Non son nada amigos dos
tópicos, pero é ben certo que en ocasións cúmprense, máis que
nada porque algunha base teñen. Digo isto por ese que di que
“segundas partes nunca foron boas”, e o comentario de hoxe é
sobre unha segunda parte dunha triloxía. A primeira comenteina aquí
alá por novembro do ano 2010 e hoxe tócalle o turno á segunda
entrega, de publicación relativamente recente. O seu autor é un
deses que xa apareceron por aquí en varias ocasións, Ken Follet, e
a novela que vos deixo é “El invierno del mundo”, dentro do que
o autor denomina “La trilogía del siglo XX”.


Como no caso da primeira,
é unha novela longa, preto das mil páxinas e que a min nalgún
momento puntual se me fixo algo pesada, aínda que nunca pensei en
deixala. Todos os acontecementos importantes deses anos aparecerán
con máis ou menos importancia dentro da historia. Empezaremos coa
ascensión do partido nazi e Adolfo Hitler ao poder en Alemaña,
pasaremos á Guerra Civil en España. De aí o núcleo central,
evidentemente, será a Segunda Guerra Mundial, o bombardeo de Pearl
Harbor, a guerra no Pacífico, rematando co lanzamento da bomba
atómica en Hiroshima e o inicio da guerra fría tras o remate da
guerra.
¿Por que me decepcionou
un pouco? Pois a verdade é que me resultou algo simple no que se
refire ao aspecto histórico da novela, máis centrado en historias
sentimentais e relacións entre personaxes que en ocasións cómense
outras cousas da historia e quítanlle interese. Creo que cando
comentei a continuación de “Los pilares de la tierra” dixen o
mesmo, que nalgunhas partes era demasiado culebrón, demasiadas
historias de amores e desamores que poden facer que o lector que
busca algo máis se perda un pouco, polo menos a min pasoume.
Evidentemente é necesario que o autor estableza unhas certas
relacións entre todos os personaxes da historia, pero creo que se a
súa intención é escribir unha crónica dos acontecementos do
século XX neste caso estas relacións parecen estar un pouco por
riba desa intención. Por suposto isto é unha apreciación persoal e
engado tamén que todas estas relacións, cruces, encontros e demais
están moi ben feitos e case aparecen como algo crible e natural,
pero en máis dunha páxina creo que duran demasiado e poden facer
que se perda o interese. Unha das cousas que máis me gustaran da
primeira entrega era o ben contado que estaba o inicio da Primeira
Guerra Mundial, os problemas entre países e como os personaxes
funcionaban dentro dese entramado. Neste caso non me pareceu que
tivera tanto esa intención. Quizais sexa porque parte da base de que
ese gran conflito é algo máis coñecido para a gran maioría dos
lectores, pero aínda así botei de menos algo máis de contido
histórico a ese respecto. Ademais diso creo que nalgúns casos da
unha visión algo tendenciosa e parcial dalgunhas situacións ou
feitos, case como tomando partido por algún bando concreto. Non vou
dicir en que momentos percibín este tipo de cousas, é algo que
prefiro deixar ao lector, que xulgue por si mesmo. Iso si, creo que
da unha visión demasiado simple, por exemplo, da Guerra Civil
española.
Si ten momentos que me
gustaron moito, iso é innegable porque non deixa de ser un dos meus
autores favoritos e son esas cousas as que fixeron que non deixara a
lectura, ben, iso e que ler a terceira entrega é algo que entra
dentro dos meus plans, por suposto. O ataque dos xaponeses a Pearl
Harbor, todo o que rodeou á fabricación da bomba atómica, algunhas
partes da guerra do Pacífico e os temas relacionados coa espionaxe
durante a guerra e algunhas cousas máis resultáronme entretidas e
interesantes. En cambio outros momentos que creo importantes
deixáronme algo máis frío, a maior parte do relato durante a
guerra europea resultoume quizais demasiado frío e pouco concreto,
salvo por algúns detalles que o salvaron case da mediocridade. Volvo
a dicir que é posible que Follet pense que xa hai demasiadas
historias centradas nesa época, contando tantas cousas que é
difícil engadir algo máis, pero aínda así botei de menos algo
máis.
Gustoume, pero ao mesmo
tempo decepcionoume un pouco. Nalgúns momentos se me fixo algo
pesada e case aburrida. Esperaba algo máis, distinto nalgunhas
cousas, menos centrado nas historias e relacións sentimentais entre
os personaxes e máis centrado nas cuestións históricas, que creo
que se quedan un pouco diluídas entre eses cruces de parellas, de
encontros, separacións e demais. Nalgúns momentos todo iso non está
nada mal, pero quizais se alonga demasiado, dálle demasiadas voltas
e iso fixo que me cansara un pouco, que tivera ganas de rematar esa
parte da historia e pasar a outra distinta e máis interesante, para
min, claro.
A pesar de todo creo que
é unha novela máis ou menos recomendable, sobre todo para os
seguidores do autor e os que tiveran lido a primeira parte. A súa
lectura foi case como subir nunha montaña rusa, con momentos que me
gustaron moito e outros que non tanto, como se te dera un forte
baixón, pero claro, tras ese viña moitas veces unha boa subida.
Creo que é algo irregular, pero aínda así pode facer que pasemos
un bo rato con ela. Para min a medio camiño entre unha novela
histórica máis ou menos seria e un medio folletín (con todo o meu
respecto para o xénero e os seus seguidores). E tamén cunha
perspectiva histórica quizais algo sesgada nalgúns momentos
precisos, pero iso xa é unha apreciación completamente persoal. Por
suposto que lerei a última entrega, quero saber que e con quen nos
vai contar eses últimos anos dun século XX cheo de claros e
sombras. Ademais teño a impresión de que pode ser a época máis
complicada e difícil de contar, esperemos a ver que fai Follet con
todos estes personaxes. Iso si, espero tamén que me digades que vos
pareceu esta de hoxe, a ver se coincidimos ou non.