Este último fin de
semana tocou cine, que xa había tempo que apetecía. Iso si, tiñamos
intención de que fora algo tranquilo, como outras veces, pero
seguimos con ese costume de meter a grupos de nenos e nenas no cine
sen ningún adulto que os controle un pouco, celebracións de
cumpreanos que sigo sen entender demasiado, así como a razón pola
que van ao cine, porque a ver a película seguro que non. Ben, tras
esta pequena protesta seguimos co tema. Unha estrea deste último
venres, “La vida de Pi”. Nalgúns casos vou ao cine atraido pola
historia ou os actores, esta vez foi polo director, un deses que
sempre ten algo bo que contar, e sobre todo ben contado, cunha posta
en escena case sempre orixinal e distinta, imitada por outros pero co
seu selo persoal. A primeira película, creo recordar, súa que vin
foi “Tigre y dragón” e quedei fascinado tanto coa historia como
pola forma de contala. Era realmente chamativa a maneira de filmar os
combates, case como se un estivera a ver unha escena de ballet
clásico. O director desta orixinal historia é Ang Lee e a película
gustounos moito a todos os que fomos, aínda que a algúns se lle
fixo un pouco longa de máis, a min conste que non.


A min a película
gustoume moito. A primeira parte, cando nos conta a historia dos
primeiros anos de Pi resultoume fascinante. Unha historia moi
metafórica, chea de dobres sentidos e de reflexións sobre a vida
humana, as relacións entre as persoas ou a relixión. Todo contado
desde un punto de vista que mistura realidade e ficción, con
momentos a veces case ridículos misturado con elementos oníricos.
Vese cun continuo sorriso, desde os primeiros anos de colexio ata as
conversas cos seus pais á hora de comer, momentos realmente
curiosos. Logo ven a parte central, o naufraxio, que se ve dunha
maneira e chega a verse de outra parecida pero distinta cando
cambiamos, case ao final, a forma de velo. Tanto unha parte como a
outra teñen suficientes cousas interesantes como para que a historia
non caia en ningún momento. A cinta dura algo máis de dúas horas e
a min concretamente tívome atento e disfrutando en todo momento, sen
chegar a aburrirme nunca. Tamén é certo que a algunha outra persoa
das que viñan comigo non lle gustou demasiado e incluso se lle fixo
algo longa, como sempre a subxectividade é unha constante. Creo que
cada frase, cada palabra, cada escena ten algo que dicirnos, algo en
que pensar e reflexionar. Toda a historia está chea de contido. Unha
mistura perfecta entre realidade e fantasía, unha fábula chea de
contidos e na que poderemos preguntarnos onde está a fronteira entre
a fantasía e a realidade. En moitos comentarios falan de “realismo
máxico”, creo que é un bo apelativo para esta historia.
E hai que comentar aparte
a mestría coa que está filmada. Cando falei de Ang Lee xa dixen que
como director ten unha serie de cousas que o distinguen do resto,
incluso de moitos que seguen a súa estela. A historia está dirixida
por unha gran man e fai que sexa mellor do que é. En moitos momentos
é un auténtico espectáculo visual. As escenas da grandiosidade do
mar con ese pequeno barco en metade da nada, o uso dos reflexos dun
ceo diúrno ou nocturno no mar, os momentos tensos da historia...
Todos teñen algo que fará que a maior parte dos espectadores non
poidan permanecer indiferentes ante o que están a ver. O mesmo aire
de fábula marabillosa que ten a historia pode verse na forma de
contala, que axuda moitísimo ao argumento, é máis, sen esa mestría
visual estaríamos ante unha historia creo que incluso fría, sen
vida. Unha gran historia contada dunha maneira tan grande como ela
mesma. Coidada ata o mimo, con momentos de horror e de poesía nunha
mistura realmente boa, tanto no contado como no visual. Nos non a
vimos en 3D, peor lin por aí que realmente podía merecer a pena
vela así. Eu sigo a pensar que o 3D fai que, entre outras cousas,
perda algo de luz, de nitidez, algo que é fundamental para poder
disfrutala como se merece.
Os actores non son
demasiado coñecidos, salvo unha intervención case anecdótica de
Gerard Depardieu. Aínda así a parte central da historia está
interpretada por un actor chamado Suraj Sharma, nado na India e
completo novato nestas lides. Tendo isto en conta aínda lle dou máis
mérito, completamente convincente en todo momento, na desesperación,
na alegría, na tristeza, en todo momento creo que consegue
transmitir ao espectador aquilo que se pretende.
Para min recomendable,
amena, interesante e moi ben filmada. Con moito máis contido do que
pode parecer nun principio e con varias posibles lecturas. Espero que
vaiades ao cine, xa me diredes que vos pareceu.
No hay comentarios:
Publicar un comentario