Interesante e entretida
esta novela que vou recomendar hoxe. Unha historia que me chegou a
través da recomendación do meu pai, de paso un recoñecemento para
ambos, sempre houbo un libro en casa (moitos máis que un, máis ben)
e contaxiáronme desde moi pronto a afección á lectura. Un autor do
que non sabía nada e iso que non é a súa primeira novela, e unha
historia que me atrapou desde o principio. Pareceume moi amena,
divertida e intrigante, cun ton irónico moi destacable e con
bastantes elementos para facela recomendable. O autor é Alejandro
Pedregosa e a novela “Un mal paso”.
Alejandro Pedregosa é un
autor nado en 1947 en Granada, poeta e novelista con varios premios
no seu haber. É licenciado pola Universidade de Granada en Filoloxía
Hispánica e en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. A maior
parte da súa produción, e o xénero co que comezou, está dedicada
á poesía. Comeza con dous libros deste xénero, “Postales desde
Grisaburgo” (2001) e “Retales de un tiempo amarillo” (2002);
dúas obras máis completan a súa produción neste xénero, “En la
inútil frontera” (2006) e “Los labios celestes” (2008). A súa
primeira obra dentro da narrativa é “Paisaje quebrado” (2005) á
que seguen “El dueño de su historia” (2008), “Un extraño
lugar para morir” (2010) e a que comento hoxe, “Un mal paso”
(2011) e que tivo un importante éxito de ventas. Coas súas obras
poéticas conseguiu varios premios, entre eles o Premio de Poesía
Ciudad de Trujillo (2002), o Premio Nacional de Poesía Paloma
Navarro (2004) ou o Premio Arcipreste de Hita (2007). Coa súa
primeira novela gañou o Premio José Saramago de Novela Corta
concedido en Cantabria no 2004. Non coñezo a súa obra poética,
pero esta novela gustoume moito, así que haberá que botarlle un
ollo a súa poesía e tamén ás outras novelas en prosa, que polo
visto teñen boa pinta.
Estamos ante unha típica
novela negra, varias historias que se van cruzar e polo medio un
asasinato que resolver, misterios, policías e esas cousas, pero ao
mesmo tempo ten unha serie de elementos que fan que sexa distinta e
que lle dan un aire algo novidoso, que fan que mereza a pena. Ao
empezar a ler atoparémonos con tres historias que non parecen ter
conexión. Nun principio coñeceremos a Xavier Huguet, un periodista
alcohólico, cunha carreira prometedora que se verá truncada pola
súa adicción. O seu amigo Gonzalo, moi preocupado por el, fará
todo o posible para que enderece a súa vida e, xa cansado de
aguantar, toma medidas drásticas con el. Tras elas ofrécelle unha
última táboa de salvación para reencontrarse co periodismo,
convertido en Emilio Ribeiro terá que recorrer o Camiño de Santiago
enviando as súas crónicas ao periódico barcelonés no que
traballan. Se o fai ben e consegue aguantar sen beber e realizar un
traballo decente todo podería cambiar para el. A continuación
coñeceremos a Martiño, un curioso e coidadoso traballador de
imprenta que se verá no paro. Para poder seguir vivindo dedicarase
ao traballo doméstico e vai facelo na casa dun especial catedrático
de universidade. Este é Fiz, de baixa por depresión e ao que
acompaña continuamente unha voz na súa cabeza que lle dá consellos
e intervén en moitas das cousas da súa vida, esa voz é a dun gran
intelectual galego, Álvaro Cunqueiro. É Ano Santo en Santiago de
Compostela, onde ambos viven, e Fiz dedícase a saír polas noites e
pegar nas portas de Catedral unha serie de notiñas adhesivas en
conta do clero e da próxima visita do Papa, algo no que a policía
acabará por intervir. Ademais está a tratamento siquiátrico a
causa dos sucesos que provocaron a súa baixa. E en terceiro lugar
teremos ao comisario santiagués Suso Corbalán, cos seus problemas
persoais e matrimoniais, o seu incompetente axudante Fito e a súa
moito máis eficiente colaboradora Carol. Un día recebe a visita do
deán da Catedral, Gregorio Andrade, e a restauradora francesa
Josephine Lambiere. O irmán xemelgo do deán, Mauro Andrade,
desapareceu e ninguén sabe nada del. Suso vai tomalo con calma,
pensando en que non é máis que unha escapada, ata que un artigo
firmado por Emilio Ribeiro rompe esa idea, a cabeza de Mauro Andrade
apareceu nunha das primeiras etapas do Camiño de Santiago. Aquí é
onde as historias van empezar a cruzarse, relacionándoos a todos
dunha maneira tan fluída como interesante que transcorrerá entre o
camiño e as cidades de Santiago e Roma.
Un asasinato e unha serie
de personaxes sen nada en común que terán que relacionarse para
poder resolvelo. A conexión entre eles está perfectamente levada a
cabo e aparece ante o lector como algo completamente natural. Non son
so eses personaxes mencionados, haberá outros cunha intervención
importante dentro da historia, como algúns fixos cos que
Xavier/Emilio vai atoparse ao longo do camiño. Todos eles terán a
súa parte na historia, contribuíndo a que o lector teña que ir
desprazando as súas sospeitas duns a outros a medida que avanza na
lectura. E todos eles, desde os principais ata os máis secundarios
están moi ben descritos polo autor, a pesar da brevidade na novela.
Tras as primeiras páxinas
pensaba realmente que o autor tiña que ser galego, ademais de situar
o centro da acción na cidade de Santiago está a fina ironía que
destilan moitas das intervencións dos personaxes, imos dicir que moi
galega, así como frases e diálogos que entren directamente dentro
do que podemos chamar “retranca” galega. Tamén resulta curiosa a
intervención de Cunqueiro como unha voz dentro da cabeza de Fiz,
chea sempre de ironía e mala uva. A cidade de Santiago, que ademais
é un dos meus sitios favoritos, aparece como un elemento máis
dentro da historia, coas súas rúas, os seus bares e os peregrinos,
calquera que a coñeza un pouco poderá ver que está moi ben
representada. Por iso me resultou curioso que o autor fora granadino,
bastante lonxe da realidade que describe con bastante acerto.
Unha das cousas que máis
me gustou da historia foi que a lectura faise con moito agrado e con
fluidez. A isto axuda unha historia realmente intrigante, con varias
liñas de investigación, algúns equívocos e camiños que non levan
a onde parecen. Pero o que máis destacaría é o humor co que está
contada a historia. Toda ela ten un ton irónico, con frases
realmente simpáticas e divertidas por parte de case todos os
personaxes. A isto lle sumamos unha serie de situacións inesperadas
nalgúns casos, ridículas noutros pero sempre ben metidas dentro da
historia. En moitas delas atoparemos un certo ton crítico contra
algunhas cousas, desde o periodismo á igrexa, que tamén axudan a
facer máis interesante a lectura. En moitos casos un humor fino e
traballado, misturado noutros cun de tipo máis groso e directo.
Moitos destes momentos saen de dous personaxes, un é case o
protagonista, o comisario Corbalán; o outro é Fiz, simpático e
cáustico en moitas ocasións, axudado pola voz de Cunqueiro que vai
con el cando deixa a medicación.
O estilo é sinxelo e
variado ao mesmo tempo. A historia de Xavier está contada en
primeira persoa, el mesmo vainos dicir todo o que vai pasando e que
el mesmo pensa ante as distintas situacións coas que se vai atopar.
As demais están contadas desde o punto de vista dun narrador que o
sabe todo, desde o que fan ata o que pensan, un espectador máis
dentro da historia. Con poucas liñas da unha gran idea de todo o que
nos quere contar. Para min foron moi boas as páxinas dedicadas ao
Camiño de Santiago, centradas en moitos casos no camiñar e na
paisaxe, tan boas que dan ganas de facelo.
Unha novela de algo máis
de trescentas páxinas que se me fixo moi curta, líase con moita
fluidez e é moi entretida, sempre cambiando de escenario e de
personaxes para atrapar ao lector dentro desa historia que non se
sabe moi ben por onde vai. Varias liñas de investigación que farán
que o lector pregúntese cal é a acertada, algo que seguramente non
descobrerá ata o final. Unha historia moi entretida que igual perdía
se non ma chegan a recomendar. A min gustoume moito, unha boa lectura
para a época estival, con algunas cousas moi destacable. Un autor
que creo que seguirei. Aí queda a recomendación, espero que vos
guste e vos entreteña tanto como a min.
No hay comentarios:
Publicar un comentario