

Pedro Feijoo naceu en
Vigo en 1975. Estudou filoloxía pero se dedicou á música, cunha
traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns destacados
proxectos musicais galegos, en grupos como “Los Feliz” ou
“Lamatumbá”. Tras case doce anos no mundo da música decidiuse a
abrirse camiño como escritor. En 1997 publica o seu primeiro libro,
“Cousas do “Galicia”, por Castelao”, un ensaio analizando as
relacións entre este autor e o periódico vigués que dirixía
Valentín Paz Andrade. No ano 2005 publicou “Viva o Fu Remol”,
unha crónica na que analiza os moitos problemas do panorama musical
galego. En 2011 aparece o relato “O segredo do viaduto”, dentro
dun volume dedicado ao xénero curto do “XII Certame Literario de
relatos curtos Os Viadutos”. A de hoxe, “Os fillos do mar” e a
súa primeira novela longa e foi finalista do importante premio de
novela convocado pola Editorial Xerais.
O protagonista é Simón
Varela, vigués, estudou a carreira de Arquitectura en Barcelona, uns
estudos que lle levaron dez anos nada máis e nada menos. Leva unha
vida algo gris e a a súa mediocridade como arquitecto é patente. Os
poucos encargos que lle caen son de pouca ou ningunha importancia,
pequenos arranxos cos que vai tentando sobrevivir. Un día recibe a
chamada de Isabel Llobet, unha das mulleres máis adiñeiradas e
coñecidas da cidade de Vigo, onde transcorre a historia e que xunto
cos seus arredores convértese nun personaxe máis. Ela quere que lle
faga unha pequena reforma nunha fonte que ten no seu pazo de Canido.
Simón sorpréndese moito ante este encargo, de tan pequena
envergadura como todos os que recebe, mais neste caso a diferencia
radica en quen llo fai, alguén moi coñecido e con moito diñeiro.
Como é posible que o chamara? Evidentemente non está para rexeitar
traballos, así que colle o seu vello e destartalado coche e alá
vai. Ao primeiro que coñece é a Ernest Rovira, secretario e avogado
da familia. Aos poucos días de comezar o traballo, e tras desmontar
as pedras da fonte, atopa unha gruta subterránea, de onde nace o
manancial, e nela un misterioso cofre. Case ao mesmo tempo a señora
Llobet aparece morta na súa habitación. Simón pensa que alá foi a
súa posibilidade de traballar e gañar algún diñeiro, pero non
será así. Asiste ao funeral de Isabel Llobet, a medio camiño entre
o respecto e unha certa amistade, e tras el o secretario comunícalle
que terá que asistir á lectura do testamento, xa que parece estar
incluído nel. Oirá falar do defunto marido da señora Llobet, Eneas
Dafonte e coñecerá aos fillos da parella. Xulio Dafonte, un
presunto mafioso, contrabandista e metido en negocios escuros. Ela é
Mariña Dafonte, unha muller que lle chamará a atención desde o
primeiro momento, cando a ve no funeral. A partir da lectura das
últimas vontades Simón verase metido case sen querelo nunha
historia chea de misterios, perigos, enganos e riscos na que parece
estar implicada toda a familia. Quizais o que menos entenda é que
pinta el en toda esa historia.
A historia ten elementos
de novela negra, de aventuras, unha boa dose de intriga para o lector
e incluso algúns momentos de calma nos que se van forxando relacións
de amistade, amor... Incluso podemos dicir que ten algunhas pingas de
novela histórica en varios sentidos, con momentos que parten da
coñecida batalla de Rande en 1702 ata a Guerra Civil española, a
Segunda Guerra Mundial e os nazis alemáns. Parécevos unha estraña
mistura? Pois eu penso que o autor manexa todos estes distintos datos
e momentos cunha mestría destacable para ser a súa primeira novela
longa, xa que en ningún momento a conexión entre estas pasaxes da
historia aparece ante o lector como algo forzado, ridículo ou pouco
crible. A historia non cae en ningún momento no estrambótico, para
o lector todo transcorre dun xeito natural, como algo que podería
pasar pero sempre con ese aire de ficción que toda novela de
aventuras debe ter. Desde o momento da apertura do testamento a
acción non decae, sempre está a mover aos personaxes dun lado a
outro, xa sexa fisicamente ou rompéndolles a cabeza con enigmas ou
situacións que non saberán interpretar nun primeiro momento.
Ademais a trama e o
desenvolvemento están salpicados cun ton entre humorístico e
sarcástico, na súa maior parte protagonizado por Simón, un home
normal con un bo aire crítico e cáustico en moitos momentos, sobre
todo naqueles nos que se ve metido en situacións impensables para
el. O estilo é sinxelo e ao mesmo tempo ben traballado, con moitos
matices e momentos para todo. As descricións son breves e concisas,
suficientes para facerse unha idea das cousas, e máis para os que
coñecemos a cidade na que transcorre a historia. A verdade é que
nese sentido vai facelo tan ben que creo que os lectores que non a
coñezan terán ganas de facelo. Vigo e os seus arredores, claro, que
tamén teñen unha boa participación na trama e que non vou
mencionar porque quizais iso sería destripar un pouco a historia, e
o mellor é viaxar con Simón por todos eses lugares mentres
avanzamos na solución dos varios misterios que atoparemos.
Pareceume unha novela moi
entretida, amena e con momentos divertidos, teño esbozado máis dun
sorriso mentres pasaba as páxinas. Unha historia nada pretenciosa e
coa intención fundamental, creo eu, de entreter ao lector cunha
intriga ben montada, uns personaxes interesantes e con personalidades
ben definidas. Unha boa historia, uns bos personaxes e cun
desenvolvemento interesante, non creo que se poida pedir máis. As
miñas lecturas teñen moitos obxectivos e un dos fundamentais é o
entretemento, pois esta conségueo con creces. Creo que son
necesarias novelas deste tipo en galego para animar aos lectores a
facelo nesta lingua. Ademais é unha historia axeitada para calquera
idade e creo que incluso podería ser do agrado dos alumnos de
calquera instituto de Galicia, eses aos que queremos animar á
lectura dándolles novelas que lles poidan gustar e atrapar a todo
tipo de lectores. Recoméndoa non so nese ambiente, senón para
calquera que queira pasar un bo rato lendo unha novela de aventuras
nun sentido bastante clásico do xénero. Creo que incluso unha boa
historia con aires cinematográficos, tería escenas realmente
espectaculares, cando a leades saberedes por que o digo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario