jueves, 26 de julio de 2012

"El Caballero Oscuro: la leyenda renace"



Outro comentario sobre cine antes de tomar un pequeno descanso vacacional. Nuns días toda a familia estará de vacacións e haberá que dedicarse á praia, saír, descansar e esas cousas, a finais de agosto volveremos coa regularidade habitual.

No anterior xa vos dicía que estreaban unha nova cinta de superheroes e que iría vela en canto puidera, pois aquí está, dous días despois da estrea alá fomos, unha calurosa tarde de verán case ideal para estar fresquiño no cine. Ademais a película gustoume moito, creo que é a mellor saga a todos os niveis, tanto no que se refire á historia, á posta en escena, dirección, interpretacións... Nalgunha ocasión cando fago comentarios sobre este xénero de películas teño dito que moitos directores queren darlle tanta transcendencia aos personaxes que lles queda algo a medio camiño entre un drama e unha película de acción. Neste caso ese aire de seriedade que se lle da a este personaxe está tan ben feito que da lugar a unha película realmente boa, creo que moi por riba da media habitual. Outras son máis entretidas, máis simpáticas ou máis espectaculares, pero creo que neste caso falamos de cine de verdade, ben feito, cunha historia e con algo máis que efectos especiais e esas cousas. Falo da terceira entrega da saga do Cabaleiro Escuro, estreada recentemente, “El Caballero Oscuro: la leyenda renace”.

Creo que Batman é o personaxe que máis pasou polo cine nestes últimos anos, case sempre con bos resultados e no caso destas tres últimas penso que cun aire de calidade e bo cine e tamén varios puntos por riba do resto das cintas dedicadas ao mesmo personaxe. Varios directores pasaron polas súas historias, desde Tim Burton (que non estaba mal, pero quizais algo irregular) a Joel Schumacher, pero ningún como o destas tres últimas, Christopher Nolan. Ademais de darlle un novo impulso creo que é o que mellor soubo coller o camiño correcto para este tipo de cine, unha mistura entre calidade e entretemento cunha dirección impecable, unha ambientación marabillosa e a perfecta conxunción entre cine de acción e unhas historias algo máis desenvolvidas que noutros casos. Das súas películas anteriores destacaría a curiosa “Memento” e unha que xa apareceu comentada por aquí e que tamén me gustara moito, “Origen”. Todas teñen a súa marca, unha forma especial e distinta de facer cine e revitalizar con algo de calidade xéneros como o de acción, sempre con algún elemento novidoso e chamativo.

Do mesmo modo varios actores pasaron polo personaxe no cine. Recordemos, claro está, ao primeiro, Adam West, naquela serie dos anos sesenta con bastantes cousas que destacar e que segue a chamar a atención hoxe en día. Bruce Wayne foi interpretado no cine por actores moi coñecidos, Michael Keaton, Val Kilmer ou George Clooney e sinceramente ningún dos tres chegou a convencerme por completo. Nestas tres últimas creo que acertaron de pleno, Christian Bale déixanos un Batman como a película, misterioso e escuro, prepotente e débil ao mesmo tempo. Penso que por un lado máis humano que outros e máis superheroe que calquera dos demais. É un actor que sempre me gustou moito en todo o que fai e aquí segue igual, mellor que ben. Gústame moito a forma que ten de plasmar ao personaxe e non creo que poida haber outro (nunca se sabe) que o faga mellor.


A cinta é a terceira e polo que se di última (unha pena, a verdade) firmada polo mesmo director e plantel de actores. A primeira foi “Batman Begins” (2005), seguida por “El Caballero Oscuro” (2008). Xa a primeira entrega pareceume moi boa, nominada ao Óscar en varias categorías. A segunda creo que é a mellor película do xénero que vin ata o momento, realmente impresionante en todos os sentidos. Esta terceira creo que está moi cerca, moi parecida no ton xeral á anterior e creo que é o colofón perfecto para a triloxía. Non sei se ao final haberá algunha máis ou non, pero será difícil superar a media destas tres, quizais sexa mellor rematar así que esgotar ao personaxe e a forma de concibilas como pasou con outras sagas deste ou doutros xéneros.

A historia comeza oito anos despois do final de “El Caballero Oscuro”, asi que mellor recuperala antes para non despistarse. Ao final desta Batman quedaba case como un criminal asasino e Bruce Wayne feito po tras as múltiples feridas provocadas polo enfrontamento final. Tanto que decidira que Batman xa non aparecería máis, que a súa vida como heroe rematara para non volver. Wayne vive recluído na súa mansión, recuperándose das lesións e case sen saír ao mundo exterior. Pero claro está, isto non pode seguir así, algún criminal poderoso terá que aparecer para que Batman e os seus aparatiños volvan a escena. O antagonista neste caso será Bane, un misterioso home cunha estraña máscara que non se sabe moi ben de onde saíu. Quere acabar coa cidade de Gotham e instaurar un reino de anarquía e terror, sen orde nin policía onde sexan os delincuentes os que campen as súas anchas. Polo medio ademais unha inesgotable fonte de enerxía nuclear que aínda non funciona á perfección, pero que tamén pode volverse en contra da xente e converterse nunha poderosa bomba atómica. Todo isto fará que Wayne teña que volver a súa escura cova e que Batman volva para salvar á cidade da destrución e o caos.

A historia está na liña do xénero e o plantexamento e o desenvolvemento é moi bo. Quizais Batman non sexa o protagonista absoluto e a cinta céntrase máis nos personaxes e tamén, claro está, na forma de ver a vida e de vivila de Bruce Wayne. Quizais un pequeno defecto é que ten algúns momentos dentro do argumento que recordan demasiado a outros das anteriores, pero aínda así non desmerece do ton xeral da historia.

Ademais da gran dirección, que mantén o ton xeral da saga e que me segue a parecer excepcional, hai que destacar a todos os actores que aparecen na mesma. Todos están realmente ben, dándolle ese aire de calidade por riba da media do xénero. Grandes actores e outros moi coñecidos pasaron sempre por todas as historias do personaxe, pero creo que nesta triloxía a elección é perfecta. Desde Michael Caine interpretando ao mordomo, pero sobre todo amigo, do protagonista, un Alfred perfecto. Gary Oldman é o comisario Gordon, outro dos habituais do cómic e tamén xenial no papel. Morgan Freeman é Fox, o encargado de todos os complementos e espectaculares medios de transporte do superheroe. Anne Hathaway é un dos personaxes femininos, interpreta a Selina, unha ladroa de xoias enfrontada a Wayne e a medio camiño entre ambos bandos; tamén está moi ben, sobre todo tendo en conta que estamos acostumados a vela noutro tipo de papeis. E destacar a Joseph Gordon-Levitt, un dos protagonistas. Fai o papel de Blake, o policía uniformado que está convencido de que Batman non é un asasino e que será fundamental para o desenvolvemento da historia. Varias caras coñecidas máis completan un listado de actores que cumpre á perfección e que lle da unha grande credibilidade á trama.

Como as outras é unha película escura, dramática e violenta en moitos momentos. Neste caso e gracias á mestría na dirección e as interpretacións ese aire de seriedade e transcendencia non lle queda nada mal, ao revés, é un punto a favor porque non aparece como algo forzado nin fóra de lugar. A mistura entre escenas de acción e momentos de diálogos é perfecta e a ambientación contribúe a darlle ese aire de gran película. Claro que vin outras do mesmo xénero máis entretidas ou espectaculares, pero creo que non mellores. Como bo cine creo que Nolan como director e Bale como actor protagonista (ademais de todos os demais) deixan o listón moi alto, tanto que non creo que sexa sinxelo de superar.

Unha gran película, dúas horas e tres cuartos que se me pasaron nun suspiro, había tempo que non se me pasaba tan rapidamente unha cinta tan longa, a verdade. A pesar de que a acción está perfectamente dosificada non é a raíña da metraxe, e aínda así non se fai aburrida nin lenta en ningún momento. Tampouco é a típica na que os efectos especiais están por riba da historia ou dos personaxes, outro punto máis ao seu favor. O máis importante son os personaxes e o desenvolvemento dos mesmos, as relacións entre eles, os enfrontamentos e, sobre todo, a idea da superación. É unha historia dura, con momentos realmente violentos e con máis dunha sorpresa no argumento. Para min case a película de superheroes perfecta, ou a triloxía perfecta mellor dito. Para os afeccionados é imprescindible e os que non o sexan deberían de pensar en velas por orde, estou seguro de que non vai decepcionalos.

E aquí vos deixo o primeiro Batman que vin.

No hay comentarios:

Publicar un comentario