viernes, 26 de octubre de 2012

"Ahora y siempre", Jack Finney



Hoxe imos cunha novela de ciencia ficción no seu sentido máis clásico, tanto polo autor, a época de publicación ou a temática. Chegoume por unha recomendación nada máis e nada menos que de Stephen King. Que ninguén pense que falei con el nalgún momento, para nada. Ao final da súa novela “22/11/63” que comentei non hai demasiado tempo aparece citado este autor e esta novela, e dela di King que é unha das mellores historias sobre viaxes no tempo que tiña lido. Así que me chamou a atención porque non a coñecía e ao autor pouco, a verdade. Agora, tras lela, non sei se é unha das mellores sobre o tema, quizais o paso do tempo quitoulle algo, pero en xeral gustoume bastante. O autor é Jack Finney e a obra titúlase “Ahora y siempre”.

Jack Finney é un autor nado en Milkwaukee en 1911, falecido en 1995. A maior parte da súa produción literaria entra dentro do xénero da acción e a ciencia ficción. Quizais a máis coñecida foi a que deu lugar á película “Os ladróns de corpos”, da que hai varias versións. O seu nome completo é Walter Branden Finney. Traballou nunha axencia de publicidade en Nueva York durante moito tempo. A principios dos anos cincuenta trasladouse a California, onde viviu o resto da súa vida. A maior parte das súas historias son contos ou novelas curtas, moitas delas publicadas orixinalmente en periódicos e revistas do xénero. Empeza a súa carreira nos anos 40. O seu primeiro conto, “The widow´s wall” apareceu na coñecida revista de misterio “Ellery´s Queen”, gañando un concurso convocado pola mesma. A comezos dos 50 abandona o mundo da publicidade e convértese en escritor a tempo completo, producindo oito novelas, varias coleccións de contos e dúas obras de teatro. A súa primeira novela aparece en 1954, “Five against the house”, que foi levada ao cine ao ano seguinte. En 1955 aparece a súa historia máis coñecida, “Os ladróns de corpos”, publicada por entregas e adaptada ao cine por primeira vez en 1956. Algúns consideran que con ela sentou as bases da novela moderna de terror. En 1959 publica “Asalto al Queen Mary”, unha novela de acción que tamén chegou ao cine. O seu maior éxito foi “Ahora y siempre”, aparecida en 1970 baixo o formato de novela ilustrada. En 1987 gañou o “World Fantasy Award”, premio en recoñecemento a toda unha carreira. En 1995 aparece de modo póstumo “From time to time”, unha continuación de “Ahora y siempre”.

O protagonista da historia é Simon Morley, un ilustrador dunha axencia de publicidade de Nueva York, algo máis de trinta anos e cunha vida bastante rutinaria. Cun traballo no que o que menos importancia ten é a creatividade e con algunhas amistades máis ou menos importantes, algunhas relacións persoais bastante superficiais e pouco máis. Mantén unha relación con Katie, peor é case tan pouco apaixonada como o resto das cousas que o rodean. Ela ten unha tenda de antigüidades, onde vende e restaura todo tipo de cousas. Parece que a tenda atrae máis a Simon que a propia Katie. Alí atopa obxectos e fotos dun pasado que lle fascina e que fai funcionar a súa imaxinación. Un día un estraño personaxe achégase a el cunha proposta máis estraña aínda, facer unha viaxe ao pasado. Algo que a Simon por un lado atráelle enormemente pero que por outro pon en marcha as súas dúbidas, sobre todo no que se refire á posibilidade real de dita proposición. Acepta e é enviado a un estraño almacén, que non é máis que unha tapadeira dun proxecto secreto do goberno dos Estados Unidos. Alí coñecerá a unha boa cantidade de personaxes tan estraños como o único ao que xa coñece. Tras unha exhaustiva batería de probas para comprobar a súa idoneidade para o experimento é aceptado. Verá que hai mais xente como el, que esas persoas o teñen investigado a fondo, coñecen toda a súa vida, os seus gustos, as cousas que fai, absolutamente todo. O paseo polas distintas zonas da instalación é unha proba para a súa capacidade de asombro, xa que verá de todo. Cada persoa está inmersa unha especie de decorado inmenso que reflicte a época, a forma de vida ou o ambiente da época que vai visitar na súa viaxe temporal. Parece o mellor candidato de todos os que teñen pasado por alí, así que se ve en posición de poñer unha condición. Quere ir ao Nueva York de 1882, unha nota que lee en presencia de Katie é o motivo, quere ir para poder interpretar completamente dito papel, saber que pasou e por que. Así porase a vivir durante un tempo no ambiente que lle espera, sen saber se todo iso é realidade ou fantasía. Unha pequena viaxe duns minutos bastaralle para comprobar que realmente é posible, pode viaxar no tempo. Trala proba pasará un tempo en Nueva York, pero todo vai complicarse pouco a pouco. Este novo mundo antigo chámalle a atención enormemente, así que mentres convive cos seus antepasados dedicarase a anotar, debuxar ou fotografar todo o que ve, a súa propia cidade pero moitos anos antes, igual nalgunhas cousas e completamente distinta noutras.

En liña xerais a novela gustoume bastante, ten elementos orixinais, unha historia ben levada e momentos realmente bos. Pero houbo algunhas cousas que me cansaron un pouco e rompían co fío xeral da trama e podían chegar a facerse algo pesadas. O personaxe de Simon vive fascinado pola época á que vai viaxar e iso fai que as descricións de edificios, rúas, persoas, listados de invitados a unha festa...as veces fanse un pouco pesadas. Ademais como foi publicada como unha novela ilustrada está chea dos debuxos que o protagonista fixo, das fotos que el e outros tomaron, de imaxes de periódicos da época. Evidentemente contribúe a que o lector fágase un marco realmente perfecto da época e das distintas formas de vida do Nueva York de finais do XIX, pero para un lector que queira concentrarse na historia e no que ocorre pode chegar a sobrar, polo menos algunha delas. Iso si, a maior parte dos acontecementos que o autor conta son reais e ocorreron máis ou menos como el o fai, incluíndo aos seus personaxes de ficción. Non os vou contar, porque sería entrar demasiado na historia, pero no epílogo final saberedes a que me estou a referir.

O protagonista é un personaxe interesante e divertido, fascinado polo pasado e atrapado nese mundo que tanto lle gusta, moito máis que o seu, que case lle parece falso e baleiro. O resto dos personaxes da historia tampouco quedan atrás. Todos eles, sobre todo aqueles cos que ten contacto no pasado, son realmente bos. A historia que nos conta, aínda parecendo simple nun principio, veremos como pouco a pouco vai tomando algúns camiños sorprendentes e cambiando case constantemente. Por iso a veces ese uso excesivo da descrición pareceume algo pesado, porque o que eu quería era que a historia avanzase para ir vendo que pasaba con Simon e os demais.

En xeral unha novela de ciencia ficción bastante recomendable. Se sacamos algúns deses pasaxes que mencionei, que se concentran sobre todo na parte central da historia, é máis que interesante e entretida, e sobre todo con algunhas sorpresas para o lector, que sempre está ben que non nos esperemos algunhas cousas. A historia está ben desenvolvida e ten moitos bos momentos que gustarán, polo menos a min gustáronme. Os dous personaxes protagonistas teñen moito que contar, e os seus antagonistas tamén en moitos sentidos. As últimas páxinas parecéronme do mellor sobre o tema de viaxes no tempo que teño lido en moito tempo e creo que a Stephen King influíronlle nalgúns aspectos á hora de escribir a súa última novela. Recomendable para os afeccionados á ciencia ficción, os que non o sexan tamén poderán pasalo ben con ela.


No hay comentarios:

Publicar un comentario