Hoxe toca outra recomendación televisiva, unha serie que estou a ver neste momento. Levo dez capítulos dos trece que a compoñen (polo menos na súa primeira temporada, porque vexo que ten unha segunda) e non sei se darme un atracón para rematala dunha vez, porque o grao de tensión e intriga que nos produce é bastante alto. Vamos, que quero saber xa quen é o asasino ou asasina, ademais de algunhas outras cousas. A verdade é que está bastante ben, dándolle un xiro algo distinto ao que estamos habituados, sobre todo no que se refire ao aspecto visual e ao ritmo dos acontecementos. Falo de “The Killing”, que esta semana pasada rematou de emitir FoxCrime, aínda que tamén se pode ver desde hai pouco nalgún outro canal. En concreto estamos a ver a versión americana, xa que en realidade parte dunha serie danesa, “Forbrydelsen” que tivo gran éxito no seu país e que os americanos, en coprodución cos canadenses, decidiron adaptar, aínda que como comentarei dentro dunhas liñas, dunha forma un tanto especial.
Estamos ante unha serie que entraría dentro do xénero do thriller, de investigación pero algo lonxe das habituais deste momento, pouco ten que ver cos distintos CSI ou todas esas que agora están centradas na investigación forense, deixando un pouco de lado o aspecto digamos “tradicional” da simple e mera investigación policial, do traballo da policía sen ter en conta elementos científicos, probas de ADN e ese tipo de cousas que agora vemos como algo habitual. Nese sentido ten un aire de serie de hai anos, de aquelas que vía cando era algo máis novo pero cunha temática e un aspecto máis moderno e máis directo en moitos momentos.
A historia céntrase nunha inspectora que o último día de traballo na policía de Seattle atópase co asasinato dunha adolescente que aparece no maleteiro dun coche que sacan dun lago. Por un lado temos á inspectora Sarah Linden, a punto de marchar a vivir a Sonoma (California) con seu fillo Jack e Rick, o home co que ten pensado casar. Pero estes plans vense rotos cando Rosie Larsen desaparece tras unha fin de semana e unha festa no instituto. Nese momento tamén un novo policía chega á comisaría, Stephen Holder, procedente da brigada de narcóticos. Sarah ten que marchar, pero inicia a investigación da desaparición da rapaza como un último favor para o seu xefe e tamén para iniciar a Stephen nas formas de traballar no seu novo destino. Pero ve algo no seu novo compañeiro que non lle gusta demasiado, a súa forma de traballar, a súa maneira de interrogar á xente, algo que non lle da boa espiña. Isto, sumado á aparición do cadáver, fai que pospoña esa marcha, pero as cousas vanse complicar e ese traslado vaise demorando cada vez máis, e xunto con isto chegan os problemas persoais. Ao mesmo tempo temos unha auténtica guerra pola alcaldía de Seattle, un enfrontamento entre dous candidatos no que todo vale con tal de conseguir o obxectivo, ser alcalde. Ademais estes personaxes tamén se verán inmersos dentro da investigación. Por un lado temos á persoa que ten o cargo nese momento, o alcalde Lesley Adams; por outro, con moita maior presencia dentro da historia, o aspirante, Darren Richmond e o seu equipo. Dentro deste destacan por riba de todos os seus dous axudantes máis directos, unha muller que mantén unha relación sentimental con Richmond, Gwen Eaton e Jamie Wright, o home capaz de calquera cousa con tal de acadar os obxectivos que quere. De todos modos, xunto cos dous investigadores, outra parella centra a acción, os pais de Rosie, Stan e Mitch Larsen, desfeitos por un acto que non entenden, descubrindo cousas sobre a súa filla que tampouco alcanzan a entender. Ela moito máis afectada que el, tanto que incluso descoida aos seus dous fillos pequenos, pero é incapaz de reaccionar. Quere saber por riba de todo que pasou, quen foi o asasino da súa filla e, xunto con isto, irá descubrindo cousas que mais lle valería non saber. Todos estes e algún máis forman o núcleo do argumento e partimos da base de que algún deles asasinou a Rosie, aínda que tampouco saibamos, supoño que ata o final, por que.
Para algúns críticos recorda en algúns momentos a un clásico da televisión, a coñecida e famosa “Twin Peaks”, que no seu momento dirixiu David Lynch. Creo que aquela era algo máis innovadora e distinta, sobre todo no que se refire ao ambiente e o desenvolvemento, pero é posible que algunha relación poidan ter. Como dixen está baseada nunha serie danesa (que so ten unha temporada que eu saiba) e nótase bastante que tentaron manter un pouco o aire “europeo”. Hai que ter en conta, polo que vin, que contaron coa maior parte do equipo que fixo a orixinal e incluso para algúns episodios recorreron a unha directora europea con certo renome, Agniezska Holland e incluso a algún actor que tampouco é norteamericano. Por iso non ten para nada o típico aire de serie americana, non é nada espectacular en ningún aspecto, non hai persecucións, enfrontamentos físicos, moito movemento; todo o contrario, é unha historia baseada en boas interpretacións e un guión impecable que continuamente xoga co espectador levándoo en todo momento por onde queren os guionistas. É unha serie lenta, moi lenta en canto ao desenvolvemento da acción, pero iso non a fai aburrida en absoluto. Consegue crear un grao de tensión bastante alto e ten máis dun momento realmente brutal. Case podería dicir que ten un aire moi realista, case como se estiveramos a ver un documental pero meténdose moito na pel dos personaxes. Os finais de cada capítulo son como os desas novelas que rematan sempre con tal grao de incerteza que non podes deixalo e tes que ler o seguinte. Neste caso o malo, claro, é que para o seguinte terás que esperar unha semana; iso se non fas como eu, que os tiña gravados e agora véxoos día a día, e algúns días custounos un pouco non ver o seguinte, non o fixemos por un lado pola hora que era e por outro porque estabamos case seguros de que iso levaríanos a ver máis de dous, porque sempre pasa o mesmo.
Creo que merece moito a pena vela. Os guionistas xogan co espectador, dunha forma cercana, algúns críticos o din, ás novelas de Agatha Christie. Practicamente todos os personaxes nalgún momento poden chegar a ser sospeitosos, e algún parece evidente tal e como se desenvolven os acontecementos, dunha forma moi clara. Cada episodio avanza un pouco, acendendo algunhas luces e apagando outras, pasando dun posible asasino a outro. Ademais non hai un so personaxe que sexa claro e transparente, todos esconden algo, son moito máis do que parecen ser. Todos eles teñen algunha historia no seu pasado que agora, coa tensión deste asasinato, sae á luz. Durante moito tempo un pregúntase por que ese personaxe fai iso, que lle leva a actuar como o fai ou que esconde tras ese pequeno movemento. Este é un aspecto máis para ter a atención do espectador de forma continua.
Por outro lado os actores están realmente ben. A maior parte, salvo un par, son caras para min descoñecidas, pero creo que máis de un promete. Os papeis principais están todos impecables. A policía, unha muller pequena de estatura, tan chea de problemas como de fortaleza, borda a esa inspectora que se enfrasca no caso e deixa todo de lado, ata a súa complicada vida familiar, e obsesionase na súa resolución, sen que haxa nada que poida parala. O seu novo compañeiro, un dos máis misteriosos, cheo de claroscuros, tamén me gustou moito. Os pais de Rosie, el tentando levar unha vida normal tras o desgusto e atender aos seus dous fillos, mentres a tristeza e o tormento van máis por dentro que por fóra. A súa muller, que queda completamente desfeita polo brutal feito, centrada no seu sufrimento e nos recordos. O candidato a alcalde, honrado unhas veces e non tanto outras e os asesores que o rodean, envoltos nun mundo onde todo vale con tal de conseguir o obxectivo político. Y non deixemos de lado á cidade de Seattle, gris, onde non para de chover en case todo o día, sinistra e chea de lugares que, como os personaxes, parece esconder moita máis violencia do que parece.
Como dixen ao principio estou a ver a versión americana, e creo que vou chegar ao último capítulo e quedarme case como estaba, pero con máis interrogantes, porque vexo que ten unha segunda temporada e algúns personaxes coinciden, así que dáme que imos ter que esperar á segunda para saber quen matou a Rosie Larsen e por que. O orixinal danés, polo que vin, creo que ten unha soa temporada, así que os que elixiran esta poderán descubrilo. Sexa unha ou outra eu vola recomendaría, se xa a vistes, estades niso ou caerá nalgún momento xa me diredes que vos parece.
No hay comentarios:
Publicar un comentario