
Estamos en xullo de 1999.
A protagonista, Blanca Perea, casada, nai de dous fillos, profesora
de universidade... Pero toda esta aparente vida completa verase
desfeita e rota por unha serie de acontecementos. O seu marido déixaa
por outra muller, os seus fillos xa son maiores e están algo lonxe
dela. A noticia da súa separación cae sobre ela como unha enorme
lousa que non se ve capaz de levantar sen fuxir do pequeno mundo que
a rodea. Antes de empezar o curso solicita algunha praza lonxe da súa
cidade para poder estar soa e tentar recompoñer un pouco a súa
cabeza. Aparecen varias oportunidades, pero elixe a que quede máis
lonxe, aquela que poña unha boa cantidade de terra de por medio. É
un traballo para alguén moito menos cualificado que ela, pero ese é
un detalle sen importancia, o fundamental é que está lonxe, ao
outro lado do océano. Aparece un traballo nunha universidade dos
Estados Unidos, un traballo que non parece ter demasiados alicientes
nin económicos nin intelectuais, pero de novo iso é o menos
importante. Marchará varios meses á Universidade de Santa Catalina,
en California, para rescatar e catalogar o arquivo bastante
abandonado dun antigo profesor español, falecido bastantes anos
atrás, Andrés Fontana. Nada máis chegar coñecerá á xente que
alí traballa, todos dispostos a botarlle unha man. Ademais diso terá
que enfrontarse a un almacén cheo dunha documentación que leva anos
alí gardada, de forma caótica e desordenada, un traballo inxente
que terá que afrontar. Rebecca Cullen estará disposta sempre a
axudala, e Fanny será unha especie de secretaria e rapaza para todo,
cunha misteriosa e seca nai. Dous homes aparecerán nesta nova etapa
da súa vida, o xefe do departamento para o que traballa, Luis
Zárate, e un estudoso da literatura española, Daniel Carter.
Entre todos estes
personaxes vaise tecendo unha historia formada por moitos elementos.
Varios fíos conforman a trama, tendo a estes personaxes como núcleo
de case todos eles en maior ou menor medida. A isto engadimos a
construción dun gran centro comercial nunha zona que boa parte dos
habitantes de Santa Cecilia queren conservar. Tamén a historia das
misións franciscanas en California, coñecidas como as misións do
Camiño Real. De repente verémonos trasladados á España dos anos
do franquismo nunha viaxe dun dos protagonistas que se nos vai
contando pouco a pouco a medida que avanzamos nos capítulos.
Estrañas relacións, historias de amor, desencontros, enganos,
cousas que parecen non ser o que son... Toda unha trama que parece
máis complicada do que en realidade é ao final. Un traballo que
para ela funcionaba como un escape vaise convertendo en algo máis,
en moito máis do que ela esperaba nun principio.
A primeira novela de
María Dueñas recibiu críticas de todo tipo, pero en xeral o
público acolleuna moi ben, as súas ventas foron realmente boas e
incluso algo sorprendentes para ser unha primeira obra dunha autora
descoñecida. As recomendacións entre os lectores funcionaron de
marabilla e chegou a ser durante moito tempo unha das novelas máis
vendidas e lidas. Incluso en breve teremos unha serie de televisión
baseada nela. A min persoalmente gustoume bastante. Pareceume unha
historia entretida, ben plantexada, a medio camiño incluso entre a
realidade e a ficción. E creo que ben escrita, cunha prosa
traballada e ao mesmo tempo fluída, que se lía con agrado e case
sen darte conta.
Con esta segunda novela
ao principio pasoume o mesmo. O seu inicio creo que foi moi bo,
subxectivamente falando gustoume moito esa dedicatoria a toda a xente
que se dedica ao ensino. O primeiro terzo da novela convenceume. A
forma de empezar a historia era bo, os personaxes tiñan un bo
desenvolvemento e estábame a convencer. A prosa da autora seguía
parecéndome boa, sinxela de ler e ben traballada. Pero a partir de
certo momento a miña opinión sobre a mesma foi cambiando pouco a
pouco. Deixo claro desde un principio que esta é unha opinión
completamente subxectiva, dun lector máis que opina sobre a lectura,
sen animo de sentar cátedra en absoluto. Creo que a historia vai
perdéndose pouco a pouco. Vai gañando en irregularidade e
diluíndose entre demasiadas cousas sen centrarse en ningunha delas.
Case pasa por riba de algúns personaxes ou algunhas situacións
misturando demasiadas cousas en poucas páxinas. A parte que
transcorre na España da ditadura xoga con elementos orixinais e
outros demasiado tópicos, preto do costumismo que ata certo punto
poden responder á realidade da época, e noutros non tanto. Creo que
incluso escapa pouco a pouco nalgunhas situacións dun certo aire de
verosimilitude que parece querer darlle. Creo que son demasiadas
cousas as que pasan e algunhas quedan pouco cribles dentro desa
historia de ficción. Resultáronme interesantes historias como a das
misións, os estudos sobre autores españois da posguerra ou o
traballo de investigación documental, pero en máis dunha ocasións
gustaríame que profundara máis sobre estes ou outros aspectos e
menos noutras cousas. Pouco a pouco a historia non é que deixara de
interesarme, tiña ganas de saber que pasaba, pero se ía convertendo
en algo bastante previsible, case como se soubera que ía pasar a
continuación, e normalmente non me equivocaba. Non deixa demasiadas
portas abertas á sorpresa, a que de repente o lector lea algo
inesperado e esa situación faga que o seu interese pola lectura
aumentara.
Non creo que sexa unha
mala novela, en absoluto, pero desde o meu punto de vista esperaba
algo máis a medida que ía avanzando nas páxinas. Sigo a dicir que
me gusta moito como escribe, pero a historia non queda todo o ben que
podería se se eliminaran algunhas cousas e reforzaran outras. Algúns
personaxes que prometían deixáronme ao final algo indiferente, como
se pasaran de repente de coñecidos a descoñecidos, como se
esperaras algunha cousa deles que ao final non chega.
Unha lixeira decepción,
aínda que non completa, creo que ten algunhas cousas boas pero
quedan difuminadas con outras que non mo pareceron tanto. Non foi
suficiente como para que deixara a lectura e non rematara a historia,
pero ao final custábame un pouco poñerme con ela. Con todo isto
espero non desanimar por completo a ninguén, é máis, espero que os
que xa a teñan lido ou vaian lela deixen por aquí as súas
impresión, a ver se coinciden ou non coas miñas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario