Non é o verán unha boa
época para a televisión, todas as cadeas están cheas de
reposicións e poucas novidades hai. Comprensible en certo modo, polo
menos desde o seu punto de vista, a xente está de vacacións e ve
menos a televisión. Aínda así a veces é desesperante sentar pola
noite coa intención de ver algo e non atopar nada de nada, incluso
nas cadeas de pago, que aínda que algunha novidade presentan, fano
con contagotas. Así que tirando das cousas que tiña gravadas sen
ver atopeime cona serie que vos deixo hoxe, “Memphis Beat”.
Dúas temporadas de dez
episodios cada unha e cancelada ao rematar a segunda. Hai cousas cos
temas da audiencia que non acabo de entender. Hai series que sen
aportar nada novo continúan ata o incomprensible, dez ou máis
temporadas vendo sempre o mesmo. Certo é que algunhas van
introducindo elementos novos e fan que aínda partindo do mesmo
parezan distintas. Estaba pensando agora na temporada 12 de “CSI
Las Vegas”, que cuns cambios de actores e de guións, ten un aire
renovado e máis entretido. En cambio outras que non están mal, como
é o caso da de hoxe, desaparecen do mapa case sen darte conta. Non é
que esta serie sexa algo especial, distinto ou aporte algo novo ás
outras do mesmo tipo, pero si ten bastantes elementos como para
merecer, creo eu, algo máis e non desaparecer pola porta de atrás,
quedando nuns escasos vinte episodios. Pode deberse á falta de éxito
ou ao desgaste dos guionistas, non o sei. So sei que levo vistos uns
sete capítulos e está a resultarme moi entretida e atractiva, sobre
todo por unha serie de cousas que contarei despois.
Tema central, o de
infinidade de series americanas, a policía. Neste caso estamos na
cidade que indica o título, Memphis, o berce de Elvis Presley, o rey
do rock e de boa parte das grandes estrelas da música americana. E
aquí unha das novidades do plantexamento da serie e a que máis me
gusta. A música e o personaxe de Elvis son elementos centrais das
historias. O protagonista é un inspector da policía, Dwight
Hendricks, que podemos dicir que está obsesionado con esta gran
figura (un dos meus favoritos musicalmente falando). O salón da súa
casa está integramente adicado a el, fotos, figuras, portadas de
discos e case calquera cousa que podades imaxinar. Pero non so iso,
ademais de traballar do departamento de policía Diwght dedícase a
cantar, sobre todo cancións do seu ídolo. Así en cada episodio, en
unha ou dúas ocasións, unha sempre ao final, verémolo no escenario
do típico bar americano interpretando algunha destas cancións. Máis
homenaxes, os títulos de cada un dos capítulos tamén son de
cancións coñecidas de Elvis. Pero non so iso, a música é unha
constante na serie, soando sempre de fondo ou como acompañamento das
escenas de cada capítulo. Grandes clásicos do rock, do soul ou do
blues irán aparecendo pouco a pouco. Xa os títulos de crédito con
unha declaración de intencións, cunha boa canción de fondo e unha
homenaxe estética aos anos 60 e o que os rodea. O protagonista
conduce un coche clásico da época, un Pontiac GTO de 1964 e incluso
a súa aparencia, sen chegar a caer no ridículo, parece un pouco
“pasada de moda”. En outras escenas teremos uns fabulosos riffs
de guitarra que tamén merece a pena escoitar. Non o vou negar, Elvis
encántame e a estética dos 60 tamén, así como os outros xéneros
musicais que mencionei, así que esa debe de ser unha das razóns
fundamentais para que me estea a gustar esta serie.
Tampouco é que sexa, en
xeral e como dixen, nada novo, outra máis da típica parella de
policías máis ou menos distintos que traballan xuntos. Case todos
os tópicos deste tipo de series está presente e poucas cousas novas
atoparemos. A maior parte dos casos que teñen que resolver presenta
un certo aire de denuncia social. Non son os típicos asasinatos ou
roubos relacionados con mafias, drogas ou cousas dese tipo. Imos
atoparnos con abusos infantís, violencia de xénero, abusos a
persoas maiores, problemas familiares... Este quizais sexa outro dos
elementos que fan que sexa algo distinta ao resto, pero tampouco
demasiado. Os dous protagonistas son moi simpáticos, como sempre
dúas personalidades distintas. Dwight é o sensible, reflexivo e moi
intuitivo, preocupado por todo o mundo e buscando sempre a forma
correcta de facer as cousas, cunha idea algo especial da xustiza. O
seu compañeiro é Charlie “Whitehead” White, algo maior que o
outro e un pouco máis seco, serio e directo. Como sempre nestas
series aparecerá o enfrontamento co seu xefe, neste caso a tenente
Tanya Rice, que acaba de chegar ao departamento e quere impoñer a
súa maneira de facer as cousas. Claro que verá que iso non é fácil
e terá que chegar, ao igual que os seus subordinados, a un punto
intermedio no que traballar dunha maneira correcta e adecuada. E
tamén teremos ao axente de uniforme que soe ser algo especial, neste
caso é Davey Sutton, amigo dos protagonistas e co que contarán en
máis dunha ocasión.
Os casos están ben
montados e resultan interesantes, como sempre con varios sospeitosos
entre os que elixir para facer máis interesante o desenvolvemento.
Gústame ese fondo digamos social de todos eles, implicando case
sempre a xente normal e non a verdadeiros delincuentes como pasa en
outras series. Ese aire de denuncia social tamén me parece
interesante e moitas veces son persoas maiores, nenos ou xente
desvalida ou problemática os que sofren as consecuencias dunha
violencia non merecida ou gratuíta. O capítulo inicial da primeira
temporada marca un pouco as pautas e pareceume unha historia
realmente dura, tratada en todo momento desde o cariño e a
sensibilidade. En xeral de todos os que levo vistos gustoume bastante
ese aire que teñen. Ademais, para ser unha serie policiaca, non é
excesivamente violenta nin prima a acción sobre a trama. Os casos
son duros, iso si, pero sen cebarse demasiado neles. É máis o que
se supón e non se ve, que as veces é peor, que o que contempla
directamente o espectador.
En canto aos actores o
máis coñecido é o protagonista. O papel de Dwight Hendricks está
interpretado por Jason Lee, un actor que case sempre me gusta.
Coñecido por algunhas series anteriores, como a divertida “Me
llamo Earl” e tamén con algunhas aparicións no cine. O resto son
caras máis ou menos coñecidas da televisión e do cine, pero
ningunha demasiado destacable. Como curiosidade comentar que un dos
produtores da serie é o coñecido actor George Clooney. De paso
tamén xa vos digo que non é Jason Lee o que canta na serie,
fixéronlle algunhas probas pero a cousa non parecía ir demasiado
ben, así que a voz é de un cantante pouco coñecido e que se chama
Mark Arnell. Tamén engadir que a serie ten un disco coa maior parte
das cancións da mesma, moi recomendable tamén. Gustaríame
deixarvos algúns vídeos máis dos que poño para ilustrar o
comentario, pero a maior parte están desactivados para insertalos,
supoño que a petición da produtora da serie.
Vinte capítulos que
quizais saiban a pouco, a min creo que me vai pasar iso. Sen ser unha
marabilla e sen aportar demasiadas cousas creo que merece a pena
vela. É unha boa serie dentro do xénero das parellas de policías,
bastante ben feita e con moito ritmo. Centrada non so nos casos que
teñen que investigar, senón que tamén ten momentos nos que
coñeceremos a vida dos protagonistas, os seus problemas, amistades,
familias e esas cousas. A min paréceme entretida e os casos teñen
un bo desenvolvemento. Se a iso lle sumamos o que comentei sobre o
tema da música temos unha boa forma de pasar corenta minutos
entretidos. Creo que aqueles aos que lles guste este tipo de música
deben de tentar recuperala de algunha maneira, por aquí creo que de
momento so apareceu en canais de pago, en concreto AXN. Se aparece
por algún da TDT non vos despistedes, está algo por riba da media
do xénero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario