martes, 13 de noviembre de 2012

Wilfred



Hai xa algún tempo do último comentario sobre series de televisión. A verdade é que ultimamente poucas novas estamos a ver, andamos máis con temporadas de estrea dalgunhas que estamos a seguir e pouco tempo queda para empezar outras. De todos modos algunha vai caendo, como é a que vos deixo hoxe por aquí comentada. Creo que é desas que ou gustan moito ou non se soportan, como soe ocorrer con esas que teñen un certo aire de humor, algo tan universal e ao mesmo tempo tan individual. No caso desta, so me gusta a min, cousas que pasan. A serie chámase “Wilfred” e ten, de momento, dúas temporadas en Estados Unidos, por aquí están a emitir a primeira delas en Fox.

É unha serie desas que antes eran moi habituais, das de vinte minutos de duración, cortiña, e de aire humorístico. Cando empecei a vela pensei que era outra das que rompen un pouco coa tónica habitual das series americanas, sobre todo polas formas e os personaxes. Díxenme que era outra desas distintas, que se apartan da corrección e do habitual. Claro que logo descubrín que non é exactamente unha serie orixinal, que é unha medio versión dunha serie australiana do ano 2007. Así que a orixinalidade ven de alá, pero tampouco lle quita mérito, xa que sendo como é entra dentro do que non soe vir do outro lado dos mares. Quero dicir que é unha serie excesivamente histriónica, cun punto de partida case ridículo, chea de momentos grotescos e algúns escatolóxicos, cun humor na súa maior parte bastante groso e directo, nada delicado. Vamos, unha das que podemos situar no outro extremo do que se soe considerar como “politicamente correcto”. Por iso dicía ao principio que é deas que gustan ou odias, non creo que ninguén quede no termo medio. Unha mistura entre o humor cínico, groso, alucinado e realmente bruto, pero ao mesmo tempo desprende un aire de tenrura que pode descolocar un pouco ao espectador.

Dous son os protagonistas centrais da historia. Por un lado temos Ryan Newman. É un avogado gris e triste, pouco contento coa súa vida e que, para poñer peor as cousas, perde o seu traballo. No primeiro episodio vemos como tenta suicidarse tomando unha boa cantidade de pastillas, que parecen non ter ningún efecto. Pouco despois a súa veciña lle pide que coide durante unhas horas ao seu can, xa que ten que ir traballar e non ten onde deixalo. Aquí empeza a trama central da serie. Cando ela chega co can a casa o que Ryan e nos veremos é a un estraño personaxe, un home cunha pinta bastante desastrada metido dentro dun enorme disfrace de can, este é o outro protagonista, o can Wilfred. Ryan achaca isto nun principio a unha alucinación estraña provocada polas pastillas. Rapidamente chama a súa controladora irmá, empeñada en dirixir a súa vida tal e como ela quere, que traballa como xinecóloga nun hospital, para preguntarlle polos efectos secundarios das pastillas que tomou, que evidentemente poden provocar todo tipo de efectos secundarios, entre eles alucinacións. Pero o tempo pasa e Wilfred segue aí, coa mesma pinta e falando e comportándose a medio camiño entre un can e un auténtico home sen a máis mínima educación e maneiras. Ademais fala con Ryan e manteñen conversas completamente coherentes. Pasa o tempo e a cousa segue así, pero todo isto axudará a Ryan a ver a súa vida doutra maneira e superar os seus problemas. Pasean pola cidade, todo o mundo ve a un home coa súa mascota, coa que charla, come, camiña... Todo é normal para o resto da xente menos para eles dous. Ademais Wilfred fuma, bebe e é afeccionado a varios tipos de drogas, todo un exemplo.

Como podedes ver o punto de partida é realmente estraño e ridículo. Aínda así a serie esconde no fondo de cada capítulo bastante contido. Practicamente todos os episodios teñen como título unha soa palabra, relacionada con aquilo que Wilfred axudará a Ryan a superar: felicidade, confianza, ira, medo, aceptación, respecto, orgullo, compaixón... A través dese humor burdo e directo ao mesmo tempo podemos extraer algunhas leccións, case todas elas bastante críticas coa forma de vida do mundo actual, co seu illamento, coa pouca preocupación polos demais, coa falta de amistade e confianza na xente... En todos eles tras ese marco ridículo e anómalo poderemos atopar máis dunha cousa interesante, sempre e cando sexamos capaces de soportar ao insoportable Wilfred, capaz de poñer ao seu novo amigo en situacións límite para axudalo a superar todas as súas limitacións persoais e as súas angustias. En certo momento, por poñer un exemplo do tipo de humor que aparece, Ryan lle di a Wilfred que non sexa racista, ao que el contéstalle que un can non pode selo, porque non distingue as cores. Pois nesta liña, xunto coa sexual e a escatolóxica, van moitos dos chistes da serie.

O protagonista é outro actor de cine que pasa á televisión, a ademais está a recibir moi boas críticas pola mesma. O bastante coñecido Elijah Wood, Frodo Bolsón na triloxía de “O señor dos aneis” é un dos dous elementos centrais da historia. A verdade é que está moi ben no papel dese home inseguro, con medos de todo tipo, incapaz de afrontar cambios na súa vida e que prefire renunciar a todo antes que, por exemplo, enfrontarse a irmá que lle consegue un traballo que el non quere no mesmo hospital no que está ela. O Ryan que é incapaz de pedirlle unha cita a súa nova veciña, a dona de Wilfred, da que empeza a namorar nada máis vela. Estáme a gustar moito nun papel que ademais ten bastantes variacións no seu comportamento e forma de actuar. Por outro lado o papel de Wilfred está interpretado por un actor ao que non coñecía de nada. Dicir que é o mesmo que fai o papel na serie australiana e que ademais é un dos guionistas da mesma, Jason Gann. Aínda dentro dese horroroso disfrace de can que parece saído duns saldos dunha festa de disfraces cutre está realmente ben. Insoportable nalgúns momentos, desagradable en moitos máis, egoísta noutros e nalgúns realmente preocupado polo seu novo amigo. Aínda que nunca teremos demasiado claro se as súas accións e comportamentos están enfocados ao seu propio disfrute e comodidade ou a tentar mellorar a vida do seu novo amigo Ryan.

De momento vin seis dos trece episodios que forman a primeira temporada e tras superar a sorpresa inicial polo desenvolvemento da historia estáme a gustar bastante. Quizais sexa por ese aire que ten que fai que sexa distinta ao que vemos habitualmente, non o sei. A verdade é que nalgúns momentos non é sinxelo non poñer unha cara de certo asco ante algunhas situacións, pero ao mesmo tempo en moitas outras é imposible non rir ben a gusto ou pensar por onde van ir as cousas, xa que case sempre tenta sorprender ao espectador con saídas inesperadas. Unha boa mistura entre acidez e tenrura que para min merece a pena e penso seguir vendo porque estáme a gustar bastante. De todos modos creo que podedes darlle unha oportunidade, que sempre queda a opción de non seguir con ela. Ademais creo que non é desas que necesitan seis ou sete episodios para saber se te vai gustar ou non, con ver un par deles xa te queda máis que claro por onde van ir os tiros, suficientes para tomar unha decisión de seguir con ela ou non. De momento son dúas temporadas de 13 episodios cada unha. Unha serie cun aire indie, case de cine independente traspasado á televisión. Xa me diredes que vos parece.

No hay comentarios:

Publicar un comentario