Nalgún momento xa dixen
que hai unha serie de autores que practicamente sempre garanten unha
lectura entretida, amena e boa para pasar un bo rato. No caso destes
dous de hoxe, ademais, aportan tamén tramas ben montadas, personaxes
interesantes e ben deseñados, sempre con algo distinto e especial e
unha certa tensión argumental que conseguirá que a maior parte das
veces non podas deixar a lectura durante demasiado tempo. E digo
autores porque no caso do comentario de hoxe a maior parte das
novelas son autoría de dúas persoas. Conste que é algo que non
entendo demasiado ben, iso de como se pode escribir unha novela entre
dúas persoas. Non sei se un aporta a idea e o outro desenvolve a
mesma, se cada un vai escribindo unha parte ou se se poñen a
escribir entre os dous ao mesmo tempo, algo que me parece complicado.
A maior parte das súas novelas entran dentro do xénero de acción e
aventuras, en moitos casos de intriga política ou policial pero
sempre con historias moi ben plantexadas e desenvolvidas. Falo de
Douglas Preston e Lincoln Child. A maior parte das que escreben
xuntos forman parte dese tipo de sagas que teñen como núcleo a un
grupo de personaxes, pero ademais teñen novelas máis ou menos do
mesmo tipo escritas de xeito individual, en ambos casos case todas
merecen a pena.
Douglas Preston é un
autor norteamericano nado en 1956. Comezou o seu traballo como
escritor no Museo Norteamericano de Historia Natural de Nueva York.
Ademais de colaborar con Child é autor de varias novelas e libros de
temática científica, sobre todo ao redor da historia do sudoeste
americano. Ademais ten algunha novela non de ficción escrita xunto
ao autor italiano Mario Spezi, como “El monstruo de Florencia”,
investigación sobre unha serie de asasinatos en serie. A maior parte
das súas novelas están dentro da categoría dos best sellers e
traducidos a gran cantidade de idiomas. Tamén escrebe sobre
arqueoloxía en varias revistas americanas. No citado museo traballou
como escritor, editor e encargado de publicacións. A finais dos anos
80 deixou ese traballo para dedicarse a escribir a tempo completo. De
entre as súas novelas en solitario destacaría “El códice maya”
(2004), “Tiranosaurio” (2006) ou “Impacto” (2010).
Lincoln Child naceu en
1957. Tras os seus estudios traballou como asistente nunha editorial,
chegando despois a editor xefe. Editou numerosas antoloxías de
relatos de terror e contos de pantasmas. Posteriormente traballou
como analista de sistemas. Tras a publicación da súa primeira
novela, en colaboración con Preston, “El ídolo perdido” (1995)
deixou o seu traballo e dedicouse á escritura por completo. Das súas
novelas en solitario destacar “Armonía Letal” (2005) ou
“Infierno helado” (2009). Coñecéronse cando este editou unha
novela do anterior. Agora, aínda que viven lonxe un do outro,
escriben gracias ao correo electrónico e o teléfono.
A mistura entre un
historiador e un analista de sistemas informáticos danos un
resultado excelente. Todas as súas novelas están perfectamente
documentadas e as historias teñen un desenvolvemento impecable en
todos os sentidos. Todas entran dentro do xénero do thriller de
acción ou política con elementos do terror máis clásico nunha
mistura realmente boa. As historias son excelentes, pero destacan
tamén na creación de personaxes, sobre todo de algúns dos que son
fundamentais na mellor das súas sagas e das que levan, polo momento
e se non conto mal, doce novelas. Os personaxes centrais das mesmas
teñen unha serie de características que fan que sexan tremendamente
atraentes e algúns deles tan fóra do normal que novela a novela vas
descubrindo as súas motivacións, formas de ser e aquilo que os leva
a comportarse como o fan, sempre con sorpresas dentro das súas
historias persoais.
Creo recordar que a
primeira novela súa que lin e que me enganchou por completo foi “Los
asesinatos de Manhattan”, unha historia de misteriosos asasinatos
en serie. Aí coñecín por primeira vez a un deses personaxes que te
deixan encantado e que te fascinan desde un primeiro momento. Un
deses que quedará na historia do xénero como algo realmente xenial.
Un axente do FBI estraño, curioso e sempre con raras teorías que ao
final rematan por ser certas. Apoiado sempre por unha capacidade de
observación e razoamento por riba do normal e que deixa pasmados
tanto ao seus compañeiros como a unha serie de personaxes da policía
que o seguen de maneira fiel en todas as súas aventuras. Unha
mistura entre Sherlock Holmes, James Bond ou o típico detective das
clásicas novelas do xénero negro. Un home que mistura perfectamente
a acción coa calma e o razoamento. Non se asusta ante case nada e os
seus recursos son innumerables. Xa o seu aspecto, delgado, seco,
elegante, seguro de si mesmo ata irritarte... Este é Aloysius
Pendergast, posiblemente hoxe por hoxe o meu detective literario
favorito por unha gran cantidade de razóns. Procede de Nueva
Orleáns, a súa familia ten tendencia á loucura e algún estivo
ingresado nun psiquiátrico. Fala varios idiomas e domina todo tipo
de armas. Os seus métodos non sempre responden ao esperado, pero os
seus resultados están sempre por riba do que o lector podería
esperar. Un personaxe irrepetible e orixinal dentro do xénero. Ao
seu lado irán aparecendo outra serie de persoas que estarán
traballando máis ou menos ao seu lado ou enfrontándose a el. Dos
seus colaboradores máis habituais temos ao tenente da policía de
Nueva York Vincent D´Agosta, a antropóloga Margo Green, o
periodista Bill Smithback, a arqueóloga Nora Kelly, a estraña
protexida de Pendergast, Constance... Todos eles con personalidade e
características suficientes como para resultar interesantes. Ademais
novela tras novela iremos coñecendo algo máis das súas vidas, irán
relacionándose entre eles conformando un tecido cada vez máis
complexo. Os antagonistas serán sempre os asasinos, pero entre todos
eles e protagonizando varias novelas da saga, temos a Diógenes, o
malvado e perverso irmán do axente Pendergast, dous irmáns
instalados nos extremos do ben e do mal.
Como xa comentei a
primeira novela destes personaxes que lin foi “Los asesinatos de
Manhattan” (2003) e entretívome de tal maneira que tiven que ler
as anteriores e esperar con ganas as novas entregas. A primeira foi
“El ídolo perdido” (1995) e a última polo momento é “Sangre
fría” (2011). Todas elas parecéronme bos exemplos de literatura
de entretemento puro e duro e todas me gustaron, cunha excepción, a
titulada “El círculo oscuro” (2007). Pareceume a máis frouxa de
todas, cunha historia algo lonxe da norma e cun desenvolvemento un
tanto estraño, aínda así ten bos momentos. En case todas teremos
elementos fantásticos, moitos deles case homenaxes ás grandes
historias da literatura e o cine de terror, metidos dunha forma
realmente maxistral dentro da historia, aínda que algunhas veces
esas posibles intervencións fantásticas non o son tanto, chegando a
unha explicación racional de case todo o que pasa. Salvo nos casos
de algunha das últimas que si gardan unha estreita relación
(refírome as que tratan o tema do irmán de Pendergast por un lado e
a investigación da morte da esposa do axente por outro) podemos
lelas en calquera orde, non é algo imprescindible seguir a serie tal
como se publicou, pero se non a coñecedes eu recomendaría que
empezarades pola primeira e seguirades a orde. Os personaxes van
evolucionando, en ocasións temos referencias a aventuras anteriores
que normalmente non son imprescindibles para seguir a historia, pero
si para ter unha idea máis completa de como son os distintos
personaxes.
Recentemente publicaron
as dúas primeiras novelas dunha nova saga cun novo personaxe
central, distinto do anterior pero con algúns elementos en común.
De momento por aquí so apareceu a primeira, titulada “Venganza”.
Neste caso o protagonista é Gideon Crew, un home que aos doce años
foi testemuña do asasinato do seu pai, un famoso matemático que foi
acusado de traizón ao seu país. Aos 24 anos a súa nai, antes de
morrer, cóntalle que o seu pai era inocente e a súa morte foi a
consecuencia dunha conspiración. Así que lle pide que vingue a
morte do seu pai. Gideon elaborará un complexo plan, pero as cousas,
por suposto, non van ser tan simples. A verdade é que me gustou
menos que as anteriores, pero aínda así ten suficientes elementos
como para que lea a segunda cando se publique.
Son dous deses autores
que fan que teña ganas de ler as súas novelas ao pouco tempo de
aparecer publicadas. A verdade é que son moi afeccionado a este
xénero e non son demasiados os que saben facelo dándolle unha certa
orixinalidade, tensión e atrapando ao lector desde as primeiras
páxinas. Teñen unha forma de escribir moi visual, moi de cine e iso
axuda moito a ler con ganas e fluidez. Son historias con moito ritmo,
nas que sempre está a pasar algo e con sorpresas para o lector,
sobre todo na resolución dos casos e na forma de desenvolver as
tramas. Gústanme cando teño ganas de ler algo que non sexa nada
complicado pero que ao mesmo tempo teña un mínimo de calidade. Best
sellers, iso si, pero xa dixen máis dunha vez que ese apelativo
tampouco ten por que ser malo ou sinónimo de moi baixa calidade.
Preston e Child teñen un bo lugar dentro da literatura, as súas
novelas véndense a millóns en todo o mundo e son moitos os lectores
que esperan as súas novidades. Se non os coñecedes e vos gusta o
xénero non os deixedes pasar, estou seguro de que van ser do voso
gusto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario