jueves, 11 de octubre de 2012

"Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro", Ramón Nicolás




A recensión de hoxe ten un par de cousas que fan que sexa un pouco especial. A primeira delas é o autor. Ramón Nicolás é compañeiro de traballo desde hai 13 anos nas nosas labores docentes, pero por riba diso é un bo amigo, máis que un mero compañeiro, moitas charlas, cafés e demais apoian esta idea. Por outro lado o tipo de obra que comento tamén é algo que difire do que normalmente aparece por aquí. Deixarei as miñas impresións e opinións sobre unha novela dun xénero que non é dos que normalmente leo, o ensaio, neste caso un ensaio biográfico, aínda que penso que é un pouco máis que iso, que vai un pouco máis alá dentro deste tipo de obras. Ao principio sentinme na medio obriga de lelo, que menos cando o autor está preto, pero xa desde o principio notei que estaba narrada de tal xeito, sobre todo nalgunhas partes, que estaba seguro que de me ía gustar, como así foi ao final. O libro titúlase “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro”, publicado recentemente por Xerais e presentado en Vigo o pasado día 28 de setembro.
Ramón Nicolás naceu en Vigo en 1966. Licenciado en Filoloxía galaico-portuguesa pola Universidade de Santiago en 1989 e na actualidade profesor de ensino medio. Desde finais dos anos 90 dedica tamén parte do seu tempo á crítica literaria, conseguindo un lugar importante dentro do mundo da literatura galega. Colaborou en varios medios de comunicación, sobre todo en prensa escrita. Na actualidade publica semanalmente no suplemento “Culturas” de “La Voz de Galicia”, na revista “Biblos” e ademais unha páxina mensual na revista “Qué Leer”. Tamén colaborou no programa “Libro Aberto” da TVG. Ademais do seu traballo como crítico é tradutor e ensaísta. Dirixe a colección “Biblioteca das Letras Galegas”, de Xerais e recibiu o premio á cooperación editorial no ano 2004 pola súa labor como crítico literario. A web Fervenzas Literarias destacouno como mellor crítico literario dos anos 2008, 2009, 2010 e 2011, e na mesma web a súa tradución de “Sete casas en Francia”, de Bernardo Atxaga, foi considerada como a mellor na sección de tradución para adultos do ano 2009. No 2011 a tradución de “30 gramos”, de Lionel Moura, recibiu o Premio Lois Tobio da Asociación Galega de Tradutores, recibindo ese mesmo ano o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega pola súa traxectoria no xornalismo cultural. Entre outras obras “O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro” (1992), “Dicionario dos verbos galegos” (1992), “Entrevistas a Álvaro Cunqueiro” (1994), “Papeis de literatura” (2001), “Manuel Lugrís Freire. Vida e obra” (2006). Ademais coeditou outro bo número de obras ao redor das mesmas temáticas, boa parte delas centradas na figura de Celso Emilio Ferreiro. Este é un home do que sempre se sentiu preto, desde o ano 2011 é patrono da Fundación Celso Emilio Ferreiro e o resultado de todos estes anos de traballo sobre a súa vida e obra e o que vos deixo hoxe. Non podo esquecer tampouco a recomendación do seu blog, “Caderno da crítica” que poderedes atopar na seguinte dirección: http://cadernodacritica.blogaliza.org/

Celso Emilio Ferreiro nace en Celanova (Ourense) en 1912 e morreu en Vigo en 1979. Escritor sobre todo de poesía e algo de prosa, un dos persoeiros máis importantes do galeguismo antes, durante e despois da Guerra Civil. Unha infancia en Celanova, a súa participación na guerra, o exilio a Venezuela durante case oito anos e a súa volta na que se ve obrigado a vivir en Madrid, que é onde atopará traballo. Unha vida chea de cousas, de matices, de problemas, de alegrías e desencantos. Unha vida que non vou desvelar porque agora esta obra vai achegarnos a todas estas cousas. De paso teño que dicir que a maior parte delas descoñecidas para min. Evidentemente coñecía ao autor e a súa obra, pero gracias á novela de hoxe teño unha visión moito máis completa da mesma, completa e interesante, con moitas cousas que me chamaron a atención. Creo que ese desencanto foi unha das constantes da súa vida, iso e a poesía, claro, arma para sacar fóra todo o que tiña e tamén para loitar contra moitas cousas. Coñeceremos moitas historias, interesantes unhas e curiosas outras. Como a súa ilusión de rapaz era ter unha bicicleta e acabou cun burro, como lle pide a Camilo José Cela que lle consiga un cráneo de vaca portuguesa, como coñece a Moraima, a súa muller... Unha chea de datos, de momentos da súa vida, de detalles que fan que ademais de aportar unha visión moi completa sexa unha lectura entretida e moi agradable, en moitos momentos case como se estiveramos a ler unha novela e non un ensaio biográfico. É a primeira biografía editada deste home fundamental da cultura galega, centrada máis (e iso é o máis interesante) na súa vida, non na súa obra. Non é unha análise dos seus poemas, dos seus libros ou dos artigos, claro que se fala deles, pero como un elemento máis dentro dunha vida chea de momentos importantes.

Un relato da súa vida, feito por un lado con toda a obxectividade que da o material co que traballou o autor, pero ao mesmo tempo cun gran cariño pola persoa que se nota en moitos momentos. Hai varios capítulos a medio camiño entre o ficcional e a realidade nos que o autor imaxina escenas da vida de Celso Emilio, escenas que o lector vai vivir case como si estivera nelas, cun dominio da narrativa de ficción que non é algo normal neste tipo de obras. Non podo resistirme a deixar un breve fragmento deses capítulos, este en concreto é o inicio do 10, “Vésperas”:

A casa vai ficando baleira. Hai moito rebumbio nela, todo remexido, todo fóra do seu sitio en ben de tarecos esparexidos que non se sabe aínda se irán a parar aos baúis ou cumprirá desfacerse deles de vez..., semella como se levantasen o campamento logo dunha longa tempada instigando o inimigo, por riba este raro calmizo que reina nun estraño mes de maio como este.
CEF senta no seu despacho minúsculo da casa, hoxe máis escuro e tenebroso ca nunca: a mesa xa varrida dos poucos enseres que sempre tivo arriba dela, os andeis da biblioteca só deixan ver a poeira que delimitaba a posición dos vellos libros agora metidos en caixas, pasa un dedo pola madeira mentres prende outro cigarro...”

En momentos importantes e precisos da súa vida o biógrafo métenos dentro da mesma, imaxinando escenas e, sobre todo, sentimentos e sensacións. Creo que é un bo modo de facer máis humano e cercano ao personaxe, que os lectores teñamos unha idea de como era realmente, unha visión máis que sumar ao resto do que nos conta, axudando a coñecer realmente a Celso Emilio. Entre estes momentos novelísticos está o resto da súa vida contada tamén dun xeito ameno e fluído, que nunca se fai pesado para o lector. Unha morea de datos, de personaxes, de historias, de lugares resultado dun inxente e enorme traballo de investigación. Non creo que esaxere se digo que é unha innovadora maneira de achegarnos á biografía dunha persoa, moito máis interesante e amena que en outro gran número de ensaios e que pode crear un novo camiño para este tipo de obras.

A editorial cualifica a obra como “unha biografía monumental”, unha obra que percorre a vida dun autor fundamental da sociedade galega. Podo dicir con coñecemento de causa que o traballo realizado por Ramón Nicolás tamén merece ese adxectivo de “monumental”. Un traballo de máis de tres anos pero que comezou moito antes. Non creo que se poidan contar a cantidade de horas dedicadas a este libro. Moitos dos datos parten das cartas ás que tivo acceso ao longo dese tempo, escritas ou recibidas por Celso Emilio ou referidas a el. Centos de cartas, milleiros de documentos. Horas dedicadas a entrevistas a moitos dos que aparecen na obra. Intentos de contactar con outros que ao final non deron froito. Darlle forma a esta inxente cantidade de material non pode ser nada fácil, e moito menos conseguir estruturalo baixo a forma dun libro que se segue case como unha novela. Lecturas e relecturas, correccións, engadidos e cousas que puideron quedar no tinteiro por puro esgotamento. Creo que un dos méritos fundamentais deste “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro” é conseguir volcar todo este material do xeito que se fixo sen resultar unha lectura pesada, aburrida ou lenta. Gran parte desa documentación aparece baixo a forma dunhas interesantes e exhaustivas notas ao pe, así como unhas páxinas finais nas que se reflicten algúns dos máis importantes.

Como lle dixen ao propio Ramón Nicolás uns días despois de empezar a lela a miña crítica sobre a mesma foi “que me estaba a gustar moito, pero moito, máis do que eu esperaba cando a empecei”. Sentíame na obriga moral de lela, claro, pero sorprendeume desde o principio o estilo e a forma, o dominio do fío narrativo e a forma de contar moitas cousas. Xa dixen que eses capítulos nos que o biógrafo imaxina as cousas parecéronme moi bos, conseguindo que imaxinara máis dunha situación perfectamente.Quedoume gravada unha escena entre Celso Emilio e a súa nai chea de tenrura e sentimentos. E se ademais o resto tamén se lía ben pois mellor que mellor. Non podo rematar sen destacar dous dos últimos capítulos. “As amizades” é un, vainos dar unha idea da personalidade de CEF vista a través das súas relacións con algunhas persoas, amigos, inimigos ou as dúas cousas á vez. O outro que destacaría é o último, xa que me resultou un gran remate, o dedicado a Moraima, a muller do poeta; unha persoa fundamental en toda a historia, presente desde case o principio, non quería rematar a obra sen saber algunha cousa máis dela, e así foi, rematamos coa historia desta muller como unha forma perfecta de pechar o círculo da traxectoria vivencial de Celso Emilio Ferreiro.

CEF pensaba que os poetas eran inmorredoiros, que non eran soterrados, senón “enversados”, os seus versos permanecían para sempre. E cando alguén os le resucitan un pouco, eran “desenversados”, unha marabillosa expresión que unha vez máis demostra a gran personalidade e orixinalidade deste home ao que agora coñecemos máis e mellor.

Unha obra que creo que vai ser fundamental dentro do xénero e que permanecerá ao longo do tempo como unha referencia. Evidentemente eu son un lector máis que, ademais, coñece ao autor, pero isto non ten moito que ver coa perspectiva que teño da mesma.

Hai anos, uns cantos, tiña unha casete que creo que todos por aquí temos escoitado máis dunha vez. Gastada de tanto escoitala e que acompañou moitos momentos da miña xuventude, e algo máis despois. Pois a lectura desta biografía tróuxome de novo o recordo da música que soaba nela. “Aí ven o maio”, de Luís Emilio Batallán, no que musicaba varios poemas de autores galegos, entre eles varios de Celso Emilio Ferreiro, aquí queda, como remate, unha canción da mesma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario