O autor de hoxe creo que
é dos que máis apareceron por este blog de momento, xa dixen en
varias ocasións que era un dos meus novelistas favoritos escriba o
que escriba e que son un fan incondicional de todas as súas obras.
Como todo autor bastante prolífico ten de todo na súa produción,
pero ata as que menos me gustaron superan con algo a nota media e
creo que ningunha me decepcionou. Certo é que nestes últimos anos
andaba un pouco frouxo, pero as súas últimas historias fixéronme
recuperar ao autor do que tiña un gran recordo, cun aire as súas
primeiras e boas novelas. Falo de Stephen King e neste caso o seu
último libro, “22/11/63”, que me pareceu realmente bo dentro do
xénero. As dúas últimas que comentei gustáranme bastante, tanto
“La cúpula” (que so me deixou algo frío ao final) como os catro
excepcionais contos de “Todo oscuro, sin estrellas” (esta máis
que a anterior) fixéronme volver aos anos das súas grandes novelas,
tanto en entretemento como en tensión. Con esta de hoxe creo que
King escribiu unha das súas mellores novelas dos últimos anos,
superior con moito á anterior, sempre falando das súas novelas
longas, non das coleccións de contos, que sempre me pareceron
realmente boas.
Neste caso estamos dentro
do mundo das viaxes no tempo. Algo que parece que volve a estar de
moda en varias novelas actuais, desde as comentadas aquí de Félix
J. Palma a outras que irán aparecendo por aquí comentadas.
Atopámonos loxicamente cunha novela de xénero fantástico, pero cun
aire de verosimilitude e credibilidade bastante alto. No epílogo
final o autor fala do traballo de documentación que fixo, bastante
serio, para reflectir tanto a época como os acontecementos que se
narran, en gran parte baseados en feitos históricos aos que King
dálle o punto perfecto de imaxinación. Moitos dos personaxes que
aparecen na novela, non os directamente protagonistas, son reais e
vainos contar algúns feitos, situacións e momentos que ocorreron na
realidade deses anos. Centrado no asasinato de John Fitgerald Kennedy
en Dallas na data que da título á novela e nunha persoa que vai
tentar evitalo. Lee Harvey Oswald será un dos personaxes centrais,
contándonos ademais a historia do mesmo, unha historia que en xeral
descoñecía, interesante e curiosa, con moitos elementos que me
resultaron máis que interesantes.

Esta é a historia que
nos deixa King, unha historia máis que interesante, curiosa e, sobre
todo entretida, tanto que as cen últimas páxinas tiven que lelas
ata altas horas da noite, non era capaz de deixalo sen saber como ía
rematar a historia. Cambiar o pasado é algo que aparece en moitas
historias e en todas elas ese cambio ten fortes implicacións para o
presente desde o que se tenta cambiar. Pero neste caso o autor
introduce un novo elemento, o pasado non se deixa cambiar facilmente
e Jake atoparase con continuos reveses nas cousas que pretende facer
e que lle parecen sinxelas nun principio. Irá aprendendo a medida
que avanza, pouco a pouco e con calma, tentando non cometer ningún
erro e moito menos que alguén descubra que non é quen di ser. En
moitos momentos atoparase cunha vida que lle gusta moito máis que a
que leva na súa época real e as dúbidas, as ganas de quedar, serán
fortes, así como a misión que lle encargou Al, que as veces parece
moi fácil e outras non tanto.
A ambientación é
realmente xenial. Estamos nos anos 69 en Estados Unidos, unha época
chea de fascinación en moitos momentos. Os grandes coches, a vida
nas pequenas cidades americanas (pasa por varias e todas elas
distintas), a música, os adolescentes..., todo contribúe a darnos
unha idea realmente boa de como era a vida nesa época. Detalles que
axudan ao marco, como por exemplo, que todo o mundo fuma e en todo
momento (nese sentido recordoume á imprescindible serie “Mad Men”,
ambientada a mediados dos sesenta e coa que ten algunhas cousas en
común), algo ao que Jake, que vén dun mundo distinto nese sentido,
tarda en afacerse. Moitas axudas para esta ambientación histórica,
personaxes do momento, músicos e cancións que moitos coñecerán ou
feitos históricos son elementos fundamentais e mostran o traballo do
autor nese sentido.
Para os fans do autor
son, como case sempre, múltiples as referencias a constantes da súa
obra ou a momentos doutras novelas. A mención imprescindible ao pobo
de Castle Rock, que aparece case sempre nas súas historias dun modo
ou doutro. A prisión de Shawshank tamén se menciona, onde
transcorría a xenial “Cadea perpetua”. Asasinos disfrazados de
pallaso... Xestos para os habituais das súas novelas ou contos.
Para min a mellor novela
que publicou nestes últimos anos e penso que unha das súas mellores
historias. O plantexamento é perfecto e todo está engarzado dun
modo xenial. Como sempre con ese estilo fluído, visual e as veces
estremecedor polo directo que é e que fai que non poidas deixar de
ler en moitos momentos e teñas que seguir para ver que vai pasar a
continuación. Unha fábula do tempo, das cousas que poderíamos
cambiar e os efectos que poderían ter se o fixeramos. Cunha perfecta
conxunción entre os personaxes de ficción e os históricos (que non
son poucos e polo lido no epílogo cunha fidelidade histórica
bastante alta) que fai, como xa dixen, que dentro do ficticio sexa
case crible. Unha novela que podería gusta a todos aqueles que non
sexan demasiado afeccionados ás historias de Stephen King,
imprescindible para os fans.
No hay comentarios:
Publicar un comentario