jueves, 20 de diciembre de 2012

"El invierno del mundo", Ken Follet




Non son nada amigos dos tópicos, pero é ben certo que en ocasións cúmprense, máis que nada porque algunha base teñen. Digo isto por ese que di que “segundas partes nunca foron boas”, e o comentario de hoxe é sobre unha segunda parte dunha triloxía. A primeira comenteina aquí alá por novembro do ano 2010 e hoxe tócalle o turno á segunda entrega, de publicación relativamente recente. O seu autor é un deses que xa apareceron por aquí en varias ocasións, Ken Follet, e a novela que vos deixo é “El invierno del mundo”, dentro do que o autor denomina “La trilogía del siglo XX”.

Como xa houbo varias novelas de Follet a comentarios anteriores remítome para cuestións biográficas que xa apareceron. O que si vou deixar claro desde un principio é que, en xeral, as súas segundas partes estanme a decepcionar un pouco. Xa o dixen cando comentei “Un mundo sin fin”, a continuación de “Los pilares de la tierra”. Pois as mesmas cousas que atopei nesta que non me agradaron demasiado parece que se repiten nesta de hoxe. Non quero dicir que non estea ben, que non sexa entretida ou se lea con agrado e facilidade, pero non chegou a colmar as expectativas que tiña cando me puxen a lela, sobre todo tendo en conta que “La caída de los gigantes” gustárame bastante.

Neste caso afronta a historia partindo máis ou menos de onde a deixou na primeira entrega, alá polo ano 1933 e chegará pouco despois de rematar a Segunda Guerra Mundial, en 1949 como paso previo á guerra fría e o resto dos acontecementos importantes do século. Os protagonistas son os mesmos, evidentemente, as mesmas familias procedentes de diversos países que van cruzando os seus destinos de distintas maneiras. Nese sentido si é certo que segue a xogar de marabilla cos personaxes e facendo que se atopen uns cos outros en distintos momentos e circunstancias dunha maneira fluída e crible para o lector. Ademais, nesta parte da historia, o movemento de moitos deles entre países será continuo e algúns que empezan nos Estados Unidos acabarán en Inglaterra, Alemaña ou Rusia. As viaxes dos protagonistas con distintas funcións ou misións son continuas dentro da historia, motivados tamén polos acontecementos históricos que nos conta. Claro que agora entrarán os fillos e fillas das familias centrais, que levarán gran parte do peso da historia. Os pais da primeira entrega van deixándolle a testemuña aos seus descendentes que serán os que protagonizarán a maior parte da trama, pero deixando momentos moi importantes para os anteriores, que seguen a estar presentes en todo momento. En Estados Unidos temos á familia do senador Dewar, Woody e Chuck. No mesmo país acabou Lev Peshkov, que emigrara desde Rusia e con el os seus fillos Daisy e Greg. Ademais deles aparecerán varios personaxes históricos, como Roosevelt ou Harry Truman. En Inglaterra Boy e Andy son os fillos do noble Fitzherbert e Lloyd o fillo dos Williams. En Alemaña temos aos Von Ulrich, cos seus descendentes Erik e Carla, así como á familia Franck, Werner e Frida serán os que máis destaquen entre os seus fillos. Rusia era outro dos países centrais e alí temos ao outro Peshkov, o que se quedou cando o seu irmán tivo que emigrar e os seus fillos, Volodia e Ania. Ao seu redor unha boa cantidade de personaxes de diversos tipos e con distinto peso dentro da historia, uns máis importantes que outros, pero todos máis ou menos relacionados con estes que vos acabo de deixar, que quizais sexan os máis importantes. Ademais aparecerán dentro de cada país e en cada momento varios personaxes históricos con máis ou menos importancia dentro da historia. Iso si, a pesar de que como dixen, non me convenceu demasiado, sigo a pensar que o deseño de personaxes, a variedade nas súas formas de ser, pensar ou comportarse segue a ser unha das mellores cousas tanto da novela como do autor.

Como no caso da primeira, é unha novela longa, preto das mil páxinas e que a min nalgún momento puntual se me fixo algo pesada, aínda que nunca pensei en deixala. Todos os acontecementos importantes deses anos aparecerán con máis ou menos importancia dentro da historia. Empezaremos coa ascensión do partido nazi e Adolfo Hitler ao poder en Alemaña, pasaremos á Guerra Civil en España. De aí o núcleo central, evidentemente, será a Segunda Guerra Mundial, o bombardeo de Pearl Harbor, a guerra no Pacífico, rematando co lanzamento da bomba atómica en Hiroshima e o inicio da guerra fría tras o remate da guerra.

¿Por que me decepcionou un pouco? Pois a verdade é que me resultou algo simple no que se refire ao aspecto histórico da novela, máis centrado en historias sentimentais e relacións entre personaxes que en ocasións cómense outras cousas da historia e quítanlle interese. Creo que cando comentei a continuación de “Los pilares de la tierra” dixen o mesmo, que nalgunhas partes era demasiado culebrón, demasiadas historias de amores e desamores que poden facer que o lector que busca algo máis se perda un pouco, polo menos a min pasoume. Evidentemente é necesario que o autor estableza unhas certas relacións entre todos os personaxes da historia, pero creo que se a súa intención é escribir unha crónica dos acontecementos do século XX neste caso estas relacións parecen estar un pouco por riba desa intención. Por suposto isto é unha apreciación persoal e engado tamén que todas estas relacións, cruces, encontros e demais están moi ben feitos e case aparecen como algo crible e natural, pero en máis dunha páxina creo que duran demasiado e poden facer que se perda o interese. Unha das cousas que máis me gustaran da primeira entrega era o ben contado que estaba o inicio da Primeira Guerra Mundial, os problemas entre países e como os personaxes funcionaban dentro dese entramado. Neste caso non me pareceu que tivera tanto esa intención. Quizais sexa porque parte da base de que ese gran conflito é algo máis coñecido para a gran maioría dos lectores, pero aínda así botei de menos algo máis de contido histórico a ese respecto. Ademais diso creo que nalgúns casos da unha visión algo tendenciosa e parcial dalgunhas situacións ou feitos, case como tomando partido por algún bando concreto. Non vou dicir en que momentos percibín este tipo de cousas, é algo que prefiro deixar ao lector, que xulgue por si mesmo. Iso si, creo que da unha visión demasiado simple, por exemplo, da Guerra Civil española.

Si ten momentos que me gustaron moito, iso é innegable porque non deixa de ser un dos meus autores favoritos e son esas cousas as que fixeron que non deixara a lectura, ben, iso e que ler a terceira entrega é algo que entra dentro dos meus plans, por suposto. O ataque dos xaponeses a Pearl Harbor, todo o que rodeou á fabricación da bomba atómica, algunhas partes da guerra do Pacífico e os temas relacionados coa espionaxe durante a guerra e algunhas cousas máis resultáronme entretidas e interesantes. En cambio outros momentos que creo importantes deixáronme algo máis frío, a maior parte do relato durante a guerra europea resultoume quizais demasiado frío e pouco concreto, salvo por algúns detalles que o salvaron case da mediocridade. Volvo a dicir que é posible que Follet pense que xa hai demasiadas historias centradas nesa época, contando tantas cousas que é difícil engadir algo máis, pero aínda así botei de menos algo máis.

Gustoume, pero ao mesmo tempo decepcionoume un pouco. Nalgúns momentos se me fixo algo pesada e case aburrida. Esperaba algo máis, distinto nalgunhas cousas, menos centrado nas historias e relacións sentimentais entre os personaxes e máis centrado nas cuestións históricas, que creo que se quedan un pouco diluídas entre eses cruces de parellas, de encontros, separacións e demais. Nalgúns momentos todo iso non está nada mal, pero quizais se alonga demasiado, dálle demasiadas voltas e iso fixo que me cansara un pouco, que tivera ganas de rematar esa parte da historia e pasar a outra distinta e máis interesante, para min, claro.

A pesar de todo creo que é unha novela máis ou menos recomendable, sobre todo para os seguidores do autor e os que tiveran lido a primeira parte. A súa lectura foi case como subir nunha montaña rusa, con momentos que me gustaron moito e outros que non tanto, como se te dera un forte baixón, pero claro, tras ese viña moitas veces unha boa subida. Creo que é algo irregular, pero aínda así pode facer que pasemos un bo rato con ela. Para min a medio camiño entre unha novela histórica máis ou menos seria e un medio folletín (con todo o meu respecto para o xénero e os seus seguidores). E tamén cunha perspectiva histórica quizais algo sesgada nalgúns momentos precisos, pero iso xa é unha apreciación completamente persoal. Por suposto que lerei a última entrega, quero saber que e con quen nos vai contar eses últimos anos dun século XX cheo de claros e sombras. Ademais teño a impresión de que pode ser a época máis complicada e difícil de contar, esperemos a ver que fai Follet con todos estes personaxes. Iso si, espero tamén que me digades que vos pareceu esta de hoxe, a ver se coincidimos ou non.

No hay comentarios:

Publicar un comentario