioso mapa que descifrar, os amores de Catalina e algunhas cousas máis creo que estamos ante unha boa e moi entretida historia. E por fin saberemos a razón do seudónimo de Martín, ese Ollo de Prata que temos presente desde a primeira entrega.

Matilde Asensi é unha autora que poderá gustar máis ou menos, pero non podemos negar que nos vai dar sempre unha lectura entretida, amena e interesante, por riba da media doutros produtos do mesmo tipo. Sempre ten algo que anima á lectura, xa sexan os personaxes, as situacións ou as tramas. Lía que ten varias ofertas para levar esta triloxía ao cine, pero ningunha lle da as garantías suficientes como para deixar aos seus personaxes en mans dun director, quere que cando se faga apareza na pantalla dunha forma fiel e preto do que ela e os seus lectores imaxinan. Creo que será difícil que consigamos ver a Catalina / Martín na gran pantalla algún día. Unha magoa, porque creo que xa dixen algunha vez que as súas historias parécenme moi cinematográficas e darían boas producións, pero creo que caras se se quere ser fiel ás mesmas.

Péchase a triloxía cunha novela máis cerca da primeira que da segunda. Das tres, xa o dixen, a que menos me gustou foi a segunda que me pareceu algo máis lenta e, quizais, retorcida nalgúns sentidos e incluso menos crible dentro de liña do personaxe. Esta última é un bo peche para a historia, polo menos a min pareceume así. Máis na liña de aventuras, con máis ritmo que “Venganza en Sevilla” que quizais se centraba demasiado nese aspecto, en todo o que ideaba para acabar cos Curvo e deixaba aos personaxes e outras situacións demasiado en segundo plano. Aquí de novo rescatamos á Catalina valiente, aguerrida e débil nalgúns sentidos ao mesmo tempo. Aquí, a pesar de ser conscientes de que estamos ante un personaxe de ficción, paréceseme máis á Catalina de “Tierra Firme”, que creo que na segunda quedaba algo difuminada. Agora teremos que esperar a ver con que nova aventura nos sorprende a autora.

miércoles, 19 de septiembre de 2012

"Total Recall", "Desafío Total"



Os anos noventa foron un gran momento para o cine de ciencia ficción, algúns clásicos veñen daquela época e houbo algunhas películas a medio camiño entre este xénero e o de acción que me pareceron moi boas, máis de unha segue entre as miñas favoritas. En 1990 estreouse “Desafío Total”, dirixida por un dos directores máis destacados do xénero, Paul Verhoeven, e protagonizada por Arnold Schwarzenegger. Unha película cunha boa historia, cuns efectos especiais que na época deixáronnos pasmados, entretida e, penso eu, algo por riba da media do xénero naquel momento. Para min é un deses clásicos neste tipo de cine, divertida e cun toque que te tiña pendente da historia desde o principio ata o final, xogando co que crías ver e dándolle voltas á historia. Algunhas das súas escenas creo que están gravadas na cabeza de moitos afeccionados. Ah, tamén aparecía Sharon Stone nunha das súas primeiras presencias con certo protagonismo no cine.

Ven isto a conto de que esta última fin de semana fomos ao cine, non había demasiado onde elixir e tíñalle unhas ganas relativas á película que vos deixo hoxe, pero non me decepcionou en absoluto. De todos modos é un dato máis da falta de imaxinación dos guionistas de Hollywood ou das poucas ganas de arriscar un pouco e dedicarse a películas que poidan ter garantida unha certa taquilla, xa que son versións actualizadas de algunhas desas moi coñecidas de hai uns anos e que moita xente non viu no seu momento, aproveitando de paso o tirón de certos actores e historias con algo de interese e, sobre todo, de entretemento. Vimos a nova versión desa que menciono no primeiro parágrafo, claro que agora con esa manía de deixar os títulos en inglés en vez de “Desafío Total” é “Total Recall”. É unha das moitas versións novas que chegarán deste xénero, anteriormente estrearon “Dredd”, partindo da que imos dicir mediocre “Juez Dredd”, protagonizada por Stallone en 1995. E para o ano que ven estrearán “Robocop”, curiosamente outra película de Verhoeven de 1987. Teño a impresión de que algunha máis aparecerá por aí. Claro que se é como o caso da de hoxe tampouco é que me importe demasiado, non vou dicir que sexa mellor que a orixinal, porque non é así, pero queda cerca e a pesar de ser o mesmo pódese ver como algo distinto. Ademais os que non coñezan a cinta anterior estou seguro de que disfutarán con esta boa historia de ciencia ficción con bos momentos de acción.

Outro dato a ter en conta é de onde parte esta historia. Está libremente baseada nun relato de Philip K. Dick, un autor nado en Chicago en 1928 e que morreu en 1982. Escribiu gran cantidade de novelas e relatos curtos, a maior parte dentro do xénero da ciencia ficción. Durante a súa vida viviu na pobreza, case sen ter ningún recoñecemento polos seus escritos. Trala súa morte o cine foi o mundo que o devolveu ao gran público e sacouno do esquecemento, converténdoo nun dos grandes clásicos do xénero. Aínda que como en moitos outros casos este recoñecemento chegoulle un pouco tarde. Boas películas tiveron algún dos seus relatos ou novelas como base de inspiración, aínda que hai que dicir que case sempre dun modo algo libre, funcionando máis como un punto de partida sobre o que desenvolver unha historia. Grandes películas e coñecidos directores acudiron aos seus libros. Desde Ridley Scott coa imprescindible “Blade Runner” a Spielberg con unha das súas cintas que máis me gustan, “Minority Report”. De outros directores quizais menos coñecidos pero tamén recomendables temos “Destino oculto”, “Paycheck” ou “Next”. E posiblemente non sexan as últimas que usan a Dick como base. “Total Recall” segue a historia dun relato curto titulado “Podemos recordalo por vostede ao por maior”.


Estamos a finais do século XXI. Douglas Quaid leva unha vida gris, traballando como operario nunha factoría dedicada á montaxe de robots encargados da seguridade. Un pequeno apartamento, unhas vistas deprimentes e unha muller que traballa como policía. Todos os días vese obrigado a realizar unha viaxe desde onde vive cara ao outro lado do planeta, o lugar onde traballa. Para isto colle o que chaman a “cascada”, unha especie de gran verme que atravesa o centro da Terra nuns minutos. Un mundo devastado polas guerras químicas, gobernado por Cohaagen e o seu exército de forma ditatorial. So a resistencia enfróntase con el, dirixida polo misterioso Mathias. Cando lle denegan un ascenso decide vivir unha nova experiencia, algo que o separe da súa vida monótona e aburrida. Rekall é unha empresa que se dedica a implantar falsos recordos na mente das persoas, a base de drogas e novas técnicas garante unha experiencia inesquecible, algo grande e cheo de aventuras que un so vivirá de modo virtual, pero que na súa mente quedará como algo completamente real. Quaid decide probar pero algo sae mal, ou polo menos iso parece. De repente, verase perseguido pola policía, inmerso en persecucións, disparos e misterios. Non entende nada, agora descobre que en realidade é Hauser, un axente secreto infiltrado na resistencia por orde de Cohaggen para acabar con ela. A súa muller non é a súa muller, personaxes que parecen coñecelo e aos que non recorda crúzanse continuamente con el... Está completamente desconcertado. ¿Que hai de certo nesa aventura? ¿Tan real é o efecto conseguido por Rekall? Un xogo de enganos, misterios, traizóns...onde case ninguén é o que parece.

O director é Len Wiseman, especializado en películas de acción cunha certa calidade e incluso algúns elementos orixinais. É o responsable de “La jungla 4.0” ou varias historias da saga “Underworld”. Neste sentido está dirixida con bastante ritmo e non hai demasiado que reprocharlle, consegue atrapar ao espectador nese mundo de ficción ou real, non o saberemos ata o final e terá ao espectador tan desorientado como ao propio protagonista da historia. Anotemos que sempre e cando non teña visto a anterior, porque entón terá claro desde un principio que é o que pasa. En canto aos actores cambiamos aquí a Arnold por un moi convincente Colin Farrell. Este é outro deses actores que soe gustarme e aquí está bastante ben, consegue que nos metamos na historia, misturando escenas de acción vibrante con outras nas que brilla algo máis como actor. En xeral as interpretacións están, desde o meu punto de vista, un pouco por riba da media neste tipo de historias. Xunto con Farrell os dous papeis protagonistas son para dúas mulleres. Kate Beckinsale e Jessica Biel, amiga unha e inimiga a outra. Do resto destacaría dúas caras coñecidas. O papel do revolucionario Mathias é para o inglés Bill Nighy, cunha aparición breve pero importante. Mentres Cohaagen está interpretado por Bryan Cranston, que sae do mundo da televisión (imprescindible a súa interpretación de Walter White na brutal “Breakin Bad”) e está a ter algunhas aparicións secundarias en varias películas destes últimos anos.

A súa maior virtude é que se parece moito á versión dos 90, o que ao mesmo tempo é o seu maior defecto. Digo isto porque o seu maior interese reside en descubrir que hai de certo ou de ficción no que está a vivir o protagonista. Os meus fillos non viran a anterior e gustoulles moito, no meu caso desde o principio sabía que era o que estaba a pasar, o que non fixo que disfrutara moito. Salvo algúns detalles menores segue a historia ao pe da letra. Cambiamos o Marte do orixinal por un centro de traballo en Australia, algúns personaxes secundarios e pouco máis. O resto mantense case integramente, tamén é certo que mellor non cambiala demasiado porque xa a orixinal era unha historia redonda. ¿Cal me gustou máis? Pois as dúas, cada unha ten as súas cousas, esta nova perde a orixinalidade pero gaña noutros aspectos, é máis espectacular e algo máis movida en canto a escenas de acción. Dúas destacan por riba das demais, unha persecución ao máis puro estilo das clásicas de automóbiles e, sobre todo, a escena dos ascensores, tensa e orixinal. O deseño da colonia é practicamente igual ao que vimos situado en Marte, nese sentido a homenaxe é inevitable. E incluso ten algúns guiños en varias escenas para os fans da primeira, non os vou contar porque teredes que descubrilos, e os que o sexan seguro que non poderán evitar un sorriso.

Cine de ciencia ficción e acción algo por riba da media, con momentos realmente espectaculares. Os efectos especiais evolucionaron moito desde os 90 ata hoxe e iso nótase, gaña con respecto á orixinal. Algo máis emocionante e tensa que este, pero fáltalle o encanto dos 90, aínda que hai uns dúas puxéronna nalgún canal e estiven a vela, non enteira, pero case, e quizais esta fora algo máis simpática ou divertida nalgúns momentos. Como dixen son o mesmo e ao mesmo tempo non o son, as innovacións técnicas axudan a manter e acrecentar esas emocións que provoca no espectador. Coñecendo a historia non se me fixo nada aburrida, todo o contrario, as cerca de dúas horas que dura pasaron con bastante rapidez. Ben interpretada e dirixida garante unha boa dose de acción, diversión, entretemento e intriga. Así que a recomendo para todos, para os que disfrutaron nos 90 e para as novas xeracións que non o fixeron. Aínda así non podo evitar pensar que falta imaxinación e era mellor ver algo novo e distinto, non ter que volver aos 90 para facer películas que algúns xa vimos.




lunes, 10 de septiembre de 2012

"Como una novela", Daniel Pennac




Capítulo 1: “O verbo ler non soporta o imperativo”
Capítulo 49: “O tempo para ler sempre é tempo roubado... O tempo para ler, ao igual que o tempo para amar, dilata o tempo para vivir”

Os meus fillos non len. O meu alumnado (son profesor de lingua e literatura) tampouco. Len o que lle mandan por estudos, pero se digo que nada máis non quedo curto. ¿Por que? A verdade é que non o teño nada claro. Non é que non lles guste, pero o mundo audiovisual supón hoxe unha gran competencia. Pensan que é unha soberana perda de tempo e prefiren dedicar o seu tempo libre a outras actividades. Claro que para min a perda de tempo ven sendo moitas veces o que fan eles. O medio consolo que me queda é que polo menos os que teño na casa de momento prefiren saír a xogar ao baloncesto que quedar enredando coa consola, cando iso cambie creo que terei que preocuparme algo máis.
Sempre se dixo que de pais lectores o normal é que saian fillos lectores. No meu caso foi así, na miña familia sempre había algún libro á nosa disposición e recordo aos meus pais moitas veces cun libro nas mans. Na miña casa, mentres eran pequenos, tiña o costume de lerlles algún conto todas as noites, pero aí quedou a cousa. Ata lles merquei un ebook (eu teño un desde hai dous anos e estou encantado, pero ese é outro tema) a ver se a pantalla a entendían como un engado máis, pero nada, non hai maneira. Obrigalos non parece a mellor solución, o resultado tal vez os escorrentaría aínda máis.
Ademais da competencia, o maior problema é que nos centros de estudio non estamos a crear lectores. Advirto que, en xeral (sempre hai excepcións), pesa unha idea demasiado “literaria” cando se escollen as lecturas. Unha gran parte do profesorado teima en recorrer aos “clásicos” para un alumnado ao que non lle gusta ler. O resultado é que estes tamén saen escorrentados. Eu, cando non sei que poñer, acudo aos outros clásicos, os da miña infancia é xuventude (Salgari, Verne, Poe, Stevenson, Christie...) e teño comprobado que seguen a estar vixentes e á maioría resúltanlle lecturas interesantes. Non saben o que perden, viaxar, soñar, loitar, resolver enigmas..., isto e moito máis é que nos trae unha boa lectura. Temos que formar lectores, e estamos a caer en todo o contrario.

Esta longa introdución escribina hai uns meses para a portada do blog dunha editorial. Aparece hoxe aquí ao fío da obra que vou comentar, moi relacionada co dito e á que pertencen as primeiras liñas do post. Chegou a min como unha recomendación nun comentario do blog, alguén me dicía que como profesor de literatura debería lela e como teño por costume facer caso desas recomendacións alá fun. Darlle as gracias á persoa que ma recomendou, xa que me gustou moito e penso que me vai facer cambiar algúns plans para este curso que pronto comezará pronto, polo menos para tentar algo distinto. O autor é Daniel Pennac e o seu escrito titúlase “Como una novela”. Un autor que non coñecía de nada e que me sorprendeu, sobre todo polo que di, pero tamén por como o di. Unha obra de gran éxito no seu país e que me fará ler algunha máis das súas historias en breve.

Daniel Pennac é o seudónimo de Daniel Pennacchioni, escritor francés nado en Casablanca (Marrocos) en 1944. Provén dunha familia de militares e pasou a súa infancia entre varias zonas de África e máis tarde en Niza, onde se graduou en letras e decidiu dedicarse ao ensino. Comezou a súa produción literaria con obras para nenos e adolescentes, con gran popularidade da súa saga protagonizada pola familia Malausène, a medio camiño entre a novela negra e a xuvenil. A súa obra é variada, novelas dirixidas tanto a nenos, rapaces ou adultos e ensaios; destes últimos o máis destacado é o que comento hoxe. En 2007 recibiu o Premio Reanudot pola súa obra “Mal de escuela” (anotada na miña lista de lecturas). Comeza a súa produción nos anos 80, a saga mencionada aparece por primeira vez en 1985 con “La felicidad de los ogros” e daralle un gran éxito de ventas e críticas. Polo momento a súa última obra é “Diario de un cuerpo”.

E que é “Como una novela”? A medio camiño entre o ensaio e a reflexión o autor déixanos unha serie de consideracións, opinións, pensamentos e ideas sobre que razóns ou situacións levan a xuventude de hoxe (e tamén aos non tan novos) a ter unha consideración negativa sobre o feito de ler, de achegarse a unha novela e pasar algún tempo con ela entre as mans disfrutando e viaxando coa imaxinación. Toda ela escrita cunha linguaxe sinxela e accesible, non é un ensaio profundo na forma, pero si, e moito, no fondo. Menciona varias razóns para tentar xustificar esa realidade e tenta poñer algo da súa parte, algunhas ideas ou iniciativas, para buscar un camiño alternativo que poida levar a moita xente a ter contacto cos libros. Non hai, evidentemente, un so culpable. Por un lado temos á propia sociedade, acelerada e centrada en outras cousas, deixándonos moi pouco tempo libre e o que queda é aproveitado para outras cousas. Vai falarnos tamén do sistema educativo, máis centrado noutros aspectos que en formar lectores ou, polo menos, rapaces con curiosidades e inquietudes. Usa un ton lixeiro e incluso, en moitos momentos, divertido, o que fai que todo o que nos quere expoñer chegue dunha forma clara e rápida ao lector. A isto axuda a brevidade do mesmo, non chega ás duascentas páxinas, pero ben concentradas. Non hai unha soa liña que non diga algo, un so parágrafo que non poida facernos reflexionar sobre o tema central da novela. En moitos momentos poderemos vernos reflectidos nas súas palabras, xa sexa como pais ou, como no meu caso, como profesores. Moitas das situacións que usa para apoiar as súas reflexións aparecerán ante o lector como algo que a el mesmo pasoulle ou viviu máis dunha vez. E non so aos adultos, a imaxe inicial do rapaz diante dun libro, tentando lelo, contando as páxinas que leva e as que lle quedan, pensando se lle dará tempo de rematalo para a data indicada polo profesor..., vexo nel a moitos dos meus alumnos e alumnas. Pasando páxinas sen darse conta do que len, deixando a lectura para os dous ou tres últimos días e sufrindo en certo modo tanto por ter que ler como pola premura do tempo que cae sobre el como unha guillotina.

Pero non so nos fará pensar sobre este tema central. O último capítulo, realmente bo, convértese nun decálogo dos dereitos imprescindibles do lector desde o seu punto de vista. Algo que tamén fará que esbocemos máis dun sorriso aqueles que son lectores desde sempre. Cousas que tamén moitos pensamos nalgún momento aparecerán aquí case como un apoio a certas actitudes que en moitos casos teñen unha consideración negativa. O primeiro dos puntos é o dereito a non ler, non ler nada de nada, sempre e cando apareza como resultado dunha reflexión persoal tras telo feito, tras coñecer o que é ler de verdade. Logo aparecerán outra serie de puntos con ideas como o dereito a saltar páxinas de algunha novela en concreto (con exemplos que non vou mencionar, teredes que velos por vós mesmos e estar ou non de acordo). O dereito a non rematar unha novela, algo que antes non facía, agora algunha vez que hai moitas cousas boas que ler para perder o tempo con algo que non te está a gustar ou non te di nada. O dereito a reler, algo que tamén deberíamos practicar de vez en cando, sobre todo pensando que unha lectura feita na adolescencia non nos dirá o mesmo se a repetimos agora. O dereito a ler calquera cousa...

Pareceume unha lectura moi interesante, con moitas cousas sobre as que reflexionar e pensar e con algunhas ideas para tentar conseguir, sobre todo desde o meu traballo como docente, algúns lectores máis. E non so iso, senón lectores máis reflexivos, con máis atención e moita mellor comprensión. Teño en mente, tras unha nova lectura, tentar algunhas das cousas que aporta o autor e ver se se conseguen bos resultados, ou non, xa o veremos. O que si é certo é que é preocupante esa falta de lectura entre os rapaces de hoxe (desde hai xa uns cantos anos) e habería que buscarlle remedio e solución. Os clubes de lectura que funcionan nalgúns centros de ensino son tamén un posible camiño, pero de momento apúntase poucos, aínda que iso xa é máis do que tiñamos. Sigo a pensar que outro camiño, como apuntei ao principio, e tentar atopar lecturas que poidan gustarlle máis, quizais lonxe dos clásicos de toda a vida, que lles resultan moi áridos, aburridos e demasiado serios. Camiños para formar lectores de verdade e non pasadores de páxinas ou xente que se limita a xuntar palabras. Logo eles xa tomarán a súa decisión, serán ou non lectores, pero temos que abonar ben o camiño, senón non conseguiremos nada. Traballar case como se foran bebés, cos que imos do máis sinxelo ou o que lles pode gustar máis para ir pasando logo a cousas máis serias, so son ideas soltas. En conclusión, unha lectura que aínda que ten uns anos segue completamente vixente. Creo que moitos profesores de lingua e literatura deberían coñecela, case imprescindible, pero tamén é recomendable para todo o mundo, estou seguro de que vai dicirvos máis dunha cousa interesante e sobre a que pensar.







domingo, 2 de septiembre de 2012

"Memphis Beat"



Non é o verán unha boa época para a televisión, todas as cadeas están cheas de reposicións e poucas novidades hai. Comprensible en certo modo, polo menos desde o seu punto de vista, a xente está de vacacións e ve menos a televisión. Aínda así a veces é desesperante sentar pola noite coa intención de ver algo e non atopar nada de nada, incluso nas cadeas de pago, que aínda que algunha novidade presentan, fano con contagotas. Así que tirando das cousas que tiña gravadas sen ver atopeime cona serie que vos deixo hoxe, “Memphis Beat”.

Dúas temporadas de dez episodios cada unha e cancelada ao rematar a segunda. Hai cousas cos temas da audiencia que non acabo de entender. Hai series que sen aportar nada novo continúan ata o incomprensible, dez ou máis temporadas vendo sempre o mesmo. Certo é que algunhas van introducindo elementos novos e fan que aínda partindo do mesmo parezan distintas. Estaba pensando agora na temporada 12 de “CSI Las Vegas”, que cuns cambios de actores e de guións, ten un aire renovado e máis entretido. En cambio outras que non están mal, como é o caso da de hoxe, desaparecen do mapa case sen darte conta. Non é que esta serie sexa algo especial, distinto ou aporte algo novo ás outras do mesmo tipo, pero si ten bastantes elementos como para merecer, creo eu, algo máis e non desaparecer pola porta de atrás, quedando nuns escasos vinte episodios. Pode deberse á falta de éxito ou ao desgaste dos guionistas, non o sei. So sei que levo vistos uns sete capítulos e está a resultarme moi entretida e atractiva, sobre todo por unha serie de cousas que contarei despois.

Tema central, o de infinidade de series americanas, a policía. Neste caso estamos na cidade que indica o título, Memphis, o berce de Elvis Presley, o rey do rock e de boa parte das grandes estrelas da música americana. E aquí unha das novidades do plantexamento da serie e a que máis me gusta. A música e o personaxe de Elvis son elementos centrais das historias. O protagonista é un inspector da policía, Dwight Hendricks, que podemos dicir que está obsesionado con esta gran figura (un dos meus favoritos musicalmente falando). O salón da súa casa está integramente adicado a el, fotos, figuras, portadas de discos e case calquera cousa que podades imaxinar. Pero non so iso, ademais de traballar do departamento de policía Diwght dedícase a cantar, sobre todo cancións do seu ídolo. Así en cada episodio, en unha ou dúas ocasións, unha sempre ao final, verémolo no escenario do típico bar americano interpretando algunha destas cancións. Máis homenaxes, os títulos de cada un dos capítulos tamén son de cancións coñecidas de Elvis. Pero non so iso, a música é unha constante na serie, soando sempre de fondo ou como acompañamento das escenas de cada capítulo. Grandes clásicos do rock, do soul ou do blues irán aparecendo pouco a pouco. Xa os títulos de crédito con unha declaración de intencións, cunha boa canción de fondo e unha homenaxe estética aos anos 60 e o que os rodea. O protagonista conduce un coche clásico da época, un Pontiac GTO de 1964 e incluso a súa aparencia, sen chegar a caer no ridículo, parece un pouco “pasada de moda”. En outras escenas teremos uns fabulosos riffs de guitarra que tamén merece a pena escoitar. Non o vou negar, Elvis encántame e a estética dos 60 tamén, así como os outros xéneros musicais que mencionei, así que esa debe de ser unha das razóns fundamentais para que me estea a gustar esta serie.


Tampouco é que sexa, en xeral e como dixen, nada novo, outra máis da típica parella de policías máis ou menos distintos que traballan xuntos. Case todos os tópicos deste tipo de series está presente e poucas cousas novas atoparemos. A maior parte dos casos que teñen que resolver presenta un certo aire de denuncia social. Non son os típicos asasinatos ou roubos relacionados con mafias, drogas ou cousas dese tipo. Imos atoparnos con abusos infantís, violencia de xénero, abusos a persoas maiores, problemas familiares... Este quizais sexa outro dos elementos que fan que sexa algo distinta ao resto, pero tampouco demasiado. Os dous protagonistas son moi simpáticos, como sempre dúas personalidades distintas. Dwight é o sensible, reflexivo e moi intuitivo, preocupado por todo o mundo e buscando sempre a forma correcta de facer as cousas, cunha idea algo especial da xustiza. O seu compañeiro é Charlie “Whitehead” White, algo maior que o outro e un pouco máis seco, serio e directo. Como sempre nestas series aparecerá o enfrontamento co seu xefe, neste caso a tenente Tanya Rice, que acaba de chegar ao departamento e quere impoñer a súa maneira de facer as cousas. Claro que verá que iso non é fácil e terá que chegar, ao igual que os seus subordinados, a un punto intermedio no que traballar dunha maneira correcta e adecuada. E tamén teremos ao axente de uniforme que soe ser algo especial, neste caso é Davey Sutton, amigo dos protagonistas e co que contarán en máis dunha ocasión.

Os casos están ben montados e resultan interesantes, como sempre con varios sospeitosos entre os que elixir para facer máis interesante o desenvolvemento. Gústame ese fondo digamos social de todos eles, implicando case sempre a xente normal e non a verdadeiros delincuentes como pasa en outras series. Ese aire de denuncia social tamén me parece interesante e moitas veces son persoas maiores, nenos ou xente desvalida ou problemática os que sofren as consecuencias dunha violencia non merecida ou gratuíta. O capítulo inicial da primeira temporada marca un pouco as pautas e pareceume unha historia realmente dura, tratada en todo momento desde o cariño e a sensibilidade. En xeral de todos os que levo vistos gustoume bastante ese aire que teñen. Ademais, para ser unha serie policiaca, non é excesivamente violenta nin prima a acción sobre a trama. Os casos son duros, iso si, pero sen cebarse demasiado neles. É máis o que se supón e non se ve, que as veces é peor, que o que contempla directamente o espectador.

En canto aos actores o máis coñecido é o protagonista. O papel de Dwight Hendricks está interpretado por Jason Lee, un actor que case sempre me gusta. Coñecido por algunhas series anteriores, como a divertida “Me llamo Earl” e tamén con algunhas aparicións no cine. O resto son caras máis ou menos coñecidas da televisión e do cine, pero ningunha demasiado destacable. Como curiosidade comentar que un dos produtores da serie é o coñecido actor George Clooney. De paso tamén xa vos digo que non é Jason Lee o que canta na serie, fixéronlle algunhas probas pero a cousa non parecía ir demasiado ben, así que a voz é de un cantante pouco coñecido e que se chama Mark Arnell. Tamén engadir que a serie ten un disco coa maior parte das cancións da mesma, moi recomendable tamén. Gustaríame deixarvos algúns vídeos máis dos que poño para ilustrar o comentario, pero a maior parte están desactivados para insertalos, supoño que a petición da produtora da serie.

Vinte capítulos que quizais saiban a pouco, a min creo que me vai pasar iso. Sen ser unha marabilla e sen aportar demasiadas cousas creo que merece a pena vela. É unha boa serie dentro do xénero das parellas de policías, bastante ben feita e con moito ritmo. Centrada non so nos casos que teñen que investigar, senón que tamén ten momentos nos que coñeceremos a vida dos protagonistas, os seus problemas, amistades, familias e esas cousas. A min paréceme entretida e os casos teñen un bo desenvolvemento. Se a iso lle sumamos o que comentei sobre o tema da música temos unha boa forma de pasar corenta minutos entretidos. Creo que aqueles aos que lles guste este tipo de música deben de tentar recuperala de algunha maneira, por aquí creo que de momento so apareceu en canais de pago, en concreto AXN. Se aparece por algún da TDT non vos despistedes, está algo por riba da media do xénero.



domingo, 26 de agosto de 2012

"Un mal paso", Alejandro Pedregosa



Interesante e entretida esta novela que vou recomendar hoxe. Unha historia que me chegou a través da recomendación do meu pai, de paso un recoñecemento para ambos, sempre houbo un libro en casa (moitos máis que un, máis ben) e contaxiáronme desde moi pronto a afección á lectura. Un autor do que non sabía nada e iso que non é a súa primeira novela, e unha historia que me atrapou desde o principio. Pareceume moi amena, divertida e intrigante, cun ton irónico moi destacable e con bastantes elementos para facela recomendable. O autor é Alejandro Pedregosa e a novela “Un mal paso”.


Alejandro Pedregosa é un autor nado en 1947 en Granada, poeta e novelista con varios premios no seu haber. É licenciado pola Universidade de Granada en Filoloxía Hispánica e en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. A maior parte da súa produción, e o xénero co que comezou, está dedicada á poesía. Comeza con dous libros deste xénero, “Postales desde Grisaburgo” (2001) e “Retales de un tiempo amarillo” (2002); dúas obras máis completan a súa produción neste xénero, “En la inútil frontera” (2006) e “Los labios celestes” (2008). A súa primeira obra dentro da narrativa é “Paisaje quebrado” (2005) á que seguen “El dueño de su historia” (2008), “Un extraño lugar para morir” (2010) e a que comento hoxe, “Un mal paso” (2011) e que tivo un importante éxito de ventas. Coas súas obras poéticas conseguiu varios premios, entre eles o Premio de Poesía Ciudad de Trujillo (2002), o Premio Nacional de Poesía Paloma Navarro (2004) ou o Premio Arcipreste de Hita (2007). Coa súa primeira novela gañou o Premio José Saramago de Novela Corta concedido en Cantabria no 2004. Non coñezo a súa obra poética, pero esta novela gustoume moito, así que haberá que botarlle un ollo a súa poesía e tamén ás outras novelas en prosa, que polo visto teñen boa pinta.

Estamos ante unha típica novela negra, varias historias que se van cruzar e polo medio un asasinato que resolver, misterios, policías e esas cousas, pero ao mesmo tempo ten unha serie de elementos que fan que sexa distinta e que lle dan un aire algo novidoso, que fan que mereza a pena. Ao empezar a ler atoparémonos con tres historias que non parecen ter conexión. Nun principio coñeceremos a Xavier Huguet, un periodista alcohólico, cunha carreira prometedora que se verá truncada pola súa adicción. O seu amigo Gonzalo, moi preocupado por el, fará todo o posible para que enderece a súa vida e, xa cansado de aguantar, toma medidas drásticas con el. Tras elas ofrécelle unha última táboa de salvación para reencontrarse co periodismo, convertido en Emilio Ribeiro terá que recorrer o Camiño de Santiago enviando as súas crónicas ao periódico barcelonés no que traballan. Se o fai ben e consegue aguantar sen beber e realizar un traballo decente todo podería cambiar para el. A continuación coñeceremos a Martiño, un curioso e coidadoso traballador de imprenta que se verá no paro. Para poder seguir vivindo dedicarase ao traballo doméstico e vai facelo na casa dun especial catedrático de universidade. Este é Fiz, de baixa por depresión e ao que acompaña continuamente unha voz na súa cabeza que lle dá consellos e intervén en moitas das cousas da súa vida, esa voz é a dun gran intelectual galego, Álvaro Cunqueiro. É Ano Santo en Santiago de Compostela, onde ambos viven, e Fiz dedícase a saír polas noites e pegar nas portas de Catedral unha serie de notiñas adhesivas en conta do clero e da próxima visita do Papa, algo no que a policía acabará por intervir. Ademais está a tratamento siquiátrico a causa dos sucesos que provocaron a súa baixa. E en terceiro lugar teremos ao comisario santiagués Suso Corbalán, cos seus problemas persoais e matrimoniais, o seu incompetente axudante Fito e a súa moito máis eficiente colaboradora Carol. Un día recebe a visita do deán da Catedral, Gregorio Andrade, e a restauradora francesa Josephine Lambiere. O irmán xemelgo do deán, Mauro Andrade, desapareceu e ninguén sabe nada del. Suso vai tomalo con calma, pensando en que non é máis que unha escapada, ata que un artigo firmado por Emilio Ribeiro rompe esa idea, a cabeza de Mauro Andrade apareceu nunha das primeiras etapas do Camiño de Santiago. Aquí é onde as historias van empezar a cruzarse, relacionándoos a todos dunha maneira tan fluída como interesante que transcorrerá entre o camiño e as cidades de Santiago e Roma.

Un asasinato e unha serie de personaxes sen nada en común que terán que relacionarse para poder resolvelo. A conexión entre eles está perfectamente levada a cabo e aparece ante o lector como algo completamente natural. Non son so eses personaxes mencionados, haberá outros cunha intervención importante dentro da historia, como algúns fixos cos que Xavier/Emilio vai atoparse ao longo do camiño. Todos eles terán a súa parte na historia, contribuíndo a que o lector teña que ir desprazando as súas sospeitas duns a outros a medida que avanza na lectura. E todos eles, desde os principais ata os máis secundarios están moi ben descritos polo autor, a pesar da brevidade na novela.

Tras as primeiras páxinas pensaba realmente que o autor tiña que ser galego, ademais de situar o centro da acción na cidade de Santiago está a fina ironía que destilan moitas das intervencións dos personaxes, imos dicir que moi galega, así como frases e diálogos que entren directamente dentro do que podemos chamar “retranca” galega. Tamén resulta curiosa a intervención de Cunqueiro como unha voz dentro da cabeza de Fiz, chea sempre de ironía e mala uva. A cidade de Santiago, que ademais é un dos meus sitios favoritos, aparece como un elemento máis dentro da historia, coas súas rúas, os seus bares e os peregrinos, calquera que a coñeza un pouco poderá ver que está moi ben representada. Por iso me resultou curioso que o autor fora granadino, bastante lonxe da realidade que describe con bastante acerto.

Unha das cousas que máis me gustou da historia foi que a lectura faise con moito agrado e con fluidez. A isto axuda unha historia realmente intrigante, con varias liñas de investigación, algúns equívocos e camiños que non levan a onde parecen. Pero o que máis destacaría é o humor co que está contada a historia. Toda ela ten un ton irónico, con frases realmente simpáticas e divertidas por parte de case todos os personaxes. A isto lle sumamos unha serie de situacións inesperadas nalgúns casos, ridículas noutros pero sempre ben metidas dentro da historia. En moitas delas atoparemos un certo ton crítico contra algunhas cousas, desde o periodismo á igrexa, que tamén axudan a facer máis interesante a lectura. En moitos casos un humor fino e traballado, misturado noutros cun de tipo máis groso e directo. Moitos destes momentos saen de dous personaxes, un é case o protagonista, o comisario Corbalán; o outro é Fiz, simpático e cáustico en moitas ocasións, axudado pola voz de Cunqueiro que vai con el cando deixa a medicación.

O estilo é sinxelo e variado ao mesmo tempo. A historia de Xavier está contada en primeira persoa, el mesmo vainos dicir todo o que vai pasando e que el mesmo pensa ante as distintas situacións coas que se vai atopar. As demais están contadas desde o punto de vista dun narrador que o sabe todo, desde o que fan ata o que pensan, un espectador máis dentro da historia. Con poucas liñas da unha gran idea de todo o que nos quere contar. Para min foron moi boas as páxinas dedicadas ao Camiño de Santiago, centradas en moitos casos no camiñar e na paisaxe, tan boas que dan ganas de facelo.

Unha novela de algo máis de trescentas páxinas que se me fixo moi curta, líase con moita fluidez e é moi entretida, sempre cambiando de escenario e de personaxes para atrapar ao lector dentro desa historia que non se sabe moi ben por onde vai. Varias liñas de investigación que farán que o lector pregúntese cal é a acertada, algo que seguramente non descobrerá ata o final. Unha historia moi entretida que igual perdía se non ma chegan a recomendar. A min gustoume moito, unha boa lectura para a época estival, con algunas cousas moi destacable. Un autor que creo que seguirei. Aí queda a recomendación, espero que vos guste e vos entreteña tanto como a min.




jueves, 26 de julio de 2012

"El Caballero Oscuro: la leyenda renace"



Outro comentario sobre cine antes de tomar un pequeno descanso vacacional. Nuns días toda a familia estará de vacacións e haberá que dedicarse á praia, saír, descansar e esas cousas, a finais de agosto volveremos coa regularidade habitual.

No anterior xa vos dicía que estreaban unha nova cinta de superheroes e que iría vela en canto puidera, pois aquí está, dous días despois da estrea alá fomos, unha calurosa tarde de verán case ideal para estar fresquiño no cine. Ademais a película gustoume moito, creo que é a mellor saga a todos os niveis, tanto no que se refire á historia, á posta en escena, dirección, interpretacións... Nalgunha ocasión cando fago comentarios sobre este xénero de películas teño dito que moitos directores queren darlle tanta transcendencia aos personaxes que lles queda algo a medio camiño entre un drama e unha película de acción. Neste caso ese aire de seriedade que se lle da a este personaxe está tan ben feito que da lugar a unha película realmente boa, creo que moi por riba da media habitual. Outras son máis entretidas, máis simpáticas ou máis espectaculares, pero creo que neste caso falamos de cine de verdade, ben feito, cunha historia e con algo máis que efectos especiais e esas cousas. Falo da terceira entrega da saga do Cabaleiro Escuro, estreada recentemente, “El Caballero Oscuro: la leyenda renace”.

Creo que Batman é o personaxe que máis pasou polo cine nestes últimos anos, case sempre con bos resultados e no caso destas tres últimas penso que cun aire de calidade e bo cine e tamén varios puntos por riba do resto das cintas dedicadas ao mesmo personaxe. Varios directores pasaron polas súas historias, desde Tim Burton (que non estaba mal, pero quizais algo irregular) a Joel Schumacher, pero ningún como o destas tres últimas, Christopher Nolan. Ademais de darlle un novo impulso creo que é o que mellor soubo coller o camiño correcto para este tipo de cine, unha mistura entre calidade e entretemento cunha dirección impecable, unha ambientación marabillosa e a perfecta conxunción entre cine de acción e unhas historias algo máis desenvolvidas que noutros casos. Das súas películas anteriores destacaría a curiosa “Memento” e unha que xa apareceu comentada por aquí e que tamén me gustara moito, “Origen”. Todas teñen a súa marca, unha forma especial e distinta de facer cine e revitalizar con algo de calidade xéneros como o de acción, sempre con algún elemento novidoso e chamativo.

Do mesmo modo varios actores pasaron polo personaxe no cine. Recordemos, claro está, ao primeiro, Adam West, naquela serie dos anos sesenta con bastantes cousas que destacar e que segue a chamar a atención hoxe en día. Bruce Wayne foi interpretado no cine por actores moi coñecidos, Michael Keaton, Val Kilmer ou George Clooney e sinceramente ningún dos tres chegou a convencerme por completo. Nestas tres últimas creo que acertaron de pleno, Christian Bale déixanos un Batman como a película, misterioso e escuro, prepotente e débil ao mesmo tempo. Penso que por un lado máis humano que outros e máis superheroe que calquera dos demais. É un actor que sempre me gustou moito en todo o que fai e aquí segue igual, mellor que ben. Gústame moito a forma que ten de plasmar ao personaxe e non creo que poida haber outro (nunca se sabe) que o faga mellor.


A cinta é a terceira e polo que se di última (unha pena, a verdade) firmada polo mesmo director e plantel de actores. A primeira foi “Batman Begins” (2005), seguida por “El Caballero Oscuro” (2008). Xa a primeira entrega pareceume moi boa, nominada ao Óscar en varias categorías. A segunda creo que é a mellor película do xénero que vin ata o momento, realmente impresionante en todos os sentidos. Esta terceira creo que está moi cerca, moi parecida no ton xeral á anterior e creo que é o colofón perfecto para a triloxía. Non sei se ao final haberá algunha máis ou non, pero será difícil superar a media destas tres, quizais sexa mellor rematar así que esgotar ao personaxe e a forma de concibilas como pasou con outras sagas deste ou doutros xéneros.

A historia comeza oito anos despois do final de “El Caballero Oscuro”, asi que mellor recuperala antes para non despistarse. Ao final desta Batman quedaba case como un criminal asasino e Bruce Wayne feito po tras as múltiples feridas provocadas polo enfrontamento final. Tanto que decidira que Batman xa non aparecería máis, que a súa vida como heroe rematara para non volver. Wayne vive recluído na súa mansión, recuperándose das lesións e case sen saír ao mundo exterior. Pero claro está, isto non pode seguir así, algún criminal poderoso terá que aparecer para que Batman e os seus aparatiños volvan a escena. O antagonista neste caso será Bane, un misterioso home cunha estraña máscara que non se sabe moi ben de onde saíu. Quere acabar coa cidade de Gotham e instaurar un reino de anarquía e terror, sen orde nin policía onde sexan os delincuentes os que campen as súas anchas. Polo medio ademais unha inesgotable fonte de enerxía nuclear que aínda non funciona á perfección, pero que tamén pode volverse en contra da xente e converterse nunha poderosa bomba atómica. Todo isto fará que Wayne teña que volver a súa escura cova e que Batman volva para salvar á cidade da destrución e o caos.

A historia está na liña do xénero e o plantexamento e o desenvolvemento é moi bo. Quizais Batman non sexa o protagonista absoluto e a cinta céntrase máis nos personaxes e tamén, claro está, na forma de ver a vida e de vivila de Bruce Wayne. Quizais un pequeno defecto é que ten algúns momentos dentro do argumento que recordan demasiado a outros das anteriores, pero aínda así non desmerece do ton xeral da historia.

Ademais da gran dirección, que mantén o ton xeral da saga e que me segue a parecer excepcional, hai que destacar a todos os actores que aparecen na mesma. Todos están realmente ben, dándolle ese aire de calidade por riba da media do xénero. Grandes actores e outros moi coñecidos pasaron sempre por todas as historias do personaxe, pero creo que nesta triloxía a elección é perfecta. Desde Michael Caine interpretando ao mordomo, pero sobre todo amigo, do protagonista, un Alfred perfecto. Gary Oldman é o comisario Gordon, outro dos habituais do cómic e tamén xenial no papel. Morgan Freeman é Fox, o encargado de todos os complementos e espectaculares medios de transporte do superheroe. Anne Hathaway é un dos personaxes femininos, interpreta a Selina, unha ladroa de xoias enfrontada a Wayne e a medio camiño entre ambos bandos; tamén está moi ben, sobre todo tendo en conta que estamos acostumados a vela noutro tipo de papeis. E destacar a Joseph Gordon-Levitt, un dos protagonistas. Fai o papel de Blake, o policía uniformado que está convencido de que Batman non é un asasino e que será fundamental para o desenvolvemento da historia. Varias caras coñecidas máis completan un listado de actores que cumpre á perfección e que lle da unha grande credibilidade á trama.

Como as outras é unha película escura, dramática e violenta en moitos momentos. Neste caso e gracias á mestría na dirección e as interpretacións ese aire de seriedade e transcendencia non lle queda nada mal, ao revés, é un punto a favor porque non aparece como algo forzado nin fóra de lugar. A mistura entre escenas de acción e momentos de diálogos é perfecta e a ambientación contribúe a darlle ese aire de gran película. Claro que vin outras do mesmo xénero máis entretidas ou espectaculares, pero creo que non mellores. Como bo cine creo que Nolan como director e Bale como actor protagonista (ademais de todos os demais) deixan o listón moi alto, tanto que non creo que sexa sinxelo de superar.

Unha gran película, dúas horas e tres cuartos que se me pasaron nun suspiro, había tempo que non se me pasaba tan rapidamente unha cinta tan longa, a verdade. A pesar de que a acción está perfectamente dosificada non é a raíña da metraxe, e aínda así non se fai aburrida nin lenta en ningún momento. Tampouco é a típica na que os efectos especiais están por riba da historia ou dos personaxes, outro punto máis ao seu favor. O máis importante son os personaxes e o desenvolvemento dos mesmos, as relacións entre eles, os enfrontamentos e, sobre todo, a idea da superación. É unha historia dura, con momentos realmente violentos e con máis dunha sorpresa no argumento. Para min case a película de superheroes perfecta, ou a triloxía perfecta mellor dito. Para os afeccionados é imprescindible e os que non o sexan deberían de pensar en velas por orde, estou seguro de que non vai decepcionalos.

E aquí vos deixo o primeiro Batman que vin.

jueves, 19 de julio de 2012

"The amazing Spiderman"



Pois hoxe vai outra de cine, curioso que esteamos a ir un pouco máis agora que en inverno, pero con este estraño verán que temos pola esquina noroeste as opcións quedan un pouco reducidas. A carteleira segue sen ser nada doutro mundo e non é fácil escoller unha película porque non hai demasiadas que chamen a atención, quedan poucas onde elixir. Xa deixei patente en varias ocasións as miñas preferencias polas historias de superheroes e todas as estreadas ultimamente foron aparecendo comentadas aquí. A verdade é que a este de hoxe lle tiña unhas ganas relativas, sobre todo porque tampouco é que vira a necesidade de que nos volveran contar máis ou menos a mesma historia que tiñamos visto antes e fun vela cunha certa predisposición, con algo de neutralidade. Pois ao final foi unha grata sorpresa, creo que responde algo mellor ao espírito do personaxe, que o actor protagonista está algo mellor e a película en liñas xerais é máis entretida e emocionante que a súa, digamos, versión anterior. A cinta é “The amazing Spiderman”, que sigo sen saber por que non pode ser, simplemente, “O incrible Spiderman”, que xa está ben de manter eses títulos en inglés.

De todos modos a historia que nos vai contar xa é sabida, o nacemento do personaxe, como Peter Parker convértese en Spiderman e as cousas que lle traerá o cambio, de ser un rapaz gris, que pasa desapercibido ao superheroe que todos coñecemos. A grandes rasgos é a mesma historia que nos contou Sam Raimi en 2002 e que tivo dúas continuacións no 2004 e 2007 co mesmo plantel de actores. Esta é a gran razón para pensar que unha nova película debería seguir co personaxe, e non contarnos o mesmo, sobre todo cando so pasaron dez anos desde a estrea da anterior. Aínda así sendo a mesma historia ten algunhas cousas lixeiramente distintas, pero que non son suficientes para xustificar esta estrea. Parece máis un intento de revitalizar ao personaxe con vistas a algunha película máis, ao haber cambio de actor e esas cousas. A idea igual é esa, pero non o teño claro, o éxito da cinta está a ser discreto e non está garantida a súa continuación.

Agora vemos que Peter Parker vive cos seus tíos trala morte dos seus pais e que o seu pai dedicábase á investigación xenética. Buscando noticias dos seus pais irá a un laboratorio de experimentos xenéticos, aí será onde o pique a famosa araña que o converterá en Spiderman. De novo veremos como o seu tío é asasinado por un ladrón e el séntese culpable. Acostumándose pouco a pouco aos seus novos poderes (que neste caso é algo que se explota algo menos que na outra, é algo máis directo, supoño que partindo da idea de que o espectador xa o sabe) irá buscando ao asasino e evolucionando na forma de ver o seu novo poder e como usalo. Polo medio, como está mandado, o personaxe de Gwen Stacy, a rapaza da que está namorado desde sempre e o enfrontamento co o seu antagonista nesta historia.


O director é Marc Webb, unha das súas primeiras películas e que ven do mundo da televisión. Quizais nalgúns momentos fáltalle a forza visual de Sam Raimi, pero aínda así non está mal. Iso si, ao estar pensada para a súa estrea en 3D ten algunhas escenas nas que se nota que se quere provocar un certo efectismo no espectador que vaia vela con gafas, nos vímola en versión normal e quizais a presencia dese tipo de escenas era algo esaxerada. Andrew Garfield é o actor protagonista, que tamén ven fundamentalmente da televisión e con algunha película máis no seu haber. Nalgúns sentidos gustoume máis que Tobey Maguire, quizais ten algo máis de personalidade, non nos deixa un Peter Parker tan débil e torturado, tan triste nalgúns momentos, que era algo que non me gustaba demasiado dese actor cando interpretaba ao superheroe. En liñas xerais creo que o personaxe gaña algo co cambio de actor, pero evidentemente é so unha cuestión de preferencias persoais.

No que se refire á película en si xa dixen que en xeral gustoume algo máis que a primeira da anterior serie. Creo que é un pouco máis entretida, con algunhas escenas máis emocionantes e cunha relación entre os personaxes menos triste, menos centrada no sufrimento do personaxe central e máis cara ao lado do bos que son os seus poderes e como pode usalos. Como algunhas cousas xa as sabemos pasa algo por riba delas e iso fai que gañe algo en ritmo, aínda que tamén se perden outras. Con respecto ao cómic hai unha serie de elementos que desapareceron e bótanse de menos, pero non os vou contar para non desvelar demasiado. Hai unha serie de fíos da historia clásica de Spiderman que desaparecen e nese sentido non me gustou demasiado, son constantes do personaxe que non se poden eliminar así como así, penso eu.

Dúas horas e vinte que se pasan con bastante rapidez. A película ten ritmo e é moi entretida, con algúns toques de humor ben metidos dentro da historia e que lle quitan ese aire de transcendencia que sempre se lle quere dar a este personaxe, non sei moi ben por que. Para pasar o rato non está mal e a nós gustounos moito, pero sigo a pensar que esta nova versión é case prescindible e innecesaria, prefería unha nova aventura do personaxe, con novos enfrontamentos e non ver de novo máis ou menos o mesmo. Recomendable se a carteleira non ofrece moito máis, os afeccionados ao xénero posiblemente non deberían deixala pasar, pero se o fan tampouco pasaría nada. Agora a esperar á fin de semana do 20 deste mes para ver a nova entrega dunha das mellores sagas que hai con este tipo de personaxes, Batman, que nesta serie do Cabaleiro Escuro creo que alcanza cotas moi altas, tanto no visual como no argumental.

E para os nostálxicos e para que alucinen os máis novos, déixovos un pequeno vídeo do primeiro Spiderman que vimos sen ser de animación, unha serie de televisión dos anos 70, non vou dicir o que riron na casa os meus fillos cando llo ensinei e lles comentei, creo recordar, que a vin enteira, o que cambian as cousas.

viernes, 13 de julio de 2012

"22/11/63", Stephen King



O autor de hoxe creo que é dos que máis apareceron por este blog de momento, xa dixen en varias ocasións que era un dos meus novelistas favoritos escriba o que escriba e que son un fan incondicional de todas as súas obras. Como todo autor bastante prolífico ten de todo na súa produción, pero ata as que menos me gustaron superan con algo a nota media e creo que ningunha me decepcionou. Certo é que nestes últimos anos andaba un pouco frouxo, pero as súas últimas historias fixéronme recuperar ao autor do que tiña un gran recordo, cun aire as súas primeiras e boas novelas. Falo de Stephen King e neste caso o seu último libro, “22/11/63”, que me pareceu realmente bo dentro do xénero. As dúas últimas que comentei gustáranme bastante, tanto “La cúpula” (que so me deixou algo frío ao final) como os catro excepcionais contos de “Todo oscuro, sin estrellas” (esta máis que a anterior) fixéronme volver aos anos das súas grandes novelas, tanto en entretemento como en tensión. Con esta de hoxe creo que King escribiu unha das súas mellores novelas dos últimos anos, superior con moito á anterior, sempre falando das súas novelas longas, non das coleccións de contos, que sempre me pareceron realmente boas.


Neste caso estamos dentro do mundo das viaxes no tempo. Algo que parece que volve a estar de moda en varias novelas actuais, desde as comentadas aquí de Félix J. Palma a outras que irán aparecendo por aquí comentadas. Atopámonos loxicamente cunha novela de xénero fantástico, pero cun aire de verosimilitude e credibilidade bastante alto. No epílogo final o autor fala do traballo de documentación que fixo, bastante serio, para reflectir tanto a época como os acontecementos que se narran, en gran parte baseados en feitos históricos aos que King dálle o punto perfecto de imaxinación. Moitos dos personaxes que aparecen na novela, non os directamente protagonistas, son reais e vainos contar algúns feitos, situacións e momentos que ocorreron na realidade deses anos. Centrado no asasinato de John Fitgerald Kennedy en Dallas na data que da título á novela e nunha persoa que vai tentar evitalo. Lee Harvey Oswald será un dos personaxes centrais, contándonos ademais a historia do mesmo, unha historia que en xeral descoñecía, interesante e curiosa, con moitos elementos que me resultaron máis que interesantes.

O protagonista é Jake Epping, un profesor de literatura inglesa no pequeno instituto de Lisbon Falls, por suposto en Maine (marco de gran cantidade de novelas do autor). Separado da súa muller, alcohólica, tamén imparte clases nocturnas para adultos. Nunha desas clases pide aos seus alumnos que lle presenten unha redacción na que lle conten un acontecemento que fora fundamental para o desenvolvemento das súas vidas. Nunca imaxinará o que vai ler pouco despois nas páxinas que lle presenta o conserxe do instituto, un home coxo ao que todos os alumnos vacilan e mortifican. Harry Dunning vaille contar como, nunha noite de Halloween de cincuenta anos atrás, o seu pai volve a casa (estaba separado da súa nai) para matar cun martelo a súa nai, o seu irmán e á súa irmá, un feito que vai marcalo de por vida e que deixará a Jake completamente impactado. A súa forma de ver a vida cambiará e máis vai facelo pouco despois. É habitual dunha hamburguesería, que dirixe o seu amigo Al e que se está a quedar case sen clientes coa sospeita de que as hamburguesas son demasiado baratas como para non esconder algo máis que carne. Al cóntalle algo incrible, ao fondo do almacén do seu negocio hai un burato no tempo, un sitio que te leva sempre ao mesmo momento puntual e ao mesmo sitio, pero do ano 1958. Durante moito tempo Al estivo usándoo para ir ao pasado e tentar cambiar algo que o ten obsesionado, evitar o asasinato de JFK en Dallas cinco anos despois. Pero agora ten un problema, un cancro terminal que impide que leve a cabo esta misión. Durante moito tempo estivo a recompilar datos, levando un diario do que fixo, seguindo a Oswald, sobre todo para saber antes de actuar se estaba so ou formaba parte dunha conspiración para asasinar ao presidente dos Estados Unidos. Os seus días rematan e quere que Jake tome o relevo para levar a cabo a misión. O mellor de todo é que pase o tempo que pase no pasado no presente so transcorren dous minutos. Jake dubida da historia, pero fai unha entrada rápida e atópase de repente noutro lugar e noutra época, en 1958, así que non lle queda máis remedio que crer a incrible historia. Ademais hai outra cousa que quere facer, tentar evitar tamén que o pai de Harry Dunning mate a toda a súa familia para poder darlle a todos eles un novo futuro. Convertido en George Amberson irá ao pasado, vivirá nel, traballará, convivirá cunha época que case chegará a gustarlle máis que a súa. Coñecerá a moita xente e seguindo as notas de Al seguirá a traxectoria de Oswald ata chegar ao ano 1963, pero todo o que pasará teredes que lelo, que non volo penso contar. Conseguirá evitar o asasinato de Kennedy e cambiará o futuro?

Esta é a historia que nos deixa King, unha historia máis que interesante, curiosa e, sobre todo entretida, tanto que as cen últimas páxinas tiven que lelas ata altas horas da noite, non era capaz de deixalo sen saber como ía rematar a historia. Cambiar o pasado é algo que aparece en moitas historias e en todas elas ese cambio ten fortes implicacións para o presente desde o que se tenta cambiar. Pero neste caso o autor introduce un novo elemento, o pasado non se deixa cambiar facilmente e Jake atoparase con continuos reveses nas cousas que pretende facer e que lle parecen sinxelas nun principio. Irá aprendendo a medida que avanza, pouco a pouco e con calma, tentando non cometer ningún erro e moito menos que alguén descubra que non é quen di ser. En moitos momentos atoparase cunha vida que lle gusta moito máis que a que leva na súa época real e as dúbidas, as ganas de quedar, serán fortes, así como a misión que lle encargou Al, que as veces parece moi fácil e outras non tanto.

A ambientación é realmente xenial. Estamos nos anos 69 en Estados Unidos, unha época chea de fascinación en moitos momentos. Os grandes coches, a vida nas pequenas cidades americanas (pasa por varias e todas elas distintas), a música, os adolescentes..., todo contribúe a darnos unha idea realmente boa de como era a vida nesa época. Detalles que axudan ao marco, como por exemplo, que todo o mundo fuma e en todo momento (nese sentido recordoume á imprescindible serie “Mad Men”, ambientada a mediados dos sesenta e coa que ten algunhas cousas en común), algo ao que Jake, que vén dun mundo distinto nese sentido, tarda en afacerse. Moitas axudas para esta ambientación histórica, personaxes do momento, músicos e cancións que moitos coñecerán ou feitos históricos son elementos fundamentais e mostran o traballo do autor nese sentido.

Para os fans do autor son, como case sempre, múltiples as referencias a constantes da súa obra ou a momentos doutras novelas. A mención imprescindible ao pobo de Castle Rock, que aparece case sempre nas súas historias dun modo ou doutro. A prisión de Shawshank tamén se menciona, onde transcorría a xenial “Cadea perpetua”. Asasinos disfrazados de pallaso... Xestos para os habituais das súas novelas ou contos.

Para min a mellor novela que publicou nestes últimos anos e penso que unha das súas mellores historias. O plantexamento é perfecto e todo está engarzado dun modo xenial. Como sempre con ese estilo fluído, visual e as veces estremecedor polo directo que é e que fai que non poidas deixar de ler en moitos momentos e teñas que seguir para ver que vai pasar a continuación. Unha fábula do tempo, das cousas que poderíamos cambiar e os efectos que poderían ter se o fixeramos. Cunha perfecta conxunción entre os personaxes de ficción e os históricos (que non son poucos e polo lido no epílogo cunha fidelidade histórica bastante alta) que fai, como xa dixen, que dentro do ficticio sexa case crible. Unha novela que podería gusta a todos aqueles que non sexan demasiado afeccionados ás historias de Stephen King, imprescindible para os fans.


sábado, 7 de julio de 2012

"El enigma del cuervo"



Hai uns meses, vendo tráilers das próximas estreas, atopeime con este, que me chamou bastante a atención. Unha historia con ambiente victoriano e que ademais tiña como protagonista a un dos meus autores favoritos e do que creo que no seu momento lin case todo, xa hai algúns anos. Tiña boa pinta en varios aspectos e aproveitando que o tempo de momento non deixa facer demasiadas cousas relacionadas co verán tocou cine unha tarde destas. O título orixinal en inglés é “The Raven” (“O corvo”), o máis famoso poema de Edgar Allan Poe, que nesta cinta convértese no protagonista, aquí estreouse como “O enigma do corvo”, quedo co orixinal, máis directamente relacionado cun dos grandes poemas da literatura americana.

A historia comeza a finais do mes de outubro de 1849, poucos días antes da morte de Poe. Son os seus últimos días, un home atormentado, cheo de medos e case incapaz desde hai tempo de escribir algo bo que publicar. Non ten diñeiro, non ten recoñecemento e poucos saben del. Medio traballa publicando artigos de crítica literaria nun periódico que o que en realidade quere son novos contos, novas historias que tiñan un certo éxito, pero a súa imaxinación parece esgotada. O único que lle serve de consolo é a súa relación con Emily Hamilton, a filla do adiñeirado capitán Hamilton, que non ve nada ben esa relación e quere acabar con ela. De repente a policía atópase cun misterioso dobre asasinato, unha nai e a súa filla aparecen mortas nunha habitación pechada, algo que os desconcerta. O encargado do caso será o detective Fields, un intelixente e agudo investigador que pronto desvela o misterio e ademais nota que a escena do crime reproduce algo que leu hai un tempo, un relato de Edgar Allan Poe. Así que o primeiro que fará será interrogar ao escritor, o primeiro sospeitoso do caso. Pero pronto descubrirán que el non ten nada que ver cos asasinatos, tanto con ese como co seguinte. Atopámonos ante un misterioso e cruel asasino que vai reproducir varias escenas de outras historias curtas do autor. E non so iso, aproveitando unha festa e a súa relación con “A máscara da morte vermella” vai secuestrar a Emily, a amada de Poe, deixando unha carta ademais para a policía e deixando claro que a intervención do autor será fundamental. Seguirá asasinando e deixando pistas para poder saber onde se atopa a secuestrada, pero ademais, a cambio, obrigará a Poe a escribir novas historias de terror e misterio relacionadas tanto co secuestro como cos distintos asasinatos. Poe terá que volver a escribir se quere rescatar a Emily das garras do brutal asasino.

O director é James McTeigue, especializado en cintas que misturan acción e ficción. Foi asistente de dirección en todas as entregas de “Matrix” e a súa primeira película como director foi “V de Vendetta”, unha cinta que empecei a ver con algúns reparos pero que logo gustoume bastante. A seguinte foi “Invasión”, unha prescindible versión do clásicos “La invasión de los ladrones de cuerpos”. Esta de hoxe é a última polo momento e gustoume bastante, aínda que penso que lle falta algo para poder facer dela unha película máis decente do que é.

En canto aos actores o papel de Poe está interpretado por un deses actores que sempre me gustan, John Cusack, sempre convincente. Neste caso déixanos un Poe pálido, atormentado, triste e agoniado, sufrindo por unha vida que non sabe moi ben por onde vai e logo moito máis polo secuestro e o tormento de ver que alguén segue os seus contos para matar xente. Ten moi bos momentos pero quizais nalgún fáltalle algo máis, non sei moi ben o que, quizais Cusack quixo reflectir eses últimos días da vida de Poe, que na realidade histórica apareceu vagando polas rúas de Baltimore para acabar morrendo nun hospital (sen que se saiba moi ben de que, fálase de sífilis, tuberculose, alcoholismo..., outro misterio, xa que os papeis nos que quedaba constancia da mesma desapareceron). De todos modos gustoume bastante no papel e quizais estea cerca do que foi o autor neses últimos días. O outro actor principal é o que interpreta ao detective Fields, Luke Evans, non con demasiado cine aínda, pero que me gustou moito, quizais algo máis que Cusack. É o home de acción, intelixente e que non se rende ante nada. Tamén é certo que quizais sexa un papel algo máis lucido e non tan suxeito a tentar manter unha certa imaxe como personaxe de ficción enfrontado a outro que non o é, pero haberá que seguir a súa carreira, porque promete bastante. E o terceiro papel cunha certa importancia dentro da historia é o de Emily, interpretada por Alice Eve.

A película está algo por riba da media, pero creo que lle falta algo, pouco, para ser mellor. Quizais falle algo en emoción, ten intensidade pero a veces non se transmite ao espectador. O misterioso asasino é, como sempre, un elemento para manter a atención, xa que ata o final non saberemos nin quen é nin por que fai o que fai. Tamén chega a un final quizais algo collido polos pelos e cunha explicación máis ben pouco clara. De todos modos a ambientación, ese Baltimore de finais do século XIX, é moi boa e é un elemento máis dentro da historia. Unha cidade escura, case toda a acción transcorre de noite ou en escenarios escuros, o teatro, as cloacas, as rúas...contribúen a darlle ese ambiente que tan ben se podía percibir nos relatos de Poe. Ese é outro elemento que quizais poderían ter aproveitado máis. A relación dos asasinatos cos contos do autor é realmente boa, pero podería ser máis directa, máis clara e tela estirado un pouco máis. Nese sentido penso que poderían ter feito unha película algo máis longa, queda en hora e media xustiña, e aproveitar máis esas historias e a súa relación coas mortes. De todos modos creo que é un bo reclamo para todos aqueles que non os leron, creo que tras ver a película terán ganas de facelo. No meu caso xa os lin hai moitos anos, pero creo que este verán vou recuperalos e volver disfrutar da lectura de, para min, algunhas das mellores historias de terror gótico que nunca se escribiron e que foron fonte de inspiración para moitos autores posteriores e que aínda hoxe seguen a selo.

Gustounos moito a todos na casa, así que merece a pena e é recomendable, sobre todo unha carteleira que neste momento non ofrece case nada decente que ver, a verdade. A historia é entretida e consegue manter a atención sen chegar a aburrir en ningún momento, que xa é bastante. A ambientación e as interpretacións son moi boas e so creo que non aproveita algunhas cousas que podería usar, facendo que quede algo máis simple do que podería ser. Impresionante o aproveitamento nunha curta escena pero impactante de “O pozo e o péndulo”. Tamén outra vía para recuperar todas as cintas que a produtora inglesa Hammer fixo sobre os relatos de Poe, moitas delas protagonizadas polo xenial Vincent Price, unhas películas que vin na miña xuventude e das que gardo un recordo realmente bo. Unha boa maneira de volver a un dos máis grandes autores da literatura americana e universal, un autor que non conseguiu case recoñecemento durante a súa vida, algo que o torturaba, pero que é imprescindible para a historia da literatura, e non so a de terror. Hai pouco, ao fío do comentario dunha novela de Félix J. Palma, falaba de que unha das miñas novelas favoritas era “As aventuras de Arthur Gordon Pym”, o seu autor era Edgar Allan Poe, a súa única novela, así que volvo a facer a recomendación, imprescindible.


viernes, 29 de junio de 2012

"Jesús me quiere", "Yo, mi, me...contigo", David Safier


Hai unhas semanas atopei por aí unha pequena novela dun auto ao que lía moito hai anos e ao que recorría case sempre que quería pasar un rato divertido, porque era algo garantido. É un autor español creo que menos valorado do que debería por varios motivos. Sempre innovador, cun sentido do humor entre ridículo e xenial, un dos mestres da novela humorística sempre cun tratamento orixinal e distinto. A novela, que non coñecía, era “Novísimas aventuras de Sherlock Holmes”e o autor Enrique Jardiel Poncela. Non vou falar desta novela, aínda que vola recomendo para pasar un bo rato, así que vos preguntaredes a que ven esta introdución. Hoxe vou comentar dúas novelas dun autor ao que en certo modo relaciono con Jardiel, porque ao ter recente unha das súas historias e ler as dúas de hoxe dinme conta de que teñen moitas cousas en común. Non sei se o autor de hoxe coñece a Jardiel Poncela, teño as miñas dúbidas máis que nada porque é un novelista alemán actual e non sei ata que punto as historias do noso autor terán chegado ata alá, pero si é certo que ese humor ridículo, relacionando cousas que non teñen demasiado que ver, con frases entre críticas e cáusticas está presente en ambos autores. Incluso houbo momentos nos que tiña dúbidas de a quen estaba a ler. O autor de hoxe é David Safier e as súas dúas últimas novelas, “Jesús me quiere” e “Yo, mi, me...contigo”.


Comentei a súa primeira novela neste blog alá polo mes de setembro do 2010 e dicía que me parecera unha historia orixinal, entretida, divertida e con algunhas cousas boas que facían que destacara algo por riba da media neste tipo de historias. Sobre todo tendo en conta que non hai demasiadas boas historias hoxe por hoxe que teñan o humor como eixo central do que nos están a contar. De principio direi que as dúas son novelas breves e que se len con agrado, aínda que unha gustoume máis que a outra, logo me explicarei. Ambas teñen elementos en común, pero o desenvolvemento dunha pareceume algo máis orixinal e menos simple que o da outra.

David Safier é un autor alemán nado en Bremen en 1966. Estudou periodismo e traballou logo na radio e na televisión. A partir de 1996 empeza a traballar como guionista de programas de televisión, co que empezou a ser coñecido no seu país, realizando varias series e comedias de situación. Por este traballo recibiu varios premios, como o Grimme e o Premio TV en Alemaña, ademais dun Emmy nos Estados Unidos. En 2007 publica a súa primeira novela, “Maldito Karma” que será un gran éxito de ventas en todos os países nos que aparece. En 2009 publícase en España, onde tamén sube rapidamente aos primeiros postos. A súa seguinte novela, do ano 2010, é “Jesús me quiere” e a última polo momento, do 2011 é “Yo, mi, me...contigo”. Aínda non publicaron traducida a seguinte, "Happy family", que supoño que aparecerá pronto.


“Jesús me quiere” cóntanos a historia de Marie, unha muller con certos problemas sentimentais. Especialista en namorar do home errado. O día da súa voda deixa plantado ao seu futuro marido no altar, con todo preparado, pero o medo do último momento e a idea de que ao final ese pode non ser o home da súa vida fai que dea marcha atrás. Desfeita polo que pasou volve a súa casa, co seu pai e cáelle unha parte do teito enriba. Ao día seguinte preséntase un carpinteiro, un home distinto, amable, cunha mirada capaz de calmar e encantar a calquera, é Joshua. Pronto se fixara nel e terán unha cita, sairán a cear e ela ve nel ao home da súa vida, con todas as virtudes e aparentemente ningún problema. Pero non todo será tan sinxelo, sobre todo cando el lle di que en realidade é Xesús, o fillo de Deus que volve á Terra para librar a batalla final contra Satanás e con este combate chegará o Fin do Mundo. A súa vida é un caos, os seus pais están separados, a súa irmá ten un tumor cerebral, o seu pai aparece na casa cunha muller nova e rusa que di estar namorada del e que ademais ten unha filla... E para rematar agora si que parece completamente certo que namora do home máis equivocado que podería elixir. O Xuízo Final será o próximo martes, así que aínda terá uns días para decidir que fará coa súa vida.

Das dúas que comento esta é a que menos me gustou. Quizais por demasiado esaxerada, por xogar con demasiados equívocos e por mesturar demasiadas cousas. Polo medio teremos a Xesús, a Deus, aos Catro Xinetes da Apocalipse, a Satanás, ao arcanxo San Gabriel convertido en humano por namorar da madre de Marie... Nalgúns momentos resultoume demasiado ridícula, non vou dicir que incrible porque iso pásalle a todas as novelas do autor, son ficción pura cun trasfondo de sentimentos, de relacións humanas, de mulleres buscando sempre o seu bo camiño, buscando o amor e quizais unha certa estabilidade nas súas vidas. Nas tres novelas do autor os personaxes protagonistas son mulleres que teñen certos problemas de relación, xa sexan sentimentais ou persoais. De todos modos ten momentos realmente simpáticos e divertidos, xunto con outros que aproveitan estas situacións para tentar que o lector aprenda algo ou reflexione sobre certos aspectos da súa vida. Aínda así é unha lectura entretida, breve e divertida que pode facer pasar un bo rato a calquera tipo de lector. Ridiculiza algunhas cousas pero sen chegar as er, por dicilo dalgún modo, pouco respectuosa con certas crenzas ou aspectos da relixión cristián e penso que ten algunhas páxinas realmente boas, aínda así no seu conxunto é a que menos me gustou das de Safier.

O título orixinal da terceira novela deste autor viría a ser algo así como “De repente Shakespeare” que me parece algo máis adecuado que o que lle deron aquí, “Yo, mi, me...contigo”. De novo a protagonista é unha muller, Rosa, descontenta coa súa vida, coas súas amizades, co seu traballo, con case todo o que a rodea. Un día vai a unha feira e ve o espectáculo dun hipnotizador que di ser capaz de volver á xente a algunha das súas vidas anteriores. Ao rematar vai falar con el e convénceo para que faga o mesmo con ela. De repente vese metida nun duelo no ano 1594, no corpo dun home que ao pouco descubrirá que é, nada máis e nada menos, que William Shakespeare. Non poderá volver á súa época ata que descubra o amor verdadeiro. Así que se verá compartindo corpo co famoso autor e ademais nun momento no que este verase metido nunha intriga entre a raiña e outros personaxes históricos que a van levar a ter que facer cousa que nunca podería imaxinar.

Aínda que ten momentos que poden recordar á primeira das súas novelas, o plantexamento e o desenvolvemento da historia son bastante orixinais, tanto na forma de contalo como nas cousas que pasan e na estraña relación de dúas persoas que comparten o mesmo corpo e ademais de dúas épocas tan distintas. Esta situación da lugar a momentos realmente divertidos e moi simpáticos. Os diálogos entre eles dous e con outros personaxes son moi áxiles e con momentos sopresivos e inesperados para o lector. Quizais por iso esta gustoume algo máis que a anterior, porque é menos previsible, ten algunhas sorpresas para o lector, cousas que non espera que vaian pasar. Ten máis momentos nos que o lector preguntarase como vai agora a resolver isto o autor, por onde vai levar agora ao personaxe ou que vai pasar. A verdade é que con esta rin bastante, seguindo ese humor estraño e case ridículo ao que o autor vainos acostumando, e tamén na mesma liña de facer que o lector reflexione un pouco sobre por onde vai a súa vida, por onde quere que vaia ou por onde lle deixan os demais que o faga. Non quero contar moito máis sobre esta, porque realmente ten momentos inesperados, personaxes e situacións que dan sorpresas e alegrías ao lector a medida que avanzan as páxinas.

Dúas novelas divertidas, moi entretidas e simpáticas. Moi na liña de “Maldito Karma”, sobre todo a terceira que ten máis similitudes tanto na historia como nalgunhas situacións. Boas lecturas para pasar o rato e, de paso, pensar un pouco nalgunhas cousas da vida, o amor, a amizade e as nosas relacións coas persoas que nos rodean, tanto da familia como fóra dela, con ideas sobre a tolerancia, o deixar vivir e ese tipo de cousas. Como dixen gustoume máis “Yo, mi, me...contigo” que “Jesús me quiere”, pero iso tamén vai en gustos persoais. Creo que as dúas merecen a pena, neste caso as tres se incluímos a primeira se non a lestes aínda. Unha novelo por ano foinos deixando David Safier, pero de momento non vin nada por aí que fale dunha nova historia, que supoño que seguirá na mesma liña. Senón facede caso tamén a miña primeira recomendación e acudide a Jardiel Poncela, que tampouco vos vai decepcionar nunca.