Hai uns meses, vendo
tráilers das próximas estreas, atopeime con este, que me chamou
bastante a atención. Unha historia con ambiente victoriano e que
ademais tiña como protagonista a un dos meus autores favoritos e do
que creo que no seu momento lin case todo, xa hai algúns anos. Tiña
boa pinta en varios aspectos e aproveitando que o tempo de momento
non deixa facer demasiadas cousas relacionadas co verán tocou cine
unha tarde destas. O título orixinal en inglés é “The Raven”
(“O corvo”), o máis famoso poema de Edgar Allan Poe, que nesta
cinta convértese no protagonista, aquí estreouse como “O enigma
do corvo”, quedo co orixinal, máis directamente relacionado cun
dos grandes poemas da literatura americana.
A historia comeza a
finais do mes de outubro de 1849, poucos días antes da morte de Poe.
Son os seus últimos días, un home atormentado, cheo de medos e case
incapaz desde hai tempo de escribir algo bo que publicar. Non ten
diñeiro, non ten recoñecemento e poucos saben del. Medio traballa
publicando artigos de crítica literaria nun periódico que o que en
realidade quere son novos contos, novas historias que tiñan un certo
éxito, pero a súa imaxinación parece esgotada. O único que lle
serve de consolo é a súa relación con Emily Hamilton, a filla do
adiñeirado capitán Hamilton, que non ve nada ben esa relación e
quere acabar con ela. De repente a policía atópase cun misterioso
dobre asasinato, unha nai e a súa filla aparecen mortas nunha
habitación pechada, algo que os desconcerta. O encargado do caso
será o detective Fields, un intelixente e agudo investigador que
pronto desvela o misterio e ademais nota que a escena do crime
reproduce algo que leu hai un tempo, un relato de Edgar Allan Poe.
Así que o primeiro que fará será interrogar ao escritor, o
primeiro sospeitoso do caso. Pero pronto descubrirán que el non ten
nada que ver cos asasinatos, tanto con ese como co seguinte.
Atopámonos ante un misterioso e cruel asasino que vai reproducir
varias escenas de outras historias curtas do autor. E non so iso,
aproveitando unha festa e a súa relación con “A máscara da morte
vermella” vai secuestrar a Emily, a amada de Poe, deixando unha
carta ademais para a policía e deixando claro que a intervención do
autor será fundamental. Seguirá asasinando e deixando pistas para
poder saber onde se atopa a secuestrada, pero ademais, a cambio,
obrigará a Poe a escribir novas historias de terror e misterio
relacionadas tanto co secuestro como cos distintos asasinatos. Poe
terá que volver a escribir se quere rescatar a Emily das garras do
brutal asasino.
O director é James
McTeigue, especializado en cintas que misturan acción e ficción.
Foi asistente de dirección en todas as entregas de “Matrix” e a
súa primeira película como director foi “V de Vendetta”, unha
cinta que empecei a ver con algúns reparos pero que logo gustoume
bastante. A seguinte foi “Invasión”, unha prescindible versión
do clásicos “La invasión de los ladrones de cuerpos”. Esta de
hoxe é a última polo momento e gustoume bastante, aínda que penso
que lle falta algo para poder facer dela unha película máis decente
do que é.
En canto aos actores o
papel de Poe está interpretado por un deses actores que sempre me
gustan, John Cusack, sempre convincente. Neste caso déixanos un Poe
pálido, atormentado, triste e agoniado, sufrindo por unha vida que
non sabe moi ben por onde vai e logo moito máis polo secuestro e o
tormento de ver que alguén segue os seus contos para matar xente.
Ten moi bos momentos pero quizais nalgún fáltalle algo máis, non
sei moi ben o que, quizais Cusack quixo reflectir eses últimos días
da vida de Poe, que na realidade histórica apareceu vagando polas
rúas de Baltimore para acabar morrendo nun hospital (sen que se
saiba moi ben de que, fálase de sífilis, tuberculose,
alcoholismo..., outro misterio, xa que os papeis nos que quedaba
constancia da mesma desapareceron). De todos modos gustoume bastante
no papel e quizais estea cerca do que foi o autor neses últimos
días. O outro actor principal é o que interpreta ao detective
Fields, Luke Evans, non con demasiado cine aínda, pero que me gustou
moito, quizais algo máis que Cusack. É o home de acción,
intelixente e que non se rende ante nada. Tamén é certo que quizais
sexa un papel algo máis lucido e non tan suxeito a tentar manter
unha certa imaxe como personaxe de ficción enfrontado a outro que
non o é, pero haberá que seguir a súa carreira, porque promete
bastante. E o terceiro papel cunha certa importancia dentro da
historia é o de Emily, interpretada por Alice Eve.
A película está algo
por riba da media, pero creo que lle falta algo, pouco, para ser
mellor. Quizais falle algo en emoción, ten intensidade pero a veces
non se transmite ao espectador. O misterioso asasino é, como sempre,
un elemento para manter a atención, xa que ata o final non saberemos
nin quen é nin por que fai o que fai. Tamén chega a un final
quizais algo collido polos pelos e cunha explicación máis ben pouco
clara. De todos modos a ambientación, ese Baltimore de finais do
século XIX, é moi boa e é un elemento máis dentro da historia.
Unha cidade escura, case toda a acción transcorre de noite ou en
escenarios escuros, o teatro, as cloacas, as rúas...contribúen a
darlle ese ambiente que tan ben se podía percibir nos relatos de
Poe. Ese é outro elemento que quizais poderían ter aproveitado
máis. A relación dos asasinatos cos contos do autor é realmente
boa, pero podería ser máis directa, máis clara e tela estirado un
pouco máis. Nese sentido penso que poderían ter feito unha película
algo máis longa, queda en hora e media xustiña, e aproveitar máis
esas historias e a súa relación coas mortes. De todos modos creo
que é un bo reclamo para todos aqueles que non os leron, creo que
tras ver a película terán ganas de facelo. No meu caso xa os lin
hai moitos anos, pero creo que este verán vou recuperalos e volver
disfrutar da lectura de, para min, algunhas das mellores historias de
terror gótico que nunca se escribiron e que foron fonte de
inspiración para moitos autores posteriores e que aínda hoxe seguen
a selo.
Gustounos moito a todos
na casa, así que merece a pena e é recomendable, sobre todo unha
carteleira que neste momento non ofrece case nada decente que ver, a
verdade. A historia é entretida e consegue manter a atención sen
chegar a aburrir en ningún momento, que xa é bastante. A
ambientación e as interpretacións son moi boas e so creo que non
aproveita algunhas cousas que podería usar, facendo que quede algo
máis simple do que podería ser. Impresionante o aproveitamento
nunha curta escena pero impactante de “O pozo e o péndulo”.
Tamén outra vía para recuperar todas as cintas que a produtora
inglesa Hammer fixo sobre os relatos de Poe, moitas delas
protagonizadas polo xenial Vincent Price, unhas películas que vin na
miña xuventude e das que gardo un recordo realmente bo. Unha boa
maneira de volver a un dos máis grandes autores da literatura
americana e universal, un autor que non conseguiu case recoñecemento
durante a súa vida, algo que o torturaba, pero que é imprescindible
para a historia da literatura, e non so a de terror. Hai pouco, ao
fío do comentario dunha novela de Félix J. Palma, falaba de que
unha das miñas novelas favoritas era “As aventuras de Arthur
Gordon Pym”, o seu autor era Edgar Allan Poe, a súa única novela,
así que volvo a facer a recomendación, imprescindible.
No hay comentarios:
Publicar un comentario