viernes, 16 de diciembre de 2011

"Acero puro"




Este último fin de semana tocou sesión de cine, e tendo en conta como anda a carteleira nestas datas que se aproximan, de vacacións, festas de Nadal e esas cousas, non quedou máis remedio que poñernos diante dunha película desas que chaman de “cine familiar”, unha que valera para todos os públicos e de paso entreter a toda a unidade familiar. Ao final a película resultou entretida e cumpriu con creces o seu obxectivo, así que pode ser das máis ou menos recomendadas se queredes, simplemente, pasar un bo rato no cine sen demasiadas complicacións. Falo dunha estrea recente, titulada “Acero puro”.

A historia en si xa a vimos infinidade de veces posta de muchas maneiras, pero sempre coa mesma base. Pai que de repente ten que facerse cargo do seu fillo ao que non ve desde hai tempo porque a súa nai morreu. Moitas historias parten deste suposto, nunhas é o pai, noutras a nai e nalgunhas máis un parente máis ou menos directo. Todos sabemos perfectamente como van rematar, sobre todo tendo en conta que falamos dunha historia pensada para todos os públicos. Esta liña argumental logo pode aderezarse con distintas circunstancias para convertela nunha comedia, un drama ou incluso, como é o caso desta, nunha historia máis ou menos de acción. Iso si, os elementos típicos de superación persoal, establecemento de novos lazos familiares, cambios nas relacións ou nas formas de ver a vida están presentes tamén nesta. Aínda así, sen aportar case nada novo nin distinto, consegue entreter bastante e ten algúns bos momentos.

Estamos no ano 2020, unha época na que os combates de boxeo entre persoas xa non se celebran, agora substitúense por combates entre robots no mesmo tipo de ring e co mesmo tipo de público, apostas e emocións. Charlie Kenton é un ex-boxeador que agora dedícase a ir cun robot buscando boas pelexas coas que sacar algo de diñeiro. De todos modos é o típico caso de perdedor encantador, con débedas, enganos, préstamos non pagados e ese tipo de cousas. Agora co único robot que ten vai polas feiras dos pobos de Estados Unidos tentando dar algo de espectáculo. Ao principio vai enfrontarse a un gran toro de rodeo nunha desas feiras. Recibe a noticia de que a súa ex-muller morreu e ten que ir a un xuizo no que se lle solicita que renuncie á tutela dun fillo ao que non ve desde hai tempo para que a tía do neno poida facerse cargo del. Charlie non quere telo con el, ve que pode sacar algo de diñeiro e a cambio dunha boa cantidade, que lle permitirá mercar un novo e máis decente robot, comprométese a facerse cargo de Max durante dous meses (xa que o marido da súa tía quere ese tempo para facer unha viaxe). Por suposto os inicios da relación non van ser sinxelos, como é de esperar. Polo medio está tamén Bailey Tallet, a filla do antigo entrenador de Charlie, coa que mantén unha certa relación sentimental e que dirixe o ximnasio no que este adestraba, ademais de dedicarse a botarlle unha man coas reparacións e mantemento dos robots. Co diñeiro conseguido merca un novo e flamante robot, pero a súa ambición fai que a xogada non lle saia ben. Tras isto entran nun almacén de pezas para tentar reparalo, e aí Max atopará a Atom, un antigo robot dunha xeración moi anterior aos usados nese momento. Entre estes dous personaxes vaise establecer unha relación especial, Max quere adestralo para loitar nos rings, algo que Charlie non ve nada claro. A partir de aquí máis ou menos todos podemos supoñer por onde irán os tiros.

O director é Shawn Levy, un especialista neste tipo de cine cuns resultados que vou cualificar de medios, sen destacar demasiado pero case sempre con producións entretidas. Da súa dirección saíron as dúas “Noche en el museo”, “La pantera rosa” ou “Doce en casa”. En canto aos actores quizais sorprende un pouco ver no papel protagonista a un dos actores máis coñecidos de Hollywood, Hugh Jackman (entre outros papeis importantes, o Lobezno da Patrulla X), que está moi ben no papel dese antigo boxeador golfo, simpático, timador, sempre buscando o diñeiro e deixando un pouco de lado os sentimentos (aínda que no fondo ten, claro) tentando recuperar as antigas sensacións e lavar algunhas frustracións. A verdade é que a súa participación, partindo de que é unha historia de ficción, dálle algo máis de credibilidade ao papel. Max é o rapaz Dakota Goyo, saído fundamentalmente da televisión. E o papel feminino é para outra coñecida actriz televisiva, Evangeline Lilly, a Kate de “Perdidos”.

A historia está baseada nun relato de Richard Matheson, un clásico da ciencia ficción ao que moitos coñeceran como autor de novelas e relatos curtos, “El hombre menguante” ou “Soy leyenda” (con dúas adaptacións para o cine) quizais sexan as súas historias máis coñecidas. Dicir “baseada” quizais sexa algo esaxerado. O relato do que parte titúlase “Acero”, unha historia curta que lin despois por curiosidade. Desta toma a idea dos combates de boxeo entre robots, pero nada de nada máis, salvo ese detalle case non ten nada que ver a historia de Matheson coa da película, iso e algúns elementos relacionados co boxeo. Así que imos dicir que está “moi, pero que moi libremente” baseado no citado relato, que de todos modos, recomendo, é curtiño pero curioso.

No que se refire á película, como xa dixen, é entretida, un mero pasatempo recomendable para pasar hora e media sen pensar en moito máis. As interpretacións responden ben ao esperado. Creo que ten a dose xusta de acción e emocións, en ningún momento esaxera para converterse en algo, digamos, lacrimóxeno nin excesivamente sentimental. Como todos esperamos a relación pai-fillo terá o seu fío de unión a través dos combates de robots, nun proceso de aprendizaxe para ambos. Por outro lado as escenas de acción son bastante boas, por momentos incluso poderemos esquecer que o que estamos a ver son robots xerados por ordenador e case pensaremos que son reais. Estas escenas están moi ben conseguidas e son bastante espectaculares. Como dixen a orixinalidade non é a súa maior virtude, incluso recordaremos en máis dun momento varias das películas máis coñecidas do xénero puxilístico, desde “Rocky” ata “Toro salvaje” por poñer dous exemplos, case pensando máis nunha certa homenaxe do director cara a este xénero. Polo que lin incluso imitan golpes de boxeadores famosos, como Cassius Clay ou George Foreman, recreando momentos de algúns dos seus combates. Tamén podemos ver unha influencia grande do mundo dos videoxogos (non sei se o hai, pero case seguro que aparece un partindo da película), tanto na estética como na forma, así como en algunhas conversas. Por suposto ten os suficientes momentos de comedia para relaxar algunhas situacións, algúns esperables e outros non tanto, resultando divertidos a maior parte deles.

Pois iso, unha mistura de xéneros buscando o público familiar que non resulta demasiado mal. Boa para unha tarde de inverno se queremos simplemente pasar un bo rato. Aquí aparece como cualificada para todos os públicos, polo seu país de orixe, debido as escenas de violencia (as pelexas de robots), foi para maiores de trece. Tal e como está a carteleira nas festas non é que haxa demasiado onde elixir, senón sempre poderedes deixala para cando apareza en DVD, en cine gaña algo polos efectos especiais, pero penso que se pode ver na TV sen perder demasiado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario